O avance das obras do cine do Porriño permitirá que sexa unha realidade en maio

  • As obras, explica a arquitecta, avanzan a bo ritmo, e “a finais de abril estará rematado”
  • “O Porriño é o mellor lugar para vivir, diso estou convencido eu, e as persoas que siguen elixindo este lugar para vivir e empadroarse, por iso non queremos que teñan que sair de aquí nin se quera para ir ao cine”, asegura o alcalde..
  • O espazo ten capacidade para 170 persoas, con equipamento audiovisual en 4K e son envolvente pero ademais o proxecto levado a cabo permitirá que se converta nun espazo versatil e polivalente
  • Esta actuación conta cun orzamento que supera os 250.000 euros ao abeiro do Plan +Provincia

O Porriño, 31 de marzo de 2026. Despois de máis de tres décadas de espera, o cine volve ao Porriño. Cunhas obras que avanzan a bo ritmo, a arquitecta encargada do proxecto, Estefanía Grandal, asegura que “a finais de abril estará rematado”. De feito, na visita que o alcalde, Alejandro Lorenzo, realizou con medios de comunicación este martes asegurou que toda a sala está xa insonorizada, teito e paredes, e incluso se avanzou en algo que non estaba no proxecto pero que permitirá a versatilidade neste espacio: realizar un graderío para mellorar a visibilidade desde a parte posterior do cine, para que todo o mundo poida ver comodamente a pantalla pero que permitirá tamén que o cine sexa utilizado para outras actividades, como cursos, con butacas que tamén estarán adaptadas.

As obras, que comezaron en xaneiro, tiñan un prazo de execució de seis meses, pero non haberá que esgotar o prazo. Satisfeito, o alcalde puxo en valor o bo saber do equipo que está a levar a cabo estes traballos e agarda poder abrir este espazo tan pronto o concello o recepcione. “Cando estamos xa case chegando os 21.500 habitantes, que é case histórico, cando estamos crecendo como nunca, temos que por a disposición da cidadanía todos os servizos, porque O Porriño é o mellor lugar para vivir, diso estou convencido eu, e as persoas que siguen elixindo este lugar para vivir e empadroarse, por iso non queremos que teñan que sair de aquí nin se quera para ir ao cine”.

Un fito histórico: de 1916 ao século XXI

A relación do Porriño coa gran pantalla vén de lonxe; o municipio contou coas súas primeiras proxeccións de cine en 1916. Porén, tras o peche das salas na década dos 90, a veciñanza viuse obrigada a desprazarse a outras localidades para gozar das estreas. Este novo proxecto non só recupera unha tradición centenaria, senón que o fai con tecnoloxía de vangarda. “O Porriño é o mellor lugar para vivir, diso estou convencido eu, e as persoas que siguen elixindo este lugar para vivir e empadroarse, por iso non queremos que teñan que sair de aquí nin se quera para ir ao cine”.

O alcalde xa estuda de feito cales poden ser as primeira proxeccións. “Estarán as de hollywood – asegura-, estarán as estrellas, pero coa gran canteira que temos en Galicia, non poden faltar tampouco os títulos de aquí, O Corno, por exemplo, temos que poder ver no Porriño a Janeth Novás en pantalla grande”. Así, asegurou que quere poñer en valor a cultura de aquí onde hai canteira, e unha mostra é tamén o Festival de Cans.

Un proxecto de alta tecnoloxía

A reforma conta cun orzamento de 251.739,60 euros (financiado polo Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra) e transformará por completo a planta baixa do Centro Cultural.

O proxecto inclúe a redistribución dos espazos, eliminando o escenario elevado e os camerinos traseiros; a mellora acústica e estética das paredes mediante trasdosado con illamento e acabado en madeira; a renovación das butacas para adaptar a sala a diferentes usos, desde proxeccións cinematográficas ata conferencias e charlas; e novas instalacións de iluminación e son, aproveitando a climatización existente.

Permitirá que a sala se converta nun espazo multifuncional, apto para proxeccións, conferencias e actividades culturais, dinamizando o centro cultural e o tecido económico e social do Porriño.

O equipamento audiovisual supuxo un investimento de preto de 100.000 euros subvencionado pola AGADIC da Xunta de Galicia. Esta nova sala disporá dun sistema de proxección en 4K Ultra Alta Definición, pantalla profesional de 5×3 metros con sistema de tiro directo, servidor con capacidade de 16TB e un avanzado sistema de son envolvente, que permitirá exhibir estreas de cine e ofrecer unha experiencia cinematográfica de primeiro nivel.

