O Consello da Infancia tratou coa concelleira de Educación sobre “espazos seguros” para a mocidade porriñesa

O Consello da Infancia e Adolescencia do Porriño tratou coa concelleira de Educación, Lourdes Moure e persoal da OMIX sobre entornos seguros para a mocidade porriñesa, na xuntanza celebrada no Centro Cultural Municipal. O encontro gravouse para realizar unha reportaxe que se emitirá na canle municipal on line “Louriña TV Escolar”.

Segundo ven de definir UNICEF España como parte do seu traballo fronte á violencia e os abusos, institucións públicas como o Concello do Porriño que é, ademais, Cidade Amiga da Infancia, deben favorecer a xeración de entornos protectores para á infancia, e impulsar modelos de prevención e atención ás situacións de violencia exercida en contra das nenas e dos nenos.

A concelleira subliñou a importancia de que “o goberno local traballe de xeito coordinado con todos os axentes implicados para conseguir un concello onde nenas, nenos e adolescentes se sintan segur@s para desenvolver as súas vidas”.

 “Dende o goberno, parécenos que contar coa axuda do Consello de Participación da Infancia é de grande axuda. Por iso aproveito este momento para dicirlles as nenas, nenos e adolescentes que se unan ao consello. Precisamos do voso traballo colaborativo para que para crear un concello máis seguro para todas e todos”, manifestou Moure Varela.

O Concello galardoado pola Xunta e “Ecoembes” pola súa achega á campaña “Recicla e únete ao reto”

O premio de 2.000€ será doado á asociación de apoio a persoas con diversidade intelectual “Aceesca”

O Porriño é un dos concellos galardoados pola Xunta de Galicia e “Ecoembes” pola súa achega á campaña de recollida de plásticos, latas e briks, “Recicla e únete ao reto!”. A campaña, desenvolvida simultaneamente en quince concellos galegos, consistiu en que todos eles asumiron o reto de superar, cando menos, nun 10% as achegas ao contedor amarelo durante os meses de febreiro, marzo e abril deste ano.

Coa ocasión deste reto, na praza do Concello colocouse en marzo un contedor amarelo xigante como reclamo da campaña aprendéndolle á cidadanía como separar correctamente os residuos. Tratase de incrementar a conciencia de reciclaxe e afianzar o hábito continuado entre a poboación.

O Porriño recibirá un premio económico dotado con 2.000 € para doar a una causa social. Por acordo do goberno municipal eses cartos dóanse á asociación de apoio a persoas con diversidade intelectual “Aceesca”.

Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente e Limpeza será o encargado de recoller o premio, en representación do Concello do Porriño, no acto de entrega que terá lugar este venres 14, ás 12:00 h. na Praza dos Barcos de Sanxenxo, presidido por Angeles Vázquez, titular da Conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

A deputada provincial de Novas Tecnoloxías visitou a oficina “SmartPeme” do Porriño

Ana María Mejías, deputada provincial de Novas Tecnoloxías realizou hoxe unha visita á oficina “SmartPeme” do Porriño, no Mulitusos de Torneiros. A deputada reuniuse con David Alonso, concelleiro responsable de Novas Tecnoloxías e co persoal de “SmartPeme”.

Concelleiro e deputada valoraron o gran cambio que experimentaron estas accións formativas debido á pandemia e que a impartición dos obradoiros de forma telemática constitúe un gran avance que permite multiplicar a oferta de cursos e a participación de moitas máis persoas.


Nesta semana “SmartPeme” pon en marcha outros catro obradoiros en liña. Hoxe impartirase o obradoiro “Mellora os teus Stories e o seu Posicionamento”, a cargo de Guillermo Nass, TSU en deseñado gráfico publicitario do Colexio Universitario Monseñor de Talavera. Mañá mércores 12 será a quenda de “Infoprodutos: que Son e como Crealos”, impartido pola posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas Fátima Faílde.
O xoves 13, será o de “Configuración Óptima dun PC segundo a actividade a realizar II”, a cargo do experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, Manuel Freire. Por último, o xoves 14 de maio, a enxeñeira técnica en Informática de Xestión Esther Garcinuño, impartirá o obradoiro “Google Analytics para a Toma de Decisións”.

