A Praza de Abastos do Porriño acolleu hoxe o acto de Homenaxe ás Peixeiras incluído na programación conmemorativa do Día Internacional da Muller.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañados membros do goberno local dos dous concellos da Louriña visitaron a praza para visibilizar a importante contribución á sociedade que desempeñan as nosas mulleres comerciantes.

“Queremos poñer en valor o traballo das peixeiras, das placeiras e de todas as mulleres cuxo traballo diario tira do carro da economía local e da dos seus fogares”, afirmou o Alcalde Alejandro Lorenzo, “É de xustiza dicir aquí na praza, onde conflúen as vidas de todas as veciñas e veciños da Louriña, que o papel da muller foi e segue sendo esencial no progreso do Porriño e que é por elas, polas nosas avoas, polas nosas nais…polo que o mundo nunca parou de xirar. Por todas esas que dalgunha maneira fan que parezca doado o que non o é”.

No mesmo sentido se manifestou a rexedora mosense, Nidia Arévalo, que destacou o papel de “todas as mulleres que compran e venden neste lugar, todas as que levan entrando e saíndo a diario durante anos… Mulleres fortes que, sen sábelo, nos fan máis fortes a todas como colectivo: mulleres nais, avoas, irmás, fillas netas…Mulleres como a miña avoa, a miña tía avoa, a miña nai ou eu mesma, mulleres coma todas vós, que formamos parte activa da vida desta praza da que temos lembranzas dende a nenez”.

Tras a homenaxe, os representantes municipais visitaron a praza e a súa contorna, onde repartiron bolsas de tela co lema que este ano reivindica o 8M na Louriña, “A IGUALDADE DENDE O BERCE”.

Os actos conmemorativos do Día Internacional da Muller organizados pola concellería de Igualdade, que dirixe Carolina González, continúan hoxe.

Pola tarde na Praza Arquitecto Antonio Palacios terá lugar a actividade “Voces na rúa”, na que a cidadanía será a principal protagonista achegando os seus coñecementos, opinión e reflexións sobre o papel da mullera o longo da historia, a súa presenza e o seu arduo traballo na consecución dos seus dereitos en igualdade cos homes. Será ás 17 h.

Ás 20:30 h procederase á lectura do manifesto insititucional.