As nenas e nenos do Porriño celebran o Día da Árbore cunha prantación na Risca

  • Alumnado dos colexios Hermanos Quiroga e José Fernández López, visitaron o pulmón verde da
    Louriña para aprender a importancia destes espazos e contribuir á súa conservación

O Porriño, 23 de marzo de 2025.- Medio cento de alumnos e alumnas dos colexios Hermanos Quiroga e José Fernández López do Porriño, participaron este luns pola maña na celebración do Día da Árbore e o Día dos Bosques, cunha plantación de árbores na contorna da Risca, na que participou o alcalde, Alejandro Lorenzo; o concelleiro de Medio Ambiente, Carlos González, e o presidente da Comunidade de Montes Santa María de O Porriño.

De feito, a prantación fíxose en terreos comunais, no entorno da Risca. 25 “castaños Maruxa”, un tipo de clon de castiñeiro híbrido que se elexiu polo seu bo crecemento e resistencia a enfermidades.

“Hoxe falamos de futuro: o futuro da nosa vila, con estes nenos e nenas que se educan nos valores do medio ambiente, e o futuro da nosa contorna, porque deles depende seguir conservando este espazo.”, explicou Alejando Lorenzo, apuntando que “O Porriño non só e industria: tamén é cultura, é deporte e é natureza, con estes árbores que nos axudan a mellorar a calidade do aire, a producir osíxeno, a previr incendios ou inundacións ou, simplemente, se subides ata aqui, ata a Risca, a respirar”.

A Risca

Os cativos tiveron a oportunidade de prantar así árbores nun dos espazos naturais máis valiosos e especiais do Porriño, tanto polo seu interese ambiental como polo seu valor paisaxístico e social. Situada nunha contorna privilexiada, este enclave destaca pola súa riqueza ecolóxica, converténdose nun punto de referencia para a conservación da biodiversidade e para o desfrute da natureza por parte da veciñanza.

De feito dende a Comunidade de Montes explicaron á cativada a importancia de conservar esta paisaxe, este pulmón verde, este espazo que serve si, para lecer, pero tamén para coidar: fonte de osíxeno e de prevención de incendios ou inundacións. Por iso o compromiso do Goberno Municipal é, con estes actos , a protección do medio ambiente e ao mesmo tempo, inculcar na mocidade unha aprendizaxe vital para entender a importancia do desenvolvemento sostible e responsable.

A Risca constitúe un dos espazos naturais máis ricos e importantes da comarca, así como unha auténtica infraestrutura verde para o conxunto do val do Louro. A súa masa forestal desempeña unha función esencial como pulmón natural, contribuíndo á mellora da calidade do aire, á regulación da temperatura e á absorción de dióxido de carbono, factores clave nun contexto de crecente preocupación polo cambio climático.

Entornos naturais coma este favorecen a conservación da biodiversidade, servindo de hábitat para numerosas especies de flora e fauna, e actúa como corredor ecolóxico dentro do territorio. A súa presenza resulta tamén fundamental para o equilibrio hídrico da contorna, facilitando a infiltración da auga e axudando a previr a erosión do solo.

Árbores e bosques, as claves do noso futuro

Día da Árbore é unha xornada dedicada a poñer en valor a importancia dos ecosistemas forestais para a vida no planeta; para iso marca como o seu obxectivo fomentar a plantación de árbores e sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de coidar e conservar o medio natural.

Esta celebración está estreitamente vinculada ao Día Internacional dos Bosques, promovido polas Nacións Unidas e celebrado cada 21 de marzo, co propósito de destacar o papel esencial dos bosques na loita contra o cambio climático, na protección da biodiversidade e no desenvolvemento sostible. Ambas datas comparten unha mesma finalidade: promover unha maior conciencia social sobre a importancia de preservar e xestionar de forma responsable os recursos naturais. Ambas datas constitúen unha oportunidade para reforzar valores como o respecto polo medio ambiente, a sustentabilidade e a responsabilidade colectiva. As árbores e os bosques desempeñan un papel fundamental na mellora da calidade do aire, na regulación do ciclo da auga e na conservación dos ecosistemas, contribuíndo tamén ao benestar das persoas e á calidade de vida nos núcleos urbanos e rurais.

