A Policía Local, en colaboración coa Garda Civil, arresta a un individuo que incumpriu unha orde de afastamento obrigando a súa antiga parellla a esconderse no baño dunha cafetería

Axentes da Policía Local do Porriño, en colaboración con membros da Garda Civil, detiveron este domingo pasado, día 2 de setembro, a C.A.F.C. ,de 29 anos de idade,, polo incumprimento dunha orde de afastamento ditada polo Xulgado do Penal nº 1 de Vigo, segundo sentenza  firme, cometendo este individuo un presunto Delito de  Quebrantamento de Condena.

O detido atopábase preto da súa antiga parella quen tivo que esconderse no baño dunha cafetería do casco urbano do Porriño por medo a sufrir algunha agresión, motivo polo cal presentou a correspondente denuncia contra este suxeito.

O detido foi presentado este luns, día 3 de setembro diante do Xulgado de Primeira Instancia e e Instrución nº 3 do Porriño.

A alcaldesa supervisa o remate dos traballos de recuperación, reforma e mellora da Escola da Galiña Azul, en Torneiros, nos que o Concello investiu máis de 37.000€

A alcaldesa vén de supervisar, persoalmente, o remate dos traballos de reforma e mellora da Escola Infantil A Galiña Azul de Torneiros, que o Concello acometeu cun orzamento de 37.577,53€, con cargo á liquidación do Consorcio Galego de Benestar.

Eva García de la Torre, que estivo acompañada pola concelleira de Educación, Lourdes Moure, comprobou que as obras abrangueron a retirada do perpiaño superior do inmoble, a colocación de novas baixantes, a reparación da caneta posterior e do comedor; a demolición de varios tabiques; a eliminación das filtracións de auga; arranxo oe muro de contención do xardín de xogos; substitución do pavimento; colocación dun novo pechamento metálico na entrada; amaño do xardín e o céspede; substitución dos zócolos; reparación de   xogos, elementos e bambáns; pintado das varandas, selado de fiestras ou a limpeza das fachadas cun tratamento de auga a presión.

A alcaldesa subliñou que a reforma, recuperación e reparación desta gardería era unha demanda “xusta”, longamente solicitada polas veciñas e veciños, país e nais e os responsábeis do centro, “e un compromiso meu, persoal, con eles”, indicou, afirmando que seguirá a demandar ao Goberno de Galicia a creación dunha nova gardería no Porriño, “porque  na Xunta saben perfectamente que somos o concello no que máis nenas e nenos nacen na provincia de Pontevedra e o segundo en crecemento vexetativo de toda Galicia”.

A alcaldesa e a presidenta de ADIF empezan a traballar nun proxecto para que o tren deixe de pasar polo centro do Porriño

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, mantivo este venres unha xuntanza en Madrid coa presidenta da ADIF, a Isabel Pardo de Vera, a petición dela, para retomar o proxecto de eliminación do paso a nivel que atravesa o centro da vila.

Na reunión, a alcaldesa reiterou a postura de toda a Corporación porriñesa que considerou inviábel e inaceptábel a construción dun paso soterrado ou elevado para peóns e coincidiu coa responsábel de ADIF en “traballar nun proxecto que conquerirá que o tren deixe de pasar en superficie polo centro do Porriño”.

García de la Torre vén de convocar aos voceiros dos grupos municipais para informarlles desta xuntanza, “da cal saín moi satisfeita e segura de que a eliminación do paso a nivel está máis preto que nunca”, grazas, subliña a alcaldesa, ao cambio no Goberno de España que entende que hai que afrontar con urxencia un problema “que padecemos as porriñesas e porriñeses e que pedimos que se solucione dende 1948, hai xa 70 anos”.

O seguinte paso será o de manter unha reunión de traballo co secretario de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Fomento para fixar que os Presupostos Xerais do Estado para 2019, que o Goberno quere aprobar no mes de novembro, recolla o proxecto de eliminación do paso a nivel e o orzamento necesario para executar-lo.

A alcaldesa informou polo miúdo aos veciños da ‘zona cero’ do Contrasto sobre as medidas de seguridade que estarán vixentes durante as obras do tendido da rede de abastecemento

A alcaldesa, Eva García de la Torre, acompañada do responsable da Policía Local, a enxeñeira xefe da obra e representantes da empresa que fará os traballos da abastecemento na ‘zona cero’ do barrio do Contrasto, mantivo  unha xuntanza cos veciños desta zona, para explicarlles polo miúdo cómo se acometerán os mesmos, cando durarán e qué medidas de seguridade haberá que seguir durante a súa realización.

