Xuntanza de Concello e Zona Franca para tratar da ampliación de superficies industriais, o espazo para a gardería na Granxa e a radicación da Aula da UNED no Porriño, no CIE, propiedade do Consorcio

XEste mércores a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o concelleiro de Urbanismo, Marcelino Coto, mantiveron unha xuntanza coa directora de Promoción Económica da Zona Franca de Vigo, Rosa Eguizábal, e técnicos do Concello e da propia Zona Franca, para analizar as posibilidades de ampliación de espazos industriais no Concello do Porriño, un proxecto no que o delegado do Consorcio, David Regades, amosou moito interese, tanto en visitas a O Porriño coma en xuntanzas coa alcaldesa e con representantes empresariais.

Gardería Infantil

Ademais, nesta reunión, estudáronse, máis polo miúdo, en primeiro lugar, a localización da “tan agardada” gardería infantil, no Polígono de A Granxa, nun espazo que este mesmo xoves visitarán representantes do Concello e do Consorcio.

A gardería, lembra Eva García de la Torre, é unha dotación longamente demandada por empresas e traballadores e podería radicarse nunha construción xa existente no propio polígono”, como considerarán os especialistas de as dúas administracións.

Aula da UNED do Porriño

Así mesmo, subliña, a alcaldesa,“tamén tratamos da ubicación da Aula da Universidade de Educación a Distancia (UNED) do Porriño” no mesmo polígono, un proxecto, subliñou, que tanto o Concello coma Zona Franca “consideramos que é especialmente importante e beneficioso ”.

García de la Torre indicou que o Centro de Iniciativa Empresarial (CIE), “que tamén visitaremos este xoves”, propiedade do Consorcio, “conta xa con espazos, dotacións, e infraestruturas” que poderían aloxar as “clases, biblioteca e salón de actos” da Aula da UNED sen que supoña un desembolso inicial moi elevado para o Concello do Porriño.

As últimas análises realizadas na prolongación da Rede Municipal de Abastecemento no Contrasto sinalan, de novo, que a auga é apta para o consumo e pode empezar o ‘enganche’ á mesma de 83 vivendas

As últimas análise realizadas por el Consorcio de Augas do Louro na prolongación da Rede Municipal de Abastecemento rematada hai unhas semanas no Contrasto, sinalan, de novo, que a auga é apta para o consumo.

Estas analíticas- realizadas entre os días 8 e 21 de xaneiro- eran necesarias para que os máis de 300 veciñas e veciños que viven neste barrio, no que apareceran refugallos de lindano, puidesen conectar as súas vivendas á Rede Municipal de Abastecemento.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, lembra que o Concello “asumiu, na súa totalidade e sen achega algunha da Xunta”, a extensión da Rede Municipal de Abastecemento a este barrio de Torneiros. Así mesmo, con cargo ao orzamento municipal, fixéronse acometidas a 83 casas.

O vindeiro luns, día 4 de febreiro, ás 8 da tarde, no local social da Asociación de Veciños San Salvador de Torneiros, a alcaldesa manterá unha xuntanza coas veciñas e veciños do Contrasto e Pereira para explicarlles polo miúdo os pasos a dar para enganchar as súas vivendas á Rede Municipal de Abastecemento. Eva García de la Torre indica que “en tanto non se completen os enganches, o Concello seguirá garantindo o subministro de auga para beber, cociñar e para aseo a todas as persoas que viven neste barrio, como fixemos ata agora”.

Agardando pola Xunta

A alcaldesa, logo de que o Concello do Porriño cumprise co compromiso que ela, persoalmente, adquirira cos veciños do Contrasto, “seguindo sempre as indicacións dos responsábeis de Sanidade e de Medio Ambiente da Administración Autonómica”, agarda que, “por fin”, a Xunta de Galicia asuma as súas obrigas.

García de la Torre salienta que as competencias en materia de medio ambiente, de xestión de residuos e en materia de salubridade “son exclusivas da Xunta”. Neste senso “o Goberno de Galicia ten que afrontar o problema da existencia de lindano soterrado en varios lugares do Porriño” e, insiste, “debe facelo cun plan que estea cuantificado e orzamentado e que teña coma obxectivo sinalar, en primeiro lugar, os barrios e parroquias que poden estar afectadas e, en base a elo, poñer en marcha unha resposta efectiva para acabar coa contaminación e acabar co risco para a saúde dos porriñeses”.

