Novas canastras laterais no Polideportivo Municipal

 

O Concelleiro de Deportes, David Alonso e o xefe do Servizo, Julio Bernárdez comprobaron a instalación no Polideportivo Municipal das novas canastras laterais xa que as anteriores estaban moi deterioradas.


Instaláronse dous xogos de canastras colgantes suxeitas ao teito, dotadas de adaptadores para baloncesto e minibasket e con automatismos para a súa recollida.
O equipamento contratouse coa empresa “Mondo Ibérica”, mediante contrato menor, cun orzamento de 17.363 €.

Acordo entre a Concellería de Vías e Obras e a AAVV Costeira-Mosende para mellora do local social

 

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Vías e Obras chegou a un acordo coa Asociación de Veciños de Costeira-Mosende para axudarlles a realizar unhas obras de mellora no local social desa entidade.
Segundo acordou Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras con Jaime Domínguez, presidente da devandita asociación nunha recente reunión, o Concello non pode realizar de xeito directo esa obra xa que non é titular do local social polo que realizará unha achega á AAVV.
O departamento de Vías e Obras do Concello achegará material de obra valorado en 7.000 € e ademais prestará apoio coa maquinaria que poidan solicitar para a execución.

Xuntanza informativa cos veciños de Liboreira (Covelo-Atios) para acometida do saneamento


A Concellería de Vías e Obras que dirixe Lourdes Moure mantivo unha xuntanza informativa con veciños do lugar de Liboreira-Covelo-Atios coa ocasión da acometida á rede de saneamento nun tramo no que hai preto de vinte vivendas.


A concelleira explicoulles a ordenanza municipal aprobada no pasado mes de setembro que establece a obriga de conectarse e que poden afrontar o custe nun pago único ou de xeito aprazado.
Aínda que asistiron a meirande parte dos veciños afectados, os que non acudiron deberán poñerse en contacto coa Concellería de Vías e Obras para cumprimentar unha solicitude aportando a referencia catastral da súa propiedade e indicando a forma de pago que elixen.

A concelleira de Educación reclama á Xunta de Galicia información clara e periódica sobre os contaxios de covid nos centros docentes do Porriño


Lourdes Moure, concelleira de Educación reclamou no nome do Concello do Porriño á Xunta de Galicia “información clara e periódica sobre os contaxios de covid nos centros docentes da vila”.

A concelleira expresou “o malestar fronte á Consellería de Sanidade pola falta de información que temos sobre a incidencia do Covid no concello e particularmente na parte que me toca, na comunidade educativa”. Lourdes Moure lembrou que tivemos casos en dous centros, “Aceesca” e no CEIP “Fernández López” dos que “enterámonos de xeito extraoficial e a través de terceiros”, engadiu a concelleira.

Lourdes Moure manifestou que a súa Concellería tamén trasladará este malestar á FEGAMP para sumarnos aos demais concellos que tamén reclaman á Xunta de Galicia información diaria da incidencia do Covid nos nosos axuntamentos”.

Moure Varela lembrou que concellos como O Porriño “estamos a facer un esforzo orzamentario moi importante en asumir tarefas como a desinfección diaria de colexios e garderías aínda de que se trata dunha competencia impropia que asumimos pola seguridade dos nosos nenos e nenas”, rematou.

Policía Local e Garda Civil interceptaron unha operación de compra venda de marihuana no Porriño que rematou con 4 detidos


Policía Local do Porriño e Garda Civil impediron una operación de compra venda de dous quilos de marihuana e detiveron a catro persoas en relación con estes feitos. Tamén os axentes interviñeron preto de 7.000 euros en efectivo.

A transacción impedida polo operativo policial tiña lugar en Porriño. Detivéronse aos compradores, dous veciños de Portugal e aos dous responsables da venda, veciños do Porriño e Madrid.

As investigacións, coordinadas pola Garda Civil, iniciáronse a mediados de setembro por mor dunha alerta cidadá informando dun posible punto de venda de marihuana nunha parroquia do municipio porriñés, segundo informou a Subdelegación do Goberno.

As pescudas, que se desenvolveron coa colaboración de varios compoñentes da Policía Local porriñesa, deron o seu froito a semana pasada cando se intercepta un vehículo con placas de matrícula portuguesas, que acaba de realizar unha compra de marihuana na mesma parroquia do Porriño.

