Os dous pavillóns do Polideportivo Municipal acollerán as probas da “ABAU” de alumnos deo Porriño e Mos

Hoxe están a realizarse os preparativos para que as pistas dos dous pavillóns do Polideportivo Municipal acollan as probas da Avaliación de Bacharelato para Acceso á Universidade (ABAU) de alumnos de cinco centros de Porriño e Mos. Os exames comezarán o vindeiro martes 7 de xullo, a partir das 8,30 horas da mañá e continuarán o mércores e o xoves.

“Debido a que o número de alumnos de Bacharelato inscritos supera os douscentos, a Universidade de Vigo solicitounos ao Concello utilizar os dous pavillóns para garantir o cumprimento dos protocolos de seguridade e prevención do Covid-19”, explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación e Seguridade que levou as conversas coa UVI.

De tal xeito que no Pavillón nº 1 realizarán as probas da ABAU os alumnos dos Institutos de Ensino Secundario de Porriño, “Ribeira do Louro” e “Pino Manso”. E no Pavillón 2 farán os seus exames os alumnos do IES de Mos e dos colexios “Lar” e “Los Sauces”.

Os pupitres e cadeiras que están a instalarse como vemos nas imaxes son trasladados dende o IES “Pino Manso”. Tanto o material a empregar para a realización dos exames coma os espazos a ocupar, serán obxecto dun protocolo diario de desinfección e limpeza.

Tamén a Policía Local do Porriño colaborará a diario establecendo un perímetro de seguridade nos accesos ao Polideportivo Municipal, habilitando un circuíto de entrada e saída para os vehículos que trasladen e recollan aos alumnos, segundo ten planificado o departamento que dirixe Lourdes Moure.

Comeza a reparación e substitución do mobiliario urbano do parque de Alba en Torneiros

As imaxes corresponden ás tarefas de reparación de bancos, valados e outros elementos do mobiliario urbano do parque de Alba que están a realizarse no Multiusos de Torneiros, antes de o seu traslado e colocación nesa zona de lecer.

O concelleiro de Parques e Xardíns, Sergio Casal supervisou eses traballos previos nos que están a participar persoal propio municipal e novos contratados a cargo do Plan Concellos da Deputación Provincial que están a incorporarse nestes días.

O Concello acometerá a reparación da vía pública ó carón da Fonte do Cristo

A alcaldesa Eva García e a concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure comprobaron co enxeñeiro municipal os danos acontecidos baixo a vía pública por un foxo ó carón da Fonte do Cristo na rúa peonil.

A avaría produciuse durante o estado de alarma e a contorna da fonte está valada.

O buraco de máis de varios metros de lonxitude esténdese baixo o pavimentado de pedra da rúa. A actuación urxe para evitar o risco de afundimento. Será acometida polo persoal de Vías e Obras do Concello.

INSTRUCIÓNS PARA SOLICITAR A CITA PREVIA PARA O REXISTRO XERAL

Lembramos que pódese acadar por teléfono, chamando ao número 986 335 000 e solicitando cita.

Ou a través desta páxina web, na pestana “sede electrónica” (non é necesario ter certificado dixital, só un correo electrónico), e seguir estas instrucións do proceso:

Acceda á páxina web do concello (www.oporrino.org)
Seleccione “SEDE ELECTRÓNICA”
Seleccione “CITA PREVIA”
Seleccione “Rexistro”
Seleccione a axenda “Rexistro 1”
Seleccione a data dispoñible que desexe
Seleccione o horario dispoñible que desexe
Seleccione “CONTINUAR”

Adxunta-mos un gráfico para visibilizar as instrucións.

Deputación e Concello ofrecen cursos para a mellora da empregabilidade


A partir deste mes de xullo comezan no Porriño as actividades formativas do programa “Labora 2020” promovido pola Deputación Provincial en colaboración co Concello para a mellora da empregabilidade. A Concellería de Emprego que dirixe David Alonso colabora con estes progrmas formativos.

