Por maioría, a Corporacion local do Porriño acordou hoxe volver a adxudicar o contrato de limpeza viaria que agora será unha concesión que desempeñará a empresa “Urbaser S.A”. O acordo adoptouse con 14 votos favorables (PSOE+PP+EuSon+UDDL) e as abstencións dos dous concelleiros do BNG. Tan só faltou ao pleno, o voceiro de EU Son, Pedro Ocampo.

A proposta que se levou ao pleno baseabase na resolución previa da Mesa de Contratación celebrada esta semana e nos informes solicitados ao Tribunal de Contratación Administrativa de Galicia (TACGAL) e á consultora “Lagares e Oca”. En base a eles, decidiuse retirar do concurso a “Ascan” que foi a primeira adxudicataria, así como á firma “Eulen” e polo tanto recalcular e propoñer en favor da segunda clasificada na licitación, a firma “Urbaser”.

Outro dos puntos da orde do día deste pleno extraordinario celebrado hoxe foi acordar por unanimidade a adhesión do Concello do Porriño ao Programa Galego de Vixiancia e Control da Vespa Velutina, suscrito pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

O Programa garante a retirada e destrucción dos niños de velutina coa colaboración do Concello. Serán retirados por persoal da empresa pública “SEAGA” sempre que estean a menos de 25 metros do chan en un prazo de 5 días laborais. O Concello de Porriño recibirá e canalizará as chamadas dos veciños que alerten da existencia de niños e comunicará a información á Xunta de Galicia. “Para o Concello supón un aforro de gasto anual importante dado que era a administración municipal ata de agora a que asumía esa tarefa”, manifestou o concelleiro de Medio Ambiente Sergio Casal, na defensa do punto.

Por último, neste pleno ademais realizouse o sorteo mediante ordenador para a designación de membros das mesas electorais para os comicios autonómicos do vindeiro 5 de abril. As concelleiras Blanqui Francés, Cami Moreira e Ana María Martínez Paradela actuaron de testemuñas.