“Porriñesas!! Porriñeses!! E os que veñen de fóra tamén!! Por fin chegou o día!!”. Así arrancaban o seu pregón os usuarios e usuarias de Afaga Alzheimer no Porriño para dar a benvida a ao Entroido na vila do Louro.

Javier, Fita, Lourdes, Merchi, Santiago e Elva, subiron ao balcón da Casa Consistorial para dar o pistoletazo de saída das festas. “Aínda que lle vimos aquí, non é por facerlle mal, vimos por lle anunciar que estamos de carnaval”, entonaron os pregoeiros. O ano pasado foron os nenos e nenas dos colexios os encargados de facelo e hoxe tocoulles a eles. “Menudo salto de xeración”, dixeron, “pero este Entroido celebramos a nosa diversidade e riqueza cultural. Por iso a xente de Afaga queremos reivindicar que nós tamén formamos parte deste día”.

Porque, tal e como reza o cartel deste ano “é un Entroido para todas e todos”.

“Aquí os anos non importan, sempre e cando a tradición continúe”, afirmaron os pregoeiros, “e nós de tradicións sabemosche muito ou non nos mirades. Mirade que disfraces bonitos fixemos en tan poucos metros cadrados”, aproveitando para pedir ao alcalde un novo local, “a ver se este ano, polo noso 30 aniversario, Caroca nos arranxa algo mellor”.

Como non podía ser doutra forma, a sorna non faltou no seu pregón. “A nosa vila é un lugar único onde cheira a…bueno, xa nos entendedes. A fariña non falta, a da panadería malpensados. E as comparsas, carrozas e participantes engaden a súa cor e encanto propio en cada recuncho das nosas rúas. A peatonal énchese de disfraces divertidos, música contaxiosa e bailes animados”. Lembrando tamén que “é unha oportunidade para compartir”.

“Como di o refran `Xente do Porriño tropa do carallo´ e xa que levamos a sona levamos o proveito”, concluíron chamando á xente a pasalo ben estas festas.

O broche final ao seu pregón o puxeron cantando, como debe ser, “O galo cando canta é día, imos de parranda de noite e de día. E nós que somos uns gandules imos de parranda de sábado a lunes. E nós que somos Porriño do imos de parranda cun vaso de viño”.

Pero non estiveron sós, os/as pregoeiros/as estiveron acompañados no balcón polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e a autora do cartel deste Entroido, Carmen Sebastián que foi a encargada de presentalos.

“Chorei moito da emoción o día que me enterei de uqe era a gañadora do concurso de carteis do Entroido”, contou Carmen aos seus veciños e veciñas que escoitaban atentos na praza, “Da emoción pasei á felicidade. Creo que son moi afortunada porque grazas á choiva o meu cartel durou moito máis tempo”.

A pequena prometeu ao seu pobo que seguirá “pintando, esforzándome e aprendendo” e quixo dar públicamente as grazas á súa profe Nuria e ao seu avó Carlos “porque eles son os que ensinan a pintar desde ben pequena”.  Antes de dar paso a Afaga desexou que “este Entroido 2024 quede grabado na memoria de todos e todas para sempre”.