Págase o primeiro lote de axudas económicas directas do Concello á hostalería, comercio e autónomos

A alcaldesa Eva Garcia firmou este mediodía, por sede electrónica, as ordes de pagamento aos 45 beneficiarios do primeiro lote de axudas económicas directas outorgadas polo Concello do Porriño a establecementos de hostalería, comercio e autónomos que as solicitaron polo impacto dos peches derivados da pandemia.

Nesta primeira quenda, adxudicáronse axudas por un total de 60.926 euros. Trinta desas axudas por peche total da actividade por un importe de 42.926 € e quince por cese parcial da actividade, por un valor global de 18.000 euros.

O destino destas axudas, segundo as solicitudes presentadas, é para pagar alugueres, hipotecas, seguros, mercadorías, subministracións e gastos xerais.

Nesta primeira quenda denegáronse 20 solicitudes de axudas que xa notificáronse aos interesados para que resolvan a deficiencias e volvan presentarse. Nas vindeiras semanas, haberá unha próxima reunión do tribunal de avaliación para outorgar novas axudas con cargo ao fondo total de 140.000€ que acordou o pleno da Corporación Municipal do Porriño.

Rematado o acondicionamento da rotonda de Antonio Palacios, sen custe para o erario municipal

A Concellería de Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Pedro Pereira, comunica o remate dos traballos realizados estes días na rotonda de confluencia de Antonio Palacios coa rúa Domingo Bueno e a avenida de Galicia.

Consistiron no rebaixe dos bordillos e do adoquín perimetral. A reforma da rotonda realizouse a solicitude da empresa “Citic Censa” para facilitar o paso de camións. A configuración anterior da rotonda, cos bordes altos, impedía ou dificultaba o paso de transportes con pezas especiais de grandes dimensións. O problema radicaba en que os vehículos pesados tiñan moi complicado o radio de xiro entre as rúas Domingo Bueno e Antonio Palacios.

Precisamente ao longo do mes de xullo, “Citic Censa” ten que atender varios pedidos de pezas especiais que se teñen que trasladar ao Porto de Vigo.

As obras de reforma da rotonda, co rebaixe de bordes e adoquíns realizaronse e financiaronse pola propia empresa “Citic Censa”. Pola súa banda, o Concello aproveitará para acondicionar a zona verde da rotonda durante o mes de xullo, segundo informou o concelleiro Pedro Pereira.

O Concello vende os 23 vehículos municipais en desuso por preto de 8.700€ na segunda poxa

O Concello do Porriño vendeu os 23 vehículos municipais en desuso que permanecían almacenados no recinto do Multiusos de Torneiros desde outubro de 2019, cando se renovou o parque móbil municipal. A pesares de que os vehículos tiñan prezos de saída de saldo (entre 50 e 100 euros) finalmente as ofertas elevaron o prezo de venda. O monto total da venda dos 23 vehículos acadou 8.697 euros (impostos incluidos).

Esta mañá, presidida pola alcaldesa Eva Garcia, a mesa de valoración celebrou a sesión pública de apertura de plicas da poxa que era a segunda que se convocaba polo Concello para a venda destes vehículos.

Entre as curiosidades que deparou o resultado da poxa subliñar que o prezo máis alto foi de 1.550 euros ofertados polo vehículo “Ssangyong Action” con 160.000 quilómetros e que na anterior poxa tiña un prezo de saída de 5.800 euros. Pola contra, unha berlina “Volvo S80” que fora o coche oficial da Alcaldía na época de Xosé Manuel Barros, vendeuse en 536 euros.    

Edgar Costas galardoado co IV Premio Roberto Vidal Bolaño, entregado no Porriño


Edgar Costas Sanmartín recibiu o IV Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais, instituído polo Concello do Porriño e organizado polo IES “Ribeira do Louro” e por Editorial Galaxia. O acto de entrega do galardón desenvolveuse no salón de actos do instituto porriñés.
A obra do autor galardoado titulase “Casa de feras”, segundo o fallo ao que deu lectura a profesora Raquel Castro, secretaria permanente do xurado. Francisco Castro, director xeral de “Editorial Galaxia” entregou o galardón e o diploma acreditativo.


