O Concello do Porriño adxudica por 67.000 euros o acondicionamento da Sala de exposicións Antonio Palacios

 

 

O Concello do Porriño vén de adxudicar a obra para o acondicionamento do local que albergará a Sala de Exposicións Antonio Palacios, un museo no que se mostrará, a través de diferentes materiais, a traxectoria profesional e tamén persoal do artista, algúns deles incluso inéditos e descoñecidos ata o día de hoxe.

Trátase dun baixo, cunha superficie de 107,88 metros cadrados, localizado na rúa que leva o nome do ilustre arquitecto, situado ao carón da nova aula de estudios, coa que estará unida pola parte interior e coa que compartirá servizos como os aseos.

Os traballos adxudicáronse nunha mesa de contratación celebrada esta mesma mañá por un importe de 66.988,64 euros. Os mesmos teñen un prazo de execución, segundo proxecto, de dous meses. Con todo, dende hoxe establécense 20 días para a formalización do contrato máis un mes máis de marxe para que a empresa comece coa obra. Deste xeito, prevese que para o mes de maio o Porriño inaugure esta sala museística en honra ao seu ilustre veciño Antonio Palacios, do cal este ano se conmemora o 150 aniversario do seu nacemento.

Precisamente, a apertura desta mostra permanente é unha das moitas actividades e actos que encherán a axenda cultural porriñesa neste 2024, no que tamén se cumpren 100 anos da construción da Casa Consistorial, a obra máis representativa das deseñadas por Antonio Palacios na súa vila natal. Outra das iniciativas, como reclamo turístico e cultural, será a Ruta Palacios.

“Teremos unha ampla programación ao longo de todo o ano para poñer en valor a figura de Palacios”, remarca o alcalde Alejandro Lorenzo. “Antonio Palacios é un absoluto referente na vila e queremos poñer en valor o seu legado, especialmente o que deixou no Porriño. Neste 2024, Palacios estará, se cabe, máis presente no Porriño”, subliña.

A Sala de Exposicións Antonio Palacios albergará unha mostra permanente con todos os textos, debuxos, planos, maquetas  e documentos que se gardan del. “Temos moito material orixinal de gran valor, un verdadeiro tesouro cultural que queremos dar a coñecer a toda a veciñanza e facelo público a todo o mundo”, explica o alcalde.

Honra floral e calendario

Foi un 8 de xaneiro, do ano 1874, cando naceu Antonio Palacios. Precisamente, o pasado luns, o alcalde Alejandro Lorenzo achegouse ao cemiterio para deixar na sepultura onde foi soterrado un ramo de flores en nome de toda a veciñanza do Porriño como xesto de homenaxe a un dos veciños máis ilustres.

O deseño do calendario municipal deste ano está dedicado integramente á figura deste artista, con imaxes de arquivo e actuais a través das cales se observa o transcorrer do tempo, “perdurando sempre a esencia, o patrimonio cultural e arquitectónico, ese gran legado que Palacios deixou na vila e que agora atesouramos todos”. Un almanaque pensado para repartir entre todos os porriñeses e que, así, “todos sexamos partícipes desta herdanza e reservemos un recuncho dos nosos fogares para expoñela”. Deste xeito, aquelas persoas interesadas en ter un exemplar do calendario poden recollelo no centro cultural ou no Concello.

 

Melchor, Gaspar e Baltasar chegan hoxe ao Porriño

 

As Súas Maxestades de Oriente chegan con antelación a Porriño. Así, ademais da tradicional cabalgata na véspera do día de Reis polas rúas da vila, Melchor, Gaspar e Baltasar farán esta tarde un percorrido por tódalas parroquias, iniciándose ás 16.00 horas en Budiño e rematando ás 20.00 horas en Torneiros.

