O PORRIÑO PROXECTA A POSTA EN VALOR E HUMANIZACIÓN DA MALLADOURA

O Concello do Porriño avanza no deseño da súa axenda urbana, un marco de referencia para a planificación estratéxica do Porriño dos próximos anos. Esta inclúe unha diagnose da situación actual, que permitirá identificar e definir as necesidades do municipio e os principais retos a afrontar permitirá acceder de forma máis eficaz e competitiva á financiación precisa.

No marco desta folla de ruta atópase unha intervención global no barrio da Malladoura, que contempla varias intervencións de acondicionamento e humanización na contorna proxectadas para os próximos anos.

Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “o barrio da Malladoura era unha das asignatura pendentes no desenvolvemento do centro urbano e a súa mellora vén sendo demandada pola veciñanza dende hai anos polo mal estado no que se atopa”. “A humanización da Malladoura e a súa posta en valor é esencial para conéctalo co resto da vila, máis anda cando o número de habitantes se incrementou notablemente nos últimos anos”, continuou o rexedor, “Por iso proxectamos varias intervencións dirixidas a ofrecer á cidadanía unha contorna máis habitable e un espazo público urbano de calidade”.

Unha delas é a obra de peonalización e construcción de beirarrúas entre a rúa Lugo e a rúa Malladoura. Estes traballos, cuxo preceptivo proxecto técnico xa está en redacción, humanizarán un tramo de preto de 250 m dunha zona de vivendas, na que se acometerán beirarrúas de formigón a ambas marxes da calzada e se dotará da necesaria iluminación.

Proxectase tamén a humanización da rúa Navuxil, con novas beirarrúas e mellora da calzada, nun tramo de 380 m que conecta o penedo da Malladoura coa travesía Antonio Palacios C. Unha zona de moito tránsito de vehículos e peóns ao albergar un colexio. Está mellora completa o proxecto xa redactado de acondicionamento e humanización das rúas que conectan Aloques con Antonio Palacios, que inclúe as rúas Tarela e inicio de Navuxil.

O asfaltado e mellora do saneamento da rúa Lugo e o proxecto de renovación da rede de pluviais que resolvería os problemas de auga na rúa Coruña, xa en redacción, completan as intervencións desta primeira fase.

CAMPAÑA PARA DAR A COÑECER A NOVA LEI DE RESIDUOS

O Concello do Porriño, a través das concellerías de Medio Ambiente e Limpeza, levará a cabo ao longo deste ano unha campaña informativa para dar a coñecer á veciñanza a nova Lei de Residuos, a implantación e uso do novo colector marrón e outros recursos para a reciclaxe. 

A tal fin, instalaranse mesas informativas na praza Arquitecto Antonio Palacios os días en que se celebre o mercado.  Estas estarán disponibles os días 20 de xaneiro, 19 de marzo, 28 de maio, 30 de xullo, 24 de setembro e 26 de novembro.

Nelas informarase á poboación sobre a nova Lei de Residuos, que incide na obligatoriedade de separar o lixo en cada vivenda para a súa posterior reciclaxe. Ademais, persoal técnico darase a coñecer a nova xestión dos biorresiduos a través do colector marrón. Tamén se explicará o procedemento a seguir para solicitar un composteiro doméstico e, en resumo, resolveranse todas as dúbidas que a veciñanza poida ter no tocante á xestión de residuos.

Xogos e obradoiros para aprender a reducir os nosos residuos

O alumnado do CPR Santo Tomás participa estes días nas actividades sobre compostaxe enmarcadas no programa “Ponte a Zero”, impulsado pola Deputación de Pontevedra, coa colaboración do Concello do Porriño.

Estes obradoiros de educación ambiental teñen como obxectivo concienciar aos nenos e nenas da problemática dos residuos, conseguir un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a reducción deste lixo, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e sustentable que os tratamentos actuais.