A duración estimada das obras é de seis meses,aínda que avanzan a bo ritmo, según explicou a dirección da obra durante a visita.

“Este pobo está cheo de vida e de cultura, e este espazo permitirá sobretodo a mocidade seguir encontrando os seus espazos” ”, conclúe Alejandro Lorenzo.

O Concello do Porriño impulsa a mellora integral do entorno do local social do Casal, en Budiño

  • Cunha inversión arredor dos 250.000 euros, O Concello do Porriño mellorará a accesibilidade e a calidade das instalacións e creará un parque infantil e varias zonas axardinadas

O Porriño 21 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño promove un proxecto de actuación integral para a mellora do entorno do local social do Casal, na parroquia de San Salvador de Budiño, co obxectivo de reforzar a calidade do espazo público e fomentar a convivencia veciñal.

A actuación, que xa conta co proxecto redactado e cos permisos correspondentes, desenvolverase sobre unha superficie aproximada de 3.460 metros cadrados nun ámbito estratéxico para a vida social da zona, tradicional punto de encontro, lecer e actividade comunitaria.

Novos espazos de convivencia
O proxecto contempla unha reorganización integral do espazo, priorizando o uso peonil fronte ao tráfico
rodado, que na actualidade xera conflitos en materia de seguridade e accesibilidade. Neste sentido, delimitarase un único vial para a circulación de vehículos, ao tempo que se crearán novas áreas de convivencia máis seguras, accesibles e funcionais.

Entre as principais actuacións inclúense a creación dun parque infantil, a habilitación de novas zonas
axardinadas con especies autóctonas, a mellora da pista deportiva e a adecuación de espazos peonís e de
aparcamento. Así mesmo, prevese a posta en valor de elementos existentes como o palco da música e o
entorno do cruceiro, reforzando o carácter identitario do lugar. “Será poñer en valor este espazo, un antes
e un despois para o entorno do local social do Casal, unha zona con moita vida, cuns veciños que precisan un espazo acorde a historia que ten este lugar, e iso será posible cando rematemos esta actuación”, explica o alcalde, Alejandro Lorenzo.

Integración paisaxística
A intervención aposta por criterios de sustentabilidade ambiental, incrementando a permeabilidade do terreo e favorecendo a xestión eficiente das augas pluviais. Ao mesmo tempo, contribuirá á recuperación da imaxe tradicional do espazo mediante unha integración paisaxística respectuosa coa contorna.

Cun orzamento de execución por contrata de 250.210 euros e un prazo estimado de execución de seis meses, o proxecto responde a unha demanda da veciñanza e permitirá avanzar na mellora da calidade de vida da cidadanía, consolidando este enclave como un referente social e comunitario en Budiño.

 

O Porriño abre o sexto aparcadoiro público gratuíto no centro urbano

  • Súmase aos cinco xa existentes, situados en puntos estratéxicos como as rúas Progreso, Travesía Avelino Villasuso, Pontevedra e Antonio Palacios, consolidando unha rede que contribúe a desconxestionar o tráfico nas vías principais e a facilitar o acceso aos servizos públicos e ao comercio local

O Porriño 21 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño dá un paso máis na transformación do seu modelo de mobilidade urbana coa posta en funcionamento dun novo aparcadoiro público gratuíto no centro da vila, que se converte xa no sexto espazo destas características habilitado nos últimos anos e que entra en funcionamento xa este sábado.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, visitaba este venres os últimos traballos de acondicionamento deste espazo: unha nova parcela de 3.048,69 metros cadrados nas inmediacións das pistas de tenis, con acceso dende a rúa Fernández Areal, responde a unha necesidade real e crecente da veciñanza: facilitar o estacionamento nunha zona de alta afluencia. O aparcadoiro dará servizo principalmente ás persoas que acudan ao centro de saúde, ao polideportivo municipal, aos xulgados e á Tesourería Xeral da Seguridade Social.

A habilitación deste espazo non só supón unha mellora inmediata na dispoñibilidade de prazas de estacionamento, senón que forma parte dunha estratexia máis ampla orientada a crear unha vila máis accesible, ordenada e sostible. “A combinación de zonas peonís, espazos de lecer e aparcadoiros disuasorios permite avanzar cara a un equilibrio necesario entre mobilidade, actividade económica e calidade de vida”, explica o alcalde.