Garda Civil e Policía Local do Porriño outorgan unha importancia sobranceira á colaboración cidadá que facilitou o traballo de investigación dos corpos policiais.

Novo horario da Sala de Estudo Municipal que tamén abrirá de tarde

 

A Sala de Estudo Municipal, habilitada no Centro Cívico, vén de ampliar o seu horario de apertura: de 8:30 a 14:00 h. e de 15:00 a 20:30 h., de luns a venres, e coas garantías de seguridade sanitaria oportunas pola COVID-19, segundo anunciou hoxe Cami Moreira, concelleira de Cultura.


Esta Sala de Estudo abriu o pasado 9 de xuño por decisión da concelleira, para complementar á Biblioteca Municipal, na procura dunha separación de espazos para maior funcionalidade.

Deixamos ligazón coa web do departamento de Cultura para máis información.

http://ecultura.net/novo-horario-da-sala-de-estudo-municipal/

Unha campaña de promoción do produto local escolle a José Manuel Fernández, de “O Forno de Mosende” e o Pan do Porriño, como reclamo de calidade

 

A campaña “Parte de ti”, promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural do que forma parte o Concello do Porriño, pon en valor o produto local, baseado nas historias persoais de alguén, como José Manuel Fernández, de “O Forno de Mosende”, que elabora o noso pan porriñés de xeito tradicional.

A historia deste emprendedor é unha das que se relatan nos vídeos que sustentan esta campaña de valorización do produto local e rural que presentouse nun acto celebrado no Mercado de Tomiño, coa asistencia de David Alonso, concelleiro de Turismo e Emprego, en representación do Porriño, e do propio José Manuel Fernández.

Sandra Gónzalez, alcaldesa de Tomiño e anfitriona da presentación subliñou que “a campaña ‘Parte de ti’ é froito do traballo e implicación de moitas desas persoas anónimas que temos no rural”.

Deixamos ligazón coa páxina web da campaña para visionar o vídeo adicado ao Pan do Porriño e José Manuel Fernández

https://partedeti.eurural.org/historias/jose-manuel-fernandez/

 

O Porriño celebrou a XXVII Festa dos Callos

Preto de trinta establecementos do Porriño participaron na 27ª edición da Festa dos Callos que se celebrou este domingo. Segundo acordaron establecementos e organizadores, cun novo prezo único, de 6 euros que incluía ración de callos, pan e a cazola conmemorativa.

 

As limitacións impostas polos protocolos anti-covid obrigaron a organizadores e Concello a reducir os actos públicos. A agrupación musical Feixoada encargouse da animación de rúa.

  

As asociacións AHOSPOR e ACIPOR, co apoio do Concello do Porriño, organizaron este certame que practicamente pechou as Festas do Cristo 2020.

A concelleira de Educación entrega un lote de máscaras de protección aos centros de ensino da vila

A concelleira de Educación Lourdes Moure fixo entrega hoxe dunha partida de 1.500 máscaras de protección a distribuir entre centros de ensino da vila. Directores e representantes dos colexios Fernández López, Antonio Palacios, Atios, Ribeira, Budiño, Santo Tomás e Hermanos Quiroga; do centro de Aceesca e dos institutos Pino Manso e Ribeira do Louro acudiron ao salón de sesións do Concello onde fíxose a entrega.   

Trátase de parte do lote de 3.000 máscaras de protección enviadas polo Ministerio de Sanidade que corresponderon ao Concello do Porriño segundo o reparto que o Goberno Central e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) acordaron. 

Por outra banda, a concelleira aproveitou o encontro para intercambiar impresións cos responsables dos centros educativos sobre o desenvolvemento das tarefas de desinfección de colexios e garderías que onte iniciou o Concello pese a tratarse dunha competencia impropia pois corresponderíalle á Xunta de Galicia.   

 

 

A concelleira de Educación, Lourdes Moure deu máscaras
O conselleiro aproveitou a reunión celebrada no salón de sesións do Concello para intercambiar opinións cos responsables dos centros educativos sobre o avance das tarefas de desinfección en xardíns de infancia e colexios que o Concello asumiu dende o 1 de outubro.