A xornada máis esperada será mañá venres, 5 de xaneiro. O desfile dará comezo ás 17.30 horas dende a rúa Doantes de Sangue. A comitiva irá encabezada pola Rondalla Santa Eulalia de Atios, á que seguirán un total de seis carrozas nas que irán os Reis Magos, acompañados dun gran séquito formado polos seus paxes e personaxes de animación infantil, tamén estará o tren de Nadal e pechará a Rondalla de Pontellas. O desfile percorrerá as rúa Antonio Palacios, para continuar por Domingo Bueno ata San Sebastián, e dende alí San Bieito, Manuel Rodríguez e Ramón González (zona peonil) para rematar no Parque do Cristo.

A recepción a todos os nenos farase no interior da Casa do Concello. Melchor, Gaspar e Baltasar estarán na primeira planta, como estivera xa Papá Noel, onde recibirán á cativada para entregarlles caramelos e un pequeno detalle e escoitar os seus desexos para a noite máis máxica do ano.

O Concello do Porriño celebra unha Carrera de Reis

 

O Concello do Porriño porá o broche de ouro á programación de Nadal o vindeiro domingo, día 7 de xaneiro, con deporte e música. Pola tarde terá lugar o tradicional encontro de Rondallas, pero a actividade comezará xa de mañá coa celebración da Carreira de Reis.

Será ás 11.00 horas polas rúas da vila e con saída dende a Praza Arquitecto Antonio Palacios. Terá un percorrido moi accesible, urbano, de tan só catro quilómetros (dúas voltas a un circuíto de dous quilómetros ) e está aberta a todas as idades.

As persoas interesadas en participar aínda están a tempo de facelo inscribíndose, antes de mañá, xoves días 4, ás 23.30 horas, a través da páxina web ecultura.net. Con todo, o propio día tamén se aceptarán inscricións, de 09.00 a 10.00 horas, nas inmediacións da zona de saída, no mesmo lugar onde se deben recoller os dorsais (de 09.30 a 10.45 horas).

O alcalde do Porriño Alejandro Lorenzo anima á participación de toda a veciñanza, así como de todas aquelas persoas de fóra que o desexen. “Despois de nadal, fin de ano e reis… despois de tanto comer e cear, presentamos unha proposta deportiva para rematar estas festas, o día 7 de xaneiro. Corramos todos xuntos na Carreira de Reis do Porriño o vindeiro domingo”

O evento ten tamén carácter solidario, xa que cada corredor depositará unha unidade de produtos ou alimentos para bebés ou pasta, os cales serán distribuídos entre as familias do Concello con menos recursos.

Mercar no Porriño ten premio de Reis

 

O Concello do Porriño comeza o ano cun sorteo entre os clientes do comercio local, da praza de bastas e da hostalería do municipio.

Ao longo destas festas, todos os establecementos están a repartir boletos cos tíckets de compra, os cales deben ser cubertos e depositados nas urnas instaladas para tal fin no Concello e na praza de abastos ou tamén se poden entregar no propio establecemento.

O sorteo celebrarase na véspera de Reis, o venres 5 de xaneiro, e del sairán os cinco boletos premiados con cadansúa cesta de produtos. O Concello repartiu máis de 6.000 boletos entre todos os establecementos para que os entregasen aos seus clientes trala compra.

“Trátase dunha nova iniciativa de impulso do comercio de proximidade e da hostalería local, a primeira doutras moitas que chegarán ao longo deste 2024 co fin de apoiar os establecementos porriñeses, incentivando entre a veciñanza o consumo e as compras na propia vila”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo.

O Concello do Porriño habilita un autobús para contemplar a iluminación de nadal

 

O Concello do Porriño pon en marcha este Nadal unha nova iniciativa pensada no sector da poboación máis maior. Trátase dun autobús que percorrerá a vila para que as persoas de 65 anos en adiante poidan contemplar a iluminación e decoración de Nadal dun xeito máis cómodo e confortable.

Será a vindeira semana, o martes, mércores e xoves, establecéndose diversas saídas dende as diferentes parroquias, ás 17.00 horas, e con regreso ás 20.00 horas. Dende Budiño e Atios será o 2 de xaneiro, dende Chenlo, Mosende e Pontellas o día 3 e dende Cans, Carracido e Torneiros o día 4.

