O Porriño recibe a visita institucional de ASICOTUR no marco do congreso internacional “conecta e lidera 2025”

  • Delegados e delegadas de 17 países coñeceron o patrimonio, a cultura e os recursos turísticos do municipio, e mantiveron un encontro co alcalde

O Porriño, 28 de maio de 2025.-  O Concello do Porriño acolleu hoxe a visita institucional dunha ampla delegación de ASICOTUR (Asociación Internacional para a Cooperación Turística), que se despraza ao municipio no marco do congreso internacional “Conecta e Lidera 2025”, celebrado en Mondariz Balneario.

A delegación está integrada por representantes de 17 países e forma parte dunha rede internacional presente en 37 estados e composta por máis de 125 delegados e socias/os de honra, con forte presenza nos ámbitos hispano e lusófono. A visita ao Porriño supón unha oportunidade estratéxica para proxectar o potencial turístico, cultural e patrimonial do municipio a nivel internacional.

Durante a xornada, as persoas participantes foron recibidas polo alcalde, Alejandro Lorenzo, nun acto institucional. Posteriormente realizaron a Ruta de Antonio Palacios xunto coa concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, coñecendo de primeira man o legado do insigne arquitecto porriñés, así como outros elementos emblemáticos do patrimonio local. 

ASICOTUR é unha organización sen ánimo de lucro que promove a cooperación turística internacional, o intercambio de experiencias e a creación de proxectos conxuntos, especialmente orientados ao desenvolvemento turístico sostible en países emerxentes. Conta co respaldo de ONU Turismo.

O congreso “Conecta e Lidera 2025”, no que se enmarca esta visita, reúne durante dúas xornadas a expertos e emprendedores de Europa, África e América para debater sobre retos clave no sector, como o emprendemento feminino e xuvenil, a intelixencia artificial, o turismo inmersivo, a cooperación internacional ou novas tendencias como a gamificación e o turismo deportivo. Tamén inclúe obradoiros prácticos, espazos de networking e actividades formativas de alto valor académico.

Desde o Concello do Porriño, valoramos moi positivamente esta visita e agradecemos a elección do noso municipio como parte deste evento internacional. Seguiremos traballando para situar O Porriño no mapa do turismo sostible, cultural e patrimonial a nivel global.

O Concello do Porriño súmase ao plan SEVIC da Deputación para mellorar a xestión de residuos e cumprir coa normativa estatal

 

  • Durante estas visitas, facilitaranse guías informativas para resolver calquera dúbida que poidan ter os axentes económicos e sociais locais.

O Porriño, 28 de maio de 2025. – O Concello do Porriño informa da súa adhesión ao Plan Bianual 2024-2025 do servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos (SEVIC), impulsado pola Deputación de Pontevedra, que ten como obxectivo garantir o cumprimento da Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.

A par4r deste 28 de maio, os técnicos do SEVIC iniciarán as primeiras visitas formativas e informativas aos produtores de residuos do municipio, incluíndo establecementos comerciais, servizos e outros xeradores significativos de residuos non domésticos. Estas accións están centradas na comprobación da correcta separación das distintas fraccións de residuos (biorresiduos, papel, vidro, envases, aceites usados, téxtil, voluminosos, entre outros), así como na información sobre os procedementos axeitados para a súa xestión.

Durante estas visitas, facilitaranse guías informativas e porase á disposición un número de contacto telefónico para resolver calquera dúbida que poidan ter os axentes económicos e sociais locais.

“A nosa prioridade é avanzar cara a unha xestión máis sostible e eficiente dos residuos, e facelo da man da Deputación supón unha oportunidade para mellorar os servizos que prestamos e adaptarnos ao marco legal vixente”, sinalou o alcade, Alejandro Lorenzo.

 

O alcalde do Porriño visita as obras da nova planta de Ganain no polígono PPI-7

  • O investimento empresarial próximo aos 10 millóns suporá a creación de 150 empregos directos e consolida ao Porriño como referente industrial na comarca
  • O calendario de execución prevé que as obras estean rematadas no prazo dun ano, co obxectivo de que a actividade industrial comece no verán de 2026.

O Porriño, 28 de maio de 2025.- O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, realizou esta mañá unha visita institucional ás obras da nova planta de GANAIN, no polígono industrial PPI-7, onde xa deron comezo os movementos de terras para a construción dunha nave de 11.000 metros cadrados.

