Se doas sangue o vindeiro venres, día 23, no Porriño podes levar unha camiseta do Celta

ADOS e a Federación Galega de Donantes desenvolven unha campaña informativa do 19 marzo ao 15 de abril entre socios e simpatizantes do Dépor e do Celta en toda Galicia.

Todas as persoas que doen sangue nas 10 unidades móbiles e nos 7 locais de doazón terán o agasallo dunha camiseta solidaria do Dépor ou dunha do Celta durante ese período, ata rematar existencias -5.000 camisetas do Celta e 5.000 do Dépor-.

Estas camisetas do Celta e do Dépor non se poden mercar e soamente pódense obter achegándose a doar sangue nese período.

Hai que lembrar que o vindeiro venres, día 23, unha Unidade Móbil de doazón de sangue estará no Porriño, na rúa Domingo Bueno,-diante da Cafetería “Scala”- dende as 10 da mañá ás 2 e media da tarde e de 4 a 9 da noite.

Non esquezas que para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas; ademáis hai que levar a tarxeta de doador, DNI ou documento semellante e un informe médico se estás a tomar algún medicamento.

Cortes de tráfico no Porriño este domingo, día 18, pola disputa da Interrunning

Este domingo, día 18 de marzo, máis de 2.500 atletas disputarán no Porriño a 12ª Interrunning sobre varios percorridos de lonxitude, que van dos 10 quilómetros, na proba centras, pasando polo 5 quilómetros para os corredores que tomarán a saída na proba popular e circuitos máis curtos para as 200 cativas e cativos inscritos na edición deste ano.

Coa finalidade da garantir a desenrolo da proba e a seguridade dos participantes, a Policía Local do Porriño procederá a cortar ao trafico, dende as 9 e media da mañá e ata a 1 e media da tarde, boa parte das rúa do centro urbano nas que, ademáis, non se poderá aparcar dende as 8 da mañá.

Rúa Cando, Leandro Diz, Ramiranes, e rúa Peña, na que ademaís estará prohibido estacionar; a Avenida de Galicia o carril en dirección a Tui-a Policía Local indica que a parada de autobús sentido Vigo estará habilitada e funcionando-; rúa Domingo Bueno, ata Cruzamento de Rego (prohibido aparcar en toda a rúa), Atios-A Gúia, rúa Xogo da Ola, na que non se poderá estacionar; rúa Manuel Rodríguez, na que non se poderá aparcar dende o cuzamento da Pontenova á Panadería Chinchina; rúa Pío XII, José Fernández López, e rúa San Sebastián,que estará cortada ao trafico dende a Pontenova á fonte.

Este domingo máis de 2.500 corredores tomarán a saída na 12ª Interrunning do Porriño

Máis de 2.500 corredores, dende cativas e cativos de 4 anos, ata atletas de elite tomarán a saída na 12ª edición da Interrunning do Porriño, que percorrerá as rúas do casco urbano dende as 10 da mañá deste domingo, día 18 de marzo.

Na presentación oficial da proba, Fredi Velasco, un dos seus organizadores, adiantou que a carreira romperá, de novo, co seu teito de participantes e confirmará que se trata dunha das citas máis importantes, tanto en Galicia coma no conxunto de España.

Por cuarto ano, a proba está homologada pola Federación Española de Atletismo, “o que supón que as marcas que se obteñan nela estarán rexistradas a nivel nacional e internacional”; nunha edición máis haberá un circuíto de 5 quilómetros, “aberto ao todo o público co fin de facilitar que queira poida achegarse a esta modalidade”-que este ano verá aumentado o número de corredores en máis dun 25%- e, tamén de novo, haberá unha representación de pícaros de menos de 4 anos, “200 en total”, que participarán nas modalidades de  ‘Pitufos’ e ‘Chupetes’.

Como xa é tradicional, a Interrunning colabora con SOS Porriño, hai que lembrar que o ano pasado lograra 4 toneladas de alimentos non perecedoiros e que neste 2018 pide aos participantes que leven  un quilo de produtos de alimentación, especialmente azucre, aceite, leite e cacao.

Coma novidade deste ano, a Interrunning  será transmitida en directo, por streaming –podes seguila premento aquí-e os locais do Porriño poñerán nas súas pantallas a carreira para que os seus clientes poidan seguir a mesma comodamente.

O concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, salientou a importancia que ten a Interrunning e o feito de que o traballo que comezaron hai xa doce anos un grupo de xoves apaixonados polo exercicio físico, sexa hoxe “un exemplo para todos os que amamos  o deporte en todas as súas modalidades”.

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, lembrou que probas como esta “poñen ao Porriño no mapa, tanto no de Galicia coma no nacional” e amosan, dunha banda, o dinamismo e forza do Porriño e,doutra, “que o deporte e os valores que transmiten son esenciais para a formación das persoas”.

Horarios

Os horarios de competición se abrirán ás 10 da mañá coa saída, dende Domingo Bueno dos “Chupetes” –nenas e nenos nados dende 2014-e cadetes –dos anos 2003 e 2004-, que percorrerán distintas distancias; os atletas das restantes categorías, dende xuvenil-nados  en 2001 e 2002-, júnior -1999 e 2000-, Promesa -1996, 1997 e 1998-, ademáis de sénior e veteráns -dende 35 anos- e superveteráns –máis de 46 anos- empezarán a súa proba, na mesma rúa Domingo Bueno, ao redor das 12 menos vinte.

Os dorsais pódense retirar en Intersport Porriño este sábado dende as 10 da mañá ás 8 da tarde, ou o mesmo domingo, día da carreira, de 9 a 11 da mañá, na saída.

A alcaldesa e o concelleiro de Industria transmiten aos membros da directiva da Comunidade de Montes de Atios que o Concello recorrerá a sentenza que declara comunais os terreos ocupados polas canteiras

O Concello recorrerá a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 do Porriño que declara comunais os terreos de monte en Atios ocupados polas canteiras e outras explotacións industriais.

Así transmitíronllo este mércores a alcaldesa, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Urbanismo, Industria, Comercio e Medio Ambiente, Marcelino Coto, aos membros da xunta directiva da Comunidade de Montes de Atios, cos que mantiveron unha xuntanza no Concello.

García de la Torre subliñou nesta reunión que a súa obriga “legal” é a de “defender o patrimonio común de todas as porriñesas e porriñeses e é innegábel que o impacto económico das canteira nótase en todo O Porriño, en Chenlo, Cans, Mosende, Pontellas, Budiño, Torneiros, por suposto en Atios e no casco urbán da vila, e o meu compromiso e o do Goberno local  é o de salvagardar ese patrimonio”.

A este argumento a alcaldesa sumou un máis, o de “garantir a seguridade xurídica” considerando que noutro caso, o da Comunidade de Montes de Budiño, cos mesmos argumentos legais, as resolución xudiciais déronlle a razón ao Concello e, neste caso, “con todo o meu fondo respecto a esta sentenza, non hai un razoamento distinto que xustifique que o Concello actúe doutro xeito”.

Na mesma liña, García de la Torre engadiu que “non estou disposta, asemade, a tomar iniciativa algunha en contra dos informes dos técnicos e dos servizos xurídicos municipais: cometería prevaricación e non vou a incumprir as leis”.

Eva García de la Torre subliñou, por último, que neste caso “quen o seu dereito defende a ninguén ofende” e “non pode considerarse que tomando esta decisión o Concello agreda a ninguén…o recurso non vai contra ninguén”, e como outra proba delo o Goberno local  dará orde de que as rendas que percibe o Concello polo uso dos devanditos terreos sexan consignadas xudicialmente para non incorrer en costas e intereses mentres non haxa una resolución xudicial definitiva.

O Concello pon autobuses ás veciñas e veciños do Porriño que quieran acudir en Vigo á manifestación en Defensa das Pensións

Ata este xoves, día 15, ás 12:00 h., as veciñas e veciñas que quieran desprazarse a Vigo para asistir á manifestación convocada o sábado dia 17, ao mediodía, en Defensa das Pensións Públicas, poden reservar praza de autobús.

O Concello falicitará o desprazamento a aquelas porriñesas e porriñeses que queiran secundar o chamamento feito  pola  Coordinadora pola Defensa do Sistema Público de Pensións e diferentes centrais sindicais, entidades e asociacións.

