O goberno municipal escoitará as demandas de axuda de diversos sectores para reiniciar a economía local


O goberno municipal convocou hoxe, a partir das 17 horas, a representantes de diversos sectores da economía local para escoitar as súas necesidades de axuda para a reactivación.
Están convocados representantes da Asociación de Comerciantes e Industriais de Porriño (ACIPOR); da Asociación de Hostalaría; praceiras do Mercado de Abastos, taxistas e autónomos.
Despois, a partir das 19 horas, está convocada unha xunta de voceiros do grupos municipais para determinar os asuntos que se tratarán nun vindeiro pleno da Corporación. Entre eles, as modificacións orzamentarias de diversas partidas que non se empregarán e serán redirixidas para axudas sociais e para reiniciar a economía local.

A Alcaldesa celebra o consenso e colaboración amosadas por todos os grupos para afrontar a crise


O goberno municipal de O Porriño poñerá en común cos grupos políticos do consistorio unha proposta de orde do día para un vindeiro pleno da corporación, a fin de acordar as liñas de actuación que o Concello vai despregar na desescalada para axudar aos sectores máis sensibles da economía local.
Este acordo adoptouse hoxe na reunión de Comité Municipal de Seguimento do “Covid-19” que presidiu a alcaldesa e no que participaron todos os membros do goberno municipal coligado PSOE/BNG e os voceiros dos grupos políticos PP, EUSON e UDDL.

Eva García de la Torre manifestou ao remate da reunión “síntome honrada de presidir esta corporación e comprobar que todos os grupos políticos deron hoxe a medida da súa responsabilidade e capacidade que se agarda de nós nunha situación desta gravidade”. “Con independencia das críticas que son obxectivas, o ton común foi construtivo e de apoiar todas as medidas que sexamos quen de aprobar todas as medidas que adoptemos para apoiar aos sectores máis golpeados por esta crise, conscientes de que temos que evitar que logo veña unha pandemia económica que prexudique o que tiñamos acadado polo crecemento do municipio”.

A proposta que elaborará o goberno porriñés será levada a comisión informativa municipal para conseguirse con todos os grupos e definir a orde do día dun vindeiro pleno da Corporación “no que acordaríamos medidas para afrontar a desescalada”, engadiu García de la Torre.

A alcaldesa apela á importancia de “crear un fondo económico mediante modificacións orzamentarias para facer fronte as axudas que deberemos prestar aos sectores máis endebles”, rematou Eva García.

Convocado Comité de Seguimento do “Covid-19” para o luns 27: abordará modificacións orzamentarias para apoiar a economía local


Hoxe cursouse a convocatoria do Comité Municipal de Seguimento do “Covid-19” que vai celebrar reunión presencial o vindeiro luns 27, ás 12,30 horas, no salón de plenos do Concello do Porriño.
A orde do dia establece 3 asuntos. Primeiramente o goberno municipal dará conta das medidas que está a levar a cabo nos diversos eidos para combater a pandemia e para apoiar a economía local. En segundo lugar, a Comisión tratará das propostas que os grupos políticos da Corporación fagan para implementar polo Concello do Porriño. O derradeiro punto serán rogos e preguntas.

Nesta reunión, a alcaldesa levará a proposta de a proposta de acordar unha modificación orzamentaria. Segundo anunciou o pasado mércores Eva García, consiste “en destinar achegas e partidas orzamentarias que non se empregarán, por exemplo, en eventos deportivos ou festivos, para manter as axudas por emerxencia social nos colectivos máis castigados polo confinamento, e tamén, empregar eses cartos en inxectar liquidez na economía local, pequeno comercio e hostalaría especialmente, para axudarlles a remontar a crise”, segundo manifestou.
Os acordos aos que se chegue serán trasladados a un pleno da corporación municipal. A alcaldesa poñerá en común cos voceiros dos grupos políticos a data e o xeito de celebrar esa vindeira sesión plenaria.

Este Comité, presidido por Eva García de la Torre está formado por Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde; Lourdes Moure, segunda tenente de alcalde concelleira de Seguridade e Persoal; Sergio Casal, concelleiro de Limpeza, Medio Ambiente e Tráfico; Cami Moreira, concelleira de Igualdade e Xuventude; Daniel Rodríguez, Inspector Xefe da Policía Local e Jesús Gónzalez Pexegueiro “Carrola”, responsable de la agrupación de Protección Civil. Tamén forman parte os voceiros dos grupos municipais da Corporación, un representante dos traballadores do Concello e un representante do persoal sanitario do Centro de Saúde.

