270 persoas logran un traballo cos programas de emprego do Porriño

  • Esta inserción laboral é o resultado da posta en marcha dos plans de emprego, formación e orientación municipal dende o inicio deste ano 2025, período no cal se rexistrou preto dun milleiro de sesións de orientación e asesoramento e máis de 5.700 horas de formación

O Porriño, 9 de agosto de 2025.- O emprego é unhas das prioridades absolutas do goberno municipal do Porriño. É por iso que dende o servizo de Porremprego trabállase a diario con programas formativos, de orientación e asesoramento dirixidos á mellora da empregabilidade da veciñanza. Actuacións que dende o inicio deste 2025 deu como resultado a inserción no mercado laboral dun total de 270 persoas, “un exemplo claro de consolidación do Porriño como referente en políticas activas de emprego ben deseñadas e centradas nas necesidades reais do tecido empresarial, para o cal mantemos contacto directo con todo o sector e sobre todo coas pemes”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O Programa Integrado de Emprego (PIE), o obradoiro dual “O Porriño Humaniza”, o programa de emprego para persoas mozas “O noso encontro co emprego”, xunto con outros plans como o Máis Provincia e cursos como os AFD, postos en marcha pola Concellería de Emprego e Formación, que dirixe Rosario Costas, financiados pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, son a base na que se fundamentan os resultados acadados de insercións, que se complementan coas 964 sesións de orientación e asesoramento individualizado e as 5.746 horas impartidas de formación. Neste senso, a concelleira incide en que “a formación e a orientación son as claves do éxito, a formación adaptada á demanda real do mercado laboral é a nosa ferramenta máis eficaz para fomentar o emprego”, subliñando tamén “a importancia da colaboración co tecido empresarial local para a xeración de emprego estable e de calidade”.

Os resultados desa coordinación entre oferta e demanda á hora de programar accións formativas queda reflectida na alta porcentaxe de inserción acadada xa no PIE aínda en marcha. Dos 100 participantes, o 65% xa está traballando, un 10% deles ocupando un posto na administración pública. “Este dato evidencia, unha vez máis, o éxito dun modelo baseado na formación adaptada, a orientación personalizada e a implicación directa coas empresas”, remarca o alcalde, incidindo na continuidade “dese contacto directo e procura de solucións, melloras e apoio total ao pulmón industrial de Galicia, co máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial ocupado ao seu 100%”.

De xeito paralelo, Porremprego, como piar estratéxico da política municipal, dispón dunha bolsa de emprego local na que todas as persoas, desempregadas ou non, poden inscribirse para mellorar a súa situación laboral. O bo funcionamento deste servicio complementario fai que medre o número de usuarios da mesma, así dende xaneiro de 2022 inscribíronse 1.023 persoas, acadando os 7.073 rexistros.

Todas estas accións, que levan consigo un descenso progresivo da taxa de paro, reafirman o compromiso firme do Concello do Porriño coa mellora da empregabilidade da súa veciñanza, especialmente coa mocidade e os colectivos con maiores dificultades de inserción. A través dunha estratexia baseada na formación de calidade, trato personalizado e colaboración público-privada, o goberno municipal continúa traballando para garantir o acceso a un emprego digno, estable e adaptado aos perfís profesionais emerxentes.

Maxia, auga e deporte para refrescar a fin de semana no Porriño

  • A Praza Arquitecto Antonio Palacios acolle mañá pola noite un espectáculo a cargo do Mago Rafa e na tarde do domingo inchables de auga, tobogán e festa da espuma
  • No pavillón municipal dispútase o II Memorial Julio Gilsanz e Pontellas festexa Santo Paio

 O Porriño, 8 de agosto de 2025.- No Concello do Porriño a actividade cultural e festiva non cesa no mes de agosto. Un espectáculo de maxia, inchables de auga e as festas patronais de Santo Paio conforman a a axenda cultural desta fin de semana na capital da Louriña.

A praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá mañá sábado, a partir das 22.00 horas, un espectáculo para rir, sorprenderse e compartir. Será a cargo do Mago Rafa, que trae ao Porriño “Experiencias en familia”, unha proposta única e interactiva, pensada para que grandes e pequenos vivan momentos inesquecibles xuntos.

Xa o domingo, como todos os dos meses de xullo e agosto, instalaranse un tobogán xigante de 15 metros e inchables de auga para refrescar a tarde aos máis pequenos da casa rematando con festa da espuma.  e para desfrutar  de auga para pasar unha tarde. Será de 17.30 a 20.00 horas.

“Queremos que o Porriño sexa un lugar onde as familias poidan desfrutar xuntas do verán, da cultura e do lecer. Por iso, seguimos apostando por unha programación diversa, pensada para todos os públicos, e que enche de vida as nosas rúas e prazas. A veciñanza merece unha vila activa, dinámica e chea de ilusións, tamén en agosto”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.

No ámbito deportivo, o pavillón municipal acolle dende hoxe o II Memorial Julio Gilsanz. Tralos resultados dos encontros desta tarde nos que se enfronta o Guardés contra o Gran Canaria e o Club Balonmán Porriño contra o Braga, mañá sábado disputarase o terceiro e cuarto posto, ás 18.00 horas, e a gran final ás 20.00 horas. A entrada é de balde.

De xeito paralelo, na parroquia de Pontellas celebran esta fin de semana as festas na honra a Santo Paio. Mañá sábado, a partir das 21.30 horas, haberá unha gran sardiñada, na que se servirá tamén porco ao espeto e polbo, amenizada coa música dos Reis da Troula, Os Festicultores e un dj. O domingo, ás 10.30 horas, será a saída do ramo dende Pousadela, acompañada pola Banda de Gaitas de Paramos de Tui; ás 12.30 horas misa solemne con procesión e pola noite actuación dos grupos Lume e Tania Veiras. Os actos festivos rematarán o luns 11, ao mediodía oficiarase a misa seguida da procesión acompañada da Banda de Música Municipal do Porriño e a verbena estará amenizada polas orquestras Finisterre e La Oca Band.

O centro social de Torneiros acolle un programa formativo de transformación dixital

  • Está dirixido a directivos ou persoas con responsabilidade de pemes
  • Celebrarase os días 8, 9 e 10 de setembro en horario de tarde e o prazo de inscrición xa está aberto

O Porriño, 8 de agosto de 2025.- Nun mundo cada vez máis interconectado e dixitalizado recoñécese a importancia de dotar aos directivos e as persoas con responsabilidade dentro das pequenas e mediansa empresas con ferramentas necesarias para afrontar os desafíos e aproveitar as oportunidades que ofrece a era dixital.

Baixo esta premisa, o Concello do Porriño difunde a posta en marcha dun programa de formación gratuíto en transformación dixital no centro social de Torneiros do Concello do Porriño. Será os días 8, 9 e 10 de setembro, de 16.30 a 19.30 horas e o prazo de inscrición xa está aberto a través da páxina web digalicia.es, escribindo ao enderezo de correo electrónico directivos@digalicia.es ou chamando ao número de teléfono 672 063 331, onde tamén poderán obter unha maior información.

Trátase dunha formación de 140 horas con charlas profesionais e contido relacionado con facturación electrónica, ciberseguridade, control horario dixital, marketing e posicionamento web, redes sociais e whatsapp bussiness. Os participantes contarán con asesoramento personalizado, sesións de mentorización individual ou grupos reducidos e orientación e asesoramento adaptado.

Dende o Concello do Porriño afiánzase así a colaboración co tecido empresarial local, apostando pola formación como ferramenta clave para avanzar na modernización e competitividade das pemes do municipio.

Anuncio de consulta pública sobre o novo escudo heráldico e bandeira do Porriño

 

  • A cidadanía dispón de 15 días hábiles para presentar opinións e suxestións sobre as propostas deseñadas

O Porriño, 7 de agosto de 2025.– O Concello do Porriño abre un proceso de consulta pública para que a veciñanza poida coñecer e opinar sobre as propostas do novo escudo heráldico e da nova bandeira municipais, deseñadas coa colaboración da Comisión Heráldica da Xunta de Galicia.

