Hoxe recibironse 21 toneladas de alimentos doados por industrias do sector alimentario e pola Cruz Vermella para abastecer ás familias máis necesitadas de Porriño

Ao longo deste martes recibironse no almacén do Banco de Alimentos “SOS Porriño”, 21 toneladas de productos doados por industrias do sector alimentario da contorna e tamén pola Cruz Vermella.

Nos vindeiros días continuaran as achegas doutras empresas segundo comprometeron con David Alonso, concelleiro de Asuntos Sociais que xestionou unha achega extra tendo en conta a actual situación do estado de alarma. Segundo os datos recabados polos técnicos do departamento de Servizos Sociais, a demanda de axuda extra para familias máis necesitadas no Porriño medrou ao dobre do habitual.

Hoxe recibironse as achegas de “Eurobanan” que aportou 300 kilos de froita fresca (plátanos e mazás); 750 kilos de peixe conxelado (bacallau e pescada) doados por Noribérica, e 20.000 kilos de alimentos non perecedoiros aportados pola Cruz Vermella. Tratase da primeira das achegas semestrais que realiza a ong para “SOS Porriño”.

Nos vindeiros días agardanse as achegas doutras firmas e distribuidores da contorna que anunciaron a súa colaboración como “El Corte Inglés”, “Coren”, “Froiz”, “Mercadona”, “Carrefour”, “Frinova” e “Pescapuerta” entre outras.

Industrias do sector alimentario doan toneladas de productos ao Concello para abastecer ás familias máis necesitadas do Porriño

Diversas industrias do sector de elaboración de productos alimentarios sitas na contorna están a realizar doazóns ao Concello do Porriño para poder abastecer ás familias máis necesitadas.

Segundo novos cálculos do departamento de Servizos Sociais, a cifra de familias en risco de exclusión social pasou das 150 censadas ás 300 debido á paralización de actividades económicas derivada do estado de alarma e do endurecemento das medidas de confinamento pola pandemia do “Covid-19”.

Hoxe foi a empresa “Nova Pescanova” a que fixo entrega de 200 kilos de elaborados de peixe cuio reparto realizaron a Agrupación de Protección Civil e o propio concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso coa axuda de voluntarios que colaboran con Banco de Alimentos “SOS Porriño”.

Mañá martes recibiránse as doazóns das empresas “Eurobanan”, que aportará 300 kilos en froitas e “Coren” que doa 250 kgs. en diversos elaborados cárnicos. E nos vindeiros días “apalabraronse as entregas de “Pescapuerta”, “El Corte Inglés” e “Frinova” que garantirán o aporte de outra tonelada e media máis de alimentos para solventar esta emerxencia”, manifestou o concelleiro David Alonso.

Realizase hoxe o reparto urxente de lotes de alimentos ás 40 familias máis necesitadas

Esta mañán Protección Civil do Concello do Porriño e o concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso iniciaron a entrega de lotes de alimentos non perecedoiros ás 40 familias que segundo a valoración dos técnicos municipais están nunha situación de maior necesidade.

O departamento de Servizos Sociais do Concello ten referenciadas a 150 familias que están en situación de exclusión social que son receptoras das axudas alimentarias que se canalizan a través de “SOS Porriño”.

Os lotes de productos continuarán distribuindose esta tarde coa colaboración da flota de repartidores da firma “Kebel Logistics” que ofreceu a súa contribución de xeito desinteresado.
“Kebel Logistics”, é unha firma asentada en Barcelona que dispon en Porriño dun parque móbil de 50 furgonetas que traballan habitualmente no reparto a domicilio de pedidos de “Amazon”.

O Concello entrega 54 traxes “EPI” para protección do persoal do Servizo de Axuda no Fogar

O Concello de O Porriño, a través da Policía Local, fixo entrega hoxe de 54 traxes EPI (equipo de protección individual) de nivel III ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para garantir a seguridade dos traballadores que prestan a diario atención domiciliaria a persoas dependentes e maiores.

Normalmente o SAF atende a 120 persoas. Pero nas actuais circunstancias do estado de alarma, decidiuse rebaixar a atención domiciliaria a tan só 25 fogares que son os casos de extrema necesidade, según determinou o departamento de Servizos Sociais do Concello.

O Concello habilita unha axuda extra de emerxencia social para as familias e persoas más desfavorecidas co gallo do estado de alarma

O Concello de O Porriño habilitou unha partida de 20.000 euros mediante crédito extraordinario para atender ás familias máis desfavorecidas e persoas con dificultades económicas para que poidan abastecerse de alimentos frescos e productos básicos de primeira necesidade.
Tratase de unha acción extra motivada polo actual estado de alarma pola pandemia do coronavirus e que complementa á axuda periódica que distribue o Banco de Alimentos “SOS Porriño”.