Lorenzo, destacou que “a colaboración da veciñanza e a disposición das persoas propietarias das parcelas son fundamentais para poder ofrecer solucións eficaces a un dos principais retos urbanos actuais”. Neste sentido, subliñou que o Concello continuará traballando na ampliación deste tipo de infraestruturas, “imprescindibles para acompañar o crecemento e a modernización dos espazos públicos”.

En funcionamento outros cinco

Este novo aparcadoiro súmase aos cinco xa existentes, situados en puntos estratéxicos como as rúas Progreso, Travesía Avelino Villasuso, Pontevedra e Antonio Palacios, consolidando unha rede que contribúe a desconxestionar o tráfico nas vías principais e a facilitar o acceso aos servizos públicos e ao comercio local.

Desde unha perspectiva experta en planificación urbana, iniciativas como esta evidencian unha tendencia clara nas vilas de tamaño medio: apostar por solucións de proximidade, funcionais e de baixo custo que respondan de maneira directa ás necesidades da cidadanía. A creación de aparcadoiros públicos gratuítos, combinada cunha planificación equilibrada do espazo urbano, resulta clave para mellorar a mobilidade, dinamizar a economía local e reforzar a cohesión social.

Coa entrada en funcionamento deste novo espazo, O Porriño reafirma o seu compromiso cun modelo de vila máis moderna, accesible e pensada para as persoas.

O Porriño encara a recta final para contar por fin cun auditorio moderno e versátil

  • A obra do futuro auditorio municipal avanza a bo ritmo e permitirá dotar ao Porriño dun espazo escénico de referencia, adaptado ás necesidades actuais da programación cultural e do tecido asociativo local.

Porriño 18 de marzo de 2026.– A obra do futuro auditorio municipal do Porriño foi hoxe escenario da súa primeira visita institucional, na que participaron o alcalde, Alejandro Lorenzo, xunto con representantes do tecido asociativo local vinculado ao ámbito cultural e diversas academias de música e baile.

O novo auditorio permitirá dotar ao municipio dun espazo moderno, versátil e adaptado ás necesidades actuais. O proxecto contempla unha capacidade de máis de 350 butacas, así como escenario, camerinos e instalacións técnicas axeitadas para acoller múltiples actividades culturais ao longo do ano .

A actuación supón un investimento de preto de 2,8 millóns de euros, cun prazo de execución estimado de vinte meses .

Durante a visita, o alcalde puxo en valor a importancia deste proxecto, cualificándoo como un fito histórico para o Porriño, ao tratarse do primeiro auditorio destas características no municipio e unha resposta a unha demanda histórica da veciñanza.

“Hoxe é un día especialmente significativo para este Concello. Visitamos por primeira vez un auditorio que, ata o de agora, nunca existira no noso municipio”.

O rexedor tamén destacou o impacto que terá esta infraestrutura na vida cultural local, ao ofrecer un espazo estable para o desenvolvemento de actividades e iniciativas impulsadas polo tecido asociativo.

“Nun prazo breve, en menos dun ano, este auditorio estará a disposición de todos os veciños e veciñas, así como das asociacións e colectivos que atoparán aquí un espazo de encontro, cultura e convivencia”.

Lorenzo quixo ademais recoñecer o traballo técnico e profesional que está a facer posible a execución da obra, subliñando a coordinación entre os equipos implicados para garantir o seu correcto desenvolvemento.

O proxecto, segundo explicou, foi resultado dun proceso de análise no que se valoraron diferentes alternativas, tendo en conta condicionantes técnicos, urbanísticos e económicos, ata acadar unha solución que permitirá contar cunha infraestrutura moderna e plenamente integrada no entorno urbano.

O novo auditorio está chamado a converterse nun punto de encontro para asociacións, colectivos e cidadanía en xeral, favorecendo a dinamización cultural do municipio. Neste sentido, desde o Concello destacouse a importancia da implicación do tecido asociativo, que participou nesta primeira visita para coñecer de preto o avance das obras.

Ademais, sinalouse que a evolución dos traballos será especialmente visible nos próximos meses, cun avance significativo que permitirá comezar a visualizar a configuración definitiva do espazo.