A obra, que abrangue a colocación das canles de abastecemento nun camiño de 600 metros lineais, estará dividida en tres treitos: o primeiro, de 250 metros, o segundo de 200 e o terceiro de 160 metros, que estarán cortados ao tráfico-agás aos residentes– durante un período de tres semanas, como máximo, que ó que se estima que durarán os traballos.

O avance das obras será de entre 40 e 60 metros ao día e mentres as foxas estean abertas non estará permitido o acceso nin aos veciños, aínda que a empresa comprométese a que os treitos que se abran ao comezo da xornada estean pechados ao final da mesma, de xeito que os residentes desta zona poidan entrar e saír das súas casas, sen risco, a diario.

Para garantir a seguridade, e dado que as altas temperaturas ás que terán que traballar elevan as posibles emisións de lindano, os operarios realizarán vestirán ‘buzos’ e levarán equipos de respiración autónomos; as foxas abertas pecharanse cada día e mentres estean a realizarse as tarefas de tendido da rede de abastecemento as casas deberán ter as portas exteriores e as  fiestras pechadas.

As obras comezarán a principios desta semana, última do mes de agosto, ás 8 da mañá de cada día; nos primeiros 250 metros de actuación está previsto un avance diario de 60 metros, con tres acometidas, tendo en conta que os  traballos poden verse limitados pola existencia doutros servizos soterrados, como os de telefonía ou electricidade, a accesibilidade veciñal e a exposición dos equipos de respiración autónoma.

O Concello informa este venres, día 24, aos veciños do Contrasto sobre a realización das obras de abastecemento na ‘zona cero’, na que hai meses apereceron refugallos de lindano

O Concello  vai comezar as obras de abastecemento  na ‘zona cero’  do Contrasto, en Torneiros, onde hai meses aparecerán refugallos de lindano, motivo polo cal este mércores, a alcaldesa, Eva García de la Torre, mantivo unha xuntanza, no mesmo lugar, con representantes da empresa que vai realizar os traballos, a enxeñeira encargada, o director de obra, o coordinador de  seguridade e saúde da obra, un técnico do Consorcio de Augas do Louro e o xefe da Policía Local.

Na xuntanza expuxéronse as medidas  que está previsto adoitar para protexer aos traballadores e aos veciños do Contrasto durante a realización dos traballos, que vanse a desenrolar por treitos e que abranguen, ademais da protección das persoas máis achegadas ás obras, o corte do tráfico.

Estímase que os traballos estean rematados en tres semanas, tempo durante o cal estará cortado o tráfico nesta zona, así mesmo, o venres, día 24, tampouco haberá subministro de auga entre as 4 e as 7 da tarde na Urbanización San Rafael, A Relba e Mota-Noval.

Coa finalidade de informar, polo miúdo, ás veciñas e veciños, este venres, día 24, ás  7 da tarde, no Centro Cultural de Torneiros, haberá unha xuntanza na que se indicarán qué medidas deben de adoitar durante o tempo de duración deste treito final da acometida.

A Axencia Galega de Sangue, que volve a semana que ven ao Porriño, agradece ás veciñas e veciños a súa solidariedade

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), vén de agradecer ás veciñas e veciños do Porriño, nunha carta enviada á alcaldesa, a súa “contribución e compromiso sincero” durante os pasados días 26, 17 e 28 de xullo no que 136 persoas achegáronse a facer doacións de sangue á unidade móbil da Axencia.

Esta mesma unidade estará no Porriño, de novo, o vindeiro venres, 31 de agosto – de 10 da mañá a 2 da tarde e de 4 da tarde a 9 da noite- e o sábado, día 1 de setembro, de 10 da mañá a 3 da tarde, diante da Cafetería Scala, en Domingo Bueno.

Sobre a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), que integra o traballo do Centro de Transfusión de Galicia, subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia.

Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e conservación. Establécese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

Aberto o prazo de inscrición para os ‘Obradoiros de Emprego Porriño Social’

A Concellería de Formación e Emprego do Porriño, que dirixe Soledad Girón, vén de abrir ata o vindeiro luns, día 27, incluido, o prazo de inscrición para os cursos de ‘Atención Socio-sanitaria a persoas no domicilio’ (SSCS01ET, código 340 ou 320), e ‘Atención socio-sanitaria a persoas en institucións sociais’ (SSCS11ET Código 340 ou 320), dentro dos ‘Obradoiros de Emprego Porriño Social’.