 

A alcaldesa, vacinada hoxe coa primeira dose de “Pfizer”

 

Hoxe que comezou a vacinación de persoas de entre 50 a 59 anos en todas as áreas sanitarias de Galicia, Eva Garcia, alcaldesa de O Porriño recibiu a primeira dose da vacina.

A rexedora porriñesa foi unha das moitas miles de persoas citadas polo Sergas hoxe no Recinto Feiral de Cotogrande (IFEVI) para recibir a primeira dose. No seu caso, fora vacinada coa de “Pfizer” polo que en tres semanas deberá recibir a segunda dose.

Eva Garcia manifestou a súa felicitación ao Servizo Galego de Saúde “pola fantástica organización e polo trato magnífico do persoal que está alí vacinando no IFEVI, cun sorriso e máxime pensando que cada día están a vacinar a 6.000 persoas”.

A alcaldesa animou a toda a poboación “a que acudan a vacinarse cando lles toque que isto é bo para todo”.

O Concello colabora coa celebración do Día das Letras Galegas que organiza a parroquia de Atios

 

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura e Normalización Lingüística, colabora coa parroquia de Atios nos actos de celebración do Día das Letras Galegas 2021.
O departamento que dirixe Cami Moreira informa que colabora coa Asociación Cultural “Os Penediños” de Atios nos actos organizados en homenaxe a Xela Arias e que se desenvolverán o vindeiro luns 17 de maio, ao longo da tarde, segundo o programa que aparece na imaxe adxunta.
A subliñar, tamén, a colaboración da Deputación Provincial.

Letras Galegas 2021: Inaugurada a exposición “A poesía do retrato”

 
Hoxe celebrouse o acto de inauguración da exposición “A poesía do retrato”, dedicada a Xela Arias, coa ocasión das Letras Galegas 2021.
Desenvolveuse no vestíbulo do Centro Cultural Municipal. Cami Moreira, concelleira de Cultura actuou como mestra de cerimonia. O acto contou coa actuación da pianista Brais González Pérez. Na presentación tamén participaron o fotógrafo Xulio Gil; a escritora, Marga do Val e Pepe Puga, representante da editorial “Engaiolarte”. 
 
“A poesía do retrato”, é unha mostra baseada nunha reunión de retratos realizados por Xulio Gil en diferentes épocas de Xela Arias, emparellados con fragmentos da poesía dispersa da autora que se lembra este ano coa ocasión do Día das Letras Galegas.

Charlas de prevención da violencia psicolóxica ao alumnado dos centros de ensino secundario

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e a Concellería de Educación promoveron un ciclo de charlas de prevención da violencia sicolóxica dirixidas a mozas e mozos, alumnos dos centros de ensino secundario que se están a impartir durante esta semana.

Hoxe, a concelleira de Educación, Lourdes Moure acudiu ao IES Pino Manso para seguir unha desas charlas que imparten Elena Gómez Amoedo, técnica superior en promoción de igualdade de xénero; Daniel Rodriguez González e Tania González Iglesias, funcionarios adscritos á unidade de policía xudicial de violencia de xénero en O Porriño.

A concelleira faloulles ás mozas e mozos de que presten “moita atención ás recomendacións destes técnicos e que ao menor indicio ou síntoma de que poidan estar sendo obxecto de violencia psicolóxica que reaccionen denuncien”.

O obxectivo destas charlas é formar os alumnos e alumnas na problemática da violencia de xénero e facilitarlles ferramentas para a detección, a prevención e a intervención fronte aos malos tratos físicos e psicolóxicos á muller, especialmente por parte das súas parellas. Así mesmo, abordase a problemática dos malos tratos no noivado e entre adolescentes.

As charlas están a desenvolverse nos centros IES PINO MANSO, IES RIBEIRA DO LOURO, CPR STO. TOMAS e CPR HNOS. QUIROGA. En total serán 97 as alumnas e alumnos participantes, con idades entre os 14 aos 16 anos.

