`Porremprego Cualifica´ traballa na posta en marcha dun comedor social

20 persoas desempregadas do Porriño fórmanse mentres traballan no obradoiro dual de emprego `Porremprego Cualifica´, promovido polo Concello do Porriño e subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 503.987 euros, que se está a desenvolver nas instalacións do multiusos de Torneiros.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou esta semana aos alumnos do obradoiro para coñecer de primeira man como se está a desenvolver a formación e os proxectos nos que traballan nas dúas especialidades que se imparten: a de Cociña e a de Atención Sociosanitaria en domicilio e institucións.

“Un municipio como o noso, cunha hostalería funcionando a pleno rendemento, necesita profesionais cualificados, e o mesmo no eido da atención a persoas dependentes, é algo que require de formación adecuada para poder prestar o mellor coidado”, apuntou o alcalde que asegurou aos alumnos e alumnas que “o día de mañá seredes profesionais en dous sectores de moita importancia e estou seguro de que o que hoxe estades a aprender servirá para axudar a moitísima xente”.

Un Porriño máis humano: comedor social

A especialidade de Cociña de `Porremprego Cualifica´ plantexa axudar a aquelas persoas e familias do Porriño que se atopan nunha situación de vulnerabilidade. A tal fin, poñerase en marcha un comedor social nas instalacións do multiusos con capacidade para 20 comensais que abrirá as súas portas dous días á semana e será xestionado a través dos servizos sociais do Concello. “Sabemos que neste momento hai moitas persoas atravesando momentos de dificultade e coa  implicación do persoal do obradoiro e dos traballadores e traballadoras do mesmo queremos axudalos”, concluíu o alcalde, “Temos que estar á altura das circunstancias e facer do Porriño unha vila máis humana e solidaria se cabe”.

O comedor social prevé iniciar a súa actividade  a mediados do mes de xaneiro, os martes e xoves.

Comida solidaria de Nadal

Dende o Concello do Porriño propóñense que ninguén quede sen celebrar este Nadal. Así, nestas datas tan entrañables, os alumnos/as traballadores/as da especialidade de cociña prepararán un xantar de Nadal para levar para a casa este 22 de decembro. Serán 6O as persoas beneficiarias, xestionadas a través dos servizos sociais. O menú constará de dous pratos e postre.

A HORA DE DAR, A CAMPAÑA SOLIDARIA DO PORRIÑO QUE PON O FOCO NA INFANCIA

O Concello do Porriño súmase ao Giving Tuesday, o movemento mundial que cada 29 de novembro promove os actos de solidaridade e o altruismo.

Seguindo as indicacións das necesidades detectadas dende os Servizos Sociais, a Concellería de Educación e a OMIX do Porriño, decidiron poñer o foco nos máis pequenos e pequenas lanzando a campaña de recollida de alimentos e produtos infantís de alimentación e hixiene, “A hora de dar”.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación, Carolina González, deron hoxe o pistoletazo de saída á recollida no CEIP Plurilingüe Cruz-Budiño.

 “Queremos incentivar e multiplicar as boas accións das persoas dedicando uns días a celebrar o feito de dar. A `Hora de dar´ é a maneira que temos no Porriño de secundar o Giving Tuesday, que nos invita a compartir, pensar nos demais e actuar”, apuntou o alcalde, “Ademais damos cumprimento así ao acordo do pleno infantil celebrado o pasado 18 de novembro con motivo do Día da Internacional da Infancia, que debatiu e aprobou por unanimidade a posta en marcha desta iniciativa”.

Así pois, este ano a recollida específica centrase en produtos infantís, alimentos e produtos de hixiene para bebés (cueiros, cremas, toalliñas, purés, leites e alimentos infantís de todo tipo…), para a súa posterior distribución entre as familias do concello con menos recursos.

A concelleira de Educación explicou que  “dende hoxe e ata o 2 de decembro pódense deixar os produtos infantís nos puntos de recollida instalados nos centros escolares do municipio” e animou “a todas as familias do Porriño a participar e axudar aos nenos e nenas cuxas familias están a atravesar momentos de dificultade”.

O Porriño dá os primeiros pasos para a implantación do transporte urbano municipal

O Concello do Porriño vén de presentar á Xunta de Galicia o seu proxecto para a implantación do transporte urbano municipal incluído na Rede de Transporte Público de Galicia.

A proposta, que tivo unha boa acollida por parte da administración autonómica, inclúe varias liñas de autobuses que conectarán todas as parroquias do municipio e o centro urbano e darán servizo aos dous grandes polígonos industriais.  Estas estableceríanse grazas a un convenio entre o Concello do Porriño e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que xestiona as concesións do transporte público de toda Galicia.

