A concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, informou hoxe que se ampliou o proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez que, pese a estar en execución, só renovaba as redes de saneamento e abastecemento de un dos lados da rúa.

“As obras están iniciadas pero o proxecto non incluía a renovación das redes de pluviais e fecais, saneamento ou electriciade para o 100% das vivendas da rúa, tan só ás dunha marxe”, explicou o edil, “Por iso redactamos unha ampliación que levará a cabo a mesma empresa”.

Pola súa banda, o alcalde Alejandro Lorenzo, explicou que “se invertirán preto de 40.000 euros para que todos os inmobles da rúa Manuel Rodríguez teñan acceso a estas redes públicas reformadas, ademais da preinstalación para redes de telecomunicación e de baixa tensión”. O rexedor apuntou que “non se pode acometer unha obra desta magnitude intervindo só na metade da zona afectada, tal e como estaba proxectada non tiña sentido algún”.

Cabe destacar que estas obras estanse a executar no tramo de Manuel Rodríguez entre a confluencia con Xogo da Ola e a Praza de San Sebastián e contaban cun orzamento de máis de 400.000 euros con cargo ao Plan Concellos.