Lembramos que as persoas interesadas en participar na devandita manifestación, que deben ser veciñas do Porriño, poden anotarse no Concello ata este xoves, día 15, ás 12:00h.

Este xoves, no Centro Cultural Municipal, organizada pola asociacción ‘Levada Libre’ e o Concello do Porriño, conferencia sobre os ‘Vigueses e Porriñeses nos campos de concentración nazis’

Organizadas pola asociación Levada Libre, coa colaboración do Concello do Porriño, este xoves, día 15 de marzo, ás 8 da tarde no Centro Cultural Municipal, rematan as xornadas da “Semana da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña”.

As mesmas abrangueron actos, conferencias e coloquios en Tui, o pasado día 3, Salceda, o pasado xoves, 8, da man do historiados Xosé Álvarez,quen falou sobre la República e o seu sistema educativo, e a ‘reinaguración’ do monumento aos asasinados polo réxime de Franco na ‘Volta da Moura’.

O peche correrá a cargo de María Torres, quen falará dos ‘Vigueses e porriñeses mortos nos campos de concentración nazis’, deportados aos mesmos, situados en Europa e no Norte de África, logo de combater coma resistentes, espías, soldados na Francia libre ou no Exército Soviético.

Finalmente, ‘Merca na rúa’ celebrarase o sábado 7 e domingo 8 de abril

A Concellería de Comercio, dirixida por Marcelino Coto, e a dirección da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), presidida por Juana Pérez, veñen de anunciar que a XVIII edición de ‘Merca na rúa’, finalmente, se celebrará o sábado 7 e domingo 8 de abril.

Nun primeiro momento estaba previsto que esta feira de oportunidades fose os días 10 e 11 deste mes de marzo, pero a chegada da borrasca ‘Félix’ fixo que se aprazase, en principio, para o día 17 e, agora que se tomase a decisión de que o máis acaído era que se celebrase a principio de abril.

21 postos estarán abertos ao público na rúa peonil do Porriño, de 10 da mañá a 9 e media da  da noite, ininterrompidamente, o sábado, día 7, e de 11 da mañá a 8 e media da tarde, o domingo, 8, ofrecendo distintos artigos con descontos de ata un 60 e 70%.

Como en edicións anteriores, o Concello asume os custes de alumeado, limpeza, os inchábeis para os cativos e a vixianza de seguridade dos postos, para que os expositores non teñan que recoller e desmontar os mesmos pola noite, unha labor de garda na que desempeñará un papel esencial a Policía Local.

O Porriño presenta oficialmente este mércores a 12ª edición da Interrunning

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, o concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, xunto con Fredy Velasco, Luis Martínez e David Ferreira, membros da organización da proba, presentan este mércores, día 14 de marzo, ás 13:30 h. no Salón de Plenos do Concello do Porriño, a 12ª edición da Interrunning, que este ano xuntará a 3.000 participantes.

A proba disputarase o vindeiro domingo, día 18, pola mañá, no casco urbano  do Porriño que fará de circuíto para os cativos e adultos e, por segundo ano, adáptase para menores e atletas populares que queiran empezar o seu camiño no atletismo correndo unha distancia de 5 quilómetros.

A proba absoluta, sobre un circuito de 10 quilómetros, homologado pola Real Federación Española de Atletismo, contará coa asistencia de atletas de elite que achegaranse ao Porriño para bater a marca da mesma e confirmar que este é o percorrido máis rápido de Galicia.

A alcaldesa cumpre co seu compromiso de manter unha xuntanza cos representantes da Comunidade de Montes de Atios e se reunira con eles este mércores

Tal e coma se comprometera logo de coñecer a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia  número 3 do Porriño, en relación coa titularidade das canteiras de Atios, a alcaldesa, Eva García de la Torre, manterá unha xuntanza con representantes da Comunidade de Montes desta parroquia este mércores, día 14, ás 10 e media da mañá.

No seu día, García de la Torre sinalara que tiña a “obriga legal e moral e a responsabilidade de defender  os bens patrimoniais das veciñas e veciños do por Porriño”, e adiantara que, en base a este feito, o Concello recorrería a resolución xudicial, ao tempo que amosaba toda a súa consideración e respecto polas comunidades de montes e polos dereitos históricos que representan.