A corporación municipal aprobou por maioría a Conta Xeral do Concello do Porriño do exercicio de 2019, nunha sesión extraordinaria telemática celebrada esta tarde.
A aprobación acadouse cos 9 votos que sumaron PSOE, BNG, EU Son e Manuel Carrera (UDDL). Previamente desestimáronse as alegacións presentadas polo Partido Popular e por un particular.
A aprobación da Conta Xeral é un trámite de obrigado cumprimento ao remate de cada exercicio por parte das administracións municipais cun informe sobre a súa situación patrimonial; gastos e ingresos , e grao de execución orzamentaria.
Na mesma sesión aprobouse definitivamente cos nove votos favorables de PSOE, BNG, EU Son e UDDL e as abstencións dos concelleiros do PP, o suplemento de crédito 2/2020 por importe de 326.000 € para diversos pagamentos xa recoñecidos.