O Concello do Porriño impulsa a mellora integral do entorno do local social do Casal, en Budiño

  • Cunha inversión arredor dos 250.000 euros, O Concello do Porriño mellorará a accesibilidade e a calidade das instalacións e creará un parque infantil e varias zonas axardinadas

O Porriño 21 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño promove un proxecto de actuación integral para a mellora do entorno do local social do Casal, na parroquia de San Salvador de Budiño, co obxectivo de reforzar a calidade do espazo público e fomentar a convivencia veciñal.

A actuación, que xa conta co proxecto redactado e cos permisos correspondentes, desenvolverase sobre unha superficie aproximada de 3.460 metros cadrados nun ámbito estratéxico para a vida social da zona, tradicional punto de encontro, lecer e actividade comunitaria.

Novos espazos de convivencia
O proxecto contempla unha reorganización integral do espazo, priorizando o uso peonil fronte ao tráfico
rodado, que na actualidade xera conflitos en materia de seguridade e accesibilidade. Neste sentido, delimitarase un único vial para a circulación de vehículos, ao tempo que se crearán novas áreas de convivencia máis seguras, accesibles e funcionais.

Entre as principais actuacións inclúense a creación dun parque infantil, a habilitación de novas zonas
axardinadas con especies autóctonas, a mellora da pista deportiva e a adecuación de espazos peonís e de
aparcamento. Así mesmo, prevese a posta en valor de elementos existentes como o palco da música e o
entorno do cruceiro, reforzando o carácter identitario do lugar. “Será poñer en valor este espazo, un antes
e un despois para o entorno do local social do Casal, unha zona con moita vida, cuns veciños que precisan un espazo acorde a historia que ten este lugar, e iso será posible cando rematemos esta actuación”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Integración paisaxística
A intervención aposta por criterios de sustentabilidade ambiental, incrementando a permeabilidade do terreo e favorecendo a xestión eficiente das augas pluviais. Ao mesmo tempo, contribuirá á recuperación da imaxe tradicional do espazo mediante unha integración paisaxística respectuosa coa contorna.

Cun orzamento de execución por contrata de 250.210 euros e un prazo estimado de execución de seis meses, o proxecto responde a unha demanda da veciñanza e permitirá avanzar na mellora da calidade de vida da cidadanía, consolidando este enclave como un referente social e comunitario en Budiño.

 

O Porriño abre o sexto aparcadoiro público gratuíto no centro urbano

  • Súmase aos cinco xa existentes, situados en puntos estratéxicos como as rúas Progreso, Travesía Avelino Villasuso, Pontevedra e Antonio Palacios, consolidando unha rede que contribúe a desconxestionar o tráfico nas vías principais e a facilitar o acceso aos servizos públicos e ao comercio local

O Porriño 21 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño dá un paso máis na transformación do seu modelo de mobilidade urbana coa posta en funcionamento dun novo aparcadoiro público gratuíto no centro da vila, que se converte xa no sexto espazo destas características habilitado nos últimos anos e que entra en funcionamento xa este sábado.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitaba este venres os últimos traballos de acondicionamento deste espazo: unha nova parcela de 3.048,69 metros cadrados nas inmediacións das pistas de tenis, con acceso dende a rúa Fernández Areal, responde a unha necesidade real e crecente da veciñanza: facilitar o estacionamento nunha zona de alta afluencia. O aparcadoiro dará servizo principalmente ás persoas que acudan ao centro de saúde, ao polideportivo municipal, aos xulgados e á Tesourería Xeral da Seguridade Social.

A habilitación deste espazo non só supón unha mellora inmediata na dispoñibilidade de prazas de estacionamento, senón que forma parte dunha estratexia máis ampla orientada a crear unha vila máis accesible, ordenada e sostible. “A combinación de zonas peonís, espazos de lecer e aparcadoiros disuasorios permite avanzar cara a un equilibrio necesario entre mobilidade, actividade económica e calidade de vida”, explica o alcalde.

Lorenzo, destacou que “a colaboración da veciñanza e a disposición das persoas propietarias das parcelas son fundamentais para poder ofrecer solucións eficaces a un dos principais retos urbanos actuais”. Neste sentido, subliñou que o Concello continuará traballando na ampliación deste tipo de infraestruturas, “imprescindibles para acompañar o crecemento e a modernización dos espazos públicos”.