Acompañado por directivos da empresa, entre eles Rubén García, director xeral e CEO de GANAIN, e Pablo Búa, director de Persoas, o alcalde coñeceu de primeira man os detalles dun proxecto que suporá un investimento próximo aos 10 millóns de euros e que xerará 150 postos de traballo directos na comarca.

Durante a visita, o rexedor destacou “a importancia estratéxica deste proxecto para O Porriño, tanto pola súa dimensión industrial como polo impacto positivo que terá no emprego, na economía local e no posicionamento do noso concello como polo industrial de referencia en Galicia”.

A planta, cuxa primeira fase será executada pola empresa MASCON, contará coa dirección técnica da enxeñaría RÍAS BAIXAS, con sede no propio Porriño. O calendario de execución prevé que as obras estean rematadas no prazo dun ano, co obxectivo de que a actividade industrial comece no verán de 2026.

 

Trece persoas desempregadas incorpóranse á plantilla municipal grazas ao plan Máis Provincia

  • Esta actuación forma parte dun proxecto global que contempla a creación de dezaoito postos de traballo cun investimento total superior aos 282.000 euros, dos cales máis de 211.000 euros son achegados pola Deputación.
  • Nos próximos días iniciarase o proceso de selección de varios perfís técnicos, que se incorporarán para apoiar outros departamentos municipais e continuar ampliando este impulso ao emprego local.

O Porriño, 24 de maio de 2025.– O Concello do Porriño vén de incorporar trece persoas desempregadas que se integrarán en distintos departamentos municipais no marco da iniciativa de fomento do emprego local, impulsada pola Deputación de Pontevedra a través da Liña 3 do Plan máis Provincia 2025. Esta actuación forma parte dun proxecto global que contempla a creación de dezaoito postos de traballo cun investimento total superior aos 282.000 euros, dos cales máis de 211.000 euros son achegados pola Deputación.

As novas contratacións cobren perfís profesionais variados, todos eles orientados a reforzar os servizos públicos municipais. No departamento de obras incorporáronse un oficial de primeira carpinteiro, un soldador e un palista, que desenvolverán tarefas de mantemento e mellora en espazos públicos e instalacións municipais. No servizo de parques e xardíns, cinco peóns forestais encargaranse de labores de roza, limpeza e acondicionamento de zonas verdes e contornos naturais.

Tamén se reforzará a atención nas instalacións municipais coa incorporación de catro conserxes, que prestarán servizo en diferentes dependencias. Pola súa parte, a Unidade Asistencial de Drogodependencias contará cun auxiliar de enfermaría, que apoiará nas tarefas de seguimento e atención ás persoas usuarias.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “cada posto que se crea abre unha porta a novas posibilidades. Sabemos que hai persoas que levan tempo buscando unha oportunidade, e este tipo de iniciativas serven precisamente para iso: para dar ese primeiro paso, para volver entrar no mundo laboral e sentirse útil. É unha das formas máis directas de apoiar ás persoas e, ao tempo, mellorar os servizos que prestamos desde o Concello”.

Estas contratacións permiten reforzar áreas esenciais da administración local e, ao mesmo tempo, facilitar a inserción laboral de veciños e veciñas que atopaban dificultades para acceder ao mercado de traballo.

A concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, sinalou que “hai moitas persoas con capacidade e disposición para traballar que só precisan que alguén lles dea unha oportunidade. Desde o Concello queremos seguir sendo esa porta de entrada, ese empurrón que moitas veces marca a diferenza”.

Ademais, nos próximos días iniciarase o proceso de selección de varios perfís técnicos, que se incorporarán para apoiar outros departamentos municipais e continuar ampliando este impulso ao emprego local.

Con esta acción, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso coa promoción do emprego, a inclusión social e o fortalecemento dos servizos públicos, a través da colaboración entre administracións e políticas que ofrecen respostas concretas ás necesidades da cidadanía.

O Porriño impulsa a prevención de condutas aditivas coa mocidade dos seus institutos a través dos programas “Recoñecéndonos” e “Xoga limpo”

  • As actividades, dirixidas ao alumnado de 3º da ESO, buscan previr o consumo de substancias aditivas e promover estilos de vida saudables entre a mocidade, mediante formación, reflexión e adquisición de habilidades persoais.

O Porriño, 23 de maio de 2025.– O Concello do Porriño está a desenvolver os programas “Recoñecéndonos” e “Xoga Limpo” nos institutos do municipio co obxectivo de previr condutas aditivas entre a mocidade. Estas accións son posibles grazas ao financiamento da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, que apoia proxectos municipais centrados na promoción de hábitos de vida saudables.