A exposición pública das propostas estará dispoñible durante 15 días hábiles, tanto no Taboleiro de Anuncios do Concello como na súa Sede Electrónica. O obxectivo é garantir a máxima transparencia e participación cidadá neste proceso simbólico e representativo para a identidade do municipio.

Durante este período, todos os veciños e veciñas poderán consultar os deseños e presentar opinións, achegas ou suxestións a través do Rexistro Xeral do Concello.

Consulta o anuncio oficial e as propostas presentadas: 

CONSULTA PÚBLICA DO NOVO ESCUDO E BANDEIRA DO CONCELLO DO PORRIÑO

A aprobación definitiva do escudo e bandeira realizarase unha vez analizadas todas as achegas cidadás e emitido o ditame final por parte da Comisión Heráldica. 

O Concello convida á cidadanía a participar activamente neste proceso que definirá os símbolos oficiais do Porriño para as vindeiras xeracións.

Yung Beef e Hard GZ encabezan o cartel do Negrita Music Festival do Porriño 2025

 

  • Esta terceira edición contará con 9 horas e música ininterrompida o vindeiro 6 de setembro 

O Porriño, 7 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño presentou hoxe o cartel oficial da terceira edición do Negrita Music Festival, que se celebrará o sábado 6 de setembro. A xira española deste   festival escolleu O Porriño por terceiro ano consecutivo como única parada en Galicia, tras pasar por cidades como Santander e Barcelona.

A organización agarda superar os 10.000 asistentes que se reuniron na pasada edición, consolidando o evento como unha das citas musicais máis importantes do verán galego.

No cartel deste ano destacan dúas grandes figuras da música urbana:
Yung Beef, referente do trap e o underground español, e Hard GZ, o artista vigués que volve a Porriño tras o seu rotundo éxito na pasada edición. Xunto a eles, actuarán Cyril Kamer e La Pantera, nomes en auxe na escena nacional, así como unha selección dos DJs máis destacados do momento: Alvama Ice, Xiyo & Fernandez, e tamén os galegos Groove Amigos e Traffic House, que repiten participación grazas á excelente resposta do público o ano pasado. Completa o cartel Galicia Army, poñendo en valor o talento local e rexional.

Serán máis de 9 horas de música ininterrompida, mesturando directos, electrónica urbana e unha posta en escena que promete sorprender. 

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de fomentar e apoiar as expresións culturais contemporáneas na vila: “O Negrita Music Festival é unha aposta firme por dinamizar a cultura e a economía local, ademais de ofrecer aos nosos veciños unha experiencia única que sitúa O Porriño no mapa musical nacional e internacional.”

Desde o Concello do Porriño seguimos a apostar por unha programación cultural diversa, actual e con proxección. A celebración do Negrita Music Festival non só achega á vila grandes nomes da música urbana, senón que tamén contribúe á dinamización económica, social e cultural do municipio.

Volve o Memorial Julio Gilsanz ao pavillón municipal do Porriño

  • O torneo, do que participarán catro equipos europeos, disputarase mañá, venres 8, e o sábado 9, con encontros ás 18.00 e ás 20.00 horas.
  • O alcalde Alejandro Lorenzo destacou no acto de presentación que serán dúas xornadas de altísimo nivel cheas de balonmán e sentimento

O Porriño, 7 de agosto de 2025.- Honrar á figura de Julio Gilsanz, fundador do Club Balonmán Porriño e presidente do mesmo durante moitos anos, é o obxectivo co que o Concello do Porriño organiza, en colaboración coa Federación Galega de Balonmán e o propio club porriñés, o Memorial Julio Gilsanz, un torneo que neste 2025 chega á súa segunda edición coincidindo co segundo aniversario do seu pasamento.

