O Concello renovará o alumeado público dos polígonos residenciais de Torneiros

O Concello do Porriño xa puxo en marcha o proxecto de sustitución do alumeado público do polígono residencial de Torneiros e parque Piñeiro.

A primeira fase desta actuación xa está aprobada e contempla a renovación de 105 lámpadas por luminarias LED nas zonas peonís das fases II e III. Conta cun investimento de 40.000 euros ao abeiro dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.

A intervención neste núcleo de vivendas, un dos que máis poboación concentra do municipio, é global e non se limita a esta área. O Concello ten proxectada unha segunda actuación nas fases I e IV, onde se instalarán 51 luminarias LED. Este proxecto supoñerá un investimento de máis de 34.000 euros.

“Trátase de mellorar a seguridade e a calidade na prestación do servizo de alumeado público nesta zona residencial, xa que a instalación actual está obsoleta, ten unha antigüidade de 30 anos”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Coa sustitución das luminarias non só melloraremos os niveis de iluminación e de eficiencia enerxética, tamén se reducirá o consumo, o gasto e contribuiremos á mellora medioambiental coa optimización dos recursos enerxéticos”.   

Avanzados os traballos de acondicionamento da nova área de autocaravanas

O Porriño contará nas próximas semanas cun área de caravanas e autocaravanas no centro urbano.

Trátase dunha zona que ocupará uns 200 m2 da parcela de Leandro Diz habilitada como aparcamento gratuíto.  Os traballos de acondicionamento da parcela xa comezaron e unha vez rematados ofrecerán aparcamento con todos os servizos necesarios para as autocaravanas, ademais da zona habilitada como aparcamento gratuíto que xa está en funcionamento.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, supervisou hoxe as obras de acondicionamento do aparcadoiro, no que se está a instalar a rede de abastecemento e acometidas, sinalización e a renovación do firme.

“Esta era unha demanda  que considero tiña que ser atendida, xa que se trata dunha forma de turismo en auxe e o turismo e prestando este servizo potenciamos o turismo na vila, que é sen dúbida un factor de desenvolvemento”, explicou o alcalde, “É unha forma ademais de impedir que as caravanas e autocaravas que chegan ao Porriño se instalen noutros aparcadoiros ante a falta dun aparcamento municipal habilitado”.

O rexedor concluíu engadindo que “se están a estudiar outros espazos para habilitar novas áreas destinadas a este fin”.

O Porriño extenderá a rede de saneamento en Budiño para dar servizo a 300 veciños

O Concello do Porriño invertirá máis de 1 M de euros na conexión integral da parroquia de Budiño. Ás obras de extensión da rede no Picouzo, que dará servizo a 29 vivendas e ao colexio, sumaranse as dos barrios de Benunes, Eiriz, Rozadas, e parte da Vacaría e Mantelle.

En total, executaranse 4 km de rede e unhas 100 acometidas, o que permitirá que máis de 300 veciños/as da parroquia dispoñan de conexión a este servizo.

As concellerías de Vías e Obras e Urbanismo contan xa co proxecto e están só a espera das pertinentes autorizacións sectoriais, xa solicitadas, para proceder á licitación destes traballos.

A inversión para levar a cabo estas actuacións ascende a 538.529 euros no caso de Benunes e 345.000 no de Sobral Eiriz.

“Trátase dun dos proxectos de saneamento máis importantes, non só pola inversión que require senón polo número de vivendas que abastecerá. O noso compromiso coa execución do saneamento integral é firme, na parroquia de Budiño e en todas as parroquias do municipio, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Traballamos para axilizar todos os trámites e axilizar a nosa folla de ruta todo o posible, sabemos cales son as necesidades, temos os proxectos e sabemos da urxencia que teñen para a veciñanza. Por iso son e serán sempre prioritarios”.

Unha vez rematen estas obras estará conectado o 90% da parroquia de Budiño, quedando só por executar tres proxectos xa redactados que beneficiarán a 180 veciños máis: o da Arrotea, cun orzamento de 180.000 euros, o do Cerquido con 80.000 euros e en Rega da Lama por 80.000 euros.

En marcha a conexión á rede do núcleo de vivendas da Droza

A rede municipal de saneamento do Porriño conecta novas vivendas na parroquia de Cans. Trátase concretamente do núcleo de A Droza, no que se están a executar as obras de mellora do saneamento de fecais que permitirán conectar 9 vivendas que ata o de agora non disponen de acceso a este servizo.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Vías e Obras, Ramón Porto, e o concelleiro de Parroquias, Marcos Martínez, supervisaron hoxe os traballos que incluirán tamén a mellora da capa de rodadura na zona a intervir.
 
