A Biblioteca Municipal organiza un “faladoiro” sobre Carlos Casares

A Biblioteca Municipal organiza este luns, día 10 de abril, un ‘faladoiro’ sobre o protagonista do ‘Día das Letras Galegas 2017’, Carlos Casares, a cargo de Gustavo A. Garrido, amigo secretario da fundación que leva o nome do escritor

Dentro das actividades que impulsa a Biblioteca Municipal do Porriño, o seu club de lectura, que se reúne os luns, propón para o vindeiro día 10 un acto especial, aberto a todo o público.

Dado que este 2017 está adicado ao escritor ourensán Carlos Casares, que é o autor protagonista do Día das Letras Galegas, a Biblioteca Municipal segue mergullada na lectura de varias obras desta figura senlleira da nosa literatura, en concreto das súas novelas ‘O sol do verán’, ‘Vento ferido’ e’ Ilustrísima’.

Por tal motivo, organiza un faladoiro sobre a figura e a obra de Casares, no que contará coa participación do secretario da Fundación Carlos Casares, Gustavo A. Garrido que estará Porriño para compartir os seus coñecementos profesionais e persoais sobre Casares, do que ademais dun experto na súa obra, foi un grande amigo.

Esta actividade desenvolverase o vindeiro día 10, na Biblioteca do Porriño, entre as 6 e media e as 8 da tarde.

Día Internacional do Pobo Xitano

Eva García de la Torre participa nos actos de celebración do ‘Día Internacional do Pobo Xitano’ e pon a O Porriño de exemplo de convivencia plena, dende hai décadas, entre paios e xitanos

A alcaldesa, acompañada polas concelleiras de Educación, Lourdes Moure, e Igualdade, Soledad Girón, participou este venres no CEIP da Ribeira, en Torneiros, na celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, que se celebra en todo o mundo o 8 de abril.

Este día lembra o Primeiro Congreso Mundial Romaní-Xitano que tivo lugar en Londres el 8 de abril de 1971 e no que se instituíu a bandeira e o himno xitano.

A bandeira é verde e azul-simbolizando o ceo e o campo- cunha roda de carro, vermella, no centro, que representa o camiño dende a India cara a liberdade. O himno xitano, ‘Gelem, gelem’ (Andive, andive), foi composto polo autor Jarko Jovanovic en homenaxe ás xitanas e xitanos asasinados polo nazismo.

A finalidade desta data, como subliñou Eva García de la Torre, ten que ser facer que sexa verdade o fin dos prexuízos existentes cara a poboación xitana, coñecendo a súa realidade para chegar a unha convivencia plena.

A alcaldesa, que gozou dos actos organizados no CEIP da Ribeira, sumándose aos bailes e actividades programadas, puxo ao Porriño coma exemplo desa convivencia en harmonía entre paios e xitanos “unha convivencia que é algo natural dende hai décadas e da que podemos presumir, da que estamos satisfeitos e da que debemos estar moi orgullosos”.

Eva García de la Torre sinalou coma unha clara realidade deste feito o CEIP da Ribeira onde “a tradición e os costumes xitanos se incorporan á formación de todas as alumnas e alumnos do centro”, como se pode ver na participación neste acto e na exposición aberta sobre a historia e o patrimonio cultural do pobo xitano.

 
 
 

X Carreira da Igualdade

280 alumnas e alumnos, pais, nais e profesores do IES Pino Manso disputaron este venres pasado a ‘X Carreira da Igualdade’ sobre un circuito urbano de 2,2 quilómetros

280 integrantes do IES Pino Manso disputaron este venres a X edición da ‘Carreira da Igualdade’ organizada pola Departamento de Educación Física do centro, cunha importantísima vinculación nesta ocasión da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) e a colaboración das concellerías de Educación e Seguridade, dirixidas por Lourdes Moure, Deportes, a cargo de Manuel Carrera, e Igualdade, á fronte da cal está Soledad Girón e que nesta edición ven de aportar as camisetas que levaban postas todas e todos os participantes.

Un ano máis preto de 300 alumnas e alumnos, pais, nais e profesores do Pino Manso percorreron un circuíto urbano polas inmediacións do centro sobre unha distancia de 2,2 quilómetros coa finalidade de facer visible e lembrar que están a prol da igualdade e que rexeitan calquera tipo de discriminación por razón de sexo.

