A concelleira de Seguridade pide a máxima colaboración dos hostaleiros e da poboación

 

Lourdes Moure, concelleira de Seguridade fixo hoxe unha declaración dirixida á hostalería local “para tranquilizalos” sobre a campaña informativa desenvolvida pola Policía Local para dar a coñecer as restricións requiridas e garantir o seu cumprimento por parte dos establecementos.

“Non estamos aquí para poñer máis trabas a un sector que sufriu dabondo, senón para colaborar en todo momento”, dixo a concelleira de Seguridade. Ao mesmo tempo solicitou “a máxima colaboración dos hostaleiros e de toda a poboación porriñesa para manternos nunha tendencia descendente de casos “, engadiu.
Deixamos audio do comunicado de Lourdes Moure

Concello e Policía Local establecen protocolos coa hostalería local para garantir o cumprimento das restricións

Os establecementos de hostalería do Porriño recibirán unha folla informativa para que coñezan as medidas que deben adoptar e para que teñan a información necesaria para descargar os códigos QR. Axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil serán os encargados da distribución.

Así se acordou hoxe nunha reunión celebrada na Alcaldía, presidida por Eva García e coa asistencia de Lourdes Moure, concelleira de seguridade, Daniel Rodríguez, inspector xefe, e Antonio Pereira Nandín, oficial de Policía Local, e José Manuel Fernández Sanjuán, Presidente da Asociación de Hostaleiros de Porriño (AHOSPOR).
O obxectivo é evitar problemas de exceso de capacidade e garantir o cumprimento das restricións vixentes tanto no interior como nas terrazas dos establecementos.

Adxuntamos “pdf” coa folla informativa a distribuir 

Medidas Hostalería

Todo o persoal da Policía Local vacinarase contra a Covid

Todo o persoal da Policía Local do Porriño vacinarase contra o Covid.  En total 23 persoas.  A relación xa se enviou ao Servizo Galego de Saúde, a través da FEGAMP que media a xestión e que notificou á Concellería de Seguridade que o persoal policial vacinarase a partir do 5 de marzo.

Doutra banda, a Concellería de Servizos Sociais informa de que xa se vacinaron 10 traballadoras sociosanitarias do Servizo de Axuda no Fogar, así como as 5 traballadoras sanitarias que atenden a Unidade de Asistencia a Drogodependencias.

Eva García agradece á ministra a visita a “unha empresa señera na investigación farmacéutica”

A alcaldesa Eva García de la Torre dixo hoxe ao finalizar a visita da ministra de Sanidade, Carolina Darías á planta “Biofabri” de Torneiros, que “nos enche de absoluto orgullo de que unha empresa do Porriño resalte en investigación e coñecemento “.
A alcaldesa agradeceu á ministra que acudise a Porriño para coñecer máis sobre o traballo que se está a levar a cabo para desenvolver dúas vacinas contra a pandemia da Covid.

O Concello agradece a colaboración e comprensión da veciñanza coa campaña de vacinación anti-Covid

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Seguridade, agradece “a colaboración e a paciencia dos cidadáns para que a campaña de vacinación para maiores de 80 anos que comezou hoxe no Centro de Saúde transcorra sen aglomeracións”, segundo a concelleira, Lourdes Moure.

No Centro de Saúde están convocados dende hoxe e nos vindeiros días, veciños de Porriño, Mos e Salceda, maiores de 80 anos, para vacinarse coa primeira dose.

A Policía Local habilitou a marxe dereita da rúa Doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que transportan a estas persoas e que poden esperar a que remate o proceso de vacinación.  Esta circunstancia facilitou hoxe a espera que tiveron que manter os convocados para vacinarse, xa que o camión frigorífico que traía as vacinas chegou tarde e o proceso de vacinación comezou unha hora despois.

A este respecto, a concelleira de Seguridade “agradeceu a comprensión e a paciencia das persoas convocadas para ser vacinadas, así como das súas familias e acompañantes”, dixo Lourdes Moure.

A Policía Local colaborará para evitar aglomeracións no Centro de Saúde coa ocasión do inicio da vacinación aos maiores de 80 anos

A Policía Local colaborará a partir do vindeiro luns 22 para evitar aglomeracións no Centro de Saúde onde comezará a vacinación contra a Covd de persoas maiores de 80 anos dos concellos de Porriño, Mos e Salceda.

O SERGAS ten previsto que cada día se vacinen no centro de saúde do Porriño a 100 persoas que previamente están convocadas para este fin.  O calendario de vacinación está programado entre as 8.30 e as 14.30 horas.  Cada persoa vacinada debe esperar 15 minutos despois da inoculación para evitar calquera tipo de reacción.

Con estas premisas, a Policía Local habilitará a marxe dereita da rúa doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que trasladen e agarden polas persoas chamadas a vacinar.  Unha patrulla de axentes municipais colaborará para manter os protocolos de seguridade e a distancia entre as persoas, tal e como planificaron hoxe Lourdes Moure, concelleira de Seguridade Cidadá e Jesús González, xefe accidental da Policía Local.

Sete membros da Policía Local serán condecorados pola súa intervención auxiliando ás vítimas da explosión de Paramos


Daniel Rodríguez, Inspector Xefe e os Oficiais Antonio Pereira Nandín e Adolfo Suarez Piñeiro, e os axentes Benjamín Blanco, Francisco Javier Rodríguez, Sergio García e Brais Roca, todos eles membros da Policía Local do Porriño naquel intre, recibirán a Medalla ao Mérito Policial en recoñecemento pola súa intervención nun acto de servizo.