 

O Concello renovou a achega anual co “Porriño Baloncesto Base”

 

Este mediodía, José Ruiz, presidente do “Porriño Baloncesto Base” firmou coa alcaldesa, Eva Garcia, en presenza do concelleiro de Deportes, David Alonso, a renovación do convenio anual polo que o Concello do Porriño outorga unha subvención nominativa ao “PBB” por un importe de 90.000 euros.

O PBB “é un dos clubes con máis impacto na promoción do deporte base, tanto polo seu traballo coas categorías inferiores como pola visibilidade que lle da o equipo senior en competición nacional, que milita na Liga EBA”, subliñou o concelleiro de Deportes.

Alonso Bargiela lembrou que con esta achega “estamos a dar continuidade no pulo ao baloncesto que por este Concello con diferentes gobernos municipais, vence realizando desde 1996 por un importe global que xa acadou os 4 millóns de euros, cantidade que se equipara coa que ten recibido o Balonmán Porriño e que supón un trato preferente sobre outros deportes”, segundo reivindicou o concelleiro.

Plan de bacheos: arranxos en Budiño, no Polígono Industrial A Granxa


O Concello do Porriño segue a desenvolver o plan de bacheos que realiza a Concellería de Vías e Obras en rúas e estradas de titularidade municipal en todas as parroquias do termo municipal. Hoxe actúase en Budiño, nomeadamente en rúas do Polígono Industrial de A Granxa para reparar numerosos desperfectos orixinados polo numeroso tráfico pesado que soportan.
A alcaldesa Eva García e a concelleira delegada, Lourdes Moure acudiron a comprobar os traballos en compañía de Miguel Feijóo, encargado da brigada de obras.
As imaxes refiren os arranxos que se realizaban na rúa “J A Toxa” na confluencia coa avenida principal, á altura das naves das empresas “Megalta” e “Velpa”. Esta actuación solicitouse ao Concello na última reunión da comisión delegada da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono A Granxa.
As obras realízanse con medios propios e os contratados por concurso para subministrar materiais e maquinaria pesada.

 

 

 

A Policía Local avisa de cortes de tráfico e solicita a retirada de vehículos estacionados nas rúas afectadas polo paso da “Challenge Rías Baixas” de ciclismo.

A Policía Local do Porriño informa á veciñanza de que esta vindeira fin de semana, haberá cortes de tráfico e restricións para estacionamento de vehículos coa ocasión de celebrarse a “V Challenge Rías Baixas” de ciclismo que discorrerá por Porriño e outras poboacións da contorna.

Engadimos nas dúas imaxes adxuntas, os rutómetros das etapas con horarios de paso previstos e as rúas e estradas polas que circularán os ciclistas.

O sábado 8, data da segunda etapa con saída e chegada en Mos, haberá cortes de tráfico puntuais a partir das cinco da tarde cando a caravana circule en dirección Tui, e posteriormente, a partir das seis e media da tarde, cando regrese por Cans, rúa Antonio Palacios e Avenida de Galicia en dirección ao Pazo de Mos.
O domingo 9, coa ocasión da terceira e última Porriño-Porriño, haberá as maiores restricións.


A Policía Local solicita aos condutores que non estacionen os seus vehículos desde as 8.00 horas na avenida Domingo Bueno, en ambas marxes (entre a intersección con Fernández Areal ata a praza de San Sebastián). Tampouco poderá estacionarse, no mesmo horario, na rúa Parque Infantil que será cortada ao tráfico, de mesmo xeito que a rúa San Sebastián, entre a capela de San Bieito e a praza de San Sebastián.
A Policía Local prega a colaboración dos condutores e advirte que os vehículos que estean estacionados nas devanditas rúas, serán retirados polo guindastre.
A Policía Local sinalizará nas rúas afectadas e colocará follas informativas nos parabrisas dos vehículos para lembrar estas circunstancias aos condutores.