Impulsados pola Concellería de Sanidade e a OMIX, os programas están dirixidos ao alumnado de 3º da ESO e céntranse en proporcionar ferramentas para evitar adiccións, recoñecer riscos e fomentar un desenvolvemento persoal consciente e responsable.

A concelleira de Sanidade e Política Social, Teresa Veloso, subliña que esta colaboración co Goberno galego é esencial para levar a cabo iniciativas deste tipo: “Grazas ao apoio da Consellería de Sanidade podemos desenvolver accións que chegan directamente á mocidade. O obxectivo é claro: previr o desenvolvemento de condutas aditivas, reducir a súa incidencia e promover hábitos de vida saudables desde a adolescencia”, afirmou.

O programa “Recoñecéndonos” inclúe catro sesións presenciais nas que se tratarán cuestións como o consumo de alcol, tabaco, bebidas enerxéticas e cannabis, ademais de aspectos sobre xénero, adolescencia, factores de risco e protección. Tamén se prevé formación para o profesorado como axente clave na detección e acompañamento do alumnado.

Pola súa parte, “Xoga Limpo” reforza a educación en valores a través do respecto, o autocontrol e a toma de decisións responsables, tanto no contexto escolar como no deportivo e social.

Ambos programas contan coa intervención de profesionais especializados no eido da prevención e, no pasado ano, chegaron a máis de 250 estudantes porriñeses.

Con estas accións, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, reafirma o seu compromiso coa saúde pública e co apoio aos concellos na loita contra as condutas aditivas. O Concello do Porriño continúa traballando para garantir unha mocidade informada, crítica e con capacidade para construír un futuro libre de adiccións.

 

O Porriño volcouse coas súas CAMPIOAS nunha Festa do Deporte inesquecible

  • As xogadoras foron recibidas no Concello nun acto institucional no que se lles fixo entrega das medallas do Centenario do Concello do Porriño.
  • Durante o acto tamén se anunciou que o Conservas Orbe Zendal BM Porriño será o pregoeiro oficial das Festas do Cristo 2025, un recoñecemento que resume o sentir dunha vila enteira.

 

O Porriño, 19 de maio de 2025.– O Porriño viviu este luns unha desas tardes que quedarán para sempre na memoria colectiva dun pobo. Centos de persoas reuníronse no Pavillón Municipal dos Deportes para render unha emocionante homenaxe ao Conservas Orbe Zendal BM Porriño, equipo feminino que fixo historia ao chegar á final da European Cup Feminina 2025, onde acadaron un meritorio subcampionato europeo.

Foi moito máis ca unha celebración deportiva: foi unha mostra de orgullo colectivo, de agradecemento e de identidade. A vila enteira volcouse coas súas xogadoras, que lograron esta histórica clasificación grazas ao seu esforzo, paixón e compromiso, nunha tempada brillante conducida con acerto e dedicación polo seu adestrador, Ismael Martínez.

Dende primeiras horas da tarde, a Festa do Deporte acolleu exhibicións dos distintos clubs deportivos do municipio, xogos para todas as idades, música en directo, festa da escuma e o popular tren Chu Chu, no que precisamente fixeron a súa chegada as xogadoras do primeiro equipo, recibidas entre aplausos e berros de emoción.

Antes do acto central, as xogadoras foron recibidas na Casa Consistorial nun acto institucional no que se lles fixo entrega das medallas do Centenario do Concello do Porriño. O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou o papel simbólico do equipo: “Hoxe non só celebramos un éxito deportivo, senón o exemplo de superación, traballo en equipo e compromiso que representan estas mozas. O Porriño está orgulloso de vós e sempre estará ao voso carón.”

Ás 20:00 horas, xa no pavillón, vivíronse momentos de gran emotividade: pasillo de honra, entrega simbólica do trofeo, unha gran ovación e un berro que uniu a toda a vila: “¡VIVA PORRIÑO!”

A capitana do equipo, Sarai Samartín Lago, tomou a palabra para agradecer o apoio da súa xente: “Este é o trofeo máis valioso, porque está feito de cariño, de loita compartida e de orgullo colectivo. Grazas, Porriño, por estar sempre con nós.”