A través de xogos e obradoiros adaptados á súa idade e comprensión, como o “Xogo da Miñoca” e o obradoiro “Quen vive aí?”, o alumnado aprende a importancia de aproveitar os residuos orgánicos, convertilos en compost e coidar o medio ambiente.

O luns foi a quenda dos nenos e nenas de 1º de primaria, que participaron no Xogo da Miñoca. Trátase dunha variación do xogo da oca na que, formando equipos, teñen que pasar unha serie de probas e preguntas sobre que tipo de elementos se poden botar na composteira, como se produce a conversión da basura no compost ou que técnicas hai que aplicar.

Onte tocoulle á rapazada de 3º de primaria, co obradoiro “Quen vive aí?” no que aprenden a identificar os invertebrados presentes nos composteiros e a súa importancia no proceso de compostaxe. 

O obradoiro ¿Quen vive ahí?, no que aprenden a identificar os invertebrados presentes nos composteiros e a súa importancia no proceso de compostaxe.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, destaca a importancia de “concienciar aos máis pequenos sobre a importancia da separación dos residuos e do coidado do medio ambiente para conseguir un futuro mellor, máis sustentable e respectuoso”.

O pregón de Afaga dará a benvida ao Entroido do Porriño

O Concello do Porriño ten o pracer de anunciar que este ano, os usuarios de Afaga, entidade sen ánimo de lucro dedicada ao apoio de persoas maiores con deterioro cognitivo, especialmente relacionado co Alzheimer, serán os pregoeiros do Entroido.

Afaga, recoñecida pola súa labor na colaboración con distintas administracións, destaca por ofrecer unha variedade de terapias, obradoiros e actividades que buscan previr e ralentizar o deterioro cognitivo dos nosos maiores.

Este recoñecemento como pregoeiros do Entroido é unha homenaxe á súa inestimable contribución á comunidade, destacando o papel activo e vital que teñen os nosos maiores na sociedade.

“A elección dos usuarios de Afaga como pregoeiros non só celebra o seu espírito e aportación á vida comunitaria do Porriño, senón que tamén busca xerar conciencia sobre a importancia do coidado e a inclusión das persoas con deterioro cognitivo en todas as esferas da vida pública e cultural”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “É unha verdadeira honra que sexan os pregoeiros do noso Entroido”.

Así, dende o Concello convidan á veciñanza a participar no Entroido e a apoiar esta iniciativa, que reflicte o compromiso do Porriño coa inclusión e o respecto á diversidade.

 

 

Escolares do Porriño coñecen o seu Concello a través da lingua

Escolares do CEIP Xosé Fernández López, CEIPP Antonio Palacios e CPR Hermanos Quiroga inauguraron hoxe as visitas guiadas á Casa Consistorial nas que participarán preto de 400 cativos/as do Porriño.

A Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX organizan esta actividade en colaboración cos centros educativos co obxectivo de que o alumnado coñeza un pouco máis o funcionamento da Casa Consistorial, á vez que se dinamiza a lingua e cultura galegas. A técnica de Normalización Lingüística do Concello do Porriño, Andrea González, será nesta ocasión a encargada de guiar o alumnado polo edificio do Concello para dar a coñecer a súa historia, as distintas salas e espazos, o organigrama dos departamentos en que se organiza e, ao cabo, o seu funcionamento interno. O emprego de léxico administrativo galego, así como o desenvolvemento dun pequeño glosario galego-castelán de termos cotiáns dun concello, fan que as visitas guiadas deste ano teñan a lingua galega como o elemento catalizador. Deste xeito, as nenas e nenos do Porriño percorrerán os corredores das dependencias municipais, entrarán no salón de plenos, na alcaldía ou no balcón dende o que tradicionalmente se pregoa o inicio do Entroido, das festas do Cristo…, á vez que coñecen a importancia da lingua nunha Administración pública e o funcionamento do Servizo de Normalización Lingüística.

A concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carolina González, explicou que con esta iniciativa de portas abertas dirixida aos/ás escolares do municipio “pretendemos darlles a coñecer en profundidade o Concello para que tomen conciencia da importancia de participar na vida municipal, á vez que dinamizamos o uso da lingua galega nun grupo de idade que non adoita usala miúdo”.

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, aproveitou a visita para preguntar aos/ás pequenos/as polas súas demandas e impresións, e tamén para contestar ás súas dúbidas sobre como funciona o Concello. “É un luxo recibilos e escoitalos, as súas propostas, a súa opinión sobre o que pasa no seu pobo e o que queren para el é e debe ser moi importante”, explicou o rexedor, “Son parte moi importante do Porriño, o seu futuro, e deben ser parte activa, na maior medida posible, da vida municipal”.

Porriño contará con dúas novas Escolas Infantís

 

O Concello de Porriño contará no vindeiro curso con dúas escolas infantís máis, que se suman ás outras dúas xa existentes, unha no casco urbano e outra en Torneiros. As novas localizaranse nas parroquias de Pontellas e Budiño e suporán unha inversión de máis de 1,4 millóns de euros. A administración local vén de recibir unha subvención da Consellería de Política Social e Xuventude de 816.466 euros para a creación de 132 prazas de Educación Infantil de 0 a 3 anos. A cantidade restante achegaraa o Concello con fondos propios.

“Trátase dun servizo moi demandado no noso municipio dende hai anos. O incremento da poboación leva consigo tamén a necesidade dunha maior oferta neste aspecto”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo. “Agora, coa posta en marcha destas dúas novas escolas antes de que remate o ano, daremos resposta a esa gran demanda das familias porriñesas”. Unha iniciativa no eido da educación e da conciliación que se completará con outras xa proxectadas no Concello para este exercicio como o será a futura ludoteca municipal.

Rehabilitación e ampliación da antiga escola de Pontellas

A escola infantil de Pontellas estará situada no lugar da Igrexa, na antiga escola unitaria desta parroquia, polo que o anteproxecto presentado fundaméntase na rehabilitación e ampliación desta edificación xa existente, para albergar así as cinco aulas das que disporá, ademais de vestíbulo, oficina, sala multiusos, aseos, vestiario, despensa e cociña. No exterior haberá un patio e unha zona de xogos.

A superficie construída é de 442,56 metros cadrados, dentro dun solar cunha superficie bruta total de 4.321,98 metros cadrados.

A proposta formula unha intervención respectuosa co edificio existente, que pretende poñelo en valor e sacar o máximo partido do espazo existente cun novo uso que o fai rexurdir.

O orzamento total para esta actuación ascende a 641.784 euros.

Espazo de transición entre dous mundos

A escola infantil localizada na parroquia de Budiño será totalmente de nova construción. Levantarase nun solar cunha superficie total de 2982,41 metros cadrados, que na actualidade se atopa sen edificar. A parcela sitúase na zona do polígono das Gándaras, nunha área de transición entre a industria e o núcleo rural adxacente, así pois como se recolle no anteproxecto a nova edificación preséntase como “un espazo de transición entre dous mundos”.

No espazo entre a escola infantil e a última nave proponse plantar un bosque que funcione como colchón entre industria e equipamento. A edificación organízase en dúas naves lonxitudinais, a nave norte albergará tres das aulas e o acceso principal e a sur os equipamentos xerais, sala multiusos, un patio exterior e tres aulas. A superficie ocupada será de 513,10 metros cadrados.

O orzamento total neste caso é superior ao anterior, chegando aos 760.182,50 euros.

Porriño encarga aos escolares o seu cartel de entroido

 

A Concellería de Educación e Normalización Lingüística e a OMIX do Concello do Porriño convocan o III Concurso Escolar de Carteis de Entroido como xeito de promover esta festa entre a veciñanza, sobre todo entre o sector da poboación máis nova.

Poderá participar o alumnado dos centros educativos do Porriño con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos, así como o alumnado de Aceesca.

