A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, vén de acometer os traballos de limpeza e reparación da cuberta do CEIP Cruz Budiño, ante o risco de que se produciran danos persoais pola caída de cascallos do tellado do centro.

 

As malas condicións meteorolóxicas dos últimos meses puxeron ao descuberto o mal estado no que se atopa parte da cuberta deste centro escolar.  “Dende a dirección do colexio trasladaron ao Concello o problema co que se atopaban, xa que se estaban a desprender tellas que caían ao patio, polo que este permanecía precintado para que os cativos non accederan á zona polo perigo que entrañaba”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Había anacos de tella soltos na cuberta que cun simple refacho de vento podían caír”.

 

Ante esta situación, acordouse actuar de maneira urxente e proceder á limpeza do tellado e reparación das partes danadas. Tal e como explicou o concelleiro, Ramón Porto, “estas melloras realizáronse con medios propios. A seguridade dos nenos e nenas é unha cuestión prioritaria e  hai que facer o preciso, non se pode dilatar no tempo”.