Trinta estradas e rúas municipais arranxadas no plan de bacheo que se desenvolverá en todas as parroquias


Trinta estradas e rúas de titularidade municipal terán sido arranxados ata esta semana dentro do plan de bacheos que realiza a Concellería de Vías e Obras que dirixe Lourdes Moure. Ata agora, 15 carreteiras bachearonse Atios, 5 en Cans e outras 5
rúas no Porriño Centro. As rúas bacheadas no casco urbano foron Xogo da Ola, Navuxil, Sequeiras, Manuel Rodríguez e Gurpilleira. Esta mañá a concelleira acudiu a inspeccionar o resultado dalgúns destes traballos en Cans e Atios.
Esta semana o persoal de Vías e Obras do Concello acomete arranxos na parroquia de Torneiros. A continuación seguirán por Pontelllas, Mosende, Chenlo e Budiño, segundo a planificación establecida. Levará esta orde “por economía de esforzos e aforro de tempo e materiais”, explicou Lourdes Moure.
Ata o momento, utilizáronse 28 toneladas de asfalto, 3.000 litros de emulsión quente e unha tonelada de area. As obras realízanse con medios propios e os contratados por concurso para subministrar materiais e maquinaria pesada.
Doutra banda, a Concellería de Vías e Obras prepara un plan de reasfaltados para camiños e estradas municipais que xa non poden ser bacheados ao grao de deterioro. Unha acción que se realizará cunha partida específica pendente de asignar no seguinte orzamento municipal.

Traballase no arranxo da rotonda principal de acceso ao Polígono Industrial da Granxa

Durante esta tarde e ata a noite, persoal da empresa “Naturgalia”, contratada para desenvolver o arranxo da rotunda da Avenida Principal coa rúa Arousa, no acceso ao polígono industrial de A Granxa, realiza o fresado da anterior capa de rodadura, moi deteriorada, para pavimentar de novo. As obras serán reiniciadas mañá sábado coa previsión de que poden concluír ao longo do día.

Lourdes Moure, concelleiro de Vías e Obras, departamento do que depende esta actuación, foi esta tarde a comprobar o progreso das tarefas.

Esta acción está financiada con fondos do Plan Concellos 2020 da Deputación Provincial e responden a unha demanda da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial de A Granxa.

 

 

A pavimentación da rotonda da Avenida Principal no polígono industrial A Granxa terá lugar entre venres tarde e sábado para diminuír o impacto no tráfico

A Concellería de Vías e Obras informa que o pavimentado da rotonda da Avenida Principal-Rúa Arousa do polígono industrial de A Granxa realizaranse entre a tarde deste venres 26 e ao longo do sábado 27, buscando o menor impacto no tráfico de vehículos.

Lourdes Moure, concelleira responsable explicou que a empresa que levará a cabo a pavimentación, a firma “Naturgalia”, informoulle que o fresado da rotonda comezará a partir das catro da tarde deste venres e que a Policía Local xa foi notificada para regular o tráfico.

Do mesmo xeito, Moure Varela tamén comunicou a execución das obras á Entidade Urbanística de Conservación do polígono de A Granxa cumprindo un compromiso adquirido polo Concello. Esta rotonda rexistra a diario aforos de tráfico de milleiros de vehículos, especialmente tráfico pesado.

Os traballos desenvolvense con fondos do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

Porriño e Salceda aportarán unha solución integral ao problema das inundacións en Budiño

A concelleira de Vías e Obras de Porriño, Lourdes Moure e o seu homólogo de Salceda, Miguel González acordaron hoxe dar unha solución máis integral ao problema das inundacións que se produce en Budiño.

A inundación de fincas no Rego da Lama-Casal, viuse agravada polos recentes traballos realizados no almacén de “Amazon” pola empresa “EAM” que xa prometera a semana pasada solucionar desviando a auga á rede de pluviais.