O concelleiro de Servizos Sociais chama a contribuir coa campaña “Vecino Solidario” na que participa O Porriño


David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais chama á poboación a contribuír coa campaña “Veciño Solidario” na que participa O Porriño xunto con outros corenta concellos galegos.

A iniciativa partiu da empresa de organización de eventos deportivos “Emesports”, que colabora co Concello do Porriño. Propón que en cada concello, cada veciño que poda, colabora cunha sinxela achega dende 3 € para destinar a recadación ás axudas sociais aos colectivos desfavorecidos que neste caso o Concello de Porriño estime oportunas.

Para facer a achega hai que entrar na web de Emesports para consultar o número de conta bancaria onde hai que realizar o ingreso.

Dez voluntarios envasan a seguinte remesa de máscaras de protección que repartirá o Concello esta tarde e nos vindeiros días


Hoxe dez voluntarios comezaron a envasar a seguinte remesa de máscaras de protección que o Concello do Porriño vai distribuír entre a poboación, casa por casa e tamén nos establecementos que poden estar abertos. En total é unha partida de 13.000 máscaras.
O traballo realizase no salón de plenos do Concello e continuará durante os vindeiros días. O concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso que participou nestas tarefas quixo destacar a colaboración dos alumnos do curso de “Cross-fit” do ximnasio local “Jovhe Sport”.

Esta mesma tarde reanudarase o reparto porta a porta con dous grupos. Un deles distribuirá polo centro urbano e o outro pola parroquia de Torneiros.
Nos vindeiros días continuara o envasado e reparto de máscaras polo Concello.

Estas máscaras de protección son de tela, lavables a 90 graos e reutilizables. Están confeccionadas por mulleres de O Porriño grazas ás doazóns de tecido que recibiron. Antes do seu envasado, foron esterilizadas. No envase aparece unha pegatina co logo do Concello do Porriño e instrucións para o seu uso e conservación. E lembrase a importancia de seguir mantendo a distancia de seguridade entre persoas (metro e medio a dous metros) e de lavarse asiduamente as mans.

O Concello acordará unha modificación orzamentaria para destinar fondos á axuda social e tamén para apoiar ó pequeno comercio e á hostalaría

Eva García, alcaldesa de O Porriño poñerá en común cos voceiros dos restantes grupos políticos da corporación, a proposta de acordar unha modificación orzamentaria para destinar fondos e partidas que non van a empregarse en axuda social aos máis desfavorecidos e apoio aos sectores económicos máis sensibles do municipio.

A proposta do goberno municipal consiste en destinar achegas e partidas orzamentarias que non se empregarán, por exemplo, en eventos deportivos ou festivos, para manter axudas por emerxencia social nos colectivos máis castigados polo confinamento, e tamén, empregar eses cartos en inxectar liquidez no tecido do pequeno comercio e hostalaría para axudarlles a remontar a crise.

A alcaldesa trasladará esta proposta aos grupos políticos na vindeira reunión da Comisión Municipal Especial de Seguimento do Covid-19 que volverá a reunirse o vindeiro luns 27. Nesa reunión, o goberno municipal tamén informará aos voceiros dos restantes grupos da corporación, das medidas despregadas ata de agora polo Concello en materia de limpeza, desinfección, achegas de axudas alimentarias e económicas á poboación en risco de exclusión e outras accións en diferentes eidos. Asimesmo nesa reunión, goberno e grupos comezarán a estudar como pode ser a desescalada a nivel local segundo as pautas que marquen tanto o Goberno Central como a Xunta de Galicia.

Finalmente, na reunión de Comisión de Seguimento do Covid-19, alcaldesa e grupos acordarán a data e o xeito de celebración dun pleno da corporación municipal. Decidirase se é presencial coas medidas de hixiene e aloxamento precisas ou ben telemática.
O Concello do Porriño dispón do programa “Séneca” (o mesmo que ten o Parlamento de Galicia, por exemplo) que permite a celebración de sesións telemáticas. E por outra banda, a Deputación Provincial implementou o sistema “Xestiona” para que os concellos pontevedreses poidan celebrar reunións “on line” dos seus órganos de goberno.