As persoas interesadas en participar nos mesmos deberán acreditar estar graduadas en Ensino Secundario Obrigatorio (ESO)ou Competencias clave nivel 2, e ser menores de 30 anos de idade e para solicitar a súa inclusión nos mesmos deben dirixise á oficina do Servizo Galego de Emprego (antigo INEM) do Porriño.

Terán prioridade as aquelas persoas que soliciten un dos devanditos cursos e as que sexan seleccionadas  asinarán un contrato de traballo en formación, retribuido, durante un periodo de seis meses.

Publicadas as Bases de funcionamento dos postos de venda das Festas do Cristo deste 2018

O Concello vén de publicar as ‘Bases de funcionamento dos postos de venda das Festas do Cristo que teñen prevista a súa celebraciçon os días 21, 22, 23, 24, 28, 29 e 30 de setembro.

As mismas son as seguintes:

I.- DE CANDO E DONDE SE CELEBRA

Art. 1.- As festas do Cristo 2018 celebraranse nas datas do 21, 22, 23, 24 e 28, 29 e 30 de setembro do 2018. Os postos de venda poderán estar abertos ao público de 11:00h a 02:00 h. Non se permitirá a apertura de ningún posto na rúa fóra do horario establecido.

Art. 2.- Os postos extenderanse polas seguintes rúas: Pío XII, Domingo Bueno, Avelino Villasuso, Servando Ramilo, Ramiráns, Ramón González, Manuel Rodríguez, Praza Arquitecto Antonio Palacios e barrios de S. Benito e S. Sebastián.

Art. 3.- Non se permitirá o asentamento de ningún posto nin a venda ambulante de ningún producto fóra do recinto establecido pola organización.

II.- DOS POSTOS DE VENDA

Art. 1.- Estableceranse tres clases de postos de venda:

a)  Postos de venda de produtos varios.

  1. b) Postos de degustación e venda de comidas: son aqueles postos de venda de comidas e bebidas. A organización decidirá a distribución dos postos de rosquillas.
  2. c) Establecementos privados: son aqueles establecementos coma tabernas, bares, bodegas, restaurantes, negocios de venda de produtos, con sede social no Porriño, que soliciten asentarse na vía pública diante do seu negocio. A organización só autorizará estes postos no caso de que non precise dese espacio e sempre e cando as condicións da rúa o permitan.

Art. 2.- Os postos de comida que dispoñan de cociñas, bombonas, asadores, parrillas, brasas ou sustancias inflamables deberán estar protexidos, xa que poden supoñer un perigo para as persoas.  Será obrigatorio para estes postos que conten cun extintor homologado, e en bo funcionamento de po seco de 6 k. Deberán tamén contar cun xerador de enerxía propio co fin de poder desenvolver a súa actividade. A organización non se fai responsable dos danos ocasionados por este tipo de instalacións.

Art. 3.- Todos os postos de degustación de comida e bebida deberán cumprir as normas básicas de seguridade e hixiene marcadas pola lei.

Art. 4.- Todas aquelas persoas que persoas que manipulen alimentos ou bebidas estarán en posesión do carné de manipulador/a de alimentos.

Art. 5.- Non se permitirá a reprodución de música fóra do horario establecido pola lei.

III.- DA SOLICITUDE DOS POSTOS DE VENDA

Art. 1.- Inscricións: a solicitude de inscrición poderá descargarse na nosa páxina: https://oporrino.org/ ou ben recollela no Centro Cultural Municipal ou Concello do Porriño, do 29 de agosto ao 10 de setembro, en horario de 09:00 a 14:00 h.

Toda a documentación requerida será entregada no Rexistro do Concello do Porriño do 29 de agosto ao 10 de setembro en horario 09:00 h. a 14:00 h.

Art. 2.- Aceptacións: unha vez cumprimentada a solititude facilitada e presentada a documentación requerida o 11 de setembro procederase a asignación da ubicación do posto; dita responsabilidade quedará a cargo do Concello do Porriño.

Rematado o prazo de inscrición e confirmada a aceptación do posto, os/as interesados/as formalizarán o correspondente  pago de taxas previsto na Ordenanza municipal en vigor no ORAL (Deputación Provincial de Pontevedra).

Queda totalmente prohibido o aluguer ou cesión a terceiros dos postos asignados.