No Porriño impartense os seguintes cursos: neste mes de xullo, o de Actividades Auxiliares de Almacén en horario de 09.00 h a 14.00 h destinados a obter o certificado de profesionalidade para a inserción laboral das persoas beneficiarias.
E no mes de setembro, o curso de “Competencias Clave do Nivel 2” (matemáticas, lingua galega e lingua castelá) en horario de 16.00 h a 21.00 h.

As persoas destinatarias dos itinerarios formativos deste programa serán persoas desempregadas, inscritas como demandantes de emprego nos servizos públicos de emprego, que pertenzan a colectivos vulnerables. Considéranse vulnerables os seguintes colectivos: parados de longa duración; mozas e mozos menores de 30 anos non atendidos no Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX); persoas maiores de 55 anos; persoas con discapacidade; inmigrantes; minorías étnicas e comunidades marxinadas.
Tamén consideranse outros colectivos desfavorecidos: persoas que viven en fogares compostos dunha única persoa adulta con fillas ou fillos ao seu cargo; persoas sen fogar ou afectadas pola exclusión en materia de vivenda; vítimas de violencia de xénero, vítimas de discriminación por orixe racial ou étnico, orientación sexual e identidade de xénero; solicitantes de asilo; persoas con problemas de adicción; persoas reclusas e ex reclusas; persoas perceptoras de rendas mínimas ou salarios sociais; persoas con fracaso ou abandono escolar e outras en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe dos Servizos Sociais

SOLICITUDES DE PREINSCRICIÓN
Para poder participar nas accións formativas, que teñen unha axuda económica para gastos de desprazamento, é preciso:
· Solicitar a formación correspondente na súa oficina do Servizo Público de Emprego (SPEG) ou no portal da Consellería de Economía, Emprego e Industria: http://emprego.xunta.gal coas súas claves de acceso.
· Realizar a preinscrición segundo o modelo establecido no anexo I “Solicitude de participación”, que estará dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal) e que se presentará preferentemente por vía electrónica.
.*Opcionalmente, aquelas persoas solicitantes poderán presentar de forma presencial a súa preinscrición, descargando o formulario dispoñible na sede electrónica, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común
Máis información en

https://www.depo.gal/labora-2020

Os votos conxuntos de EU SON e do PP impiden aprobar a operación de crédito para aboar 2,5 millóns € a proveedores

O Partido Popular acadou o apoio dos dous concelleiros de EU SON que respaldaron o voto particular do grupo principal da oposición para deixar enriba da mesa a operación de crédito proposta polo goberno municipal coaligado PSOE-BNG. De xeito que a proposta de xerar ese crédito por importe de 2,5 millóns de euros para pagos a proveedores e facturas pendentes de exercicios anteriores, non se poderá materializar, de momento.

Os 10 votos da suma de concelleiros do PP e EU SON derrotaron aos 7 votos da coalición PSOE-BNG máis o concelleiro da UDDL, Manuel Carrera.

Eva García manifestou ao termo da sesión plenaria presencial celebrada esta tarde, a porta pechada, que “lamentamos que os concelleiros de EU SON cambiasen de opinión co respecto ao negociado con este goberno ata hoxe e que semellante cambio de criterio afecte a centos de empresarios, autónomos e outros proveedores que, de momento, non poderán cobrar por traballos realizados para este Concello”.

Eva García lembrou que no presente mandato os concelleiros de EU SON xa teñén apoiado outra operación de crédito para recoñecemento extraxudicial de débedas “polo que non entendo que agora exisan responsabilidades políticas a esta alcaldesa cuia investidura votaron a favor hai un ano”, manifestou a rexedora.

No pleno EU SON a través do seu voceiro Pedro Ocampo chegou a pedir a dimisión de Eva García “pola súa responsabilidade política na xestión económica do Concello nos últimos cinco anos”, segundo explicou Ocampo Cardalda. O voceiro de EU SON amosou as súas dúbidas sobre a suficiencia dos informes que avaliaban as facturacións pendientes.