A casa consistorial acolleu esta mañá a presentación deste evento “que vai máis alá da competición deportiva e representa a memoria viva dunha persoa que deixou unha fonda pegada no noso deporte, tanto polos seus valores humanos como pola súa paixón polo balonmán”, sinalou o alcalde Alejandro Lorenzo. E de xeito paralelo, este torneo “será unha oportunidade única para ver en acción a grandes equipos europeos, por iso animamos a toda a veciñanza e aos amantes do balonmán a que se acheguen ao pavillón municipal para desfrutar dun torneo de altísimo nivel. Van ser dúas xornadas emocionantes, cheas de balonmán e sentimento.”

O presidente do Club Balonmán Porriño, Abel Estévez, incidiu na finalidade de “recoñecer con este evento o labor do que foi fundador deste club e manter o seu recordo nas novas xeracións”. O tamén concelleiro de Deportes, remarcou que “Julio foi un namorado do balonmán e do deporte en xeral” lembrando que foi directivo do Porriño Industrial FC. Ismael Martínez, adestrador do Club Balonmán Porriño, fixo una valoración da importancia do memorial a nivel técnico e Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, sinalou que dende a FGBM seguirán traballando para apoiar iniciativas como esta. Pola súa parte, Alicia Campo, capitana do Club Balonmán Porriño, destacou a importancia de disputar este memorial a modo de preparación de pretempada.

Son catro os equipos participantes e catro tamén os partidos que se disputarán no pavillón municipal. Ao club anfitrión, que lembremos é o actual subcampión de Europa, acompañarano o Mecalia Atlético Guardés (subcampión da EHF Cup tempada 2022/23), o Rocasa Gran Canaria (campión da EHF Cup nas tempadas 2015/16, 2018/19 e 2021/22) e o ABC Braga (participante na EHF Cup na tempada 2025/26). Mañá venres, ás 18.00 e ás 20.00 horas celebraranse as semifinais nas que se enfrontarán o Guardés contra o Gran Canaria e o Porriño contra o Braga. Xa o sábado, ás mesmas horas, disputarase o terceiro e cuarto posto e a gran final. A entrada é gratuíta.

Asistiron tamén ao acto de presentación Graciela Domínguez e José Luis Gilsanz, muller e irmá de Julio Gilsanz, e Manuel R. Novoa, director do Colexio Marcote, patrocinador do memorial.

O acto de presentación deste memorial serviu tamén para presentar a nova imaxe corporativa do Club Balonmán Porriño. Foron César Martínez e Beatriz Arias, representantes da empresa Juanita Banana, os responsables de explicar o cambio de nome ao galego, o deseño do escudo e logo e a páxina web.

O alcalde pechou o acto reafirmando a aposta do Concello do Porriño polo deporte. A través de eventos como o Memorial Julio Gilsanz, o municipio segue a impulsar iniciativas que fomentan a participación, o espírito deportivo e a memoria das figuras que foron claves no deporte local.

Gran acollida do Campamento de Verán 2025 no Porriño, que recibe a visita do alcalde

 

O Porriño, 7 de agosto de 2025.- O Concello do Porriño está a celebrar o éxito da edición 2025 do seu Campamento de Verán, unha iniciativa que ofrece unha alternativa educativa, lúdica e segura para os nenos e nenas de entre 3 e 12 anos durante o período estival. O campamento, que se desenvolve desde o 30 de xuño ata o 5 de setembro, acolle a un máximo de 50 participantes por semana, facendo posible un ambiente próximo e adaptado ás necesidades das familias porriñesas.

O horario do campamento, cofinanciado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdad, Gobierno de España e pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, é de luns a venres, de 8:30 a 14:30 horas, e cada semana está dedicada a unha serie de actividades variadas que fomentan a creatividade, o respecto, a solidariedade e a autonomía dos pequenos. Entre as propostas destacan obradoiros de cociña, manualidades, actividades de reciclaxe e diferentes saídas que enriquecen a experiencia dos participantes.