Coa achega deses 20.000 euros estableceuse un contrato co Supermercado Froiz da rúa Ramón Gónzalez para que as persoas e familias más desfavorecidas poidan aprovisionarse de productos de primeira necesidade. As súas compras se van descontando desa cantidade de 20.000 €.

Cada familia ou persoa interesada en acollerse a esta axuda extraordinaria deberá realizar a súa solicitude ao departamento de Servizos Sociais do Concello a través do número electrónico 986 33 50 00 (extensión 6).
Os técnicos de Servizos Sociais valoran cada caso en función de que se trate dun solicitante individual ou familiar, número de membros, se hai menores, parados de longa duración ou persoas dependentes. En función de distintos báremos asignaselles unha coantía semanal por cuio importe poderán realizar a súa compra. Tamén están tipificados os productos e alimentos que poderán adquirir.

Para realizar esa compra indicaselles que deberán acudir individualmente ou unha persoa por familia, preferentemente en horario de tarde, para evitar aglomeracións.

A duración desta achega está prevista para mes e medio “sen descartar que teñamos necesidade dunha ampliación pola duración das actuáis medidas de confinamento e restricción da movilidade”, indicou David Alonso, concelleiro responsable de Servizos Sociais.

Acordo do Concello con “Kebel Logistics” para que faga o reparto de alimentos ás familias desfavorecidas, persoas maiores e discapacitados

O Concello do Porriño chegou a un acordo coa firma “Kebel Logistics” para que a súa flota de vehículos faga, de xeito gratuito, o reparto de lotes de comida para as familias máis desfavorecidas. Tamén asumirán o transporte de medicamentos e artigos de primeira necesidade aos domicilios de personas maiores ou discapacitadas que bien sóas que de inmediato artellará o Concello, a través do departamento de Servizos Sociais.

“Kebel Logistics”, é unha firma asentada en Barcelona que dispon en Porriño dun parque móbil de 50 furgonetas que traballan habitualmente no reparto a domicilio de pedidos de “Amazon”. O pasado venres un dos seus directivos, Joan Colet realizou este ofrecemento a colaborar mediante un email remitido ao Concello.

Segundo explicou hoxe David Alonso, concelleiro de Servizos Sociais, “de xeito urxente atenderáse a través desta colaboración, a distribución de 40 lotes de comida, con alimentos non perecedoiros, para outras tantas familias do termo municipal que son as que se atopan nunha situación máis complicada”. Neste reparto tamén colaborará a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello.

Posteriormente, a primeiros de abril, como se manterá o estado de alarma coa prórroga anunciada, realizarase o reparto de 150 lotes de alimentos a outras tantas familias que mensualmente acuden a “SOS Porriño”. Se repartirán ó redor de 30.000 kilos de alimentos non perecedoiros. Para que os destinatarios non vulneren as medidas de confinamento e restricción da movilidade, realizaráse a entrega á domicilio a través desta colaboración con “Kebel Logistics”.
No que atinxe a atender o reparto de alimentos, fármacos ou outros productos de primeira necesidade a persoas maiores ou discapacitadas, realizaráse previa petición ao departamento de Servizos Sociais do Concello, chamando por teléfono ao número 986 33 50 00, extensión 6.

“SOS Porriño” reparte 3.000 kgs de alimentos en axuda para 160 familias

Esta tarde rematará o reparto de 3.000 kilos de alimentos non perecedoiros que realiza “SOS Porriño” no seu almacén, situado no Multiusos de Torneiros. “Esta axuda humanitaria alcanza a 160 familias e polo tanto aproximadamente a máis de 600 persoas que teñen dificultades económicas”, segundo explicou David Alonso, concelleiro responsable de Servizos Sociais.
Este reparto de alimentos é mensual e realizase entre familias cuias necesidades son previamente valoradas e comprobadas polos técnicos do departamento de Servizos Sociais.

A recollida de alimentos para “SOS Porriño” mantense de xeito continuado e conta coa solidariedade de diversos colectivos. David Alonso suliñou “o gran pulo que supon para o Banco SOS Porriño as aportacións dos deportistas”. O concelleiro de Servizos Sociais que tamén é responsable da delegación de Deportes ten establecido que nos diferentes eventos que se organizan, os participantes acheguen un kilo de alimentos non perecedoiros como volverá a acontecer coa carreira “Porriño 10K” que vaise celebrar o domingo 15 de marzo.

Reparto de camas articuladas e guindastres

Por outra banda, o Concello do Porriño adquiriu cunha partida de 15.000 euros, 10 camas articuladas e 5 guindastres para movilización de persoas con movilidade reducida ou nula, que se están a repartir en préstamo a familias que o solicitan. Previamente os técnicos de Servizos Sociais realizan unha valoración de cada caso.
O concelleiro de Servizos Sociais informa que actualmente ainda hai dispoñibles no almacén do Multiusos de Torneiros para quen queira solicitar e reuna as condicións requeridas.