Pola súa banda, o Partido Popular presentou un voto particular oponiéndose a que prosperase esta operación de crédito, en disconformidade “con que se paguen unhas facturas e outras non”, segundo o seu voceiro. Alejandro Lorenzo volveu a esixir unha revisión de oficio de todas as facturas pendentes na conta 4/13 que cifrou en perto de 5 millóns.

A voceira do PSOE, Lourdes Moure lembroulle a Alejandro Lorenzo que “o último goberno municipal do PP do que vostede formaba parte, chegou a traer ata 18 millóns de euros en recoñecemento extraxudicial de débeda e o xustificaban con que non podía pararse a economía local”. Moure Varela imputoulle a Alejandro Lorenzo “é vostede o concelleiro 4/13, vostede só quere bronca”.

Pola súa banda Pedro Pereira xustificou o apoio do BNG á operación para pagar aos proveedores afectados en base a que “non é bó que incrementar a conta 4/13 e o desexable sería que academos rebaixa-la durante este ano”, manifestou o primeiro tenente de alcalde.

 

Finalmente Manuel Carrera considerou que “sexan benvidos eses 2,5 millóns de euros en pagos a proveedores nun ano tan complicado e condicioado pola pandemia”, valorou o concelleiro da UDDL.  

Outros acordos

No mesmo pleno, o goberno municipal acadou a aprobación da modificación da ordenanza de estacionamento en “Zona Azul” e por unanimidade acordouse a adhesión do Porriño ao Centro Provincial de Acollida de Animais (“CAAN”). dependente da Deputación.

Normas e formulario para reservas de pistas de tenis e pádel municipais

Unha semana máis o Servizo de Deportes do Concello do Porriño lembranos as normas e protocolo para o uso das pistas de tenis e pádel.

 Limítase a 1 hora como máximo a reserva de cada pista . Para evitar aglomeracións o deportista deberá chegar 5 minutos antes da súa hora de entrada. O tempo máximo de reserva é de 1 hora por parellas, non
por cada un dos xogadores.

 A reserva e abono do aluguer das pistas será de forma telemática, a través de enlace creado polo SERVIZO MUNICIPAL DE DEPORTES, aplicándose as taxas expostas na Ordenanza Municipal de Prezos no caso das pistas de padel.
 Respecta en todo momento os horarios e pista asignada.
 Recolle a chave de acceso no polideportivo municipal.
 Os vestiarios e as duchas permanecerán pechadas. Tan só permanecerá aberto un aseo (WC) por sexo no polideportivo municipal, no mesmo só estará permitido o acceso a unha soa persoa á vez.
 Recoméndase o uso de bólas novas e palas propias. Aconséllase utilizar o menor número de pelotas
posibles.
 Non está permitido cambiar de lado nos xogos impares.

Reserva de pistas.
Cada pista terá unha horaria/quenda de reserva, os cales poderanse visualizar a
través do seguinte enlace do SERVIZO MUNICIPAL DE DEPORTES.

Teléfonos de confirmación:
661 53 61 59 / 670 66 52 29 / 638 07 13 18.
Faga as súas consultas preferentemente por
WhatsApp.
Cando faga a solicitude CONFIRME TELEFONICAMENTE OU POR WHATSAPP

ENLACES PARA RESERVAS 

https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSc2D2IGZM8eD1x6DrbzdZEZ5wF1pFAmJvHu40OF-kS32iCnEg/viewform

A Escola Municipal de Música abre a preinscrición para o curso 2020/2021


O Concello do Porriño, a través da Concellería de Cultura informa que a partires de mañá mércores 1 e ata o 20 de xullo pódense solicitar prazas na Escola Municipal de Música do Porriño.