Con esta actuación, o Concello do Porriño reafirma a súa aposta pola cultura como eixo fundamental de desenvolvemento, impulsando unha infraestrutura que contribuirá a mellorar a calidade de vida da veciñanza e a fortalecer a identidade cultural do municipio.

Adxudicadas as obras que mellorarán a rede de sameamento en Budiño

  • O investimento nesta actuación sitúase arredor dos 180.000 euros, consolidando unha mellora significativa das infraestruturas hidráulicas na parroquia de Budiño.

Porriño 17 de marzo de 2026.– O Comité Directivo do Consorcio de Augas do Louro aprobou a adxudicación das obras do proxecto Bombeo en Budiño, no concello do Porriño, tras o proceso de licitación e a proposta formulada pola Mesa de Contratación, dando así un paso decisivo para executar unha actuación destinada a mellorar a rede de saneamento nesta parroquia e moi demandada pola veciñanza.

As obras terán como obxectivo completar a rede de saneamento existente, permitindo conectar á rede xeral as vivendas que actualmente carecen deste servizo básico, das que se beneficiarán un total de 25 vivendas. En concreto, o proxecto contempla a execución de novos colectores de PVC de distintos diámetros, cunha lonxitude total próxima aos 190 metros, así como a construción dun pozo de bombeo e unha condución de impulsión duns 292 metros que permitirá transportar as augas residuais ata a rede xa existente. O sistema contará con dúas bombas que funcionarán de maneira alterna, garantindo a continuidade do servizo e un funcionamento eficiente da infraestrutura.

Esta actuación enmárcase no desenvolvemento do Plan Director da rede de saneamento do Porriño, presentado en xuño de 2022, que establece a planificación técnica, financeira e temporal para a execución integral das actuacións necesarias no conxunto do municipio, identificando con precisión os tramos pendentes, as vivendas sen conexión e os investimentos necesarios en cada parroquia.

O Concello continúa avanzando na planificación e execución de investimentos estratéxicos, prestando especial atención ás necesidades reais das parroquias. Neste contexto, resulta imprescindible priorizar actuacións que garantan a mellora da calidade de vida da veciñanza, sendo o saneamento unha infraestrutura básica e urxente.

A extensión e modernización da rede de saneamento non só responde a unha demanda histórica, senón que constitúe unha intervención prioritaria desde o punto de vista sanitario, ambiental e de equilibrio territorial. Dotar a todas as parroquias deste servizo esencial é clave para evitar desigualdades, protexer os recursos naturais e favorecer un desenvolvemento sostible.

Por iso, o Concello mantén o seu compromiso firme de seguir impulsando investimentos prioritarios, situando o saneamento como unha actuación de máxima urxencia dentro da súa folla de ruta.

O alcalde do Porriño e presidente do Consorcio de Augas do Louro, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta actuación: “Estamos a dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza de Budiño, garantindo un servizo básico como é o saneamento e mellorando a calidade ambiental da contorna”.

Así mesmo, subliñou que: “Este investimento reflicte o compromiso do Consorcio coa mellora das infraestruturas hidráulicas e coa protección dos nosos recursos naturais, avanzando cara a un territorio máis sostible”.

Segundo as previsións, as obras poderán iniciarse nun prazo aproximado dun mes, unha vez completados os trámites administrativos previos á formalización do contrato. O prazo estimado de execución da actuación é de tres meses, tras os cales Budiño contará cun sistema de saneamento máis eficiente e adaptado ás necesidades actuais.

Con esta intervención, o Consorcio de Augas do Louro continúa impulsando actuacións destinadas a mellorar a rede de saneamento nos concellos integrantes, reforzando a calidade de vida da cidadanía e a protección do medio ambiente.

Aviso de suspensión temporal do subministro de auga

O Porriño, 16 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño informa á veciñanza dunha suspensión temporal do subministro de auga debido á realización de traballos de mantemento na rede.

  • Data: 16 de marzo de 2026
  • Hora de inicio: 09:30 h
  • Hora prevista de finalización: 12:30 h

Zonas afectadas:

  • Rúa Pinar
  • Rúa Cruceiro
  • Antonio Palacios

Dende o Concello do Porriño pedimos desculpas polas molestias ocasionadas e agradecemos a comprensión da veciñanza.

Aviso por avaría na rede de abastecemento na Avenida de Galicia

O Porriño, 9 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño informa de que, debido a unha avaría detectada na rede de abastecemento de auga, estase a producir un corte no subministro na Avenida de Galicia.

