Hoxe dez voluntarios comezaron a envasar a seguinte remesa de máscaras de protección que o Concello do Porriño vai distribuír entre a poboación, casa por casa e tamén nos establecementos que poden estar abertos. En total é unha partida de 13.000 máscaras.
O traballo realizase no salón de plenos do Concello e continuará durante os vindeiros días. O concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso que participou nestas tarefas quixo destacar a colaboración dos alumnos do curso de “Cross-fit” do ximnasio local “Jovhe Sport”.

Esta mesma tarde reanudarase o reparto porta a porta con dous grupos. Un deles distribuirá polo centro urbano e o outro pola parroquia de Torneiros.
Nos vindeiros días continuara o envasado e reparto de máscaras polo Concello.

Estas máscaras de protección son de tela, lavables a 90 graos e reutilizables. Están confeccionadas por mulleres de O Porriño grazas ás doazóns de tecido que recibiron. Antes do seu envasado, foron esterilizadas. No envase aparece unha pegatina co logo do Concello do Porriño e instrucións para o seu uso e conservación. E lembrase a importancia de seguir mantendo a distancia de seguridade entre persoas (metro e medio a dous metros) e de lavarse asiduamente as mans.