Aberto o prazo para inscribirse nas actividades que ofrece, de balde, a Biblioteca Municipal do Porriño

A Biblioteca Municipal do Porriño segue a súa programación de cursos e actividades para 2017, co obxectivo de que a mesma siga a ser un espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social e un servizo público de importancia na sociedade actual.

Con esta finalidade, vense de abrir as inscricións para cursos e actividades de balde-con prazas limitadas- nas que teñen prioridade as persoas empadroadas no Porriño.

As mesmas son:  Club de lectura de adultos, que terá lugar luns alternos de 6 e media a 8 da tarde; Club de Lectura Infantil, para rapazas e rapaces de entre 8 e 12 anos, que será os venres alternos de 6 e a 7 e media da tarde;  Grupo de Conversa en alemán, os martes entre as 18:30 y las 19:30. Este grupo non precisa inscrición previa; Grupo de Conversa en inglés, os martes entre as 18:00 e 19:00 h. (nivel básico)  entre as 19:15 e 20:15 h. (nivel medio).

Alfabetización dixital, os mércores de 10 a 11 e media da mañá. Está pensado para adultos con coñecementos moi básico sobre o uso de ordenadores; Fotografía Dixital, para iniciarse neste mundo e mellorar a técnica: os venres 20 e 27 de outubro de 5 a 8 da tarde.

As persoas interesadas poden dirixirse á propia Biblioteca Municipal ou entrar na súa páxina web: https://bibliotecadoporrino.com/.

O Goberno Local inicia os traballos de asfaltado e conexión á rede municipal de saneamento no barrio da Costeira-Mosende

A concellería de Vías  e Obras, que dirixe Manuel Carrera, ven de iniciar traballos de asfaltado e de conexión á rede de saneamento  no barrio da Costeira- Mosende, cun orzamento de 60.440€, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

O concelleiro subliña que “na Costeira era necesario realizar un asfaltado urxente das vías e decidiuse  dotar, previamente, ás casas da zona do servizo de saneamento”.

Cando finalicen as obras, nun prazo aproximado dun mes e medio, 15 familias poderán conectarse directamente aos colectores do Consorcio do Louro.  Pola súa banda, indica Manuel Carrera, a mellora das estradas suporá a renovación de 2.000 metros cadrados de asfalto, ademais do pintado e sinalización vertical dos  mesmos.

Hai que lembrar que so no último mes, o Goberno Local  puxo en marcha, con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o labor de conexión á rede de saneamento na  Costeira-Mosende,  Albarín-Atios e A Pereira-Contrasto, “que permitirán que un total de 75 vivendas estean unidas á rede municipal”.

Festas en Carracido en honra á Virxe dos Milagros

Carracido celebra os vindeiros sábado, domingo e luns, días 2, 3 e 4 de setembro, a Festa en Honra á Virxe dos Milagros.

Durante eses días os asistentes poderán goar das actuacións de Alabama Show, Nievla, o concertó da Banda de Música Xuvenil de Torroso, os grupos Costa Blanca e Nostalgias, a Banda de Música Municipal de Redondela, ademáis de Gram Casino e Trovadores.

A programación completarase con verbenas e xogos para nenas e nenos.

Aumenta, un ano máis, o número de peregrinos que durmiron no albergue do Porriño: 3.154 ata xullo, 464 máis que en 2016

Nos primeiros sete meses deste ano durmiron no albergue do Porriño  3.154 peregrinos, 464 máis que nos mesmos meses de 2016, o que sinala un incremento do 17,2% en relación cos 2.695 que estiveran ata xullo do ano pasado.

Xullo, con 833 persoas que pasaron a noite, abril, con 664, xuño, con 658 e maio, con 656, foron os mellores meses, ata hoxe, superando en todos os casos o número de peregrinos a Compostela que pasaran hai un ano.

Estes datos, a falla dos que  faltan ata finais de ano, adiantan que en 2017 superaranse os  5.214 camiñantes que pararon no Porriño en 2016 e que xa superaran  en 386 os de 2015, o que supuxo un incremento do 8% e un feito descoñecido ata entón: un aumento dous anos seguidos no número de persoas que durmiron na vila de camiño a Santiago.