Doazón de produtos de “Coren” ao Concello para o Banco de Alimentos “SOS Porriño”


Esta mañá, a factoría do grupo “Coren” no Porriño fixo entrega dunha nova doazón de produtos ao Concello para o Banco de Alimentos “SOS Porriño”. Esta achega, como outras procedentes de empresas da contorna, adquiren unha importancia moi grande debido ao incremento de demandantes de axuda alimentaria na vila, a consecuencia de prolongarse o estado de alarma.
David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais, persoal de Protección Civil e voluntarios do Banco de Alimentos recolleron os lotes que un camión de “Coren” trasladou ata o almacén de “SOS Porriño”.

O Concello xa destinou 70.000 € en axuda alimentaria por emerxencia social

O Concello de O Porriño tivo que ampliar a partida, inicialmente de 20.000 euros ata os 70.000 €, para atender ás familias máis desfavorecidas e persoas con dificultades económicas para que puideran abastecerse de alimentos frescos e produtos básicos de primeira necesidade dende que comezou o estado de alarma.

As sucesivas prórrogas obrigaron a incrementar a partida económica, mediante crédito extraordinario. Ademais a previsión inicial de persoas a atender multiplicouse pola prolongada paralización económica que afecta gravemente a máis de 200 familias do concello, que precisan desta axuda de emerxencia.

David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais e Emprego non descartou que “teñamos que afrontar unha nova ampliación da partida para esta emerxencia social en caso de novas prórrogas do estado de alarma. É unha circunstancia que valoraremos”, engadiu David Alonso.

Para atender esta emerxencia, o Concello do Porriño establecera un contrato con “Supermercados Froiz” para que as persoas e familias máis desfavorecidas puideran aprovisionarse deses produtos frescos e de primeira necesidade nos establecementos desa firma na rúa Ramón Gónzalez e tamén en Torneiros.
Coa achega municipal, as compras das familias máis desfavorecidas, que previamente valoraron os técnicos de Servizos Sociais, vanse descontando. A cada beneficiario da axuda, atribúeselle unha contía semanal que é o importe das compras que poden realizar no super.

Esta acción extra do Concello de O Porriño complementa á axuda periódica que distribúe o Banco de Alimentos “SOS Porriño” que tamén dobrou o número de demandantes a ta chegar a 300 familias.

“Porremprego” difunde unha guía informativa para traballadores e empresas para acollerse ás axudas oficiais como consecuencia da pandemia

A Concellería de Servizos Sociais, a través de “Porremprego”, ven de distribuir unha guía informativa para traballadores e empresas coas diferentes posibilidades de acollerse a axudas oficiais, segundo a situación na que se atopen., como consecuencia do estado de alarma a causa da pandemia polo “Coviud-19”.

Ademais facilitanse enlaces amplar información, para resolver as dúbidas máis frecuentes e para realizar trámites.

O Concello do Porriño sumase ao Plan de Formación de Xuventude durante a emerxencia sanitaria proposto pola Xunta de Galicia

A Concellería de Xuventude do Concello do Porriño anunciou hoxe que se suma ao “Plan de formación de xuventude e voluntariado durante a emerxencia sanitaria do COVID-19″, promovido pola Xunta de Galicia.

Segundo recolle a información recibida pola Concellería que dirixe Cami Moreira, o Plan está conformado por 18 cursos “on line”. Ofertan un total de 1.250 prazas. Están orientados á formación básica en materia de voluntariado, así como á formación especializada e específica en lingua de signos, coidado ambiental (cun especial fincapé na reciclaxe na casa); novas tecnoloxías ou voluntariado en situacións de emerxencia.

No ámbito da mocedade, as accións formativas centraránse no eido dixital, na comunicación, tempo libre e técnicas de mellora emocional. Poderán inscribirse a estes cursos personas xóvenes de entre 16 e 35 anos.

Os formularios de inscrición estarán disponibles a partir do mércores 8 e o prazo rematará o 13 de abril.

Deixamos o enlace para os/as interesados/as coa páxina web de Voluntariado Galego (Consellería de Política Social) con toda a información necesaria.

en la página web de Voluntariado