O Concello do Porriño, a través da súa concellería de Educación, que dirixe Carolina González, impulsa o programa “EDUCANDO EN POSITIVO para o desenvolvemento da intelixencia emocional e o coidado da saúde mental”.

Dende o Concello buscan con esta actividade que as familias saiban como poden achegar valor, adquirir os coñecementos e habilidades relevantes para elas/eles e acadar os seus obxectivbos coa “Disciplina Positivia”. As persoas asistentes aprenderán a corrixir os comportamentos dos seus fillos/as a través de límites e normas desde o cariño e a empatía.

 Coñecerán as ferramentas que nos permitirán establecer un vínculo emocional con eles/elas e brindarlles seguridade e confianza. Deste xeito, poderán fomentar a súa autoestima, creatividade, comunicación, xestión emocional e resolución de conflitos.

 “Pódese educar sen medo, sen berros nin ameazas. Convidámosvos a crear unha conexión maravillosa co voso fillo/a a través destes obradoiros e da conferencia”, sinalou a concelleira.

O programa desenvolverase os días 4, 11, 18 e 25 de abril no Centro Cultural do Porriño e consta dunha xornada informativa e tres obradoiros.

O 4 de abril, ás 18:30 h, terá lugar a xornada informativa dirixida a familias con fillas/os de idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. Será a cargo de Vanesa Cal, psicóloga, e Carlos Rodríguez, terapeuta en PNL e Intelixencia emocional. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

Os obradoiros desenvolveranse os días 11, 18 e 25 de abril, de 18:30 a 20:30 h, no segundo andar do Centro Cultural. É necesario inscribirse xa que os grupos están limitados a 15 prazas e haberá que facelo presencialmente na xornada informativa.