Hoxe cursouse a convocatoria do Comité Municipal de Seguimento do “Covid-19” que vai celebrar reunión presencial o vindeiro luns 27, ás 12,30 horas, no salón de plenos do Concello do Porriño.
A orde do dia establece 3 asuntos. Primeiramente o goberno municipal dará conta das medidas que está a levar a cabo nos diversos eidos para combater a pandemia e para apoiar a economía local. En segundo lugar, a Comisión tratará das propostas que os grupos políticos da Corporación fagan para implementar polo Concello do Porriño. O derradeiro punto serán rogos e preguntas.

Nesta reunión, a alcaldesa levará a proposta de a proposta de acordar unha modificación orzamentaria. Segundo anunciou o pasado mércores Eva García, consiste “en destinar achegas e partidas orzamentarias que non se empregarán, por exemplo, en eventos deportivos ou festivos, para manter as axudas por emerxencia social nos colectivos máis castigados polo confinamento, e tamén, empregar eses cartos en inxectar liquidez na economía local, pequeno comercio e hostalaría especialmente, para axudarlles a remontar a crise”, segundo manifestou.
Os acordos aos que se chegue serán trasladados a un pleno da corporación municipal. A alcaldesa poñerá en común cos voceiros dos grupos políticos a data e o xeito de celebrar esa vindeira sesión plenaria.

Este Comité, presidido por Eva García de la Torre está formado por Pedro Pereira, primeiro tenente de alcalde; Lourdes Moure, segunda tenente de alcalde concelleira de Seguridade e Persoal; Sergio Casal, concelleiro de Limpeza, Medio Ambiente e Tráfico; Cami Moreira, concelleira de Igualdade e Xuventude; Daniel Rodríguez, Inspector Xefe da Policía Local e Jesús Gónzalez Pexegueiro “Carrola”, responsable de la agrupación de Protección Civil. Tamén forman parte os voceiros dos grupos municipais da Corporación, un representante dos traballadores do Concello e un representante do persoal sanitario do Centro de Saúde.