Máis dun ano sen novas

A alcaldesa subliña que xa pasou preto dun ano e medio dende que a Xunta comprometérase a ter un proxecto de descontaminación para O Contrasto, “estaba previsto telo en 2017, logo para Semana Santa, despois para o verán e xa estamos en 2019 e non temos novas do Goberno de Galicia”.

@depo_es aproba destinar 245.155,51€ ao Concello do Porriño para a contratación de 40 persoas

O Concello do Porriño poderá contratar a 40 traballadoras e traballadores ao longo deste ano 2019, con cargo á Liña 3 de fomento do emprego do Plan Concellos, da Deputación de Pontevedra.

O organismo provincial vén de aprobar, para poder realizar estas contratacións, unha achega para O Porriño de 245.155,51€. A selección deste persoal farase entre persoas desempregadas, a través do Servizo Público de Emprego e os contratos estenderanse ata o 31 de decembro deste ano 2019.

Será o propio Concello do Porriño, lembra a alcaldesa, Eva García de la Torre, o que solicite os postos que precisa cubrir. Habitualmente, trátase, entre outros, de “persoal para traballos en obras, persoal para xardinaría e medio ambiente ou para mantemento”.

Hai que lembrar que a través do ‘Plan Concellos 2019’, a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos 59 municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes case 43,5 millóns de euros, o que supón un 3,3% máis que en 2018. Para a Liña 1 -Investimentos- destínanse un total de 30 millóns de euros, para a liña 2 -amortización, pago de débedas e gastos correntes- van un total de 3,9 millóns de euros e para a liña 3 -Emprego- achéganse 9,5 millóns de euros.

A alcaldesa entregou ao CEIP de Atios as chaves da vivenda da planta alta do centro que levaba 25 anos ocupada

A

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada da concelleira de Educación, Lourdes Moure, fixo entrega ao director do CEIP Plurilingüe de Atios das chaves da vivenda de 90 metros cadrados, que ocupa a planta alta do centro que, dende agora, pode ser utilizada polo mesmo, tal e coma demandaba a Asociación de Nais e Pais (ANPA).

Logo de manter varias conversas coa persoa que vivía nela e coa familia desta, a alcaldesa conqueriu que a primeiros deste ano a vivenda quedase valeira, preto dun cuarto de século despois da súa ocupación.

Hai que lembrar que a inquilina era unha refuxiada de Bosnia que dende 1994 vivía nesta casa que lle fora cedida polo desaparecido José Manuel Barros, daquela alcalde do Porriño, para que esta muller, que lograra fuxir da terrible guerra que asolara os Balcáns puidese comezar unha nova vida no Porriño, coa súa familia.

Durante estes preto de 25 anos, o Concello do Porriño fíxose cargo de todos os gastos de subministro de auga e de electricidade desta casa, como sinala Eva García de la Torre, que ao pouco tempo de tomar posesión da Alcaldía, xa anunciara a súa intención de recuperar a mesma para o CEIP de Atios que, coma lle expuxeran os representantes do ANPA precisaba dispoñer deste espazo, logo de que en estes anos multiplicase máis que por dous o seu número de alumnas e alumnos.

Eva García de la Torre agarda que, “agora si”, o Goberno de Galicia, “que é quen ten as competencias, en exclusiva, en Educación”, cumpra coa súa obriga e, de verdade, “asuma o custo de reforma de este novo espazo” co que conta o Colexio de Atios e “realice, por fin, as obras que permitirían contar con dúas novas aulas no mesmo, tal e como demandan as nais, os país e o seu director”.

A presidenta de ADIF garante á alcaldesa do Porriño que o proxecto de eliminación do paso a nivel segue adiante e será asumido directamente dor ADIF

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, falou este mesmo martes pola tarde, coa presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), Isabel Pardo de Vera, quen “garantiume” que o proxecto de supresión do paso a nivel do centro do Porriño “segue adiante” sendo asumido directamente por ADIF, un organismo público autónomo que conta co seu propio orzamento.

García de la Torre obtivo, de novo, a confirmación por parte de Pardo de Vera de que este é un “proxecto firme” que está sendo ultimado polos técnicos e que será, “sen dúbida” unha realidade, o que supón, salienta a alcaldesa, que “a eliminación do paso a nivel está máis preto que nunca”.

Eva García de la Torre subliña que o compromiso adquirido o pasado mes de agosto na xuntanza que mantivo coa presidenta de ADIF en Madrid segue inalterable e que o mesmo fará realidade unha reivindicación que as veciñas e veciños levamos facendo máis de 70 anos: que o tren deixe de pasar en superficie polo centro do Porriño”.

O Porriño amosa o seu orgullo polo Premio da Cultura Galega ao Festival de Cans, o primeiro festival de cinema que recibe esta distinción

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañou este venres ás veciñas e veciños de Cans que viaxaron ata o mosteiro de Montederramo, na Ribeira Sacra, onde Keka Losada -presidenta da Asociación Arela-, Alfonso Pato e a “Señora Alicia”, veciña de Cans que colabora activamente co festival, recibiron hoxe o Premio da Cultura Galega que outorga o Goberno de Galicia.

O xurado indicou que o galardón para Festival de Cans, está baseado no feito de que é “un encontro audiovisual de produción galega, onde outras manifestacións culturais tamén xogan un papel relevante. Organizado anualmente pola Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, na parroquia de Cans, coincidindo co festival de Cannes de Francia, en boa medida polo paralelismo entre os dous nomes. Cunha programación de curtas, estreas de filmes e documentais, coloquios con cineastas, rutas sonoras e diversas actividades que chegan actualmente a máis de 13.000 persoas, Cans convértese nun punto de encontro da creación galega emerxente e nunha gran plataforma de difusión dos novos creadores e creadoras.

García de la Torre amosou o orgullo de todas as veciñas e veciños do Porriño por esta distinción, “a máis importante no eido cultural que outorga o Goberno de Galicia e que, e isto ainda afonda máis o orgullo de ser do Porriño e o recoñecemento ao traballo da organización e dos veciños de Cans, é a primeira vez que se conceda a un festival de cine”.

A alcaldesa confirmou que o meu compromiso, como fixen dende que cheguei á Alcaldía”, é seguir incrementando a colaboración, “en todos os ámbitos”, dende o Concello do Porriño co Festival de Cans, empezando pola achega económica que, lembrou Eva García de la Torre, xa foi na edición pasada a máis alta da historia do festival.

Remata a reforma e recuperación dos parques infantís da Fase I de Torneiros e do Centro Social e Cultural de Atios, cun investimento de preto de 90.000€

A Alcaldía segue adiante coa reforma e o arranxo dos parques infantís do Porriño que, en algún caso “ou ben estaban obsoletos ou en moi mal estado ou totalmente abandonados dende hai anos”, como sinala a alcaldesa, Eva García de la Torre.

Dous deles están xa rematados, son os do Centro do Centro Social e Cultural de Atios, ao que o Concello destinou un orzamento de 40.000€, e o da Fase I de Torneiros, que contou cun investimento de 48.176,11€.

Atios

O de Atios,no que os traballos empezaran o pasado mes de novembro, dispón dunha nova  pista ‘polideportiva’ para a práctica de fútbol, balonmán ou baloncesto; novos bambáns, na zona infantil, que conta cun novo chan de caucho para garantir a seguridade das cativas e cativos, e un parque de actividade biosaudábel para adultos.

Fase I Torneiros

No caso da Fase I de Torneiros, “foi precisa unha reforma integral”, subliña a alcaldesa, “á vista do seu total deterioro e abandono dende hai moitos anos, coma denunciaran as veciñas e veciños”.

Neste caso fíxose, practicamente, unha nova ‘soleira’ de formigón; colocáronse planchas de caucho; retiráronse e renováronse os xogos e bambáns; acometeuse unha reparación “completa” de fendas e crebas; aplicouse na súa totalidade un novo revestimento, colocouse unha varanda de aceiro inoxidábel.

Nas vindeiras semanas, subliña a rexedora, procederemos a habilitar unha zona reservada a pista de skate na que se establecerá un horario de uso para non causar molestias aos veciños.

Máis obras

A alcaldesa adianta que esta iniciativas terán continuidade nas vindeiras semanas noutros parques da vila e súmanse ás xa realizadas no Parque da Urbanización do Sol, no investíronse preto de 22.000€ para  arranxar todos os bambáns, colocar un deles para persoas con diversidade funcional e a instalación dun chan de caucho.

Tamén rematouse o do Campo da Feira, que contou cun orzamento de 4.173€; o Parque Lamazares, detrás de Correos, no que se cambiaron os seus elementos investindo 4.655€; o de San Diego, no que ademais colocouse un chan de caucho continuo, logo de facer unha inversión de 1.952€ e o de Torneiros no que, cun investimento de 9.181€, ademais dos distintos xogos, se arranxaron os bancos, as varandas, o valado de madeira e adaptouse para persoas con diversidade funcional.

