O Porriño recupera o seu sitio no ciclismo nacional co Gran Premio Concello do Porriño elite e sub 23

Coa participación de 150 corredores dos mellores equipos ciclistas das categorías elite e sub-23 tanto de Galicia como do resto do Estado, O Porriño vai recuperar sitio no ciclismo nacional coa celebración do Gran Premio Concello do Porriño que terá lugar o vindeiro domingo 6 de xuño. O concelleiro de Deportes, David Alonso reivindicou que “grazas ao traballo de moita xente o apoio das institucións, O Porriño disfrutará de novo do mellor ciclismo”. 

A proba, organizada polo club local “Master da Louriña”, co apoio do Concello e da Deputación Provincial, será puntuable para a Copa de España de clubs e ao mesmo tempo a última cita antes do Campionato de España. Por esta razón o seleccionador galego da categoría sub 23, Xacobo Ucha subliñou “a importancia que vai ter o resultado na convocatoria que realizará para os ciclistas que sexan seleccionados para representar a Galicia no Campionato de España”.

Na presentación da proba, realizada hoxe no vestíbulo do Polideportivo Municipal, Djamel Avendaño, en representación do club organizador, explicou que o percorrido do Gran Premio Concello do Porriño “será moi atractivo e ao tempo moi recoñecible para os aficionados locais” con tres subidas (San Cosme e Abelenda por dúas veces) e un total de 140 quilómetros con saída e chegada na Avenida Domingo Bueno.

Tamén asistiu a presentación Gorka Gómez, deputado provincial delegado de Deportes que eloxiou o traballo do club organizador e do Concello no apoio do deporte e celebrou que “a recuperación de eventos deportivos é unha boa nova para axudar na reactivación polo que supoñen en turismo e polo tanto en movemento económico”. 

Durante o acto, tanto Gorka Gómez como David Alonso, no nome da Deputación e do Concello expresaron as súa tristura pola nova do pasamento de Isaura Abelairas e trasladaron as súas condolencias á familia da deputada autonómica e exconcelleira de Vigo.

256 alumnos e alumnas do Porriño recibirán un obradoiro sobre drones como alternativa de futuro profesional

A OMIX xunto coa Concellería de Educación do Concello do Porriño, levan a cabo dende hoxe 1 de xuño e ata o vindeiro venres 11, un Obradoiro de Drones.

As sesións deste obradoiro teórico práctico son de dúas horas de duración. Hoxe comezou a impartirse no CEIP Fernández López e continuará o seu percorrido polos centros de educación primaria e secundaria do termo municipal, destinado a un total de 256 alumnos e alumnas.

Os drones ou vehículos aéreos non tripulados pasaron en poucos anos de ser un xoguete teledirixido a ter moitas aplicacións profesionais en todo tipo de sectores. Coa creación do Polo Aeroespacial de Galicia e a aparición de estudos coma “piloto de drones”, “aeromecánica” ou “enxeñería aeroespacial” o sector da aeronáutica semella unha alternativa profesional na nosa comunidade.

O contacto temprano con ferramentas coma os drones permete á mocidade familiarizarse coa robótica, a programación, a electrónica o deseño 3D e incluso a intelixencia artificial. Ademais, apórtalles información sobre novas profesións que poden levar a cabo no seu futuro gracias aos drones.

 

A Biblioteca Municipal do Porriño formalizará a súa incorporación á rede “Bibliotecas en Igualdade”

 

A Concellería de Cultura informa que mañá 3 de xuño formalizarase a sinatura da carta de adhesión da Biblioteca Municipal do Porriño ao manifesto “Bibliotecas en igualdade”.
Trátase dunha iniciativa de ámbito estatal de “Clásicas e Modernas”, unha asociación para a igualdade de xénero na cultura que busca rachar coa fenda de xénero na literatura. En Galicia xa asinaron a súa adhesión as bibliotecas de Verín, Cangas do Morrazo, Redondela, Viveiro e a Universidade de Vigo con todas as súas bibliotecas. E a partir de mañá, a Biblioteca Municipal do Porriño, de sempre moi sensible nesta materia, tamén incorporarase á Rede “Bibliotecas en Igualdade”.