Os servizos municipais xa se atopan a traballar na zona para localizar a incidencia e proceder á súa reparación coa maior celeridade posible, co obxectivo de restablecer o servizo á normalidade no menor tempo posible.

Desde o Concello pregamos desculpas polas molestias ocasionadas e agradecemos a comprensión da veciñanza mentres se realizan os traballos necesarios para solucionar esta incidencia.

Arrancan as obras que unirán catro rúas estratéxicas e crearán un novo parque no centro do Porriño

  • As obras permitirán comunicar de maneira directa e accesible as rúas Pío XII, Domingo Bueno, Ramón González e Antonio Palacios.
  • Un investimento histórico, superior aos dous millóns de euros, que non só mellorará a mobilidade e a conexión entre rúas clave, senón que tamén fortalecerá a cohesión social e dinamizará a vida cultural e comercial do centro.

Porriño 2 de marzo de 2026.- O Concello do Porriño vén de iniciar as obras que permitirán comunicar de maneira directa e accesible as rúas Pío XII, Domingo Bueno, Ramón González e Antonio Palacios, nunha actuación estratéxica destinada á transformación e revitalización do centro urbano.

A intervención enmárcase no proxecto denominado “Novo espazo público na contorna da rúa Pío XII”, financiado ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra da Deputación de Pontevedra, cuxo convenio de colaboración foi formalizado entre ambas administracións.

O investimento global da actuación supera os 2,1 millóns de euros, dos que máis de 1,1 millóns son achegados pola Deputación de Pontevedra, mentres que o resto será financiado con fondos municipais.

Esta actuación supón un dos investimentos máis relevantes dos últimos anos no núcleo urbano do municipio e permitirá actuar nun ámbito de máis de 4.000 metros cadrados, transformando antigas zonas de aparcamento e parcelas residuais nun novo espazo verde e de convivencia integrado na rede de espazos públicos do Porriño.

O proxecto contempla a creación de zonas de descanso e reunión, gradas que funcionarán como anfiteatro para actividades culturais, áreas de xogo infantil cubertas e adaptadas a diferentes tramos de idade, unha zona de auga con fontes secas e canles decorativas, así como a plantación de especies autóctonas que combinarán árbores caducifolias e arbustos para xerar sombra e fomentar a biodiversidade. Ademais, instalarase novo mobiliario urbano e iluminación eficiente, reforzando o carácter sostible da actuación.

O novo parque integrará e conectará de maneira fluída as rúas Antonio Palacios, Domingo Bueno, Pío XII e Ramón González, mellorando a accesibilidade mediante itinerarios adaptados que unirán o centro social co novo espazo e promovendo así a inclusión e o uso por persoas de todas as idades e capacidades.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “este proxecto marca un antes e un despois na configuración do noso centro urbano. Estamos a recuperar espazos degradados para convertelos nun pulmón verde e nun punto de encontro para toda a veciñanza”. O rexedor subliñou que “falamos dun investimento histórico, superior aos dous millóns de euros, que non só mellorará a mobilidade e a conexión entre rúas clave, senón que tamén fortalecerá a cohesión social e dinamizará a vida cultural e comercial do centro”. Así mesmo, quixo trasladar unha mensaxe de comprensión á cidadanía polas posibles molestias derivadas das obras, sinalando que “somos conscientes das incomodidades que poden ocasionarse durante o desenvolvemento dos traballos, pero trátase dunha actuación necesaria que suporá unha mellora significativa para O Porriño a medio e longo prazo”.

Con esta intervención, o Concello continúa avanzando na súa aposta por unha transformación urbana centrada nas persoas, creando espazos públicos modernos, accesibles e sostibles que melloren a calidade de vida da veciñanza e contribúan a consolidar un centro urbano máis dinámico, cohesionado e atractivo.

O Porriño avanza na ampliación do parque público con 36 novas VPP

  • Esta promoción súmase ás 300 vivendas previstas a través do Proxecto de Interese Autonómico para a construción de vivenda protexida no Porriño

Porriño 28 de febreiro de 2026.- A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou na mañá de hoxe o Porriño para anunciar a licitación da redacción do proxecto e da execución das obras de 36 vivendas de promoción pública (VPP) no sector SUR-PPR-5 (Gulpilleira).

