A partires do vindeiro luns 2 de agosto, as oficinas do Concello do Porriño recuperarán a atención presencial en todas as dependencias agás no departamento de Servizos Sociais. Nas oficinas de Servizos Sociais manterase un control de aforamento e requirira cita previa para atención, aínda que se simplificará a petición por teléfono ou en persoa.

A resolución adoptouse este mediodía na reunión da Comisión Municipal de Seguimento da Covid, que implementou o acordo que tomou o pleno da corporación local na sesión do pasado mércores.

Na reunión da Comisión de Seguimento da Covid que presidiu a alcaldesa, Eva García de la Torre comentáronse as medidas que a Xunta de Galicia aplicará no Porriño, nomeadamente no sector da hostalería, ao atoparse este concello no nivel alto de restricións.

A Comisión decidiu non aplicar medidas adicionais agás o incremento da vixilancia a cargo da Policía Local no mercado ambulante dos martes.

Ao termo da reunión a alcaldesa Eva García declarou o seu malestar porque “de novo sexa o sector da hostalería o que ten que cargar coa maioría das restricións”.