Xa no ano 2015 houbo 1.435 persoas máis que usaran o albergue que no ano anterior, un 42% máis que en 2014, cando atoparan acomodo no albergue 3.393 camiñantes. Isto sinala que en apenas dous anos o uso do mesmo aumentou en 1.821 persoas, un 53,4% máis, unha porcentaxe que, de seguir a progresión actual, podería superar o 70% a finais deste 2017.

A maioría das persoas que chegan ao albergue son españois, fundamentalmente madrileños, andaluces, vascos e cataláns; en segundo lugar, os máis numerosos son os portugueses, seguidos dos alemáns, franceses, británicos e italianos, aínda que chegan nacionais de Xapón, Australia, Estados Unidos, Corea, China, Rusia ou Canadá.

Hai que lembrar que O Porriño ocupa un lugar sobranceiro no ‘Camiño Portugués’ xa que é o final da primeira etapa do itinerario que vai de Tui e Compostela. Por iso, a vila conta, segundo subliña o propio Goberno de Galicia, cun dos albergues máis modernos do país, no Parque do Rubio, con 52 prazas en total e “unha variada oferta de servizos para peregrinos”, entre eles “conexión a Internet, zonas verdes e calefacción, lavandería, comedor ou dereito a cociña”.

As Festas en honra de San Sebastián, os vindeiros días 25, 26 e 27 de agosto, venres, sábado e domingo

A Asociación de Veciños de San Benito e San Sebastián, coa colaboración do Concello do Porriño, organiza os días 25, venres, 26, sábado, e domingo 27 de agosto, as Festas en honra de San Sebastián.

O venres, día 25, Exposición de fotos do Porriño Antigo e, dende as 9 e media, proxección de fotos e Cine na rúa.

O sábado, 26, será o día da Gran Sardiñada-a un prezo de 2,50€ a ración, con pan e bebida- e da Festa da Espuma, a partires das 5 e media da tarde, todo amenizado polo grupo ‘Marena’.

O domingo, 27 de agosto, os actos relixiosos empezarán ao mediodía, seguirá a procesión ata a Capela do Santo, para rematar co reparto de rosca. O punto final chagará, ao son do grupo ‘Sabor’, coa tradicional Queima da Fachada e Fogos Artificiais, ás 11 e media da noite

A Corporación do Porriño convoca unha concentración ás 12 horas en contra do terrorismo e en apoio ás vítimas dos atentados de Barcelona e Cambrils

A Corporación Municipal do Porriño invita ás veciñas e veciños a participar este venres, día 18 de agosto, ás 12:00 h. nunha concentración, diante do Concello, na Praza do Arquitecto Antonio Palacios, para amosar o seu rexeitamento do terrorismo e dar o seu apoio ás vítimas dos atentados de Barcelona e Cambrils, as súas familias e a todo o pobo de Cataluña.

A concelleira de Benestar pecha os Campamentos de Verán do Porriño nos que participaron, dende o mes de xullo, 40 nenas e nenos cada semana

A concelleira de Benestar, Soledad Girón, pechou, coa entrega de diplomas ás cativas e cativos participantes, os Campamentos de Verán do Porriño, que o Concello organizara dende o pasado 3 de xullo, coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Como subliñou a concelleira, o obxectivo destes campamentos é o de “fomentar a conciliación familiar” durante os meses de lecer, impulsar a interacción e a integración entre todos os asistentes aos mesmos.

Nos campamentos, que duraron 6 semanas, e que foron totalmente de balde, participaron, cada semana, 40 nenas e nenos empadroados no Porriño e nados entre os anos 2005 e 2011.

Soledad Girón salienta que durante estas semanas, as rapazas e rapaces desenrolaron diferentes actividades que tiveron moito que ver co respecto á natureza, coa súa conservación e coidado, impulsando acción de reciclaxe.

Así mesmo, outro dos eixos destas semanas de convivencia foi unha “aposta afouta pola igualdade”: a mesma estivo presente en cada unha das propostas que se levaron adiante estes días nos diferentes escenarios polos que foron movéndose ás rapazas e rapaces participantes.

Nas vindeiras festas de Nadal, a Concellería de Benestar volverá a organizar estes campamentos, que durarán 15 días, requiriran aos cativos e cativas os mesmos requisitos que  nestas actividades de verán, e terán o mesmo obxectivo: facilitar a conciliación familiar.