Establécense tres categorías de acordo coa idade, nas que haberá, para cada unha delas, 1º, 2º e 3º premio, baseados en artigos de material escolar. E escollerase un cartel gañador de entre todas as persoas participantes, que será a imaxe oficial para promover o entroido do Concello do Porriño 2024. A persoa autora deste cartel acompañará ao pregoeiro do entroido no balcón da casa consistorial.

Cada centro poderá participar con ata cinco carteis por categoría e a participación será individual. Os carteis poderanse entregar ata luns día 29 de xaneiro no Centro Cultural.

Valorarase a técnica creativa, o uso da lingua galega e a composición xeral do cartel, de acordo cos criterios apropiados a cada grupo de idade. Todas as características técnicas, contido e xeito de presentar os debuxos recóllense nas bases, expostas para a súa consulta no Taboleiro de Anuncios do Concello, na páxina web do Servizo de Normalización Lingüística e nas redes sociais desta Administración.

Tódolos carteis serán expostos ao público no vestíbulo do Centro Cultural, así coma no blog do Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño e nas súas redes sociais durante as festas do entroido.

Bases do III Concurso Escolar de Carteis de Entroido 2024

O Concello do Porriño inicia o asesoramento ás persoas interesadas nas Axudas á rehabilitación de vivendas nos polígonos residenciais Torneiros

 

O Concello de Porriño informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) das bases para a concesión de axudas en materia de rehabilitación e vivenda no entorno residencial de Torneiros. Ábrese agora, pois, previamente á solicitude, un período de información e asesoramento para a obtención da documentación necesaria para o cal dende o Concello poñen a disposición da veciñanza interesada un servizo de asesoramento e atención personalizada, que poderá ser de xeito presencial, con cita previa, ou por teléfono, chamando ao 986 335 000, de luns a venres, de 09.00a 14.00 horas.

Para este proxecto o Concello do Porriño recibiu un millón de euros, no marco do Programa de axudas para a rehabilitación de contornas residenciais a nivel barrio, que se distribuirán en axudas para impulsar medidas de eficiencia enerxética.

Dentro do ámbito delimitado do proxecto, que comprende 945 vivendas en 81 edificios, programouse inicialmente a rehabilitación dun número estimado de 105 vivendas que ocupan 1,38 hectáreas, repartidas en diferentes bloques. Dese millón de euros, 127.575 euros será destinado á urbanización e mellora da contorna, “que se complementa con outras actuacións que estamos levando a cabo para humanizar a zona”, puntualiza o alcalde Alejandro Lorenzo. A parte restante será para axudas a particulares e/ou comunidades de propietarios destinadas  á mellora de fachadas, mellora de cubertas, incluíndo aquí a eliminación de amianto, e a substitución de ventás e vidros exteriores, empregando carpintería de pvc e vidro eficiente termicamente, todo elo co obxectivo de conseguir un aforro enerxético.

“Deseñamos un proxecto global para a rehabilitación e posta en valor dos polígonos residenciais de Torneiros, un dos principais núcleos de poboación de Porriño”, explica o alcalde, asegurando que “esta aportación dun millón de euros é o primeiro paso que, seguindo nesta mesma liña de traballo, intentaremos se complemente cunha ampliación de fondos, para así atender ás necesidades que poidan presentar as preto de mil vivendas alí asentadas”.

O importe das subvenciones a particulares dependerá do grado de eficiencia enerxética que se alcance coas obras executadas, e pode ser do 40%, do 65% ou do 80% do orzamento, incluso do 100% cando se identifique un caso de vulnerabilidade

 

Bases Reguladoras

Porriño completa o proxecto que transformará o antigo Campo da Feira con dúas novas actuacións

 

A humanización do antigo campo da feira do Porriño coñecido agora como Parque Infantil será en breve unha realidade logo de dúas recentes licitacións de obras que complementan a que xa está a piques de rematar e que supoñen, todas xuntas, unha inversión que supera o millón de euros.