Esta semana, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitou o campamento para compartir un anaco con nenos e nenas, participando activamente e coñecendo de primeira man o funcionamento das actividades. Durante a súa visita, os rapaces presentáronlle as súas mascotas: Patoliña, Cactusiño, Pingüiniño e Caneliña, que xa forman parte da experiencia lúdica e educativa do verán.

En relación ao éxito do campamento, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou:
“É un orgullo ver como este campamento non só ofrece unha solución para a conciliación familiar, senón que tamén promove valores fundamentais e estimula a creatividade dos máis pequenos. Continuaremos apoiando iniciativas que poñan ao neno e á nena no centro, garantindo un verán divertido e formativo.”

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), reafirma o seu compromiso coa conciliación da vida persoal e laboral das familias e coa promoción dunha infancia feliz e saudable. Esta iniciativa enmárcase dentro do programa “O Porriño en favor da conciliación da vida persoal e laboral” e seguirá funcionando durante todas as semanas do verán, facilitando que as familias poidan organizarse mellor durante o período de vacacións escolares.

O Porriño recoñece a unha familia exemplo de talento e tradición

  • O alcalde Alejandro Lorenzo recibe no Concello a Toni Fernández, apicultor que vén de gañar un ouro na Paris Internacional Honey Awards, e á súa filla Lola, finalista do Concurso de Patrimonio Nacional de Pintura Infantil e Xuvenil

O Porriño, 7 de agosto de 2025.- Doce e colorido triunfo é o acadado por unha familia do Porriño. Toni Fernández representa a catro xeracións de apicultores que gañou un ouro no Paris Internacional Honey Awards 2025 coa súa marca Puramel Sacra, a única galega que conseguiu colarse entre as mellores deste  concurso de meles celebrado na capital francesa e que conta cos indicativos da IXP Mel de Galicia, Artesanía Alimentaria e Galicia Calidade, unha distinción que non só avala o produto, senón tamén o traballo dunha familia que leva 130 anos dedicada á apicultura.

Este éxito veu acompañado doutro, o da súa filla Lola Fernández que, cursando 6º de Primaria resultou finalista do XXXIV Concurso de Patrimonio Nacional de Pintura Infantil e Xuvenil polo cal recibiu un premio, da man da Súa Alteza Real a Infanta Doña Elena, nun acto celebrado no Palacio Real de El Pardo. Só dúas galegas lograron acadar esta distinción, situándose nun lugar destacado entre os máis de 3000 participantes.

“Esta familia representa os valores que máis apreciamos: dedicación, orgullo polo noso, respecto pola tradición e unha clara aposta polo futuro. O Porriño enteiro celebra con vós estes éxitos, que tamén sentimos como nosos”, indicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, durante a recepción no Concello a pai e filla, que agradeceron este recoñecemento institucional. “Levar máis dun século facendo mel e que agora se valore así, tanto dentro como fóra de Galicia, é unha emoción enorme. Este recoñecemento non é só para min, é para toda a miña familia e para todas as persoas que apostan polo produto local e de calidade”, sinalou Toni Fernández que eloxiou o labor do seu bisavó, avó e agora do seu pai, tamén Antonio, que aos seus 84 anos segue en activo.

O premio de pintura, pola súa parte, pon en valor o talento artístico da xuventude e o traballo educativo nas aulas. Lola agradeceu do mesmo xeito ao Concello este recoñecemento, “faime sentir orgullosa e con moitas ganas de seguir traballando e mellorando” e tivo boas palabras tamén para “os meus profesores e compañeiros que me animaron a participar e a aprender cada día máis sobre a arte e o patrimonio, que son unha parte importante da nosa identidade.”

O Concello do Porriño demostra, unha vez máis, o seu compromiso coa promoción e apoio ao talento local. Así, a través deste recoñecemento público, “non só valoramos o esforzo e os éxitos dunha familia que representa o mellor do noso patrimonio cultural e produtivo, senón que tamén fomenta o orgullo colectivo e impulsa a continuidade dunha historia que une xeracións”.