Cami Moreira, concelleira de Cultura xa avanzou que con esta incorporación a Biblioteca Municipal do Porriño “contribuirá a dar unha maior visibilidade ás escritoras e as súas obras, especialmente ás escritoras galegas, ademais de incorporar á Biblioteca as publicacións de estudos e investigacións sobre as achegas das mulleres á cultura ao longo da historia e promover a adquisición de obras de lectura e consulta procurando o equilibrio na autoría”.

O acto de firma da adhesión da Biblioteca do Porriño terá lugar mañá a partir das 18,30 es estará presidido pola alcaldesa do Porriño, Eva Garcia a quen acompañarán a concelleira de Cultura, Cami Moreira, a presidenta de “Clásicas e Modernas”, Fátima Anllo e outras directivas desta asociación.

A alcaldesa comprobou o arranxo das pistas de tenis do Polideportivo Municipal

A alcaldesa Eva Garcia comprobou hoxe o resultado das obras de arranxo das pistas de tenis do Polideportivo Municipal. A rexedora compartiu a visita co concelleiro de Deportes, David Alonso e co presidente do Club de Tenis Porriño, Agustín Doval.

 

Arranxouse a superficie de pavimento “tenninsquick” nas dúas pistas. Repararonse e pintaronse de cor violeta. O orzamento das obras superou os 12.000€.

Aproveitando o encontro, a alcaldesa e o presidente do club firmaron o convenio anual de subvención nominativa polo que a entidade deportiva recibe unha achega municipal de 2.000€.

Mediante o devandito convenio, o Concello cede gratuitamente as pistas do Centro Deportivo Municipal ao Club de Tenis Porriño para a práctica deportiva, tanto adestramentos como competicións. O uso das instalacións é gratuito para calquera persoa allea ao club que solicite hora a través das oficinas do Polideportivo Municipal.

A alcaldesa recibiu hoxe a segunda dose da vacina anti-Covid

Eva Garcia acudiu este mediodía ao Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) onde fora citada para recibir a segunda dose da vacina contra a Covid-19. A alcaldesa do Porriño recibiu o preparado de “Pfizer”, como da primeira quenda e deste xeito completou a pauta completa.

A rexedora agradeceu o trato dispensado polo persoal do Sergas que realiza este proceso masivo de vacinación e apelou, de novo, a que toda a veciñanza do Porriño acuda á chamada para cumprir co obxectivo de acadar a inmunidade de grupo neste vindeiro verán.

Tres visitas guiadas teatralizadas Antonio Palacios programadas para este mes de xuño

Este vindeiro sábado 5 de xuño terá lugar a segunda das visitas guiadas teatralizadas pola obra e vida de Antonio Palacios coa ocasión do 75 aniversario do falecemento do excepcional arquitecto porriñés.

Nesta quenda coa modificación das restricións pola Xunta de Galicia, agardase contar cun aforamento de 20 persoas.
Esta iniciativa do Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura, programouse ao abeiro do “Ano Palacios”, cun total de dez visitas das que tres están previstas para os sábados 5, 19 e 26 deste mes de xuño.
As inscricións deben realizase unha semana antes a través de correo electrónico no enderezo inscricionscultura@oporrino.org  

Os participantes inscritos partirán ás 12 horas dende unha das obras icónicas de Palacios, o Templete da boca de metro da Rede de San Luis e percorreran durante 90 minutos outras obras realizadas polo arquitecto. Casa do Concello, a Fonte do Cristo ou a Botica Nova. Un actor e unha actriz encárganse de representar a Antonio Palacios e a Corona Gónzalez, mecenas do arquitecto, contando ademais co acompañamento musical dun gaiteiro e un tamborileiro da Asociación Cultural Lumeirada.

Visita guiada teatralizada polas obras de Antonio Palacios. Xuño

A Concellería de Infraestruturas licita o saneamento de Corzón, en Pontellas

 

O Concello do Porriño anuncia que a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira (BNG) vai executar obras de saneamento en Corzón, parroquia de Pontellas.

O proxecto de rede de saneamento atópase actualmente en fase de licitación. O prazo de presentación de ofertas aínda está aberto e rematará o mércores 9 de xuño.

O orzamento total, base da licitación, é de 56.129 €  

Esta obra está financiada polo “Plan Concellos 2021” da Deputación Provincial de Pontevedra.

A partir da adxudicación, a data aproximada de inicio das obras será no mes de setembro, segundo a previsión que manexa o concelleiro Pedro Pereira. O prazo para a execución dos traballos estímase en tres meses.