O premio está dotado con 2.000 euros, que constituen a achega do Concello do Porriño, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría. Ademais, “Editorial Galaxia” comprometese a edición e publicación da obra gañadora.
O Premio Roberto Vidal Bolaño naceu coa finalidade de crear un fondos de textos teatrais en galego, susceptibles de ser representados polo alumnado de ensino secundario.

Un zafarrancho de reparacións comezou hoxe pola praza do Concello e a rúa peonil

Esta mañá operarios do Servizo de Vías e Obras do Concello iniciaron un zafarrancho de reparacións de beirarrúas que se estenderá ao longo das vindeiras semanas polo centro urbano, parroquias e polígonos industriais.
Comezaron co arranxo e reposición de baldosas de pedra na praza Arquitecto Antonio Palacios e na rúa peonil. “Demos preferencia á contorna do Concello pola maior afluencia de peóns que está a notarse co incremento dos peregrinos e visitantes” subliñou a alcaldesa Eva García.

Indicou que “de seguido continuarán co zafarrancho por outras rúas do centro urbano e despois pasarán a reparar beirarrúas en parroquias e nos polígonos industriais, nomeadamente, na Granxa onde hai moitas deterioradas”, engadiu a alcaldesa.
Estes traballos realízanse grazas á incorporación de novos traballadores ao Servizo Municipal de Vías e Obras, contratados por seis meses, a través da achega do Plan Concellos 2021 da Deputación.

 

Presentación dos actos de celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+

L

A CONCELLEIRA DE IGUALDADE RECLAMA “FACER COTIÁN” A DIVERSIDADE SEXUAL

A concelleira de Igualdade do Porriño, Cami Moreira reclamou a necesidade de falar e facer cotián a diversidade sexual para aceptar as diferenzas sen temelas, para poder vivir de xeito libre e sen discriminacións”, afirmou na presentación dos actos de celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+ 2021 que se desenvolverán durante a fin de semana.

A concelleira nacionalista explicou que os actos de celebración -todos eles nas instalacións do Centro Cultural Municipal- comezarán o sábado coa representación da obra “Debut”, coa dirección e interpretación de Rosa Romero. E continuarán o domingo coa presentación do mural elaborado pola artista Lidia Cao, no patio do auditorio exterior do Centro Cultural. Tamén se presentará outro mural feito polos nenos e nenas do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia. Na roda de prensa un deles, Laura Carmona explicou que pretenderon representar “a unión de dúas persoas con xénero indefinido”.

A continuación haberá un recital poético e a lectura do manifesto que realizará o poeta Samu Merino, quen volve repetir nese cometido. Samuel agradeceu á concelleira a confianza amosada e “de xeito especial que, de novo, a poesía sexa o vehículo para a reivindicación da diversidade sexual”.

Os actos do Orgullo LGTBIQ+ 2021  no Porriño rematarán o domingo noite co concerto musical a cargo de “Cinta Adhesiva”, tamén no auditorio exterior do Centro Cultural.

Mozas e mozos porriñeses fixeron a súa achega á conmemoración do Día do Orgullo, colaborando nun mural no Centro Cultural

Mozas e mozos porriñeses que forman parte do Consello Municipal de Participación da Infancia e Adolescencia, fixeron a súa achega á conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ 2021 colaborando na execución dun mural no Centro Cultural Municipal.

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX do Porriño) coordinou esta actividade, desenvolvida coa asistencia técnica de “Vella Escola”.A intervención artística realizouse onte mércores, durante tres horas co resultado que se pode apreciar nas imaxes adxuntas.

A Escola Municipal de Música abre a inscrición previa para novo alumnado, a partir do 1 de xullo

A Escola Municipal de Música do Porriño abre o prazo de inscrición previa para o curso 2021/2022. A partir do vindeiro xoves 1 de xullo e ata o 19 do mesmo mes, pódese solicitar as prazas.

Poderase descargar a folla de solicitude nesta páxina web do Concello (figura na ligazón ao pé desta nova) ou recollela na Escola Municipal, en Torneiros de luns a venres no horario de 16:00h a 20:00h.

A folla de inscrición, cuberta cos datos, deberase entregar de forma presencial, nas instalacións da Escola Municipal, no Centro Multiusos de Torneiros, de luns a venres no horario de 16:00 a 20:00h, nas datas de inscrición previa. A orde de entrega da inscrición será determinante na orde de matrícula.

