O Porriño abandonou hoxe a relación de concellos galegos en nivel vermello ou máximo de contaxios na que entrara onte. O concello porriñés baixou ao nivel laranxa, segundo informa a autoridade sanitaria.

A actualización dos datos pódese seguir a través do mapa de alertas de Galicia que renova actualiza a diario o Servizo Galego de Saúde na súa páxina web coronavirus.sergas.gal.

Non obstante, a pesar do cambio de nivel, o goberno municipal porriñés non modificará, polo momento, as medidas restritivas que onte se decidiron e comunicaron á cidadanía. A razón é que é unha situación fluctuante e cambiante sen que sexa posible descartar que nos próximos días e durante a próxima semana os indicadores non empeoren de novo.

A alcaldesa Eva García de la Torre manifestou ao respecto que “a decisión do goberno municipal de tomar algunhas medidas restritivas contra a liberdade de circulación e reunión non vai en contra de ninguén.  Son para protexernos a todos.  Por iso quero que sexan comprensivos e adopten todos os protocolos necesarios para protexerse a eles mesmos, aos seus e especialmente aos nosos maiores” declarou a rexedora porriñesa.

Lembramos que o goberno municipal decidiu as seguintes medidas:

  • Suspender o mercado ambulante dos martes
  • Precintar os parques infantís
  • Establecer na Praza de Abastos, un control de acceso e un aforo restrinxido, con circuito de entrada e saída.
  • Suspensión de actividades culturais tanto nos recintos municipais como nas asociacións.
  • Peche da Sala de Estudo Municipal
  • Competicions deportivas federadas sen público en recintos pechados e ao aire libre.