Acordo unánime para desafectar as antigas casas dos mestres de Torneiros para a súa conversión en vivendas sociais

O Concello do Porriño aprobará, co acordo unánime de todos os grupos políticos da Corporación, a desafección das antigas casas dos mestres de Torneiros para a súa conversión en vivendas sociais.
A proposta realizada no nome do goberno municipal bipartito polo concelleiro de Infraestructuras e Patrimonio, Pedro Pereira será levada a pleno para a súa ratificación. Ainda que xa recibiu o respaldo dos restantes grupos políticos na reunión que celebrou onte a xunta de voceiros municipais. A alcaldesa Eva García engadiu que o proxecto de conversión en vivendas sociais podese acoller a unha liña de subvencións do 90% que establece o propio Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Á Xunta de Voceiros Municipais, presidida por Eva García, asistiron ademáis do citado Pedro Pereira, Lourdes Moure (PSOE), Abel Estévez (PP), Pedro Ocampo (EU Son) e Manuel Carrera (UDDL).

Entre outros acordos decidiuse que o pleno deste mes de febreiro sexa o xoves 27, ás 18 horas, para evitar a coincidencia co Mércores de Cinza e co Enterro da Sardiña.
Tamén tratouse da proposta do Rueiro Municipal para denominación de rúas e prazas que ainda está en fase de consultas que continuarán en marzo. Acordouse pechar os preparativos da Comisión Especial do Lindano que se vai constituir formalmente o vindeiro mércores 19, a as 19 horas.

Ademais o concelleiro de Infraestructuras, Pedro Pereira debatiu cos voceiros dos grupos a posibilidade de establecer unha posición común do Concello no asunto existente en Budiño entre cinco entidades deportivas, culturais e veciñais e a Comunidade de Montes. De momento non é posible por diferencias de criterios que se volverán a tratar nunha reunión específica que terá lugar o vindeiro xoves 20.
Pretendese intermediar para acadar unha solución a tres bandas que garanta o mantemento dos usos de instalacións cuia titularidade pasou a mans da Comunidade de Montes, por sentenza do Xurado de Montes.

Pleno municipal de xaneiro: apoio á sanidade pública e regulación da pirotecnia en festas

Na sesión ordinaria de xaneiro debatiuse e aprobouse por maioria (PSOE, EU SON, BNG e UDDL) que o Concello de O Porriño apoie institucionalmente a manifestación en defensa da sanidade pública de Galicia prevista o vindeiro 9 de febrero en Santiago.
O acordo adoptouse por partida dobre xa que houbo dúas mocións con esa demanda que presentaron os grupos EU Son e BNG. En ambos casos o PP votou en contra.

Por outra banda a Corporación aprobou por unanimidade regular o uso de pirotecnia nos festexos para limitar a contaminación acústica.
Sobre este particular Cami Moreira, concelleira de Festexos anunciou que está a preparar unha ordenanza que será consensuada coas AAVV e comisións de festas. Indicou que nas dúas festas principais do concello, San Benito e do Cristo empregaráse pirotecnia insonora.

Once penados con condeas non privativas de libertade cumpriron 500 xornadas de traballos sociais no Concello do Porriño

Once penados con condeas que non implicaban cárcere cumpriron máis de 500 xornadas de traballo pola comunidade en diversas tarefas en servizos municipais do Porriño durante o segundo semestre do ano 2019.
O Concello de O Porriño colabora co Centro de Inserción Social “Carmen Avendaño” de Vigo en facilitar o cumprimento desas condeas mediante traballo en beneficio á comunidade (coñecido polas siglas TBC) a persoas penadas por delitos leves con condeas non privativas de libertade.

Desde xuño ata decembro de 2019, oito homes e tres mulleres realizaron esas cincocentas xornadas de traballo social en quendas de oito horas nas brigadas de limpeza, parques e xardíns do Concello. A meirande parte desas xornadas de traballo realizanse en días laboráis agás en catro casos que resolveron o tempo de condea traballando en fines de semana, segundo explicou Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente.

Neste ano 2020 que vén de comezar, xa hai dous penados que iniciaron o cumprimento das súas condeas de traballo social (un, hoxe e outro o pasado día 4) e un terceiro empezará o vindeiro luns 13.

O Código Penal contempla os traballos en beneficio da comunidade (TBC) para aquelas persoas condeadas a menos de dous anos de cárcere e que non teñan antecedentes penais. A meirande parte deste tipo de penados procede de condeas por delitos de tráfico e contra a seguridade vial (por exceso de velocidade ou sobrepsar os límites de alcoholemias).