O obxectivo é convertela nunha gran zona verde con arboredo, un espazo a modo de escenario e gradas e unha área de xogo infantil na que se inclúan chorros de auga, os primeiros no municipio.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou esta tarde o lugar no que se están levando a cabo as obras. “Co paso dos anos este parque foi deteriorándose e perdeu o seu atractivo deixando de ser un lugar de paseo e desfrute para nenos e adultos, que é o que precisamente se persegue agora con este proxecto”, explica o alcalde, lembrando que se sitúa nunha das entradas ao casco urbano, “de aí que as obras de humanización comprendan tamén a mellora da contorna, a avenida Domingo Bueno e a rúa Parque Infantil, que o Concello acometerá co fin de unificar a zona do parque con San Sebastián e a zona peonil de San Bieito”.

Para a realización desta obra que actualmente está en execución o Concello de Porriño e a Axencia de Turismo de Galicia asinaran un convenio de colaboración cun orzamento de 498.213,12 euros. A esta cantidade hai que sumarlle agora dúas novas inversións, que supoñen unha inversión total de 1.153.056 euros.

Por unha banda, a Xunta de Galicia vén de sacar a licitación por 224.843,45 euros as obras de restauración do templete de San Luís, obra do arquitecto Antonio Palacios que foi acceso a primeira liña da rede de Metro de Madrid e que se trasladou ao Porriño no ano 1970. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica o inicio do proceso de contratación desta obra que contará cun prazo de execución de cinco meses para resolver as diversas patoloxías que afectan ao estado da estrutura e adecuar o contorno para mellorar a súa presenza no lugar.

E, por outra parte, o Concello do Porriño sacaba a licitación, tamén nos últimos días, por 430.000 euros a obra de humanización da rúa Parque Infantil entre rúa Salgueiro e Avenida Domingo Bueno.

 

O Concello do Porriño lanza un Servizo de Atención Cidadá pioneiro, innovador e itinerante por tódalas parroquias

 

O Concello do Porriño presentou esta mañá unha iniciativa innovadora de atención cidadá. “Trátase dun servizo pioneiro en España, co que reafirmamos o noso compromiso coa proximidade e a atención directa á nosa veciñanza”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo. Consiste nunha oficina itinerante que percorrerá as sete parroquias e todos os barrios do Porriño ofrecendo un servizo integral de atención cidadá.

O rexedor explicaba hoxe, durante a presentación na casa consistorial, que o  obxectivo deste servizo é “proporcionar unha cobertura completa ás diversas necesidades e demandas dos veciños e veciñas do Porriño, incluíndo temas relacionados con servizos sociais, atención ao cidadán, urbanismo, limpeza, obras públicas e saneamento”.

A unidade móbil, materializada nunha autocaravana, visitará cada parroquia unha vez ao mes, facilitando o acceso aos servizos municipais dunha maneira máis próxima e directa. Ademais, este servizo único permitirá aos cidadáns rexistrar entradas e saídas de documentos, realizar consultas e recibir asesoramento directamente nos seus barrios, sen necesidade de desprazarse á casa consistorial, no centro urbano. “Con esta iniciativa tratamos de facilitar, sobre todo ás persoas maiores, o acceso aos servicios municipais sen necesidade de desprazamentos”

Como parte deste esforzo por mellorar a comunicación e a transparencia, o propio alcalde, xunto con funcionarios habilitados, estará dispoñible para citas na autocaravana, ofrecendo un enfoque persoal e accesible á xestión municipal.

Coa posta en marcha desta iniciativa, “O Porriño establécese como un punto de encontro pioneiro na prestación de servizos municipais, demostrando un enfoque innovador e centrado no cidadán. Este proxecto non só busca mellorar a eficiencia dos servizos municipais, senón tamén fortalecer a conexión entre o Concello e a veciñanza”, conclúe Alejandro Lorenzo.