En funcionamento outros cinco

Este novo aparcadoiro súmase aos cinco xa existentes, situados en puntos estratéxicos como as rúas Progreso, Travesía Avelino Villasuso, Pontevedra e Antonio Palacios, consolidando unha rede que contribúe a desconxestionar o tráfico nas vías principais e a facilitar o acceso aos servizos públicos e ao comercio local.

Desde unha perspectiva experta en planificación urbana, iniciativas como esta evidencian unha tendencia clara nas vilas de tamaño medio: apostar por solucións de proximidade, funcionais e de baixo custo que respondan de maneira directa ás necesidades da cidadanía. A creación de aparcadoiros públicos gratuítos, combinada cunha planificación equilibrada do espazo urbano, resulta clave para mellorar a mobilidade, dinamizar a economía local e reforzar a cohesión social.

Coa entrada en funcionamento deste novo espazo, O Porriño reafirma o seu compromiso cun modelo de vila máis moderna, accesible e pensada para as persoas.

O Multiusos de Torneiros acolle novos obradoiros para achegar a tecnoloxía á cidadanía

  • O Concello do Porriño, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, pon en marcha no Multiusos de Torneiros dous novos obradoiros de formación dixital dirixidos á veciñanza en xeral e ás persoas maiores de 60 anos.
  • As actividades desenvolveranse durante o mes de abril en horario de mañá, con continuidade en maio e xuño, e requiren inscrición previa dentro dos prazos establecidos.

Porriño 18 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño continúa reforzando o seu compromiso coa formación tecnolóxica da cidadanía coa posta en marcha de dous novos obradoiros en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios. Estas accións formativas están dirixidas tanto á veciñanza en xeral como, de maneira específica, ás persoas maiores de 60 anos, co obxectivo de reducir a fenda dixital e fomentar o uso seguro e práctico das novas tecnoloxías.

Os cursos desenvolveranse no Multicentro de Torneiros en horario de mañá ao longo do mes de abril, con continuidade prevista durante os meses de maio e xuño.

Por unha banda, impartirase o obradoiro “Apps útiles para a xestión de trámites en internet”, que terá lugar do 13 ao 16 de abril, en horario de 10:00 a 13:00 horas. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente ata o día 24 .

Por outra, está programado o curso “Iniciación ao mundo dixital”, dirixido a maiores de 60 anos, que se desenvolverá do 20 ao 23 de abril no mesmo horario. Neste caso, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 30 .

Ambas iniciativas ofrecerán formación práctica sobre o uso de internet, administración electrónica, aplicacións móbiles, seguridade dixital e ferramentas de comunicación, facilitando así a autonomía dixital da cidadanía.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia destas accións formativas: “Seguimos apostando por achegar a tecnoloxía a toda a veciñanza, especialmente ás persoas maiores, para que ninguén quede atrás nun mundo cada vez máis dixital. Estes obradoiros non só proporcionan coñecementos, senón tamén confianza e autonomía no uso das ferramentas tecnolóxicas”.

Pola súa banda, a concelleira de Emprego e Formación, Teresa Veloso, subliñou que “a colaboración coa Fundación Cibervoluntarios permítenos ofrecer unha formación de calidade, accesible e adaptada ás necesidades reais da poboación”.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da web www.yoconecto.org,  no teléfono 986 33 82 17 ou tamén a través do correo electrónico administracion@porremprego.org, dentro dos prazos establecidos para cada curso.

Con esta iniciativa, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital e a mellora da calidade de vida da súa cidadanía mediante a formación e o acceso ás novas tecnoloxías.

O Porriño encara a recta final para contar por fin cun auditorio moderno e versátil

  • A obra do futuro auditorio municipal avanza a bo ritmo e permitirá dotar ao Porriño dun espazo escénico de referencia, adaptado ás necesidades actuais da programación cultural e do tecido asociativo local.

Porriño 18 de marzo de 2026.– A obra do futuro auditorio municipal do Porriño foi hoxe escenario da súa primeira visita institucional, na que participaron o alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto con representantes do tecido asociativo local vinculado ao ámbito cultural e diversas academias de música e baile.

O novo auditorio permitirá dotar ao municipio dun espazo moderno, versátil e adaptado ás necesidades actuais. O proxecto contempla unha capacidade de máis de 350 butacas, así como escenario, camerinos e instalacións técnicas axeitadas para acoller múltiples actividades culturais ao longo do ano .

