Acordo entre a Concellería de Vías e Obras e a AAVV Costeira-Mosende para mellora do local social

 

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Vías e Obras chegou a un acordo coa Asociación de Veciños de Costeira-Mosende para axudarlles a realizar unhas obras de mellora no local social desa entidade.
Segundo acordou Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras con Jaime Domínguez, presidente da devandita asociación nunha recente reunión, o Concello non pode realizar de xeito directo esa obra xa que non é titular do local social polo que realizará unha achega á AAVV.
O departamento de Vías e Obras do Concello achegará material de obra valorado en 7.000 € e ademais prestará apoio coa maquinaria que poidan solicitar para a execución.

Xuntanza informativa cos veciños de Liboreira (Covelo-Atios) para acometida do saneamento


A Concellería de Vías e Obras que dirixe Lourdes Moure mantivo unha xuntanza informativa con veciños do lugar de Liboreira-Covelo-Atios coa ocasión da acometida á rede de saneamento nun tramo no que hai preto de vinte vivendas.


A concelleira explicoulles a ordenanza municipal aprobada no pasado mes de setembro que establece a obriga de conectarse e que poden afrontar o custe nun pago único ou de xeito aprazado.
Aínda que asistiron a meirande parte dos veciños afectados, os que non acudiron deberán poñerse en contacto coa Concellería de Vías e Obras para cumprimentar unha solicitude aportando a referencia catastral da súa propiedade e indicando a forma de pago que elixen.

O Concello reparará por vía de urxencia e de xeito coordinado co Ministerio, o valado e sinalización da ponte do acceso norte ao Polígono das Gándaras

 

O Concello do Porriño acometerá o arranxo do valado e mellora da sinalización horizontal e vertical no cruce da ponte do acceso norte ao Polígono das Gándaras onde sucederon varios accidentes de tráfico con vehículos que caeron sobre a vía ferroviaria.

Os concelleiros Pedro Pereira e Sergio Casal reuníronse sobre o térreno con técnicos da Demarcación de Estradas do Ministerio de Transportes para solucionar o problema de seguridade viaria que se produce nese punto.

O firme está moi deteriorado así como a sinalización. Os traballos se levarán a cabo de xeito coordinado coa Demarcación de Estradas do Estado que ten as competencias sobre a Autovía A-55 que linda con esa ponte.

O Concello encargará unha asistencia técnica para elaborar o proxecto de mellora que se tramitará por procedemento de urxencia.

Inclúese unha comunidade de augas máis no reparto de subvencións do Concello

Finalmente son dez as comunidades de augas de consumo que acadaron subvencións do Concello do Porriño para realizar control sanitario, mantemento de instalacións e reparacións na rede de distribución durante este ano 2020.

Sumouse a comunidade de Chan-Casal-Orbenlle ás nove comunidades de augas beneficiadas das que informamos a finais de xullo e que son: Cerquido; Rozadas-Eirís; Atios; Torneiros; San Jorge-Mosende; Chenlo; Carracido; Budiño-Cruz e Cans.

A comunidade de Chan-Casal-Orbenlle quedou fora por un erro burocrático e atendeuse a reclamación que formulou. Concédenselle 7.813 € de subvención para financiar o 80% do proxecto presentado.

Deste xeito, finalmente, suman un total 59.976 euros as achegas municipais que se repartirán entre as dez comunidades solicitantes, conforme resolución final e definitiva da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.

As achegas maiores corresponden a Cerquido, San Jorge-Mosende, Chenlo e Cans que recibirán o importe máximo que estaba limitado nas bases da convocatoria a 8.000 euros. 

As restantes recibirán: Chan-Casal-Orbenlle, 7.813 €; Atios, 7.647; Rozadas-Eiris, 5.914 €; Torneiros, 2.800 €; Carracido, 2.542 €; e Budiño-Cruz, 1.258 €.

Executada a mellora de camiños rurais municipais en tres lugares da parroquia de Chenlo

Remataron as obras de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas nos lugares de Ladeira, As Cales e Vilar, na parroquia de Chenlo, segundo informa a Concellería de Infraestruturas que dirixe Pedro Pereira.

