A multinacional “Amazon” comunicou hoxe ó Concello que mañá xoves 17 de outubro vai abrir a súa central loxística en O Porriño. O novo centro de almacenaxe e reparto en Prado-Budiño, dispón da licencia de primeira ocupación que hoxe vén de firmar a Alcaldesa, Eva García.

Como a meirande parte da paquetería chega en transporte nocturno, a maior actividade na nova central loxística será no turno de noite, segundo informaron desde a multinacional ó Concello.

“Amazon” mercou este verán a antiga nave de “Arcelor” para establecer ese novo centro operativo no polígono industrial de Prado-Budiño. Desde agosto reformou a nave preexistente de 1927 metros cadrados construídos dentro dunha superficie total de 4.661 metros cadrados que ten o solar.

Namentres realizou as obras e a través da axencia “Manpower”, realizou a selección de persoal entre centos de curriculums que se presentaron para traballar nesta central loxística.