Ademais, xusto nesas xornadas é cando estará tamén operativo o tren turístico de Nadal, outra das novidades da programación e que neste caso está destinado a todos os públicos. Tamén os maiores de 65 poderán montar nel antes e rematar a ruta cun chocolate quente.

A Policía Local informa de cortes de tráfico no centro urbano

 

A Policía Local do Porriño informa de cortes de tráfico no centro urbano. Estas terán lugar o día de hoxe desde as 15:30 h ata as 20:00 h dende o número 1 da Rúa Domingo Bueno ata a intersección coa Rúa Pío XII para a montaxe da carpa da festa de pre fin de ano. O mesmo tramo cortarase novamente ao tráfico desde as 9:00 h do Sábado 30 ata as 6:00 h do Domingo 31.

As badaladas de fin de ano soarán este sábado no Porriño

 

O Porriño prepárase para despedir o 2023 por anticipado. Un ano máis, o Concello organiza unha xornada, a deste sábado 30 de decembro, chea de actividades para todas as idades e xa dende a mañá.

Ás 11.30 horas dará comezo a festa infantil na que a cativada será a protagonista e terá o seu propio pre fin de ano con actividades, animación e pasarrúas de personaxes infantís. O grupo Xeración M, gañador do concurso “Este Nadal canta con nós” da CRTVG, será o encargado de abrir a festa. Non faltarán tampouco as doce badaladas, que soarán as 12 do mediodía, presentadas por Hernán Sío, neno do Porriño referente en ximnasia rítmica. E, de seguido, concerto infantil a cargo de “Ollo Piollo” da compañía Barafunda.

Arredor das 19.00 horas iniciarase a festa grande coa música de dj Donper e a das rondallas de Pontellas e Santa Eulalia de Atios que desfilarán polas rúas da vila. De seguido, sobre as 21.30 horas, dará comezo a actuación da orquestra El Combo Dominicano e á medianoite volverán soar as doce badaladas, presentadas nesta ocasión por Raquel Atanes e Juan Fuentes, presentadores do programa “Quen anda aí?” da TVG. Haberá uvas, cotillón e chocolate de balde para todos os asistentes.

Xa para pechar a noite, sesión dj con Samu Pexe e Pitty. O escenario de toda a xornada festiva será a rúa Domingo Bueno.

“Dende o Concello convidamos á veciñanza, e tamén a todas as persoas de fóra que así o desexen, a acudir ao centro da vila para festexar todos xuntos, de xeito anticipado, o fin do ano 2023 e o recibimento do ano novo, unha cita convertida xa en tradición no Porriño”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo asegurando que se manterá no calendario festivo e cultural do Concello.

Porriño inaugura o luns o seu Mercadillo de Nadal

 

  • Unha decena de postos abren, na Praza do Cristo, ata o domingo 7 de xaneiro
  • Gastronomía, xoguetes, accesorios feitos a man, roupa ou artesanía son algún dos produtos á venda

 

Logo do acendido das luces e instalación de decorado de Nadal, o inicio da música das rondallas e outras actividades propias destas datas, quedaba por inaugurar o mercadillo de Nadal no Porriño. Será o vindeiro luns cando as dez casetas de madeira instaladas na Praza do Cristo abran ao público en horario e mañá e de tarde ata o domingo 7 de xaneiro, no que se ofrezan produtos artesanais, decoración, alimentación, complementos ou agasallos, entre outros artigos, todos eles relacionados co Nadal.