Estas obras consistiron na mellora do firme e da drenaxe. Realizáronse cunetas novas para a recollida de augas pluviais e os camiños pavimentáronse con aglomerado quente de 5 cms de espesura.

Pereira manifestou que “estes camiños atopábanse en moi mal estado e a súa reparación propúxose pola concellería de Infraestruturas para acollerse a estas subvencións da AGADER”.

A actuación tiña un orzamento de 49.000 € e o Concello do Porriño recibiu unha subvención da AGADER (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural), outorgada e confirmada o pasado mes de agosto.

Fomento amosa disposición favorable a ceder ao Concello o tramo da N-120 entre Cans e O Confurco


O Concello do Porriño trasladou hoxe ao Goberno Central a petición de que o tramo da estrada Nacional 120, entre Cans e a rotonda do Confurco sexa cedido á administración municipal.

A alcaldesa Eva García e o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira expuxeron a petición a Maica Larriba, subdelegada do Goberno Central e a Pablo Alonso, representante da Demarcación de Estradas do Estado dependente do Ministerio de Fomento.


Os interlocutores da administración central amosaron “unha disposición favorable á cesión, aínda que condicionada a sexa respaldada por un acordo plenario da corporación municipal porriñesa”, explicou despois da reunión a alcaldesa. “Pola nosa banda tamén condicionamos a cesión a que sexa dotada dunha partida orzamentaria por parte do Ministerio de Fomento para acometer a urbanización dese tramo”, engadiu Eva García.

No encontro celebrado hoxe na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, abordáronse outros asuntos entre os que cabe subliñar a petición do Concello do Porriño para que Fomento arranxe a xunta de dilatación dun viaduto na Risca que sobrevoa por riba da Autovía A-55 e que constitúe un perigo para os vehículos que transitan por esa ponte.


Por último, a delegación porriñesa reiterou unha proposta para que o Ministerio de Fomento e “Audasa” contemplen un acceso á autoestrada AP-9 en Torneiros que xa fixera o Concello do Porriño hai anos.

O luns 7 comezan as obras de pavimentación de diversos viais en Torneiros

 

O vindeiro luns 7 comezarán as obras de pavimentación de diversos viais no polígono residencial de Torneiros, proxecto que acomete o Concello do Porriño para a mellora das comunicacións nesta parroquia.

O orzamento da obra é aproximadamente de 90.000 e a súa execución licitouse en data recente pola administración municipal. Os viais que serán pavimentados son da fase II, da fase IV, V e o vial principal da fase III, segundo recolle o proxecto.

Desde a Concellería de Infraestruturas e Urbanismo que dirixe Pedro Pereira, solicitase á veciñanza súa colaboración. Tendo en conta que as obras arrincarán o luns de mañá, fai se un chamamento aos usuarios destes viais, tanto residentes como tráfico de paso, para que non aparquen nas zonas valadas para así facilitar a execución das obras. A previsión é que os traballos de pavimentación sigan tamén o martes 8.

Segundo explicou Pedro Pereira “a motivación de realizar estas obras é os viais de accesos ao polígono están moi deteriorados”. O concelleiro de Infraestruturas citou, a título de exemplo, “o estado no que se atopa o vial da fase II, no acceso ao colexio Antonio Palacios”. Pereira Fernández apuntou que “aproveitaremos, unha vez rematado o asfaltado, para reordenar os aparcamentos nas inmediacións do colexio”.

Concello e Deputación comprobaron as obras de reforma urbana na rúa Doantes de Sangue

A alcaldesa, Eva García e o primeiro tenente de alcalde, Pedro Pereira comprobaron hoxe, xunto cos deputados provinciais, Carlos López Font e Santos Héctor o desarrollo das obras de reforma urbana na rúa Doantes de Sangue. A actuación tradúcese nunha ampliación de beirarrúas, mellora da seguridade vial mediante resaltos para o calmado do tráfico e pasos peonís nos accesos tanto aos centros docentes alí existentes como tamén ás instalacións do Polideportivo Municipal e outros edificios oficiais e privados.