Coma indicou a concelleira de Educación, o feito de que toda a sociedade estea representada nesta proba, profesoras e profesores, alumnas e alumnos, nais e pais, responsábeis dos organismos institucionais, coma o Concello, axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil, “amosa que a sociedade xa decidiu a que a igualdade sexa o seu xeito de vida e que as oportunidades teñan que ver so coa capacidade e non con ningunha outra condición”.

 
 

A alcaldesa da o primeiro paso para licitar as comunicacións do Concello

A alcaldesa da o primeiro paso para licitar as comunicacións do Concello e “pasar de ter o servidor nun váter a dispoñer duns sistema que resposte ás necesidades das veciñas e veciños do Porriño”

Eva García de la Torre mantivo unha xuntanza con responsábeis de distintas áreas do eido das telecomunicacións coma primeiro paso de cara a sacar a licitación as comunicacións do Concello, tanto de sistemas informáticos, datos e voz.

Neste momento o Concello, sinala Eva García de la Torre, “carece dunha infraestrutura informática fiable que se adapte as necesidades das novas redes de comunicación”, por iso, de xeito paralelo a mellora do portal web municipal, que permitirá implantar servizos coma a Administración Dixital, tanto co propio Concello coma con organismos coma o Consorcio de Augas do Louro, “necesitamos crear unha ‘autoestrada’ que permita que estes servizos poidan ser prestados de xeito sólido,seguro e inmediato e sen agardas para as veciñas e veciños”.

Ese horizonte tecnolóxico, subliña a alcaldesa “deberá axustarse ás novidades e aos adiantos que se impoñan”, da aí esta xuntanza con estes especialistas que, logo de rematar un estudo sobre das necesidades que ten a administración local, fixeron unha formulación para “poñer ao Concello do Porriño no século XXI”.

A licitación ten coma finalidade “dotarnos de fibra óptica, dispoñer dunha banda, dun caudal que permita a transmisión e recepción de datos con axilidade, de cara a acabar cos trámites físicos, e funcionar coas todas ferramentas ofimáticas necesarias en un entorno de traballo seguro, sen que haxa filtracións ou fugas de información”.

O obxectivo final é ter un sistema moderno, seguro e rápido que facilite ás xestións ás porriñesas e porriñeses, o cal suporá unha “licitación complexa e cun custo considerable pero que deixará postas as bases do que serán as bases tecnolóxicas da Administración Municipal durante os vindeiros 15 anos”.

A alcaldesa subliña que con esta iniciativa vaise pasar de “ter o servidor encima dun váter a dispor una infraestrutura acorde cos tempos actuais, ás necesidades dos veciños e ás exixencias da administración dixital”.

 
 

Entrega de medallas na 2ª Etapa da Liga Amateur FSV de Velocidade de patinaxe en liña

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes do Porriño, Manuel Carrera, entregou este domingo, día 2,as medallas ás e os participantes na 2ª Etapa da Liga Amateur FSV de Velocidade, desputada no Circuito de Torneiros.

Ducias de deportistas e amantes do patín en liña, disfrutaron dende as 11 da mañá da experiencia de patinar neste circuito nunha xornada organizada polo Clube FSV, que contou coa colaboración do Concello de O Porriño e do Centro Cultural Alba.

Especialistas debatirán sobre as asociacións de nais e pais (ANPAS)

Este martes, día 4, especialistas no eido educativo debatirán no Porriño sobre as asiciacións de nais e pais (ANPAS) e as competencias e convivencia na Educación

Este martes, día 4 de abril, ás 7 da tarde no Salón de Plenos do Concello do Porriño, a Concellería de Educación organiza unha xornada na que se debaterá sobre a comunidade educativa, con especial atención ás Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) e as federacións das mesmas; tamén se reflexionará sobre as Competencias e a Convivencia no eido da Educación e se abrirá unha quenda de intervencións entre os asistentes.

Esta xornada, presentada pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, e a voceira municipal do Grupo de Non Adscritos, María Sabela Landín, está dirixida a nais, país, Mestres, educadores e persoas vencelladas á Educación Pública e á Integración.

Na mesma intervirán Bertila Fernández Pérez, voceira da Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de Alumnos (FOANPAS), e Antonio Vázquez Vázquez, vicepresidente do Consello Escolar Municipal de Vigo.