En concreto, honrase con estas distincións a participación que todos eles tiveron coa ocasión da explosión de material pirotécnico en Paramos (Tui) acaecida o 23 de maio de 2018.

Os sete policías locais porriñeses acudiron a ao concello veciño a cooperar nas primeiras tarefas de asistencia aos feridos, nada máis recibirse a alerta de Emerxencias 112. Foron dos primeiros en chegar ao lugar, revisaron as vivendas afectadas pola deflagración e participaron na evacuación dos feridos en colaboración cos servizos de emerxencias.

O DOG de hoxe publica a resolución que firma Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia. A disposición amosa no seu texto que na actuación dos devanditos axentes do Porriño hai que “salientar o seu compromiso de servizo, calidade inherente ao ideal de servizo público, predicable dun bo policía, para a concesión das distincións”.

Cabe subliñar que hoxe en día, dous deles xa non están no Porriño e teñen outros destinos: o oficial Adolfo Suárez está en Nigrán e o axente Sergio García en Parla.
O acto de entrega das Medallas aos sete aínda non ten data debido as actuais restricións pola pandemia sanitaria.

Despregue da Policía Local e dos servizos de limpeza nos cemiterios coa ocasión do Día de Todos os Santos

Axentes da Policía Local encargáronse de vixiar o cumprimento da normativa autonómica nas visitas aos cemiterios da vila coa ocasión do Día de Todos os Santos


A mediodía, Lourdes Moure, concelleira de Seguridade comprobou o desenvolvemento do operativo acudindo a varios cemiterios, tanto no municipal como en diferentes parroquias. Segundo indicou a concelleira “o comportamento da veciñanza está sendo moi axeitado, evitando aglomeracións e colaborando cos protocolos”.


Deste xeito deuse cumprimento ao protocolo anti-Covid promulgado o pasado día 22 pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia que limitaba a catro persoas do mesmo grupo familiar e a 30 minutos de duración, as visitas aos cemiterios. O mesmo protocolo instaba aos Concellos a tomar as medidas necesarias para garantir o cumprimento destas normas.

Paralelamente, outro departamento do goberno municipal, a Concellería de Limpeza que dirixe Sergio Casal despregou hoxe unha brigada de seis persoas que se encargaron de realizar desinfeccións periódicas nos accesos e zonas comúns dos distintos cemiterios ao longo do día.

A Policía Local impón as tres primeiras denuncias por fumar en público sen respetar a restrición de 2 metros de distancia



A Policía Local do Porriño informa que onte domingo, pola tarde, impuxeronse as tres primeiras denuncias por incumprimento da restricción de fumar sen respetar unha distancia de 2 metros. Dúas desas sanciones levantaronse contra un camareiro e un cliente dun mesmo establecemento de hostalaría do casco urbano que estaban fumando sen gardar a distancia social.

O terceiro caso denunciouse por fumar na vía pública incumprindo tamén o preceptúado na normativa que aprobou a Xunta de Galicia e que está en vigor dende o pasado xoves 14 de agosto.

A Policía Local do Porriño informa que tamén onte levantaronse 5 denuncias a peóns que circulaban sen facer uso da máscara. Dúas delas, tramitaronse contra veciños do Polígono de Torneiros e as tres restantes no casco urbano.

Dende a Concellería de Seguridade lémbrase á veciñanza do Porriño a obrigatoriedade de empregar a máscara de protección cando salgan ás rúas, aínda que sexa para baixar o lixo ou para coller o coche así como nas zonas comúns nos edificios de vivendas.

Axentes da Policía Local reanimaron a unha nena de 2 anos que estaba atragoada, en parada cardiorrespiratoria

Dous axentes da Policía Local do Porriño acadaron reanimar con éxito a unha nena de 2 anos que estaba atragoada e xa non respiraba. Os feitos ocorreron onte sábado, ás 19,40 horas. Os pais da nena acudiron á Xefatura da Policía Local coa nena explicando que acababa de atragoarse na casa. Un dos axentes que estaban de garda, fixo a manobra de reanimación cardiorrespiratoria a que respondeu co éxito, namentres o outro axente solicitou unha ambulancia. Cando chegaron os efectivos sanitarias, a nena xa estaba reanimada. Non obstante foi trasladada ata o Centro de Saúde do Porriño para a súa valoración.

Tanto dende a Alcaldía coma pola Concellería de Seguridade valorase moi positivamente a actuación dos axentes que ven a revalorizar a importancia da formación continua pola que aposta o goberno municipal porriñés. Toda a plantilla da Policía Local recibiu e completou en 2019 un curso de reanimación cardiopulmonar e manexo de desfibriladores (DESA) para poder atender emerxencias como a ocorrida onte. Ao mesmo tempo todos os vehículos de patrulla están equipados cun “DESA” que se engade ó restante material que levan para atender emerxencias.

De feito xa en novembro pasado, a dotación dun coche patrulla da Policía Local do Porriño atendeu a un condutor en parada cardiorrespiratoria que sufriu un accidente na rotonda do Cristo de Belén, acadando a súa estabilización ata que chegou a ambulancia do 061.

Por outra banda, a Policía Local, en colaboración co persoal do 061, impartiron cursos de reanimación e primeiros auxilios tanto a veciños, a través das AAVV, coma ao alumnado dos institutos da vila.