Non obstante, tras a reunión mantida esta mañá no terreo polos concelleiros de ambos municipios, acordouse estender esta canle ata o límite co concello de Salceda, que, pola súa banda, tamén prolongará os traballos para solucionar un problema similar.

Acordo entre Concello e veciños de Budiño para arranxar inundacións en fincas ao carón da nave de “Amazon”

A concelleira de Obras, Lourdes Moure, en compañía do enxeñeiro e o responsable das obras municipais, acudiu hoxe a Rego da Lama-Casal en Budiño para comprobar sobre o terreo as inundacións de fincas próximas ás instalacións da empresa “Amazon”.

A orixe do problema está nas recentes obras de canalización realizadas nestas instalacións pola empresa “EAM”.

A representación municipal acordou coa empresa e cos veciños afectados que a próxima semana, unha vez que o tempo mellore, executarase unha solución ás inundacións mediante un desvío de auga á rede de pluviais.

O Concello renovará instalacións de alumeado exterior en núcleos do Porriño, Chenlo, Cans, Atios, Torneiros e Mosende por medio millón de euros

Eva Garcia firmou hoxe o decreto da Alcaldía de adxudicación dos contratos para a renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior que se executaran en diversas zonas do termo municipal. Tanto en núcleos do Porriño como das parroquias de Chenlo, Cans, Torneiros, Atios e Mosende.

A actuación dividiuse en tres lotes de licitación. Suman en total un gasto de 519.767,91€ (429.560,25€ máis 90.207,66 € en concepto de IVE), que serán financiados con fondos FEDER para a transición enerxética e con recursos propios do Concello.

O lote 1, consistente na renovación de instalacións de iluminación exterior en núcleos do Porriño (A Gulpilleira, Carracido, A Senra, Malladoura, Carracido Amieiro, A Raposeira Urb e rúa Leandro Diz) e na parroquia de Cans (Confurco-A Buraca e A Graña), adxudicouse á UTE SANTOS HECTOR-SIMTEGAL cun orzamento de 175.450,00 (IVE incluído), cun prazo de execución de 3 meses.

O Lote 2, consistente na obra de renovación de instalacións de iluminación exterior na parroquia de Atios (A Insua, O Castro), na parroquia de Torneiros (Casal de Vello, A Relva e A Gándara) e na parroquia de Mosende (O Caeiro, Unif.Casal+Igrexa, Figueiras e A Costeira), adxudicouse á firma ELECTRICIDAD IN.M.A.C CONDADO SL, cun orzamento de
151.528,30€ (IVE incluído) e cun prazo de execución de 3 meses.

E por último, o Lote 3, para renovación de instalacións de iluminación exterior na parroquia de San Juan de Chenlo (Saramagal, A Granxa, Parada, O Penedo,Canadelo-O Toxal,As Cabreiras, A Ladeira-A Quinta e As Cales-As Abas) tamén á ELECTRICIDAD IN.M.A.C CONDADO SL, cun orzamento de 184.427,18€ (IVE incluído) e 3 meses de prazo de execución.

 

Remata a pavimentación do camiño de Cavadas en Atios

No día de hoxe rematase de asfaltar o camiño de Cavadas, en Atios, segundo informa a Concellería de Infraestruturas.

Non obstante, o vindeiro luns continúan cos traballos de levantado de tapas de pozos e arquetas, segundo indicou Pedro Pereira, concelleiro responsable desta intervención.

A empresa “Fechi” foi a adxudicataria desta actuación que ten un orzamento de 59.436,19 €.
Este proxecto financiouse coas achegas do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.

O Porriño presenta ao Plan Concellos un proxecto de humanización da rúa Manuel Rodriguez e tres novas redes de saneamento en Atios e Pontellas

O goberno municipal do Porriño presenta ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra catro proxectos que “apostan pola humanización das rúas e polo aumento da rede de saneamento nas parroquias”, segundo explicou Pedro Pereira, concelleiro de Infraestruturas.