“Os veciños e veciñas do Porriño, tanto das parroquias como do centro urbano, teñen que ter a posibilidade de moverse por todo o termo municipal facendo uso do transporte público”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A proxecto co que traballamos xa coa Xunta de Galicia inclúe varias liñas que conectarán as parroquias co centro urbano e tamén dúas lanzadeiras que darán servizo aos polígonos de As Gándaras e A Granxa con catro frecuencias, algo de vital importancia e moi reclamado polas empresas e traballadores da zona industrial”.

O rexedor agradeceu a disposición da “Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para facilitar a posta en marcha deste bus urbano á maior brevidade posible. É un servizo do que non dispoñemos e que precisamos dende hai tempo”.  

Beneficios para os usuarios e usuarios

Os usuarios e usuarias do bus urbano do Porriño beneficiaríanse de todas as vantaxes da Tarxeta da Mobilidade de Galicia, TMG, disfrutando de de descontos, bonificacións e transbordos gratuítos en todo o territorio galego.

Ademais, os menores de 21 anos poderán viaxar totalmente gratis ao estar incluídas as liñas municipais na Tarxeta Xente Nova.

O Concello do Porriño traballa xa na aplicación dunha serie de bonificacións específicas a maiores para a súa poboación.

Unha nova liña subterránea alimentará o polígono industrial de as Gándaras

O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo delegado de UFD en Pontevedra, Francisco Ramos, visitou hoxe a subestación de Atios na que a distribuidora eléctrica de Naturgy vén de invertir preto de 350.000 euros para a construción dunha nova liña de de saída de media tensión ata o Polígono Industrial de As Gándaras.

A actuación consiste na construción dunha liña de media tensión subterránea de 1.724 m dende a subestación de Atios ata o polígono industrial de As Gándaras co obxectivo de apoiar o subministro eléctrico na zona. Ademais, tal e como explicaron os técnicos ao rexedor, está proxectada tamén a reforma do centro de seccionamento existente para dotalo de máis celdas telecontroladas para optimizar a fiabilidade do servizo.

“Esta nova liña permitirá potenciar a calidade do subministro eléctrico e aumentar a capacidade da red de distribución nunha zona industrial en crecemento”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Os nosos polígonos industriais son o motor económico do Porriño e de parte da contorna, as melloras na calidade do servizo que se lles preste sempre repercutirán positivamente para todo o municipio”.

Pola súa parte, o delegado de UFD en Pontevedra, Francisco Ramos, explicou que “con estas novas actuacións, reforzase o servizo no Polígono de As Gándaras, que contará cunha nova liña de media tensión de reforzo, asegurando o subministro dunha das zonas industriais máis importantes de Galicia”.

 

 

Cambio de horario no servizo de recollida de papel e cartón comercial

A Concellería de Limpeza, que dirixe José Carlos González, informa dun cambio de horario no servizo de recollida de papel e cartón comercial.

A partir do xoves 1 de decembro, os establecementos que estean adheridos a este servizo gratuíto deberán cambiar o horario no que deixaban os residuos na porta do local, xa que se recollerá ás 14 h dos martes e xoves.

Os comercios que aínda non estean inscritos e desexen utilizar este servizo poden anotarse no 665571555 ou enviando un email a tecnicoporrino@serviciosdosconcellosgalegos.es para poder engadilos á ruta de recollida.

Teléfono de recollida de entullos: 665 571 555

Dende a concellería de Limpeza recordan que depositar entullos na vía pública está prohibido e é obxecto de sanción.

O Concello do Porriño dispón dun servizo de recollida de voluminosos que require de cita previa.  Todos aqueles que queiran desfacerse de voluminosos deberán chamar ao 655 571 555 e o servizo de limpeza municipal indicaralles onde e cando deben depositar estes enseres.

Tamén poden acudir directamente ao Punto Limpo, sito no Polígono A Granxa (Rúa Cíes 187) de luns a venres en horario de 10 a 14 h (os luns tamén de 16 a 20h).  

O Porriño acolle este sábado o V Trofeo de Ciclocrós Avanza Concello do Porriño

Porriño volverá ser epicentro do ciclocrós galego esta fin de semana da man da Asociación Deportiva Avanza. O campo de fútbol de Chenlo acollerá a quinta edición do Trofeo Ciclocrós Avanza Concello do Porriño, organizado polo club porriñés e o Concello do Porriño como principal patrocinador.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, presentaron esta mañá o evento deportivo acompañados polo presidente da AD Avanza, David García, o secretario e a tesoureira da entidade, Jesús Ángel Mira e Lourdes Figueroa, e o seleccionador, José Alberto del Río, representando á Federación Galega de Ciclismo, presentaron esta mañá o evento deportivo.