“Conectar cada vivenda do Porriño á rede pública de saneamento foi e seguirá sendo unha prioridade ata que toda a veciñanza dispoña deste servizo, reiterou o alcalde, Temos os proxectos, sabemos cales son as necesidades, queremos suprimir ao máximo a burocracia para chegar co traballo feito á hora de acceder á financiación. O noso obxectivo é o 100% do saneamento canto antes.
 
Para a conexión deste núcleo de vivendas á rede de fecais, estase a realizar un cruce con perforación horizontal dirixida na estrada N-120. Por outra banda, o firme atópase en mal estado, polo que se inclúe a reposición do firme na zona máis danada da intersección e a reposición da sinalización horizontal. Cabe destacar que se instalou unha canalización de recollida de augas residuais de PVC liso de diámetro 315 mm cunha lonxitude de 70,5 m e a execución de oito pozos de rexistro. Foi precisa a reposición de tres acometidas de saneamento.
 
Estes traballos, financiados con cargo ao Plan Concellos 22-23 da Deputación de Pontevedra, supoñen unha inversión de 102.073 euros que contempla tamén a mellora do asfaltado e saneamento en Covelo, na parroquia de Atios.
 
Esta é unha das actuacións de extensión da rede de saneamento e asfaltado levadas a cabo polo Concello do Porriño no marco do plan provincial do pasado exercicio, que supuxeron unha inversión de 262.000 euros. Concretamente interviuse nas parroquias de Mosende, Pontellas, Atios, Budiño, Chenlo e Cans

O PORRIÑO PROXECTA A POSTA EN VALOR E HUMANIZACIÓN DA MALLADOURA

O Concello do Porriño avanza no deseño da súa axenda urbana, un marco de referencia para a planificación estratéxica do Porriño dos próximos anos. Esta inclúe unha diagnose da situación actual, que permitirá identificar e definir as necesidades do municipio e os principais retos a afrontar permitirá acceder de forma máis eficaz e competitiva á financiación precisa.

No marco desta folla de ruta atópase unha intervención global no barrio da Malladoura, que contempla varias intervencións de acondicionamento e humanización na contorna proxectadas para os próximos anos.

Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “o barrio da Malladoura era unha das asignatura pendentes no desenvolvemento do centro urbano e a súa mellora vén sendo demandada pola veciñanza dende hai anos polo mal estado no que se atopa”. “A humanización da Malladoura e a súa posta en valor é esencial para conéctalo co resto da vila, máis anda cando o número de habitantes se incrementou notablemente nos últimos anos”, continuou o rexedor, “Por iso proxectamos varias intervencións dirixidas a ofrecer á cidadanía unha contorna máis habitable e un espazo público urbano de calidade”.

Unha delas é a obra de peonalización e construcción de beirarrúas entre a rúa Lugo e a rúa Malladoura. Estes traballos, cuxo preceptivo proxecto técnico xa está en redacción, humanizarán un tramo de preto de 250 m dunha zona de vivendas, na que se acometerán beirarrúas de formigón a ambas marxes da calzada e se dotará da necesaria iluminación.

Proxectase tamén a humanización da rúa Navuxil, con novas beirarrúas e mellora da calzada, nun tramo de 380 m que conecta o penedo da Malladoura coa travesía Antonio Palacios C. Unha zona de moito tránsito de vehículos e peóns ao albergar un colexio. Está mellora completa o proxecto xa redactado de acondicionamento e humanización das rúas que conectan Aloques con Antonio Palacios, que inclúe as rúas Tarela e inicio de Navuxil.

O asfaltado e mellora do saneamento da rúa Lugo e o proxecto de renovación da rede de pluviais que resolvería os problemas de auga na rúa Coruña, xa en redacción, completan as intervencións desta primeira fase.

Porriño completa o proxecto que transformará o antigo Campo da Feira con dúas novas actuacións

 

A humanización do antigo campo da feira do Porriño coñecido agora como Parque Infantil será en breve unha realidade logo de dúas recentes licitacións de obras que complementan a que xa está a piques de rematar e que supoñen, todas xuntas, unha inversión que supera o millón de euros.

O obxectivo é convertela nunha gran zona verde con arboredo, un espazo a modo de escenario e gradas e unha área de xogo infantil na que se inclúan chorros de auga, os primeiros no municipio.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou esta tarde o lugar no que se están levando a cabo as obras. “Co paso dos anos este parque foi deteriorándose e perdeu o seu atractivo deixando de ser un lugar de paseo e desfrute para nenos e adultos, que é o que precisamente se persegue agora con este proxecto”, explica o alcalde, lembrando que se sitúa nunha das entradas ao casco urbano, “de aí que as obras de humanización comprendan tamén a mellora da contorna, a avenida Domingo Bueno e a rúa Parque Infantil, que o Concello acometerá co fin de unificar a zona do parque con San Sebastián e a zona peonil de San Bieito”.