A actuación supón un investimento de preto de 2,8 millóns de euros, cun prazo de execución estimado de vinte meses .

Durante a visita, o alcalde puxo en valor a importancia deste proxecto, cualificándoo como un fito histórico para o Porriño, ao tratarse do primeiro auditorio destas características no municipio e unha resposta a unha demanda histórica da veciñanza.

“Hoxe é un día especialmente significativo para este Concello. Visitamos por primeira vez un auditorio que, ata o de agora, nunca existira no noso municipio”.

O rexedor tamén destacou o impacto que terá esta infraestrutura na vida cultural local, ao ofrecer un espazo estable para o desenvolvemento de actividades e iniciativas impulsadas polo tecido asociativo.

“Nun prazo breve, en menos dun ano, este auditorio estará a disposición de todos os veciños e veciñas, así como das asociacións e colectivos que atoparán aquí un espazo de encontro, cultura e convivencia”.

Lorenzo quixo ademais recoñecer o traballo técnico e profesional que está a facer posible a execución da obra, subliñando a coordinación entre os equipos implicados para garantir o seu correcto desenvolvemento.

O proxecto, segundo explicou, foi resultado dun proceso de análise no que se valoraron diferentes alternativas, tendo en conta condicionantes técnicos, urbanísticos e económicos, ata acadar unha solución que permitirá contar cunha infraestrutura moderna e plenamente integrada no entorno urbano.

O novo auditorio está chamado a converterse nun punto de encontro para asociacións, colectivos e cidadanía en xeral, favorecendo a dinamización cultural do municipio. Neste sentido, desde o Concello destacouse a importancia da implicación do tecido asociativo, que participou nesta primeira visita para coñecer de preto o avance das obras.

Ademais, sinalouse que a evolución dos traballos será especialmente visible nos próximos meses, cun avance significativo que permitirá comezar a visualizar a configuración definitiva do espazo.

Con esta actuación, o Concello do Porriño reafirma a súa aposta pola cultura como eixo fundamental de desenvolvemento, impulsando unha infraestrutura que contribuirá a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a fortalecer a identidade cultural do municipio.

Sergio Rodríguez parte do Porriño con moita forza para disputar o Campionato de Europa Máster en Polonia

  • O atleta, que foi recibido polo alcalde, Alejandro Lorenzo, vén de conseguir dous ouros no Campionato de España Máster 35 de Pista Cuberta.

Porriño 17 de marzo de 2026.– O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, vén de recibir ao deportista Sergio Rodríguez, que vén de acadar dúas medallas de ouro no Campionato de España Máster 35 de Pista Cuberta nas probas de 200 e 400 metros, logrando ademais o récord dos campionatos en ambas probas, ademais da terceira mellor marca española da historia da categoría na proba de 200 m en pista cuberta.

“O motivo desta visita, ademais de felicitalo por estes logros, é desexarlle sorte para Polonia”, explica o rexedor, xa que Sergio- que chegou á casa consistorial cos dous ouros acadados en Antequera- ten agora o reto do Campionato de Europa Master que se celebrará durante a Semana Santa, entre o 28 de marzo e o 2 de abril. Será na cidade de Toruń, que xa acolleu esta mesma proba hai dous anos.

Rodríguez, que aínda que naceu na Guarda leva afincado dende hai anos no Porriño, ten no seu haber xa 19 títulos de campión galego absoluto, así como 41 medallas galegas absolutas, con dous récords absolutos, tanto en 4×100 como en 200 metros. No mes de outubro trouxo ao Porriño xa o subcampionato de Europa Máster 35. Ten conseguido baixar da barreira dos 11” nos 100 metros e facer 21”45 nos 200 metros, o que supón a terceira mellor marca galega absoluta de todos os tempos. Saltou máis dos 7 metros en salto de lonxitude.

“Sergio é un exemplo no mundo do deporte e estou seguro de que acadará grandes logros tamén no europeo. Estamos orgullosos de que leve o nome do Porriño alí onde vai”.

Adxudicadas as obras que mellorarán a rede de sameamento en Budiño

  • O investimento nesta actuación sitúase arredor dos 180.000 euros, consolidando unha mellora significativa das infraestruturas hidráulicas na parroquia de Budiño.

