As obras céntranse na reparación dos elementos de cuberta e impermeabilización, e estenderanse ao parque Piñeiro, no que está proxectada a ampliación e mellora da zona de xogo infantil e o acondicionamento das instalacións deportivas

O Concello do Porriño deu comezo esta semana ás obras de reparación e mellora do Centro Cultural Alba, na parroquia de Torneiros.

Debido á antigüidade do inmoble e á falta de mantemento durante anos, as cubertas están danadas e non cumpren coa súa función de imperbealización producíndose humidades no interior que imposibilitan o uso do edificio.

“O Centro Cultural non podía usarse xa que o seu estado supón un risco para os usuarios, por iso é necesario acometer de maneira urxente estas reparación integral que poñerá fin ás filtracións para que se poida retomar a actividade con seguridade”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Os traballos, que comezaron esta semana, contemplan a sustitución e reparación de todos os elementos do edificio que se atopen deteriorados, a reparación integral da cuberta, reparación das canaletas exteriores e interiores, reparación e sellado das ventás, reposición das baixantes e a construcción dun canal de remate final da fachada no encontro co terreo.

Ampliación e mellora do parque infantil

“Falamos dun punto neurálxico da vida social e cultural da parroquia de Torneiros que non pode permanecer inutilizado, non só as instalacións do centro cultural senón a totalidade do parque Piñeiro para o que temos en marcha un proxecto de mellora e reacondicionamento que ampliará a zona de xogo infantil e reacondicionará as pistas deportivas”, apuntou Lorenzo, “Unha intervención integral que este parque viña necesitando hai anos”.

Refírese o rexedor ao proxecto posto en marcha polo Concello para dar resposta ao amplísimo número de veciños e veciñas de Torneiros con cativos que dan uso a estas instalacións municipais e que contempla a ampliación do parque infantil, reparando os xogos xa existentes que se atopan nun estado moi degradado e instalando novos elementos así como a de amortiguación. A zona de xogo abranguerá unha superficie total de 1.850 m2 e incluirá a instalación dunha gran tirolina de 20 m de percorrido. Tamén se actuará nas instalacións deportivas que se atopan no recinto.

As melloras que se efectuarán supoñen unha inversión de máis de 100.000 euros.