Segundo informa o departamento que dirixe Cami Moreira, “este ano como novidade a folla de solicitude de praza pode descargarse na páxina web do Concello (está ao pé desta nova).

Entregarase no Rexistro Xeral do consistorio, mesmo previa solicitude de cita. Para solicitar a cita previa hai varias opcións: chamar ao teléfono 986335000 e solicitar cita; ou por internet, na sede electrónica do Concello do Porriño (non é necesario ter certificado dixital, só facilitar un email.

Tamén pódese acceder á folla de solicitude de praza a través da web do departamento municipal de Cultura. Deixamos o correspodente enlace.



Para o vindeiro curso 2020/2021, a oferta da Escola Municipal do Porriño acolle a nenos e nenas dende os 4 anos en Música e Movemento, e ademais de Linguaxe Musical para nenos, mozos e adultos, ofrece as especialidades de violín, viola, violoncelo, percusión, guitarra, piano, canto, gaita, óboe, clarinete, saxofón, frauta travesera, fagot, trompa, trompeta, bombardino, trombón, tuba, percusión tradicional, e conta con agrupacións como Banda, Orquestra de Cordas, Música Tradicional e Coral Infantil así como Coral Polifónica de adultos.

A matrícula definitiva realizarase no mes de setembro unha vez que se publiquen as listas de admitidos. Intentarase respectar os horarios deste curso no próximo na medida do que sexa posible coa aplicación dos protocolos COVID-19 e as medidas de limitación de aforo que se impoñan.

http://ecultura.net/wp-content/uploads/2020/06/Solicitude-de-praza-novos-ingresos.pdf

Deixamos tamén as seguintes instrucións para os trámites de cita previa e descarga da folla de solicitude

 

Pleno ordinario: o goberno municipal leva unha operación de crédito para aboar 2,5 millóns de euros a proveedores


O goberno municipal coaligado PSOE-BNG que preside Eva García levará ao pleno ordinario de xuño, a proposta dunha operación de crédito extraordinario por importe de algo máis de 2,5 millóns de euros para pagos a proveedores e facturas pendentes do exercicio de 2019.


É un dos oito asuntos da orde do día da sesión convocada para mañá martes 30, a partir das 18 horas. Será presencial só para os corporativos e polo tanto a porta pechada e sen público, a causa das actuais restricións pola “Covid-19”.


Na Comisión Municipal de Economía e Fazenda celebrada previamente, o asunto informouse cos votos favorables de PSOE, BNG e Manuel Carrera e coas abstencións de EU SON e Partido Popular. A coantía exacta da operación que se plantexa para a súa aprobación inicial é de 2.554.751,37 €.


No mesmo pleno, o goberno municipal leva á consideración da corporación, entre outros asuntos, a modificación da ordenanza de estacionamento en “Zona Azul” e a posible adhesión do Porriño ao Centro Provincial de Acollida de Animais (“CAAN”). dependente da Deputación.

“Por un Porriño Trans-Verso”

Baixo o lema “Por un Porriño Trans-Verso”, o Concello celebrou o “Día do Orgullo LGTBIQ+”.
Cami Moreira, concelleira de Igualdade manifestou o seu orgullo de que “O Porriño se sumara un ano máis a esta celebración para que a igualdade de dereitos de todas e todos os cidadáns sexa cal fora a súa orientación afectiva e sexual ou identidade de xénero, sexa un compromiso de toda a sociedade”.

Debido á adversa meteoroloxía da fin de semana, aínda hoxe luns o muralista “Doctoy” está rematar a intervención artística na rampla de baixada á praza do Cristo. Trátase dun mural alusivo á efemérede cas cores da arco da vella.


Onte sí celebrouse un recital de poesía a cargo de Samuel Merino, Silvia Penas, Arancha Nogueira co acompañamento musical de Sanny Caster e Paraíso Canto, grupo integrado por Gabi Reboredo, voz e percusións tradicionais e Martiño Malleiro, acordeón cromático e clarinete.