O concelleiro de Deportes e presidente do club, Abel Estévez, tamén quixo recoñecer o traballo realizado polo grupo: “Este equipo fixo historia e faino todos os días, con humildade, sacrificio e ilusión. A final europea é só o principio de algo moito maior”

Durante o acto tamén se anunciou que o Conservas Orbe Zendal BM Porriño será o pregoeiro oficial das Festas do Cristo 2025, un recoñecemento que resume o sentir dunha vila enteira.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, salientou o excelente momento que vive o deporte local, lembrando que “son numerosos os logros que, ano tras ano, conseguen os diferentes clubs e deportistas do Porriño”. Segundo explicou, “este ano foi especialmente destacado, con varios ascensos, títulos e éxitos individuais que reflicten o gran nivel e a dedicación da nosa comunidade deportiva”.

Neste contexto, anunciou que o municipio contará coa súa propia Gala do Deporte, unha cita anual que servirá para recoñecer públicamente o esforzo, o compromiso e o traballo constante de clubs, deportistas e directivas. Tamén aproveitou para trasladar o agradecemento do Concello a todos os axentes implicados, recoñecendo o papel fundamental dos patrocinadores, clubs, directivas, deportistas e da afección, cuxa colaboración e apoio fan posible o constante crecemento do deporte no Porriño.

Con esta homenaxe, O Porriño puxo en valor o esforzo colectivo, a excelencia deportiva e o exemplo de superación das súas xogadoras. O Concello continuará impulsando accións que recoñezan o mérito do deporte feminino e reforcen o vínculo entre os clubs e a cidadanía.

Aberto o prazo de inscricións para a décima edición do Tríatlon Concello do Porriño- Tui

  • Estará aberto ata o luns 10 de xuño ás 23.59 horas, ou antes se se completan as 350 prazas dispoñibles

O Porriño, 16 de maio de 2025.– O Tríatlon Concello do Porriño – Tui celebra este ano a súa décima edición, consolidándose como unha das probas máis destacadas do calendario galego. A cita terá lugar o domingo 15 de xuño de 2025 e forma parte do Circuíto Galego de Tríatlon, estando tamén aberta á participación popular, o que permitirá a triatletas federados e non federados desfrutar dunha xornada de deporte e convivencia nun entorno único.

O prazo de inscricións estará aberto ata  o luns 10 de xuño ás 23.59 horas, ou antes se se completan as 350 prazas dispoñibles. As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da plataforma RockTheSport, accesible desde a páxina web oficial do evento ou desde a web da Federación Galega de Tríatlon.

A proba consta dun segmento de natación de 750 metros no río Miño, cun único percorrido, seguido dun tramo en bicicleta de 20,2 quilómetros que discorrerá entre Tui e O Porriño, e finalmente unha carreira a pé de 5 quilómetros, dividida en dúas voltas, que culminará na Praza Antonio Palacios do Porriño. A transición entre a natación e a bicicleta realizarase na Comandancia Naval do Miño, en Tui, e a segunda transición terá lugar na Avenida Domingo Bueno, xa no Porriño.

As tarifas de inscrición varían en función da licenza federativa. Os triatletas federados deberán abonar unha cota de 15 euros. No caso de participantes con licenza de un día, o custo será de 35 euros para maiores e 21 euros para xuvenís. Todos os participantes que completen a proba recibirán un agasallo conmemorativo.

Toda a información detallada sobre o regulamento da proba, os percorridos e aspectos organizativos pode consultarse nas webs oficiais da Federación Galega de Tríatlon (www.fegatri.org) e do evento (www.triatlonconcellodoporrino.com).

Desde o Concello do Porriño e a organización do tríatlon animan a todas as persoas deportistas a participar nesta edición tan especial e a desfrutar dunha xornada que combina deporte, natureza e espírito de superación persoal.

O Porriño celebra o Día das Letras Galegas cunha programación especial centrada na música, a tradición e a homenaxe ás cantareiras

  • A exposición “As cantareiras: a voz da memoria se pode visitar durante todo o mes no vestíbulo do Centro Cultural Municipal.
  • Ás 20:00 horas celebrarase o Festival de Corais na Igrexa de San Rosendo, coa participación da Coral Polifónica San Blas de Budiño, a Coral Máxico Gorki de Vigo e a Coral Alameda do Fogar de Pontevedra.
  • Ás 21:00 horas, a Praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá o concerto do grupo BREO, unha das revelacións da música folk galega actual.

O Porriño, 16 de maio de 2025.– O Concello do Porriño conmemora o Día das Letras Galegas 2025 cunha ampla proposta cultural que pon en valor o legado da tradición oral galega e, moi especialmente, o papel das mulleres que transmitiron a través do tempo a nosa poesía popular e as nosas cantigas.

