O Goberno local vén de convocar, un por un, ás  veciñas e veciños do Contrasto afectados pola presenza de lindano a unha xuntanza con técnicos das consellerías de Sanidade e Medio Ambiente, no Salón de Plenos do Concello o vindeiro luns, día 19, ás 6 da tarde.

Nesta xuntanza, que se realiza logo de que a alcaldesa mantivese unha reunión en Santiago, o pasado luns, día 12, con responsábeis das dúas consellerías, os especialistas de Sanidade e Medio Ambiente do Goberno de Galicia, que é quen ten a competencia exclusiva no tratamento e resolución da contaminación por lindano, informarán aos veciños das xestións que están a realizar para solucionar esta situación.

Antes da dar explicacións ás veciñas e veciños de Torneiros, os técnicos manterán unha xuntanza coa alcaldesa e os voceiros dos grupos municipais e na mesma, Eva García de la Torre reiterará a demanda que ven de facer a Corporación do Porriño dende hai meses, “que non é outra que a esixencia de que a Xunta de Galicia, que ten a competencia exclusiva nesta situación, asuma os custes da des-contaminación”.

Neste senso, a alcaldesa lembra que, ata hoxe, “en todo o que se refire á contaminación por lindano a iniciativa foi sempre, dende o primeiro día, do Concello do Porriño”: foi o Concello quen informou-primeiro aos veciños e logo a todos os medios de comunicación- da presenza de lindano; foi o Goberno local quen solicitou a primeira reunión con responsábeis e técnicos da Xunta de Galicia, xuntanza que se levou a cabo o 27 de outubro pasado en Compostela, coa presenza da alcaldesa; foi o Concello a que convocou a todas e todos os veciños do barrio do Contrasto a unha primeira xuntanza conxunta o 8 de novembro e, 9 días despois, a unha  segunda reunión, no Salón de Plenos do Concello, con técnicos da Xunta;  foi o Concello quen fixo chegar, hai meses, auga en garrafas a cada unha das casas do Contrasto que so tiñan subministro de auga de pozo, auga, necesaria para poder beber e cociñar, subministro que continúa na actualidade.

Foi o Concello o que, o día 25 de novembro, colocou nas vivendas afectadas depósitos de 1.000 litros de auga-nalgún caso ata dous-con motores que garanten a súa chegada ás casas; foi o Goberno local quen, dende o 4 de decembro pasado, ten xa un proxecto para levar a rede municipal de saneamento a todas e cada unha das casas afectadas polo lindano, unha obra orzamentada en máis de 350.000€, que asumirá na súa totalidade o Concello do Porriño, sen axuda algunha Xunta.

Foi a Xunta de Voceiros o órgano que, como aprobara o Pleno do Concello, aprobou a constitución da ‘Comisión de Seguimento do Lindano’; foi o Goberno municipal quen  contratou os servizos dunha empresa especializada en tratamento da terra na que apareceron restos de lindano, “seguindo as indicacións, criterios e normas do Servizo de Xestión de Residuos e da Administración Autonómica”; o pasado 21 de decembro, a alcaldesa mantivo unha reunión en Vigo con 11 técnicos e responsábeis das consellerías de Medio Ambiente e Sanidade do Goberno de Galicia para dar conta, “moi polo miúdo”, das accións emprendidas polo Concello.

Ata o día de hoxe, o Concello do Porriño, é única administración que vén de destinar orzamentos e tomar medidas concretas, avaliábeis e demostrábeis, con accións e datas exactas e rexistradas, para protexer á saúde das veciñas e veciños.

Neste tempo, o Concello recibiu información das accións que tiña previsto impulsar a Xunta de Galicia, que ata o día de hoxe non se plasmaron noutro acto que a toma de mostras no Contrasto, sendo o Concello do Porriño, de novo, quen asumiu a totalidade dos gastos tanto das catas previas coma das obras de levantado do pavimento para poder tomar as devanditas mostras, sen que a Goberno de Galicia asumise o pago de un so euro, maila “que, hai que reiterar, é quen ten a competencia absoluta e exclusiva nesta materia” .