As carreiras comezarán ás 13 h coa proba de promoción, non competitiva, na que participarán ciclistas de 12 a 13 anos.

De seguido rodarán as 15 categorías ao longo dunha xornada na que concurrirán figuras locais do ciclismo, como Uxía Soto, Aroa Otero, Laura Mira e Marta Estévez, da canteira do Avanza e actualmente no GD Supermercados Froiz, o líder da Copa Junior, André Martínez, e outras referentes do ciclocrós galego como Irene Trabazo ou Lorena Patiño, do XSM Marín.

Este ano estrénase ubicación. Como xa dixemos o escenario será o campo de fútbol de Chenlo e a súa contorna, onde se habilitará un circuito de 2,9 km. A proba é a sétima puntuable para a Copa de Galicia.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer á AD Avanza “o moito que fan polo deporte no Porriño, tanto na súa escola de ciclismo como impulsando no noso pobo eventos deportivos de gran nivel como este que estou seguro será un gran espectáculo para participantes e espectadores”. O rexedor salientou que o club porriñés “está crecendo como club e moitos nenos e nenas do Porriño crecen como deportistas con el, por iso contarán sempre co noso respaldo”. 

Buscamos o mellor escaparate de Nadal do Porriño

O Concello do Porriño, a través da concellería de Comercio que dirixe Antía Carrera, convoca o seu primeiro concurso de escaparates de Nadal dirixido ao comercio e hostelería local.

“Somos conscientes do emotivas que son estas datas, e queremos poñer en valor o traballo e o esforzo dos comerciantes e hostaleiros e importancia da súa presencia no día a día da veciñanza”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Especialmente este ano, que está a ser moi duro para estes sectores e por iso debemos motivalos con iniciativas que dalgunha forma contribúan a compensar todo ese traballo”.

No certame poderán participar todos os establecementos comerciais e de hostalería do Porriño que deseñen os seus escaparates ou fachadas entorno á temática do Nadal.

O prazo de inscrición será do 21 de novembro ao 2 de decembro e haberá tres premios e seis mencións especiais. O primeiro premio terá unha contía de 1200 euros, o segundo de 800 euros e o terceiro de 500 euros. As seis mencións especiais que outorgará o xurado estarán dotadas con 250 euros cada unha.

A veciñanza xogará un papel esencial neste concurso, xa que ademais do xurado que valorará os deseños(formado por representantes do Concello, comerciantes, asociacións e entidades) os veciños e veciñas poderán votar tamén a través das redes sociais do Concello, onde se expoñerán todos os participantes.

“Animámosvos a todos a participar desta iniciativa, tanto aos comerciantes e hostaleiros como aos veciños que decidan quen debe gañar”, concluíu a concelleira, Antía Carrera, “Entre todos podemos potenciar a actividade comercial este Nadal no Porriño”.

BASES DO CONCURSO: https://oporrino.org/documentos/bases-i-concurso-de-escaparates-de-nadal/

Comeza a segunda edición do curso de dixitalización para mulleres”Galegas Dixitais”

Tras o éxito obtido na primeira quenda do programa formativo “Galegas Dixitais”, financiado polos Fondos Europeos Next Generation EU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio de Educación e Educación Profesional, que se desenvolveu no Porriño e a gran demanda que tivo, ponse en marcha unha segudna edición.

Desenvolverase do 17 de novembro ao 2 de xaneiro en horario de tarde (16h – 21h) nas instalacións do multiusos de Torneiros.

O programa, está organizado por Ara Formación e Beprojetct Consultores , e ten como principal obxectivo mellorar as capacidades dixitais de mulleres, favorecer a súa empregabilidade, impulsar o emprendemento e desenvolvemento rural e reducir a fenda de xénero. Está financiado polos Fondos europeos NextGenerationEU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Xunto co material didáctico e co obxectivo de facer posible o uso das novas tecnoloxías tras a formación, as alumnas participantes serán obsequiadas cun ordenador portátil, co que poderán poñer en práctica todo o aprendido

Está previsto realizar unha terceira edición de “Galegas Dixitais” nas mesmas instalacións, polo que as interesadas en participar poden inscribirse enviando un correo electrónico a: orientacion@oporrino.org ou orientacion@porremprego.org; ou presencialmente nas oficinas de Porremprego.

“Esta formación supón unha gran oportunidade para a mellora das competencias dixitais para as mulleres do Porriño, xa que se pretende a alfabetización dixital de todalas persoas en busca activa de emprego, motivar para o emprendemento e acabar coa fenda dixital entre a poboación dos municipios rurais”, concluíu a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas.