Un total de 19 establecementos de hostalería porriñeses participarán nas Xornadas Gastronómicas do Entroido 2022.
Esta ruta de pinchos forma parte do programa gastronómico posto en marcha dende o Concello do Porriño, en colaboración con AHOSPOR para poñer en valor a nosa hostalería, promocinar o comercio local e dinamizar a vila. Nos próximos días presentaranse outras actividades que completan programación.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, e o presidente de AHOSPOR, Jose Manuel Fernández, foron os encargados de presentar esta mañá esta iniciativa que dá o pistoletazo de saída ao Entroido porriñés esta fin de semana.
“Desde esta fin de semana e ata o 5 de marzo poderemos degustar as propostas dos nosos hostaleiros cada venres e sábado, de 19 a 22h”, explicou o concelleiro , Bienvenido Estévez.
“Os locais prepararán pinchos típicos destas datas como lacón, cacheira, orella ou filloas, que poderán ser degustados ao módico prezo de 1,5 euros”, explicou o presidente dos hostaleiros, Jose Manuel Fernández quen destacou que estas actividades demostran que a hostalería do Porriño “sigue moi viva e ten moito que ofrecer”.
Pola súa banda, o rexedor animou a toda a veciñanza do Porriño, e tamén aos veciños e veciñas dos municipios da contorna, a participar desta ruta de pinchos que “son máis que unha degustación gastronómica, tamén son unha oportunidade para convivir e encontrarnos, algo moi importante tras os momentos que levamos vivido”. Quixo tamén agradecer a AHOSPOR e á hostelería do Porriño a súa iniciativa xa que “este tipo de iniciativas contribúen a revitalizar o noso pobo e a nosa economía”.
Participan: Adega de Montero, A Francachela, A Tentación, Bar en Xogo, Bolboreta, Cafetería El Sol, Cafetería Platinum, Casa di Mili, Celtiña, Cólleo con pinzas, Galibar Centro, La Bici, La Cueva, La de Chato, Maloserá, Maracaibo, Mesón Argentino 2, Segredos Gastrobar e Val da Louriña.
A Asociación Española Contra o Cancro levou a cabo o ano pasado 253 intervencións que tiveron como beneficiarios a veciños e veciñas do Porriño, a través dos seus diferentes programas. En concreto, foron 138 as intervencións de atención social, que van dende consultas de información, orientación sobre axudas económicas, préstamo de material ou programa de alimentos. Foron 84 as de atención psicolóxica a pacientes e familiares e 27 no eido do traballo social.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Sanidade, Carolina González, mantiveron esta semana unha xuntanza con representantes da AECC para analizar o papel que desempeña esta entidade no municipio. Á mesma acudiron a presidenta provincial, Carmen Abeledo, o coordinador das xuntais locais de Pontevedra, Telmo Crespo, e a presidenta da AECC do Porriño, Chelo Conde.
“O labor que realizan para apoiar aos pacientes e ás súas familias é impagable”, indicou o rexedor, “O cancro require unha abordaxe integral, non é suficiente con loitar contra a enfermidade, tamén hai que facelo contra as consecuencias emocionais que produce nos enfermos e nas familias, e para iso necesítase o compromiso de todos e todas”.
Co obxectivo de sumar esforzos, estudáronse liñas de traballo conxunto a desenvolver nos próximos meses e as fórmulas para establecer lazos de colaboración entre ambas entidades, que se irán dando a coñecer nas próximas semanas.
AECC O PORRIÑO
C/ Domingo Bueno, S/N, 36400 O Porriño (Centro Cívico)
Tlf: 986 33 95 03
O Concello do Porriño, a través das concellerías de Normalización Lingüística e Cultura e en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, preparou unha programación específica para celebrar o 185 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.
Co fin de homenaxear a esta figura clave das letras e cultura galegas, recordar a súa labor e facer que siga presente para as novas xeracións, propón un programa de actos o 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Arrancará ás 19 h no Círculo Recreativo Cultural co concerto da reputada pianista, Andrea García.
Susana Seivane será o prato forte da programación. A célebre gaiteira ofrecerá un concerto en formato reducido (1/2 hora aproximadamente) na Praza Arquitecto Antonio Palacios ás 20:30 h (no caso de que as condicións meteorolóxicas non o permitan trasladarase ao CRC).
Versos de Rosalía
Rosalía de Castro ensinou á sociedade da época, e á de hoxe en día, que as mulleres teñen voz e moito que dicir. Unha muller do século XIX que foi quen de marcar un punto de inflexión para o auxe do Rexurdimento, momento clave no eido literario e sobre todo, no político e no social.
Por iso dende o Concello do Porriño decidiuse que foran mulleres as que puxeran voz aos versos da autora, en representación do tecido social da vila. Juana Pérez, presidenta de ACIPOR, Chus Barros do Club Ciclista SPOL, Chus Lemos e Beatriz Correa do Centro Cultural de Pontellas, Eva González do Club de Lectura do Porriño, Alicia Campos do Club Balonmán Porriño, Candela Carballas de Atrezo Teatro e a xornalista porriñesa, Icía Alcalde, farán unha lectura conxunta dun poema da autora.
Será en dúas quendas, unha en cada un dos concertos que conforman a programación.
O Concello do Porriño, a través da concellería de Educación, deu a coñecer hoxe o cartel oficial do Entroido 2022. O deseño de Valeria Lage, alumna de primeiro curso da ESO do CPR Santo Tomás, foi elixido como gañador do I Concurso Escolar de Carteis do Entroido no que se buscaban as mellores ilustracións para promocionar as festas deste ano.
O xurado, composto polo alcalde, Alejandro Lorenzo, e as pintoras locais Nuria Vilanova e Chelo Rodríguez, seleccionaron o deseño de Valeria entre os preto de 200 carteis que presentaron os centros educativos de primaria e secundaria e Aceesca. As ilustracións presentadas foron moitas e variadas, realizadas con ceras, acuarelas, colaxe ou carbón, valéndose de multitudes de técnicas creativas, tanto en formato papel como en cartolina.
O Alcalde do Porriño, acudiu hoxe ao colexio a dar a nova por sorpresa á gañadora do certame, que emocionada recibiu a felicitación do rexedor e dos seus compañeiros de clase entre aplausos.
“Non foi doado elexir entre tantas propostas de calidade, cada cal era máis orixinal e bonita”, explicou o alcalde, “Os nosos pequenos e pequenas dérono todo e podo decir que no Porriño temos unha boa canteira de talento”.
Ante tal dificil decisión, o xurado resolveu ampliar dous accesit quedando os premiados da seguinte maneira:
ACCESITS:
O carteis gañadores recibirán un lote de material escolar e os seus autores serán os encargados de ler o pregón que dará inicio ás festas do Entroido na vila.
O acto de entrega de premios terá lugar o vindeiro xoves 17 de febreiro no Centro Cultural Municipal, coincidindo coa inauguración da exposición na que se mostrarán todos os carteis participantes.
O Concello do Porriño reactiva o Servizo de Normalización Lingüística, que conta con persoal técnico ao dispor da cidadanía.
“Desde a concellería queremos que a veciñanza saiba que dispón dun servizo local ao que pode recorrer en busca de asesoramento en materia lingüística ou do proceso de normalización”, explicou a concelleira de Normalización Lingüística, Carolina González, “Fomentar o uso do galego e garantir a súa calidade lingüística é responsabilidade de todos e todas”.
A tal fin habilitouse unha dirección de correo a través da cal os interesados poden comunicarse coa técnico e resolver as súas dúbidas: servizonormalizacion@oporrino.org.
A técnica, Andrea González, ofrece asesoramento nos diferentes departamentos municipais en todo o relacionado coa política lingüística e na planificación, xestión e execución de programas municipais de dinamización e fomento do uso do galego.
Agora, o servizo contará con nova imaxe corporativa e o seu propio espacio web, onde se divulgarán materiais de promoción do uso do galego e información sobre as distintas actividades de dinamización postas en marcha.
A concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez, presentou hoxe a súa programación cultural para este trimestre. Música, teatro, animación á lectura e conferencias conforman esta oferta cultural dirixida tanto a público adulto como infantil.
A música será unha das grandes protagonistas. Coincidindo co Día de Rosalía de Castro a pianista Andrea García González ofrecerá un concerto no Círculo Recreativo Cultural e o domingo 20 de marzo, será o músico de jazz Rafa Fernández quen actúe na praza Arquitecto Antonio Palacios. Tamén haberá pasarrúas a cargo dos grupos folk Carapaus, Fondaos do Pífaro e da Asociación Cultural de Mosende.
Para celebrar o día de San Valentín, a reputada Tuna da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela percorrerá as rúas e prazas do Porriño .
O teatro será parte importante da oferta cultural do Porriño para este trimestre, tanto para o público familiar como para os máis pequenos. A compañía Animar-T representará a súa obra musical “De cando un paxariño espertábame tódalas mañás no confinamento” para conmemorar o Día Internacional do Teatro, e tamén se subirá o telón para disfrutar das propostas de Atrezo Teatro “Que familia!” e “Pequeatrezos” e de “A nena que se comia todos os contos” de Trémola Teatro.
“A progamación base que hoxe presentamos completarase coas específicas deseñadas para celebrar o Entroido e conmemorar o Día Internacional da Muller e o Día de Rosalía de Castro, que se farán públicas nos próximos días”, indicou o concelleiro, Bienvenido Estévez.
Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo, explicou que a “cultura será un dos nosos eixos esenciais, queremos que O Porriño sexa un referente cultural”. “Queremos que as manifestacións culturais aneguen a nosa vila, sacalas á rúa e traballamos para que, nos vindeiros meses, cada fin de semana actúen no Porriño agrupacións e artistas locais, ademais dos grupos das nosas asociacións culturais e veciñais”, concluíu o rexedor.
O Centro Cultural Municipal acolle mañá, venres 11 ás 18:30 h, as xornadas para familias e profesionais “Acompañando na aventura de crecer”.
Nestas xornadas organizadas desde a Concellería de Cultura do Porriño, a través da biblioteca municipal, abordarase desde diferentes puntos de vista como podemos favorecer o correcto desenvolvemento das nosas fillas e fillos desde que nacen e na súa primeira etapa infantil, para favorecer unha vida adulta máis saudable e enriquecedora.
Desde diferentes perspectivas profesionais, trataranse varios temas de suma importancia para o desenvolvemento infantil, que funcionan como termómetros para avalialo: a linguaxe, o psicomotricidade, as emocións ou a visión, entre outros.
O ciclo de charlas “Acompañando na aventura de crecer” desenvolverase ao longo dos meses de febreiro, marzo, abril, maio e xuño, o segundo venres de cada mes.
“Entende como crece”
Nesta quenda será a fisioterapeuta Vanesa Gómez Gándara a encargada de dirixir a xornada baixo o título “Entende como crece”.
O contido da charla será o desenvolvemento motor na primeira infancia, falarase sobre os principais fitos de cada etapa e explicarase como acompañar ás crianzas en cada momento, así como algunhas claves para detectar calquera disfunción de maneira precoz.
Vanesa é especialista en pediatría, con formación en fisioterapia respiratoria, desenvolvemento motor, problemas dixestivos e terapia manual.
Imparte talleres de formación para familias, en colaboración coas matronas nos talleres prenatais e postnatais. Na súa imparable curiosidade por aprender, actualmente traballa na formación “Método B-B”, unha disciplina integradora no tratamento coas crianzas. Ademais, organiza charlas sobre masaxes infantís e é asesora de lactancia e porteo, entre outras.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, visitou esta mañá as instalacións de CITIC Censa para coñecer de primeira man a actividade da factoría e establecer posibles vías de colaboración entre a empresa e o Concello.
Durante a visita, os representantes municipais estiveron acompañados polo Director Xeral da firma, Juan J. Agulla, a Directora Financieira e Vice Directora Xeral, Ana Alonso, e a Directora de Recursos Humanos, Brenda Senra, quenes transmitiron a súa perspectiva económica de crecemento e a necesidade de persoal especializado.
“Temos plena carga de traballo e o noso principal problema é a falta de persoal cualificado para incorporar”, explicou Juan J. Agulla, “A formación é o noso cabalo de batalla e a colaboración co concello sería beneficiosa para ambas partes”.
Neste sentido, o rexedor apuntou que precisamente establecer vías de colaboración en materia de formación e emprego é o fin da rolda de visitas ás empresas do Porriño que hoxe iniciaron en CITIC Censa.
“O noso obxectivo é detectar as necesidades de recursos humanos e a formación específica que requiren as empresas para poder deseñar acción formativas acordes ás demandas do noso tecido empresarial”, explicou Lorenzo, “Así poderemos ofrecer aos demandantes da bolsa de emprego posibilidades reais de inserción laboral”.
“Pretendemos impulsar a nosa bolsa de emprego e volver a ser un referente para as persoas do Porriño que se atopan en situación de desemprego”, apuntou a edil, “Para iso é imprescindible a coordinación do servicio municipal coas empresas dos nosos polígonos industriais”.
Sobre CITIC-Censa
Con máis de 50 anos de historia CITIC Censa é unha empresa de calderería pesada que desenvolve a súa actividade en mercados como minería, cemento, enerxías renovables, petróleo, gas e petroquímica.
É un referente mundial na fabricación de equipos de calderería pesada para o sector mineiro e cementeiro que exporta o 100% dos seus productos. Na actualidade conta con 200 empregados e un volumen de facturación de 30 M de euros.

O Concello do Porriño vén de solicitar á Deputación de Pontevedra o aprazamento e fraccionamento do pago das cotas do IBI resultantes da revisión da valoración catastral iniciada no ano 2021 para intentar reducir o impacto desta medida na economía dos porriñeses e porriñesas.
“Este procedemento ten unha inicidencia considerable no Porriño, afectando ao redor de 14 mil parcelas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Tendo en conta que ten carácter retroactivo, con efectos tributarios dende xaneiro de 2016, supoñerá unha considerable presión fiscal sobre os contribuíntes porriñeses. Isto é algo que xa advertimos no seu momento, facer pagar aos cidadáns o correspondente aos últimos catro anos sin negociar dende o Concello un fraccionamento ou alternativa era inadmisible”.
Para facilitar a xestión das liquidacións e dar maiores facilidades de pagamento aos afectados, o Concello solicitou ao ente provincial que se emitan as liquidacións de xeito gradual e que, na medida do posible, non se liquide máis dun exercicio pechado en cada anualidade. É dicir, que se fraccione o pago de oficio e que non se acumulen máis de dous recibos do IBI coas novas valoracións.
Ademais, pediuse que se incrementen os prazos das fraccións e meses de aprazamento e que non se cobren os xuros de demora.
“Neste momento, tras dous anos de pandemia, a situación económica para moitas familias non é doada e dende o Concello faremos todo que estea na nosa man para minimizar a carga fiscal e adaptala a esta realidade”, concluíu o alcalde.