Porriño 17 de marzo de 2026.– O Comité Directivo do Consorcio de Augas do Louro aprobou a adxudicación das obras do proxecto Bombeo en Budiño, no concello do Porriño, tras o proceso de licitación e a proposta formulada pola Mesa de Contratación, dando así un paso decisivo para executar unha actuación destinada a mellorar a rede de saneamento nesta parroquia e moi demandada pola veciñanza.

As obras terán como obxectivo completar a rede de saneamento existente, permitindo conectar á rede xeral as vivendas que actualmente carecen deste servizo básico, das que se beneficiarán un total de 25 vivendas. En concreto, o proxecto contempla a execución de novos colectores de PVC de distintos diámetros, cunha lonxitude total próxima aos 190 metros, así como a construción dun pozo de bombeo e unha condución de impulsión duns 292 metros que permitirá transportar as augas residuais ata a rede xa existente. O sistema contará con dúas bombas que funcionarán de maneira alterna, garantindo a continuidade do servizo e un funcionamento eficiente da infraestrutura.

Esta actuación enmárcase no desenvolvemento do Plan Director da rede de saneamento do Porriño, presentado en xuño de 2022, que establece a planificación técnica, financeira e temporal para a execución integral das actuacións necesarias no conxunto do municipio, identificando con precisión os tramos pendentes, as vivendas sen conexión e os investimentos necesarios en cada parroquia.

O Concello continúa avanzando na planificación e execución de investimentos estratéxicos, prestando especial atención ás necesidades reais das parroquias. Neste contexto, resulta imprescindible priorizar actuacións que garantan a mellora da calidade de vida da veciñanza, sendo o saneamento unha infraestrutura básica e urxente.

A extensión e modernización da rede de saneamento non só responde a unha demanda histórica, senón que constitúe unha intervención prioritaria desde o punto de vista sanitario, ambiental e de equilibrio territorial. Dotar a todas as parroquias deste servizo esencial é clave para evitar desigualdades, protexer os recursos naturais e favorecer un desenvolvemento sostible.

Por iso, o Concello mantén o seu compromiso firme de seguir impulsando investimentos prioritarios, situando o saneamento como unha actuación de máxima urxencia dentro da súa folla de ruta.

O alcalde do Porriño e presidente do Consorcio de Augas do Louro, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta actuación: “Estamos a dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza de Budiño, garantindo un servizo básico como é o saneamento e mellorando a calidade ambiental da contorna”.

Así mesmo, subliñou que: “Este investimento reflicte o compromiso do Consorcio coa mellora das infraestruturas hidráulicas e coa protección dos nosos recursos naturais, avanzando cara a un territorio máis sostible”.

Segundo as previsións, as obras poderán iniciarse nun prazo aproximado dun mes, unha vez completados os trámites administrativos previos á formalización do contrato. O prazo estimado de execución da actuación é de tres meses, tras os cales Budiño contará cun sistema de saneamento máis eficiente e adaptado ás necesidades actuais.

Con esta intervención, o Consorcio de Augas do Louro continúa impulsando actuacións destinadas a mellorar a rede de saneamento nos concellos integrantes, reforzando a calidade de vida da cidadanía e a protección do medio ambiente.

O Porriño pecha 2025 co maior superavit da historia: 7,46 millóns, con 11,5 millóns de remanente e sen facturas pendentes

  • O documento de liquidación orzamentaria ratifica a solvencia do Concello, que reduce o pago a provedores de 501 días en 2021 a un mínimo histórico de 38 días e elimina por completo as facturas sen aplicación orzamentaria.

Porriño 16 de marzo de 2026.– O Concello do Porriño presentou hoxe os datos oficiais da liquidación do orzamento do exercicio 2025, unhas cifras que o alcalde, Alejandro Lorenzo, definiu como “as contas máis saneadas e co maior superávit da súa historia”, destacando que con elas “cumprimos co compromiso que asumimos ao comezo deste mandato cos porriñeses e as porriñesas. Así, segundo o informe de Intervención que o rexedor fixo público, a administración local pechou o ano cun resultado orzamentario axustado positivo de 7.464.037,45 €, o que supón o maior superávit rexistrado na historia do municipio.