Noelia Mouriño desfruta no Porriño da súa medalla de ouro antes de cruzar o Atlántico

  • O alcalde Alejandro Lorenzo recibiu á pivote porriñesa que vén de lograr o Campionato de Europa Sub-18 coa Selección Española de Baloncesto e apura os últimos días na súa terra natal antes de viaxar aos Estados Unidos

O Porriño, 7 de agosto de 2025.- Noelia Mouriño fóra recibida fai xusto un ano no Concello do Porriño por gañar o bronce coa Selección Española de Baloncesto no Mundial Sub-17 disputado en México e hoxe volve á casa consistorial despois de lograr o ouro de Europa Sub-18 e a piques de cumprir o seu soño na Universidade de San Francisco.

O alcalde Alejandro Lorenzo trasladoulle a esta moza de 18 anos e veciña de Torneiros os seus parabéns polo incremento do seu particular palmarés “o cal seguro, co mesmo esforzo e dedicación, seguirá medrando alá por onde vaias”. Neste sentido, o rexedor desexoulle moita sorte nesta nova etapa que comezará logo duns días de descanso na súa terra natal. Noelia que xa na visita do pasado verán anunciaba que a súa carreira deportiva transcorrería posiblemente nos Estados Unidos, de onde xa estaba a recibir chamadas de universidades que estarían dispostas a outorgarlle unha beca e contar con ela nos seus equipos, confesa que tivo unha oferta de Texas pero que finalmente despois de escoitar a experiencia doutras xogadoras españolas decidiuse por San Francisco, a onde irá coa súa compañeira de selección Aina Cargol.

“Para nós é un orgullo contar con mozos e mozas como Noelia, que levan o nome do Porriño por todo o mundo co seu talento, esforzo e valores. Esta medalla de ouro é un recoñecemento ao seu traballo, pero tamén unha inspiración para toda a nosa mocidade”, remarcou o alcalde.

Noelia representa o espírito de superación e traballo en equipo que distingue aos grandes deportistas e desde o Concello do Porriño deséxanlle todo o éxito na súa nova etapa nos Estados Unidos, seguros de que seguirá a acadar grandes fitos.

Sergio Fernández Bacelo suma un novo mérito ao palmarés do Concello do Porriño

  • O alcalde, Alejandro Lorenzo, recibiu a este deportista veciño de Torneiros que vén de conseguir en Madrid a medalla de ouro en absoluto GI

O Porriño, 6 de agosto de 2025.- Sergio Fernández Bacelo suma un novo logro para o palmarés do Concello do Porriño. Trátase das medallas de ouro en absoluto GI e ouro no seu peso GI, sen perder ningunha loita en No GI, no Campionato Grappling Industries 2025. 

Con tal motivo, o alcalde, Alejandro Lorenzo, recibiuno na casa consistorial nun encontro no cal lle trasladou os seus parabéns polos méritos acadados e a súa traxectoria exemplar no ámbito deportivo. “Son moitos os deportistas que conseguen méritos e postos destacados nas diferentes modalidades e especialidades no ámbito do deporte”, sinalaba o alcalde. “Para nós é unha honra que todos vós levedes o nome do Porriño en tódalas competicións nas que participades polo mundo enteiro. E logros como os de Sergio son unha mostra de que o esforzo, a dedicación e o compromiso, son exemplo e motivo de orgullo para todo O Porriño”.

Sergio, de 24 anos e veciño de Torneiros, leva cinco anos practicando de xeito profesional o jiu jitsu e para el recibir este recoñecemento por parte do seu concello “é un orgullo inmenso. Este tipo de xestos dan moita forza para seguir adiante, mellorando e loitando por novos retos. Agradezo este detalle, que comparto con todas as persoas que me apoian no meu día a día. É un recordatorio de que o esforzo, a disciplina e a paixón polo deporte sempre teñen recompensa”, asegurou o deportista.

Con este acto, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co deporte, recoñecendo públicamente os logros da súa veciñanza.