A emblemática Fonte de San Sebastián xa funciona de novo.

O Concello do Porriño levou a cabo obras de acondicionamento da fonte para evitar, na medida do posible, posibles focos de contaminación que afectaban á calidade da auga e causaban reiterados cortes de subministro.

As obras consistiron na canalización do caudal no tramo do nacente ata o grifo para impedir filtracións contaminantes e na construción dunha arqueta na entrada da mina para a conexión da auga non potable coa rede de pluviais.

“Unha vez realizadas as analíticas os valores paramétricos volveron á normalidade e por iso acordamos restaurar o subministro”, explicou o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, “Dentro dun mes volveremos analizar a auga para comprobar que segue a ser apta para o consumo”.

Pola súa parte, o alcalde, Alejandro Lorenzo, reiterou que dende o Concello “farase todo o necesario para manter o subministro con todas as garantías sanitarias”.