Durante o período de inscricións, do 1 ao 19 de xullo, tamén se ofertaran OBRADOIROS GRATUÍTOS DE INSTRUMENTO E OBRADOIROS DE CORAL INFANTIL, abertos a todos os nenos e nenas entre 6 e 10 anos; onde o novo alumnado, poderá anotarse, na Secretaría da Escola Municipal (prazas limitadas) e o prazo de solicitude para asistir a estará aberto dende o luns 21 de xuño.

A oferta da Escola Municipal do Porriño é a que se indica:

Ø Música e Movemento a nenos e nenas dende os 4 anos

Ø Linguaxe Musical para nenos, mozos e adultos.

Ø As especialidades de violín, viola, violonchelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, clarinete, frauta traveseira, saxofón, óboe, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba e percusión tradicional, Ø e tamén conta con agrupacións como: § a Banda, § Orquestra de Cordas, § Grupo de Música Tradicional, § Coral Infantil § Coral Polifónica de adultos.

A matrícula realizarase no mes de setembro despois da publicación das listas das persoas admitidas, e coa aplicación dos protocolos COVID-19 e as medidas de limitación de aforo que se impoñan por parte das administracións correspondentes.

SOLICITUDE DE PRAZA curso 2021 2022

O Concello compromete co presidente da Federación Galega de Atletismo a homologación das pistas municipais da Granxa

O Concello do Porriño iniciou os trámites ante a Real Federación Española de Atletismo para que envíe técnicos a fin de verificar e homologar as pistas de atletismo municipais da Granxa o que permitirá albergar competicións e validar marcas. “Polo tanto acadar a rendibilidade social, deportiva e económica dunha instalación que custou algo máis dun millón de euros, aportados polo Plan Concellos da Deputación”, manifestou David Alonso, concelleiro de Deportes quen considera que a homologación “vai ser unha gran noticia non só para O Porriño senón tamén para a contorna”.


O concelleiro mantivo unha reunión con Isidoro Hornillos, presidente de la Federación Galega de Atletismo quen explicou que a homologación das pistas do Porriño pódese acadar a través da recente normativa aprobada pola RFEA que nun apartado recolle a validación a estes efectos das que se definen como “instalacións singulares”. Enténdense como tales calquera instalación de atletismo na que, sen poderse disputar todas as probas, si que sexa posible a celebración de xeito acorde a regulamento, dalgunhas ou da meirande parte”.
“Precisamente neste suposto encaixan as pistas municipais da Granxa que permiten celebrar probas de velocidade e valas na pista de 60 metros; probas de velocidade, medio fondo e fondo na pista circular de 200 metros e, por outra parte, no módulo semicuberto, as probas técnicas de saltos de altura, pértega, lonxitude e triplo salto”, explicou David Alonso.
Pola súa parte, Hornillos manifestou “o interese da Federación de Atletismo en que o Concello acade o máis cedo posible esa homologación para que se aumente a dotación de pistas para competición nunha zona de gran tecido atlético como é o sur de Galicia e o norte de Portugal”.

Os irmáns Abalde afinaron a súa preparación no Porriño a piques de incorporarse coas súas respectivas seleccións

O baloncestista galego, Alberto Abalde elixiu as instalacións do Polideportivo Municipal do Porriño para afinar a súa preparación cara aos Xogos Olímpicos, á espera da súa posible inclusión na lista definitiva de 12 xogadores que representarán a España. Abalde está na convocatoria de 18 preseleccionados que comunicou hai uns días o adestrador, Sergio Scariolo e que deberán concentrarse en Madrid a partir do venres 25.

Abalde estivo hoxe acompañado polo preparador físico, Dani Moreno. En días anteriores, a súa irmá, Tamara Abalde tamén acompañoulle nos adestramentos no Polideportivo Municipal porriñés.  Tamara, que por culpa da Covid quedou fora do Eurobasket feminino que está a disputarse actualmente, terá que incorporarse coas demais olímpicas españolas a partir do 5 de xullo.

Como xa fixera en agosto de 2020, antes do inicio da tempada regular da ACB, Alberto Abalde escolleu, de novo, vir ao Porriño grazas á hospitalidade ofrecida polo Concello para que puidera realizar a súa preparación no Polideportivo. Alberto agradeceu a colaboración do Concello a David Alonso, concelleiro de Deportes.