Dende o día 10 ao 30 de xaneiro estará aberta no Centro Cultural Municipal a exposición de fotografía do 12º certame ‘Viaxando’

Do xoves 10 de xaneiro  ao  30 deste mesmo mes, poderá visitarse na OMIX do Concello do Porriño -na planta baixa do Centro Cultural Municipal-a  Exposición de fotografía “Viaxando” que mostra os traballos presentados ao 12º Certame de fotografía do mesmo nome.

Este Certame, que aposta pola creatividade e orixinalidade da mocidade plasmada nunha fotografía,  foi creado no ano 2007 polas Oficinas de Información Xuvenil (OMIX) dos concellos do Rosal, Tomiño, A Guarda, Baiona, Salceda de Caselas, Gondomar, O Porriño e o Espazo Xove de Tui, dentro do traballo en rede que veñen realizando o longo destes anos.

Participaron un total de 13 mozos de idades comprendidas entre os  12 a 30  anos e o ano pasado o gañador, unha vez reunido o xurado, foi   Sergio Lorenzo Ares pola súa foto“ Comeza a Viaxe”.

Aberta a inscrición para formarse no sector metalúrxico a persoas do Porriño menores de 30 anos

Se tes menos de 30 anos e baixa cualificación profesional, debes saber que a Asociación de Industriais Metalúrxicos (ASIME) ven de asinar un convenio coa Concellería de Emprego e Formación, dirixida por Soledad Girón, para desenvolver no O Porriño o Programa Integrado de Emprego de Galicia, impulsado pola Consellería de Economía Emprego e Industria, e o Ministerio de Traballo Migracións e Seguridade Social, que formará a 20 persoas no sector metalúrxico.

O obxectivo deste programa é a reinserción laboral de, a lo menos, o 45% dos participantes no mesmo, elaborando para cada persoa un itinerario personalizado personalizado, dacordo coas súas demandas e características.

As principais liñas de formación serán:  Soldadura, Tubaxe Industrial, Interpretación de plano; Fabircación e Montaxe de Estruturas Metálicas, Tratamento de Superficies, Operacións Auxiliares de almacenaxe, Carretilleiro e Mantemento.

Se estás interesado/a en formar parte deste programa formativo podes inscribirte no mesmo chamando ao teléfono 986 41 07 27.

A alcaldesa asume persoalmente a solución do problema de filtracións de auga do edificio da Fase V de Torneiros, no que xa empezaron as obras que contan cun orzamento de 294.000€ e estarán rematadas en 3 meses

Eva García de la Torre vén de asumir, persoalmente, a solución ao “gravísimo” problema de filtracións de auga que están a padecer, dende hai anos, os veciños dun edificio da Fase V de Torneiros.

A alcaldesa, que visitou varias veces o lugar e mantivo entrevistas e xuntanzas cos habitantes do inmoble, comprobou que, tal e coma sinalan os informes dos técnicos municipais, o “estado da terraza é desastroso, hai lousas soltas, co perigo que supón para os nenos que xogan aquí, a impermeabilización está esnaquizada, os garaxes anéganse os días que chove, a varanda que hai sobre eles está enferruxada e case solta e as filtracións poden chegar a causar problemas na propia estrutura do edificio”.

294.000€ de orzamento e 3 meses de execución

Tal e coma adiantara aos veciños, e “cumprindo un compromiso persoal que asumirá con eles”, García de la Torre sinala que o Concello aprobou, por vía de urxencia, destinar 294.000€ ao arranxo destas deficiencias.

Este orzamento abrangue, subliña a alcaldesa,  a demolición completa da varanda e a súa substitución por unha nova; o cambio total da cuberta, incluída a capa de impermeabilización; o corte perimetral das paredes exteriores do edificio ate unha altura de 35 centímetros, para rematar con calquera tipo de filtración; a escavación e aterrado dos xardíns ate atopar a “cabeza da forxa” para o seu cambio integral, a colocación de impermeabilizacións bicapa nas partes en pendente de uso peonil e a impermeabilización do muro soterrado.

O prazo de execución dos traballos terá unha duración estimada de tres meses, “hai que ter en conta que os días de choiva non será posible traballar, polo cal o seu remate pódese atrasar, aínda que está previsto o seu remate en ese tempo”.