Para a realización desta obra que actualmente está en execución o Concello de Porriño e a Axencia de Turismo de Galicia asinaran un convenio de colaboración cun orzamento de 498.213,12 euros. A esta cantidade hai que sumarlle agora dúas novas inversións, que supoñen unha inversión total de 1.153.056 euros.

Por unha banda, a Xunta de Galicia vén de sacar a licitación por 224.843,45 euros as obras de restauración do templete de San Luís, obra do arquitecto Antonio Palacios que foi acceso a primeira liña da rede de Metro de Madrid e que se trasladou ao Porriño no ano 1970. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publica o inicio do proceso de contratación desta obra que contará cun prazo de execución de cinco meses para resolver as diversas patoloxías que afectan ao estado da estrutura e adecuar o contorno para mellorar a súa presenza no lugar.

E, por outra parte, o Concello do Porriño sacaba a licitación, tamén nos últimos días, por 430.000 euros a obra de humanización da rúa Parque Infantil entre rúa Salgueiro e Avenida Domingo Bueno.

 

En marcha as obras de ampliación da rede de saneamento en Pontellas

Xa están en marcha as obras de ampliación da rede de saneamento na parroquia de Pontellas, unha obra enmarcada nun proxecto con máis de 70.000 euros de orzamento subvencionada polo Plan Concellos 22-23.

O proxecto abarca dous tramos de ampliación emprazados na EP-2041, conectando á rede de saneamento existente, o que permitirá nunha próxima fase dar conexión ao barrio do Torrón, en Pontellas. O mesmo inclúe un terceiro tramo en camiños de titularidade municipal na parroquia de Atios.

A nova rede proxectada extenderase 242 m e permitirá a conexión varias vivendas á rede de saneamento de augas residuais.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, apuntou que a acometida da rede de saneamento son obxectivos prioritarios para o executivo e que baixo esta premisa seguirase avanzando de maneira planificada para acadar o saneamento integral.

Neste sentido cabe lembrar que se están a elaborar os proxectos de toda a rede pendente, co fin de axilizar os trámites administrativos de cara a súa pronta execución.

O Porriño destina máis de 3M de euros a obras de saneamento en todas as parroquias

O Concello do Porriño investirá máis de 3 M de euros na acometida de obras de saneamento en todas as parroquias do municipio.

A tal fin, hoxe levou a pleno estas actuacións, consideradas de carácter urxente e que non poden ser demoradas ata o exercicio seguinte por ser prioritarias, forman parte dunha liña de actuación integral e contan xa coas pertinentes autorizacións sectoriais e proxecto.

Os proxectos engloban actuacións en A Graña-Sequeiras (766.390,10 euros), Arrotea-Budiño (185.909,45 euros), Abelenda e Figueiras (125.188,22 euros), Cerquido (82.473,71 euros), Benunes (556.618,62 euros), Sobral-Eiriz (355.211,51 euros), Penedo-O Toxal-Chenlo (523.261,97 euros), Rega da Lama-Budiño (85.225,61 euros), conexión en Torneiros (144.951,07 euros), conexión en en O Seixo-Arrotea-Pontellas (199.140,26 euros).

A estes hai que engadir unha liña de subvencións para investimento para aquelas vivendas do Porriño que non teñen posibilidade de conexión á rede de saneamento por ubicarse nunha cota de altura que precisa a instalación de bombeo individual. Tras un estudo preliminar realizado para estimar a magnitude desta problemática, identificáronse un total de 53 vivendas que requiren de instalación dun bombeo para conectarse ao sistema de saneamento: trece en Mosende, nove en Torneiros, sete en Atios e outras tantas tamén en Cans e Pontellas, cinco en Budiño, dúas en Chenlo e tres no Porriño. . A tal fin destinouse un crédito de 108.000 euros.

“O noso obxectivo principal segue a ser alcanzar o cen por cen do saneamento en todo o municipio e facelo á maior brevidade posible, xa que hai demasiada veciñanza que non dispón deste servizo esencial”, explicou o rexedor, Alejandro Lorenzo, “Canto entramos no goberno había pendente de execución obras por valor de 14 millóns de euros, na actualidade restan 11 e ademais de recorrer ás demais administracións, como a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o propio Consorcio de Augas do Louro,  para sufragar este gasto temos que destinar fondos municipais. Non podemos dilatalo máis tempo e se hai un problema urxente que resolver no Porriño sen dúbida é este”.