Para o orzamento da obra, que chega ao medio millón de euros, a Deputación Provincial aportou a través do Plan “Depo-Remse” o 85% do mesmo e o Concello o 15% restante. As obras que están a executarse pola empresa “COVSA”.  

“Esta actuación no Porriño é exemplar para que as persoas recuperen e ocupen os espazos públicos que antes utilizaban os vehículos”, manifestou Carlos López Font. “Neste caso concreto estamos nun entorno que definiría coma paradigmático pois temos un instituto, un colexio, polideportivo municipal, edificios oficiais como a Tesoreria da Seguridade Social, Centro de Saúde o so Xulgados, que moven xente de todas as idades que se beneficiarán deste cambio radical por unha mobilidade tranformadora e segura”, engadiu o deputado responsable de Infraestructuras.

Pola súa banda, Eva García ponderou “o traballo realizado” polo concelleiro de Infraestructuras, Pedro Pereira “pola súa capacidade para buscar e axeitar solucións constructivas conforme avanzaba a obra”, manifestou a alcaldesa.   

Para Eva García “esta obra é un primeiro paso para evidenciar que o concepto de cidade que compartimos neste goberno de coalición vaise facendo realidade para transformar O Porriño e agardo que sexa coa plena colaboración da Deputación Provincial coma acontece dende hai 5 anos”.

Concello e Entidade Urbanística de A Granxa acometerán a reposición da rede contra incendios do Polígono Industrial

O Concello do Porriño e a Entidade Urbanística de A Granxa mantiveron unha primeira reunión para establecer como acometerán a reposición e reparación da rede contra incendios do polígono industrial que tén unha lonxitude de 5 quilómetros. Trátase de cambiar pezas nas acometidas ás naves, así como revisar o estado de bombas de achique, galerías de servizos e alumeado.

Neste primeiro encontro participaron representacións do goberno municipal, encabezada por Lourdes Moure, concelleira de Vías e Obras, e da Entidade Urbanística, co xerente David Sobral. “É a primeira vez en 20 anos do polígono da Granxa que un goberno municipal do Porriño afronta este problema de mantemento que afecta ás 260 empresas establecidas nese polígono”, manifestou Lourdes Moure ao termo da reunión celebrada no consistorio.

Segundo as recomendacións dos técnicos sobre qué actuacións serían prioritarias, a máis urxente sería mudar as pezas de ferro das acometidas por esgotamento da súa vida útil.

“O Concello coa colaboración da Entidade Urbanística de A Granxa, determinaremos de qué xeito pódese financiar a execución destas melloras”, manifestou a concelleira Lourdes Moure, asunto que se tratará nunha vindeira reunión.

O mércores realizarase a obra de mellora da pavimentación da rotonda sur das Gándaras


O Concello do Porriño informa que este mércores día 22 realizarase a obra de mellora da pavimentación da rotonda das Gándaras que afectará ao tráfico rodado do acceso sur aos polígonos industriais de As Gándaras e A Granxa.

A empresa “ENDENOR, Construcción, Mantenimiento y Servicios”, adxudicataria da contrata, informou ao Concello que a duración dos traballos será dun día, de xeito que o xoves 23, recuperarase á normalidade, se non xurde algún imprevisto.

Os traballos a realizar son o levantado e novo asfaltado da rotonda sur das Gándaras sita a continuación da saída 21 da Autovía A-55 en dirección Tui, polo que cumpre cortar o tráfico rodado. Mentres duren as obras, a circulación de vehículos cara ao sur do Polígono das Gándaras, se realizará pola saída anterior, número 18.

Tamén o acceso dende a rotonda sur do polígono de A Granxa, queda cortado namentres se realizan estes traballos, desviándose a circulación entre o sur dos polígonos á altura da saída 18 da A-55, dirección Tui.

O Concello do Porriño agradece a colaboración dos condutores e usuarios.