Avanzamos na creación dunha gran zona verde no centro urbano

O Concello do Porriño deu hoxe un paso importante na humanización do seu centro urbano dotando de partida orzamentaria un dos proxectos urbanísticos de maior impacto: a humanización da contorna do centro social que acondicionará as rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, Ramón González e Pío XII creando un gran espazo público.
 
A goberno municipal aprobou definitivamente a modificación orzamentaria que consigna a aportación municipal comprometida no convenio asinado coa Deputación de Pontevedra para executar a primeira fase do proxecto. Concretamente 460.000 euros, o 33% do orzamento total. Simultaneamente, a administración local está a adquirir os terreos necesarios para levar a cabo estas obras.
 
Este proxecto consiste na creación dun gran espazo público pensado para dar prioridade á mobilidade peonil e máis importancia ás zonas verdes, ao tempo que se limita o paso de vehículos. Para conseguilo está prevista a creación dun espazo contínuo, accesible e verde, no que se mellorará a comunicación peonil entre o centro urbano e a rúa Pío XII, crearanse novas zonas de convivencia baixo a sombra de novas especies arbóreas e buscarase a apertura da contorna do centro social coa rúa e o parque, ademais de executarse a renovación integral da zona de ocio infantil. Ao mesmo tempo, na calzada de Pío XII renovaranse todas as redes de servizos e dotarase dunha plataforma única que conecte coa nova zona verde da contorna, reducirase o tráfico e a súa velocidade.

O Concello renovará o alumeado público dos polígonos residenciais de Torneiros

O Concello do Porriño xa puxo en marcha o proxecto de sustitución do alumeado público do polígono residencial de Torneiros e parque Piñeiro.

A primeira fase desta actuación xa está aprobada e contempla a renovación de 105 lámpadas por luminarias LED nas zonas peonís das fases II e III. Conta cun investimento de 40.000 euros ao abeiro dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.

A intervención neste núcleo de vivendas, un dos que máis poboación concentra do municipio, é global e non se limita a esta área. O Concello ten proxectada unha segunda actuación nas fases I e IV, onde se instalarán 51 luminarias LED. Este proxecto supoñerá un investimento de máis de 34.000 euros.

“Trátase de mellorar a seguridade e a calidade na prestación do servizo de alumeado público nesta zona residencial, xa que a instalación actual está obsoleta, ten unha antigüidade de 30 anos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Coa sustitución das luminarias non só melloraremos os niveis de iluminación e de eficiencia enerxética, tamén se reducirá o consumo, o gasto e contribuiremos á mellora medioambiental coa optimización dos recursos enerxéticos”.   

Avanzados os traballos de acondicionamento da nova área de autocaravanas

O Porriño contará nas próximas semanas cun área de caravanas e autocaravanas no centro urbano.

Trátase dunha zona que ocupará uns 200 m2 da parcela de Leandro Diz habilitada como aparcamento gratuíto.  Os traballos de acondicionamento da parcela xa comezaron e unha vez rematados ofrecerán aparcamento con todos os servizos necesarios para as autocaravanas, ademais da zona habilitada como aparcamento gratuíto que xa está en funcionamento.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, supervisou hoxe as obras de acondicionamento do aparcadoiro, no que se está a instalar a rede de abastecemento e acometidas, sinalización e a renovación do firme.

“Esta era unha demanda  que considero tiña que ser atendida, xa que se trata dunha forma de turismo en auxe e o turismo e prestando este servizo potenciamos o turismo na vila, que é sen dúbida un factor de desenvolvemento”, explicou o alcalde, “É unha forma ademais de impedir que as caravanas e autocaravas que chegan ao Porriño se instalen noutros aparcadoiros ante a falta dun aparcamento municipal habilitado”.

O rexedor concluíu engadindo que “se están a estudiar outros espazos para habilitar novas áreas destinadas a este fin”.

O Porriño extenderá a rede de saneamento en Budiño para dar servizo a 300 veciños

O Concello do Porriño invertirá máis de 1 M de euros na conexión integral da parroquia de Budiño. Ás obras de extensión da rede no Picouzo, que dará servizo a 29 vivendas e ao colexio, sumaranse as dos barrios de Benunes, Eiriz, Rozadas, e parte da Vacaría e Mantelle.

En total, executaranse 4 km de rede e unhas 100 acometidas, o que permitirá que máis de 300 veciños/as da parroquia dispoñan de conexión a este servizo.

As concellerías de Vías e Obras e Urbanismo contan xa co proxecto e están só a espera das pertinentes autorizacións sectoriais, xa solicitadas, para proceder á licitación destes traballos.

A inversión para levar a cabo estas actuacións ascende a 538.529 euros no caso de Benunes e 345.000 no de Sobral Eiriz.

“Trátase dun dos proxectos de saneamento máis importantes, non só pola inversión que require senón polo número de vivendas que abastecerá. O noso compromiso coa execución do saneamento integral é firme, na parroquia de Budiño e en todas as parroquias do municipio, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Traballamos para axilizar todos os trámites e axilizar a nosa folla de ruta todo o posible, sabemos cales son as necesidades, temos os proxectos e sabemos da urxencia que teñen para a veciñanza. Por iso son e serán sempre prioritarios”.

Unha vez rematen estas obras estará conectado o 90% da parroquia de Budiño, quedando só por executar tres proxectos xa redactados que beneficiarán a 180 veciños máis: o da Arrotea, cun orzamento de 180.000 euros, o do Cerquido con 80.000 euros e en Rega da Lama por 80.000 euros.