Das catro propostas, a máis ambiciosa polo seu coste, é o proxecto de humanización da rúa Manuel Rodríguez. A actuación será no tramo desa rúa entre a confluencia coa rúa Xogo da Ola e a praza de San Sebastián.

 

As obras consistirán no levantamento do pavimento tanto na calzada coma nas beirarrúas; renovación das redes de pluviais e fecais; renovación da rede de alumeado público; renovación da rede de abastecemento; pre instalación para telecomunicacións e da rede de baixa tensión; nova pavimentación en granito e mobiliario e renovación da zona de xardíns.

O proxecto ten un orzamento de 391.322,95 € mais o IVE do 21% correspondente.

“Unha vez rematada a humanización deste tramo, a rúa Manuel Rodríguez terá un uso  totalmente peonil”, segundo avanzou o concelleiro de Infraestruturas.

O Concello tamén presentou para acollerse ás achegas da Liña 1 do Plan Concellos, tres actuacións nas parroquias “coas que seguimos avanzando no aumento da rede de saneamento no rural”, manifestou Pereira Fernández.

Son os seguintes:

Proxecto de saneamento no barrio da Portela do Souto en Atios, cun orzamento de 111.589,47 € mais IVE.

Proxecto de saneamento no Corzón en Pontellas cun orzamento de 46.388,42 € mais IVE

Saneamento de ampliación de rede no barrio da Arrotea – Lameira en Pontellas  cun orzamento de 95564,36 mais IVE.

Reparado un tramo da estrada principal do Polígono das Gándaras

A alcaldesa Eva García informou hoxe que o Concello do Porriño está a planificar e desenvolver nestes primeiros días de 2021, unha serie de obras de mellora das infraestruturas viarias nos polígonos industriais.

Esta semana, a través do departamento de Vías e Obras dirixido por Lourdes Moure, acometeu e concluíu esta semana a reparación dun tramo da estrada principal do Polígono das Gándaras.  Esta é a sección que discorre fronte ás instalacións da empresa “Gestamp”.

O vial atopábase en moi mal estado, polo que foi necesario fresar e renovar o pavimento.  A reparación realizouse cos medios propios do Concello. Executouse esta semana unha vez que o persoal de Vías e Obras reincorporouse despois das vacacións de Nadal.

O Concello anuncia que acometerá en breve a reparación mediante obra nova das dúas rotondas do polígono da Granxa,  a cargo do departamento de Infraestruturas dirixido por Pedro Pereira.  A primeira que se arranxará será a rotonda da gasolineira que se acometerá cando se obteña a autorización do Ministerio de Transportes e Mobilidade.

No abeiro destas actuacións, o vindeiro luns 18, ás 12,30 horas, a alcaldesa Eva García manterá unha reunión de traballo con Indalecio Cuevas, presidente da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono da Granxa.

Diversas intervencións de Protección Civil por inundacións

 
O Grupo de Voluntarios de Protección Civil do Porriño realizou ao longo da madrugada e durante a madrugada varias intervencións a petición do 112 e da Policía Local, por balsas de auga e inundacións polas fortes choivas.
 
Segundo os rexistros da estación meteorolóxica de Atios, caeron máis de 62 litros de choiva por metro cadrado.
 
En Torneiros os voluntarios de Protección Civil do Porriño responderon a tres avisos. Levantaron coviñas para aliviar as concentracións de auga e colocaron sinais de perigo para alertar aos condutores.
 
Tamén interviñeron noutras inundacións en Eidos (Atios); na curva do campo de fútbol de Lourambal; na recta principal do polígono das Gándaras, ata “Nueva Pescanova”; no PPI 7 e no parque industrial da Granxa, onde tamén tiveron que axudar e remolcar dous vehículos atrapados.
 
 
Ningún destes incidentes tivo consecuencias importantes.
 
Por outra banda, Protección Civil colabora na vixilancia do río Louro que presenta unha notable enchente en diversos puntos ao seu paso polo municipio.