Art. 3.- Taxas: a ordenanza reguladora da taxa por instalación de postos ambulantes situados en terreo públicos así coma industrais estipula a cota de aplicación por posto de venda  de 1,32 € por m2/día. O pago farase no ORAL. Os xustificantes de pago serán entregados no Concello do Porriño do 12 ao 19 de setembro.

Non se admitirá ningún posto sen a debida presentación do xustificante de pago.

IV.- DA MONTAXE DOS POSTOS DE VENDA

Art. 1.-  O horario da montaxe será entre as 08:30 e as 10:00 h.

Art. 2.- Todos os postos han de estar totalmente ubicados e preparados para a hora de comezo das actividades das festas. Non se poderán ampliar os postos con mesas adicionais ou plataformas, toldos, etc.

Art. 3.- Durante o desenvolvemento da festa quedará prohibida a entrada e saída de vehículos non autorizados, así coma a colocación de obstáculos dentro da zona de celebración dos distintos eventos.

Art. 4.- Durante o desenvolvemento das distintas actividades que terán lugar na rúa (concertos, animación, procesión do Santísimo Cristo…) non estarán permitidos obstáculos que poidan impedir o normal transcurso das mesmas.

Art. 5.- Unha vez rematadas as festas, nas noites do luns 24 ao martes 25 de setembro e do domingo 30 de setembro ao luns 1 de outubro todos os postos de venda deberán estar desmontados e o seu recinto limpo.

V.-  DAS MERCANCÍAS

Art. 1.- Queda totalmente prohibida a exposición e presenza de animais vivos.

VI.- DOS VENDEDORES

Art. 2.- A organización así como a Policía Local e Protección Civil do Porriño velará polo estricto e riguroso cumprimento das presentes bases.

A concelleira de Igualdade e Benestar pecha os Campamentos de Verán, que este ano estiveron subvencionados pola Deputación de Pontevedra e nos que participaron 240 nenas e nenos do Porriño

A concelleira de Benestar e Igualdade, Soledad Girón, entregou os diplomas ás nenas e nenos que participaron nos Campamentos de Verán do Concello, este ano. En total, sinala a concelleira, foron 240 participantes que puideron gozar durante 6 semanas de actividades coma xogos, deportes, excursións, ou saídas ao Museo do Mar de Galicia ou á Praia de Alcabre, en Vigo.

Este ano os campamentos, baixo o nome de ‘Leo e as viaxes polo tempo’, estiveron subvencionados pola Deputación de Pontevedra e tiveron coa obxectivo principal, subliña Soledad Girón, “ofrecer unha alternativa de lecer e tempo libre ás nenas e nenos do Porriño durante o verán e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación da vida familiar e laboral ás porriñesas e porriñeses”.

Os campamentos, que se desenrolaron entre o 2 de xullo e o pasado 10 de agosto, estiveron a  abertos a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos de idade– nados entre 2006 e 2013-, que puideron elixir ata 6 quendas distintas: a 1ª.- do 2 ao 6 de xullo; 2ª.- do 9 ao 13 de xullo; 3ª.- do 16 ao 20 de xullo; 4ª.- do 23 ao 27 de xullo; 5ª.- do 30 de xullo ao 3 de agosto e 6ª.- do 6 ao 10 de agosto.

A Concellería de Emprego impulsa, por medio do ‘Plan Porriño Accede’, un ‘Curso de Loxística e carretilla elevadora’ para veciñas e veciños que estean en situación de demandantes de emprego

A Concellería de Formación e Emprego, que dirixe Soledad Girón, impulsa, por medio do ‘Plan Porriño Accede’, un ‘Curso de Loxística e carretilla elevadora’ que ten coma destinatarias a veciñas e veciños do Porriño que sexan demandantes de emprego.

Como sinala a concelleira, o prazo de inscrición para as interesadas e interesados en participar neste curso péchase nas vindeiras semanas, a formación, que será a cargo de especialistas de Maviva, empresa especializada en loxística de automoción que ten sedes en Vigo, Gondomar e O Porriño, abrangue preparación teórica e práctica nas instalacións da mesma.

‘Porriño Accede’

O programa “Porriño Accede” é un programa que pon en marcha o Concello do Porriño, con fondos propios, e que pretende formar e insertar no mercado laboral ás persoas veciñas inscritas como demandantes de emprego, tendo como punto de partida as necesidades de contratación nas empresas.