Nesta primeira quenda, que se prolonga ata o 27 de decembro, os dez postos son os que seguen:

  1. Rosquillas, garrapiñadas, algodón de azucre, gominolas, mazás de caramelo.
  2. Coleccionismo de Playmóbil principalmente con temática de Nadal
  3. Complementos de tela feitos a man (bolsos, chaveiros, coleteiros, accesorios de bebé, bolas para as árbores personalizadas e detalles para regalar.
  4. Accesorios feitos a aman de resina con flores naturais encapsuladas, recollidas e prensadas a man. Pendentes colares, aneis e marcapáxinas, pendentes de madeira feitos a man, serigrafiados.
  5. Artesanía en pel, madeira, produtos de entretemento infantil.
  6. Bocadillos, empanadillas, creps, doces, etc.
  7. Mel, polen, cera, xabóns de mel, velas, etc.
  8. Roupa infantil fabricada en Galicia.
  9. Dragóns moldeados con deseños propios, marcos para decoración con pezas de resina feitas a mano, diorama de pokemon con luz e sen luz, complementos relacionados coa fantasía, ovos de dragón no seu baúl, etc.
  10. Sacos térmicos, xoiería artesanal, xoiería macramé, ambientadores, tarros de cristal.

O horario de apertura dos postos será de luns a xoves e domingos, de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas; os venres e sábados, de 12.00 a 22.00 horas; os días 24 e 31 de decembro e 5 de xaneiro abrirán só de mañá e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro permanecerán pechados

III Concurso Infantil de Postais de Nadal

 

A Concellería de Normalización Lingüística do Porriño convoca a terceira edición do Concurso Infantil de Postais de Nadal. Este concurso está inserido nas actividades de dinamización da lingua galega que leva a cabo o SNL do Porriño, co obxectivo principal de fomentar o uso do galego entre a poboación infantil.

As idades de participación van dos 3 aos 14 anos, distribuídas en 3 categorías diferentes e con 3 premios por categoría baseados en lotes de material escolar.

O prazo de participación será do día 7 ao 21 de decembro de 2023 e as postais poderanse entregar no Centro Cultural Municipal.

Consulta as bases de participación

Porriño selecciona a 100 participantes para o seu novo Programa Integrado de Emprego

 

  • O obxectivo é lograr a inserción laboral do 45% no prazo dun ano
  • O proxecto supón unha inversión de 275.000 euros co financiado pola Xunta de Galicia e o Concello

 

O Concello do Porriño atópase na fase de selección de participantes para unha nova iniciativa de emprego e formación. Trátase dun Programa Integrado de Emprego dirixido a persoas menores de 30 anos desempregadas con baixa cualificación, mulleres desempregadas, persoas menores de 30 anos desempregadas cualificadas e parados de longa duración para o cal se convocan un total de 100 prazas.

Unha vez rematado o programa, en decembro de 2024, existe un compromiso de inserción laboral do 45% dos participantes, os cales ao longo de todo ano realizarán diversas accións destinadas todas elas a mellorar a súa formación e empregabilidade. “Dende o Concello poñemos en marcha unha nova ferramenta dirixida á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral”, subliña o alcalde Alejandro Lorenzo.

Unha vez seleccionadas as persoas participantes en formar parte do proxecto, comezarase coa realización de accións de información, orientación e asesoramento para a procura de emprego. Ditas accións teñen carácter transversal a todas as actuacións do programa e consisten nun seguimento personalizado de inserción adaptado e individualizado para cada unha das persoas desempregadas.

Por outra banda, tamén se impartirá formación, coa organización de diversos cursos. De xeito complementario coas accións anteriores, levarase a cabo técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea. Tamén se desenvolverán talleres nos que adestren as habilidades sociolaborais e outros que funcionen como simulacións de entrevistas.

Outras das accións a executar dentro do PIE serán a de fomento da capacidade emprendedor, prospección empresarial e obradoiros sobre mobilidade laboral. Ademais, realizarase un casamento axeitado entre oferta e demanda, recollendo a oferta existente na contorna e seleccionando as persoas candidatas idóneas para cubrila.

Unha vez feita a formación teórica e práctica, complementarase coa realización de prácticas profesionais en empresas colaboradoras baixo a supervisión dun titor.

Para a posta en marcha deste PIE, o Concello do Porriño conta cunha subvención por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade de 220.000 euros, que xunto cos 55.000 euros de aportación municipal, fai unha inversión total de 275.000 euros