Unha das iniciativas principais é a exposición “As cantareiras: a voz da memoria” organizada pola Secretaría Xeral da Lingua, que se pode visitar durante todo o mes no vestíbulo do Centro Cultural Municipal. A mostra inclúe materiais editados con motivo desta celebración, así como a unidade didáctica “Canta que cadramos ben”, elaborada polo IES Castelao de Vigo e gañadora do Concurso das Letras Galegas 2025 na categoría de secundaria, bacharelato e ensinanzas de réxime especial. A través destes contidos, a exposición afonda na riqueza do noso repertorio tradicional e pretende visibilizar a todas aquelas mulleres que, desde o anonimato, foron gardiás da nosa memoria cultural, contribuíndo de maneira decisiva a que a nosa literatura oral chegase ata hoxe.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia desta edición das Letras Galegas, afirmando que “as Letras Galegas son unha oportunidade para recoñecer o papel fundamental das mulleres na conservación da nosa identidade cultural. Este ano, especialmente, queremos poñer en valor ás cantareiras, que foron voz, memoria e alma do noso pobo”.

Ademais, o sábado 17 de maio, ás 20:00 horas, celebrarase o Festival de Corais na Igrexa de San Rosendo, cun repertorio de voces tradicionais a cargo da Coral Polifónica San Blas de Budiño, a Coral Máxico Gorki de Vigo e a Coral Alameda do Fogar de Pontevedra. A continuación, ás 21:00 horas, a Praza Arquitecto Antonio Palacios converterase no escenario do concerto de BREO, unha das propostas máis renovadoras do folk galego actual. Formado a finais de 2022, o grupo combina música tradicional e cultura inmaterial cunha sonoridade contemporánea, creando un estilo propio que mestura frescura, potencia e sensibilidade.

A concelleira de Normalización Lingüística, Carolina González, subliñou o valor simbólico desta xornada, sinalando que “conmemorar as Letras Galegas a través da música, das voces colectivas e da creación contemporánea é unha maneira de facer viva a lingua. Hoxe, máis ca nunca, debemos celebrar o galego como lingua de futuro, que conecta xeracións e se mantén viva grazas á cultura popular e ás novas propostas artísticas”.

Desde o Concello do Porriño anímase a toda a veciñanza a participar activamente nesta celebración da lingua, da música e da cultura galega, e a seguir transmitindo o legado das nosas avoas, que fixeron posible que a tradición continúe viva nas novas xeracións.

Todo listo no Porriño para o Campionato Galego 3x3U17 en categoría masculina e feminina

  • Este domingo, 18 de maio, o Pavillón Polideportivo Municipal do Porriño converterase no escenario do Campionato Galego 3×3 U17, unha cita organizada pola Federación Galega de Baloncesto e o Porriño Baloncesto Base, que reunirá 18 equipos das categorías masculina e feminina nunha intensa xornada de competición e espectáculo deportivo.

O Porriño, 16 de maio de 2025.– Esta mañá celebrouse no Concello do Porriño a presentación oficial do Campionato Galego 3×3 U17, que se disputará este domingo, 18 de maio, no Pavillón Polideportivo Municipal. A cita, organizada pola Federación Galega de Baloncesto (FGB) e o Porriño Baloncesto Base (PBB), reunirá aos mellores clubs galegos das categorías masculina e feminina nun evento que se consolida como referente autonómico desta modalidade en auxe.

Na presentación participaron o alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, e a presidenta do Porriño Baloncesto Base, Icía Alcalde, acompañada de membros da directiva do club. Tamén asistiu como convidada especial a internacional Ainhoa Gervasini, xogadora da Selección Española 3×3 e actual integrante do Cadí La Seu da Liga Feminina 1, que se atopa adestrando estes días no propio pavillón porriñés.

Durante o acto, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou: “Para O Porriño é un orgullo ser sede deste campionato galego. Supón un recoñecemento ao traballo que se vén facendo desde hai anos no deporte base, e moi especialmente no baloncesto. Estamos ante unha auténtica festa do deporte galego, que converterá ao noso concello no epicentro do baloncesto 3×3 durante toda a xornada dominical.”

O campionato contará coa participación de 18 equipos (12 masculinos e 6 femininos) e 72 xogadores e xogadoras, representando aos clubs máis destacados do baloncesto galego. A actividade desenvolverase desde as 10:20h ata as 19:00h, incluíndo a disputa das finais ás 18:15h (feminina) e 18:30h (masculina). Ao remate, terá lugar a entrega de trofeos coa presenza das autoridades locais e federativas.