Xunto a este fito, o remanente de tesourería para gastos xerais situouse en 11.200.917,91 €, unha cifra que foi medrando de forma constante desde os 4,5 millóns que se rexistraban en 2021, ascendendo coa xestión do actual goberno municipal, a 9,5  no 2022; 10,8 no 2023; 10,6 no 2024 e esa cifra histórica de 11,2 no 2025. Este músculo financeiro compleméntase cunha xestión de pagamentos de máxima eficiencia: o período medio de pago a provedores  caeu ata os 38 días, moi lonxe dos máis de 500 días de demora de hai catro anos.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, valorou estes resultados como o cumprimento dunha promesa fundamental coa cidadanía, lembrando a débeda que se atopou o chegar ao concello: “facturas acumuladas durante anos e mesmo gastos que non se correspondían cos prezos de mercado nin tiñan a validez que deberían ter”. Así, o concello do Porriño, lembrou, conseguira un fito histórico xa no ano 2025: deixar a cero todas esas facturas pendentes de exercicios anteriores. “Foi un paso fundamental para ordenar a situación económica do Concello. Pero hoxe podemos dicir algo máis importante aínda. Logo de anos de traballo, de xestión responsable, eficiente e rigorosa, o Porriño pecha o exercicio cun superávit de 7,46 millóns de euros e cun remanente de 11,2 millóns de euros”, recalcando que “é o maior superávit da historia do noso concello.”

Amortización de débeda

A excelente situación de liquidez permitirá ao Goberno local facer fronte a obrigas herdadas sen comprometer a estabilidade futura. O alcalde destacou que este superávit permitirá amortizar o crédito das facturas pendentes do anterior goberno, que ascende a 2,7 millóns de euros, ademais de devolver outros 2,7 millóns cuxa veracidade non puido ser acreditada. “todo gracias a esta boa xestión”.

O municipio cos impostos máis baixos

“Hoxe O Porriño é un exemplo de que se pode xestionar con rigor mantendo unha presión fiscal contida”, apuntou Lourenzo, quen destacou que o municipio conta cos impostos máis baixos de toda Galicia e que esa seguirá sendo a referencia do goberno local. “É algo do que tamén podemos presumir: O Porriño é o concello cos impostos máis baixos de Galicia. Esa segue sendo a nosa aposta: manter unhas contas saneadas, con superávit, e unha presión fiscal moderada para as familias e as empresas, porque estamos convencidos de que esa é a mellor maneira de seguir facendo avanzar O Porriño”.

A liquidación tamén reflicte que a débeda viva a longo prazo reduciuse ata os 2,7 millóns de euros, mentres que a débeda a curto prazo mantense en cero, consolidando ao Porriño como un referente de estabilidade financeira na provincia.

CIFRAS CLAVE DO DOCUMENTO

Remanente de Tesourería

O Remanente de Tesourería para Gastos Xerais axustado sitúase en 11.200.917,91 euros no exercicio 2025, fronte aos 4.498.268,75 euros de 2021, tras unha evolución condicionada polo proceso de regularización das obrigas pendentes e pola aplicación do mecanismo de financiamento anteriormente mencionado. O resultado obtido en 2025 constitúe o valor máis elevado da serie da historia, reflectindo a consolidación da situación financeira tras o proceso de regularización contable desenvolvido nos exercicios anteriores.

Evolución:

2022: 9,5 millóns €

2023: 10,8 millóns €

2024: 10,6 millóns €

2025: 11,2 millóns €

Débeda  a longo prazo

En relación coa débeda a longo prazo, obsérvase un incremento nos exercicios 2022 e 2023, pasando de inexistente en 2021 a 769.365,71 euros en 2022 e 2.978.803,75 euros en 2023. Este incremento deriva da concertación dos préstamos ICO correspondentes ao mecanismo estatal de pago a provedores, de aplicación obrigatoria para o Concello do Porriño debido ao volume de obrigas pendentes de aplicar ao orzamento existente nese momento, asociadas principalmente a gastos correspondentes a exercicios anteriores ao 2021, pendentes de imputación orzamentaria.

Período de pago a provedores

Respecto ao período medio de pago a provedores, obsérvase unha evolución moi favorable ao longo do período analizado. Desde valores moi elevados nos exercicios 2021 e 2022 (501,13 e 456,89 días respectivamente), prodúcese unha redución moi significativa a partir de 2023 (42,81 días), manténdose en niveis claramente inferiores nos exercicios seguintes (63,72 días en 2024 e 37,95 días en 2025, o valor máis baixo da serie analizada), situándose xa en niveis próximos aos prazos establecidos pola normativa de morosidade.

