A Policía Local do Porriño pechou a investigación para esclarecer un delito contra o patrimonio e entregou o atestado coas dilixencias no Xulgado de Garda desta vila. As pescudas policiais determinaron que o presunto autor é un veciño de Sanguiñeda, J.V.M., de 30 anos de idade e con numerosos antecedentes.

A súa identificación acadouse a través das imaxes gravadas polas cámaras de seguridade do establecemento, unha lavandería de auto-servizo, sita na avenida Buenos Aires, onde o presunto autor colleu un televisor de pantalla plana valorado en 289 €. Dous días despois do roubo, o presunto autor fora identificado por un dos axentes policiais levando a mesma roupa que vestía na data de autos e que aparece nas imaxes gravadas polas cámaras de seguridade.