 

Os dous finalistas de cada categoría obterán praza directa para o Campionato de España 3×3 U17, que se celebrará en Cuenca do 13 ao 15 de xuño, representando a Galicia no escenario nacional.

Foi o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, quen puxo en valor o crecemento desta disciplina e a elección do Porriño como sede: “O 3×3 é unha modalidade que está a medrar a pasos de xigante, tanto a nivel competitivo como no ámbito do espectáculo. Desde a Federación queremos impulsar este formato, achegalo aos concellos e promover competicións como esta, que permiten visualizar o talento da nosa mocidade e a capacidade organizativa dos clubs galegos. O Porriño é un exemplo de compromiso co deporte, e sabemos que será unha gran sede para este evento.”

A organización conta co apoio do Concello de O Porriño, a FGB, e a colaboración de entidades como Gadis, Eurobanan Galicia e Giga A Fitofort.

Dende o Concello faise un convite aberto a toda a veciñanza para asistir e desfrutar dunha xornada de deporte, espectáculo e convivencia ao redor do baloncesto.

O Porriño acolle a IV Xuntanza Literaria con máis de 400 participantes e unha clara aposta pola lingua, a inclusión e a cultura

  • A palabra, a literatura e a música convertéronse no fío condutor dunha xornada de convivencia, inclusión e orgullo pola identidade cultural galega.

O Porriño, 15 de maio de 2025.– O Porriño acolleu hoxe a IV Xuntanza Literaria no parque Alba de Torneiros, unha actividade organizada polos departamentos de Biblioteca dos centros educativos do municipio, coa colaboración da Concellería de Educación, Normalización Lingüística e da OMIX. A xornada, que contou coa participación de máis de 400 persoas, converteuse nunha verdadeira festa da lectura, da inclusión e da lingua galega.

Desde as 10:30 e ata as 13:00 horas, alumnado, docentes, usuarios do Centro de Día de Torneiros, membros de ACEESCA e da Asociación AFAGA compartiron espazos de lectura individual e colectiva, recomendacións lectoras e mesmo unha merenda, todo nun ambiente distendido e interxeracional que encheu de vida o parque.

Durante o acto, o alcalde Alejandro Lorenzo destacou a importancia de que “O Porriño siga apostando por iniciativas que reforzan a nosa identidade cultural, fomentando o uso do galego desde as primeiras etapas da vida e involucrando a toda a comunidade”. Para o rexedor, este tipo de propostas “teñen un impacto real no tecido social, porque mesturan educación, cultura e convivencia”.

Un dos aspectos máis destacados desta edición foi o enfoque inclusivo e interxeracional, co obxectivo de promover a participación activa de persoas maiores e con diversidade funcional xunto á mocidade e á infancia. Tal como indicou a concelleira de Educación, Carolina González, “A Xuntanza Literaria é moito máis ca unha actividade lectora: é un espazo onde se constrúe respecto, empatía e sentimento de pertenza a través da palabra e da música”.

Ao longo da mañá, tamén houbo lugar para a música como ferramenta de expresión e canle de aprendizaxe. A actuación de Javier Becerra e Carolina Rubirosa, co espectáculo didáctico Isto é rock!, fixo vibrar ao público cun percorrido lúdico pola historia do rock, ofrecendo un enfoque accesible para todas as idades e facendo partícipes aos asistentes dun concerto que mesturou cultura musical e diversión.

A actividade contou coa implicación dos seguintes centros: CPR Santo Tomás, IES Pino Manso, ACEESCA, CEIPP Fernández López, CPR Hermanos Quiroga, CEIPP Antonio Palacios, IES Ribeira do Louro, CEIP da Cruz-Budiño, CEIPP de Atios, Centro de Día de Torneiros, Asociación AFAGA e CEIPP da Ribeira. Unha representación ampla e diversa do Porriño que demostra o compromiso común coa educación e coa lingua.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer o traballo de todas as persoas implicadas, especialmente dos centros educativos e entidades colaboradoras: “Este é un claro exemplo de como o Concello, xunto coa comunidade educativa, pode colaborar en proxectos que sementan valores de inclusión, cultura e respecto pola nosa lingua”

Con esta IV Xuntanza Literaria, o Concello do Porriño reafirma o seu compromiso co fomento do galego e coa integración social a través da cultura, facendo da palabra e da música vehículos de convivencia, aprendizaxe e orgullo identitario.