Sen obrigas pendentes

Polo que se refire ás obrigas pendentes de aplicar ao orzamento (conta 413), prodúcese unha redución progresiva ao longo do período analizado, pasando de 5.496.979,19 euros en 2021 a 0,00 euros no exercicio 2025, no que queda definitivamente cancelado o saldo desta conta. Esta evolución está vinculada, en gran medida, á aplicación do mecanismo de pago a provedores e ás actuacións de regularización e depuración contable realizadas nos exercicios posteriores.

Un Concello cos impostos máis baixos de Galicia, apostando pola xente e polas empresas, sen aumentar a presión fiscal.

Ese é o noso modelo: un Concello que xestiona con responsabilidade para poder investir máis onde realmente importa, por iso aprobar un novo orzamento que incremente o gasto social, que nos permita eliminar definitivamente préstamos de pagamentos de exercicios anteriores e que reforzará tamén as subvencións para melloras nas parroquias e no casco urbano.

Pero, sobre todo, será un orzamento pensado para o futuro: con plans e investimentos que impulsen a xeración de emprego e o desenvolvemento económico do Porriño.

Porque a nosa prioridade é clara: contas saneadas, máis investimento na xente e máis oportunidades para vivir, traballar e emprender no Porriño.

Aviso de suspensión temporal do subministro de auga

O Porriño, 16 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño informa á veciñanza dunha suspensión temporal do subministro de auga debido á realización de traballos de mantemento na rede.

  • Data: 16 de marzo de 2026
  • Hora de inicio: 09:30 h
  • Hora prevista de finalización: 12:30 h

Zonas afectadas:

  • Rúa Pinar
  • Rúa Cruceiro
  • Antonio Palacios

Dende o Concello do Porriño pedimos desculpas polas molestias ocasionadas e agradecemos a comprensión da veciñanza.

O Porriño acolle a presentación da biografía do empresario José Fernández López

  • A obra, galardoada co XXI Premio LID de Biografía Empresarial, reconstrúe a traxectoria dun empresario discreto pero decisivo, cuxa pegada segue presente décadas despois.

Porriño 13 de marzo de 2026.- A sala de Comunicacións do Concello do Porriño acolleu este venres a presentación do libro “José Fernández López. Un empresario sin miedo al riesgo”, da xornalista Marisa Gallero, unha biografía que recupera a traxectoria dun dos empresarios galegos máis influentes do século XX.

No acto participaron a propia autora; José María Fernández Sousa-Faro, fillo do biografiado; e o xornalista Bieito Rubido, director de El Debate. Ao encontro asistiron tamén representantes de empresas vinculadas á traxectoria empresarial de Fernández López, así como veciños e persoas interesadas na historia económica e empresarial de Galicia.

A obra percorre a vida dun empresario que destacou pola súa capacidade emprendedora e pola súa aposta pola innovación e polo desenvolvemento industrial. Fernández López estivo detrás de iniciativas que marcaron a evolución da industria española, participando na creación e impulso de compañías como Zeltia, Transfesa ou Pescanova, entre outras.

A obra, galardoada co XXI Premio LID de Biografía Empresarial, reconstrúe a traxectoria dun empresario discreto pero decisivo, cuxa pegada segue presente décadas despois.

Durante o acto, Bieito Rubido mantivo unha conversa coa autora na que repasaron os principais episodios da vida e da carreira empresarial de Fernández López, así como o contexto histórico no que desenvolveu os seus proxectos.

A clausura correu a cargo do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quen destacou o papel do empresario no desenvolvemento industrial de Galicia e a súa ligazón coa vila.

“José Fernández López foi un exemplo de visión empresarial e de capacidade para asumir riscos. A súa traxectoria demostra que desde Galicia tamén se poden impulsar proxectos que transforman a economía”, sinalou.

O rexedor puxo en valor a importancia de lembrar figuras que contribuíron ao progreso económico e social e destacou que obras como esta permiten achegar ao público a historia de empresarios que deixaron unha fonda pegada no desenvolvemento industrial da nosa comunidade.