A visita prodúcese tras a sinatura, o pasado 6 de febreiro de 2026, do protocolo de colaboración entre a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A. (VIPUGAL) e o Concello do Porriño para promover vivenda protexida de promoción pública no municipio

Durante a súa intervención, a conselleira destacou que esta actuación forma parte da estratexia da Xunta para incrementar o parque público residencial nos concellos con maior demanda, facilitando o acceso a unha vivenda digna e adecuada, especialmente á mocidade e aos colectivos con máis dificultades.

Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “no Porriño a vivenda é hoxe unha necesidade urxente e prioritaria”. O rexedor lembrou que o municipio é un dos que máis medra da contorna, o que leva aparellado un aumento moi significativo da demanda de vivenda. “O noso obxectivo é claro: facilitar o acceso a unha vivenda digna, especialmente aos colectivos con maiores dificultades e á xente moza que quere iniciar aquí o seu proxecto de vida”, afirmou.

Lorenzo puxo en valor a aposta decidida do Concello por poñer solo municipal ao servizo do interese xeral: “O patrimonio público debe estar sempre ao servizo da veciñanza. A cesión desta parcela para a construción de 36 vivendas de promoción pública é unha mostra clara dese compromiso”.

O alcalde agradeceu á Consellería a súa colaboración e destacou que esta promoción “súmase ás 300 vivendas previstas a través do Proxecto de Interese Autonómico para a construción de vivenda protexida no noso concello, configurando unha aposta ambiciosa e de gran alcance para ampliar de maneira moi significativa a oferta de vivenda protexida no Porriño”.

As 36 vivendas estarán destinadas a persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e contarán con réxime de protección permanente, conforme ao marco establecido no protocolo de colaboración.

Os viveiros de empresas de Torneiros mellorarán as súas instalacións para atraer o emprendemento

  • Algúns dos locais atópanse xa dispoñibles para seren ocupados por novos proxectos empresariais e persoas autónomas

Porriño 26 de febreiro de 2026.- O Concello do Porriño acometerá obras de reforma e acondicionamento nos viveiros de empresas situados no Multicentro de Torneiros, unha actuación orientada a mellorar as instalacións xa existentes e a fortalecer o apoio municipal ás persoas emprendedoras nos seus primeiros pasos empresariais.

 

Os traballos permitirán actualizar os espazos, adaptalos ás necesidades actuais do tecido produtivo e ofrecer contornas profesionais máis modernas, funcionais e competitivas. Algúns dos locais atópanse xa dispoñibles para seren ocupados por novos proxectos empresariais e persoas autónomas que inicien a súa actividade no municipio, aos que se lles facilitará o acceso de maneira gratuíta co obxectivo de reducir custos iniciais e favorecer a súa consolidación. As persoas interesadas poderán solicitar información nas oficinas de Porremprego ou presentar a correspondente solicitude a través do Rexistro Municipal do Concello.

 

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “a reforma dos viveiros de empresas é unha mostra clara da nosa aposta por apoiar a quen decide emprender no Porriño, ofrecendo instalacións axeitadas e recursos que lles permitan comezar con maiores garantías”. O rexedor destacou que “non se trata só de poñer un local á disposición, senón de crear un entorno favorable que acompañe ás empresas no seu proceso de crecemento e consolidación”.

 

No marco desta estratexia de impulso económico, o Concello prevé ademais a sinatura dun convenio de colaboración coa Federación de Empresas, Autónomos, Comercio e Hostalaría do Porriño, ao que se lle cederá un espazo no propio edificio do Multicentro de Torneiros. A finalidade deste acordo será que a entidade poida ofrecer apoio directo, asesoramento e acompañamento aos proxectos que se instalen no Viveiro, reforzando así a atención ao tecido empresarial local.

 

Segundo explicou Lorenzo, “esta colaboración permitirá que as novas iniciativas conten cun respaldo profesional próximo e permanente, sumando esforzos entre a administración local e o sector empresarial para fortalecer o noso ecosistema económico”. O alcalde incidiu en que “a dinamización do emprendemento é unha prioridade para este goberno, porque significa máis oportunidades, máis actividade económica e máis emprego para o noso municipio”.

 

Con esta actuación, o Concello do Porriño consolida o Multicentro de Torneiros como un espazo de referencia para o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais, reafirmando o seu compromiso co crecemento económico sostible e coa creación de oportunidades no ámbito local.