 

A alcaldesa visitou en Madrid as obras da réplica do Templete de San Luis

Eva Garcia de la Torre visitou na capital do Estado, xunto con responsables de Metro de Madrid e da empresa porriñesa “Godoy Maceira”, a réplica do Templete de San Luis que está a construírse, de novo, no seu antigo emprazamento, na estación de Metro de Gran Vía.

A empresa porriñesa que dirixe Fernando Godoy traballa dende abril nesta réplica da obra orixinal de Antonio Palacios de hai un século e que conservamos no Porriño. A Comunidade de Madrid pretende inaugurar esta réplica xunto coas restantes obras de remoción da estación de metro de Gran Vía no mes de xullo.

O empresario porriñés xunto con María Teresa Diaz, coordinadora de relacións institucionais de Metro de Madrid, acompañaron á alcaldesa no percorrido polas obras de reconstrución.

Pola súa banda, Eva Garcia explicoulle aos responsables do Metro de Madrid que O Porriño está a celebrar dende o 27 de outubro de 2020, o “Ano Antonio Palacios”, en conmemoración do 75 aniversario do seu pasamento e, precisamente, nesta fin de semana comeza outra das actividades programadas polo Concello, coas visitas guiadas teatralizadas que continuarán ata outubro.

A alcaldesa agasallou aos máximos responsables de Metro de Madrid, Angel Garrido, conselleiro de Transportes da Comunidade, e Silvia Roldán, conselleira delegada da compañía de transportes, con exemplares dos libros editados polo Concello do Porriño sobre Antonio Palacios. Do mesmo xeito, a alcaldesa recibiu un libro editado pola Comunidade de Madrid sobre o legado de Antonio Palacios na capital de España.

O Porriño proxecta un gran parque público no Louro

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Patrimonio e Urbanismo dirixida polo nacionalista Pedro Pereira, anuncia que chegou a un acordo para a compra de aproximadamente 20.000 metros cadrados de terreos na contorna do río Louro.

Pedro Pereira ven de formalizar un acordo de compra con persoas propietarias de parcelas próximas ao río que permitirán crear un parque público tan necesario na contorna do Louro para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

“Temos que apostar por abrir o río para as persoas. Pensamos que a contorna do Louro ten que ser a gran zona verde e de lecer do centro urbano do Porriño. Este  é o primeiro paso necesario para transformar este entorno. Queremos proxectar un parque público na zona, que gañe máis espazos para a xente e no que instalar novos equipamentos”, apuntou  Pedro Pereira.

Na imaxe adxunta pódese observar as parcelas que vai adquirir o Concello 

 

Este sábado 29 comezan, con lista de espera, as visitas guiadas teatralizadas Antonio Palacios que seguirán ata outubro

Este sábado 29, a mediodía, comezará a primeira das dez visitas guiadas teatralizadas pola obra do excepcional arquitecto porriñés, promovidas polo Concello coa ocasión de celebrar o Ano Antonio Palacios polo 75 aniversario do seu falecemento.

Nesta primeira visita, previa inscrición por correo electrónico, haberá 8 persoas que é o aforamento completo que actualmente permiten as restricións anti-Covid decididas pola Xunta de Galicia. Os participantes partirán as 12 horas dende unha das obras icónicas de Palacios, o Templete da boca de metro da Rede de San Luis e percorreran durante 50 minutos outras obras realizadas polo arquitecto. Casa do Concello, a Fonte do Cristo ou a Botica Nova. Un actor e unha actriz encargaranse de representar a Antonio Palacios e a Corona Gónzalez, mecenas do arquitecto, contando ademais co acompañamento musical dun gaiteiro e un tamborileiro da Asociación Cultural Lumeirada.

“Xa temos lista de espera e agardamos que a Xunta alivie as restricións e permita maior aforamento para as vindeiras visitas”, manifestou Cami Moreira, concelleira de Cultura. O seu departamento xa ten datadas nove visitas máis que irán dende o 5 de xuño ata o 30 de outubro, segundo aparecen no cartel adxunto.

As inscricións deben realizase a través de correo electrónico no enderezo cultura@oporrino.org.

O Ano Antonio Palacios que celebra o Concello do Porriño comezou o 27 de outubro de 2020 coa colocación dunha coroa de dalias brancas e loureiro no cemiterio municipal ante a tumba do arquitecto.