Ainda hai prazas para a ‘2ª Andaina dos Sentidos’ que, finalmente, será o vindeiro domingo 1 de xullo

A ‘2ª Andaina dos Sentidos’, programada para o pasado día 10 de xuño e que finalmente tivera que ser aprazada por mor do mal tempo, xa ten nova data: será o vindeiro domingo 1 de xullo.

Hai que lembrar que a mesma forma parte do ‘Proxecto de Prevención de Drogo-dependencias 2018-2019’, que está impulsada pola concellería de Formación e Emprego de Salceda de Caselas, que dirixe Loli Castiñeira, e pola de Benestar, Emprego e Igualdade do Porriño, que ten á fronte a Soledad Girón, e que conta coa subvención da Xunta de Galicia.

As familias de Salceda de Caselas e do Porriño que queiran participar nesta andaina que descorrerá polo medio da natureza, aínda poden inscribirse chamando ao teléfono  679151574.

Aberto o prazo para inscribirse na ‘2ª Andaina dos Sentidos’ que impulsan os Concellos do Porriño e Salceda de Caselas e que conta coa subvención da Xunta

A concelleira de Comercio, Formación e Emprego de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e a responsable da área de Benestar , Emprego e Igualdade do Porriño, Soledad Girón, presentaron este luns a ‘II Andaina dos Sentidos’, que será o vindeiro domingo, día 10 de xuño.

Esta iniciativa, que forma parte do ‘Proxecto de Prevención de Drogodependencias 2018-2019’, que conta coa subvención da Xunta de Galicia, arrincou con programas coma ‘Cinensino’, nos centros educativos, abrangue diversos programas que levaranse adiante ao longo deste e do vindeiro curso, con iniciativas coma programas de prevención para autoescolas, formación de mediadores ou programas para centros escolares de Primaria e Secundaria, entre outros.

As familias de Salceda de Caselas e do Porriño que queiran participar nesta andaina que descorrerá polo medio da natureza, poden inscribirse chamando ao teléfono  679151574. Dende os dous concellos lembran que o número de prazas é limitado.

A alcaldesa denuncia que os buses que fan o traxecto O Porriño-Vigo teñen no interior espazos reservados para cadeiras de rodas pero non contan cunha rampla que permita ás cadeirs subir aos mesmos

O Goberno local do Porriño vén de esixir á Xunta de Galicia que corrixa de xeito inmediato a actual situación que teñen que soportar os porriñeses con diversidade funcional que non poden empregar os autobuses de ‘Faibus’  para desprazarse de Vigo a O Porriño.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, facéndose eco das denuncias de numerosas persoas, cualifica de “intolerable e inxustificable” o feito de que os autocares que fan este servizo conten no seu interior con espazos acaídos para persoas con diversidade funcional e non estean preparados para que estas persoas poidan subir ao bus con unha cadeira de rodas.

A xuízo de García de la Torre, esta situación é “denigrante e vexatoria e subliña que dentro dos buses está sinalizada unha parte reservada para estas cadeiras, e que as mesmas contan cos métodos de subxección e os botóns de aviso para solicitar as paradas adaptados a persoas con diversidade funcional, pero que, coma recoñecen os mesmos condutores destes vehículos, os mesmos non teñen rampla de acceso para que sexa posible que as persoas en cadeira de rodas suban ao bus algo que é “ridículo e vergoñento”.

A alcaldesa  lembra que hai xa dous anos que veciños do Porriño con diversidade funcional manifestáronse para esixir que rematase esta discriminación que os obriga a empregar un coche particular, ou a ir en taxi, cando teñen que ir a Vigo para facer algún trámite ou acudir ao médico, e insiste en que neste tempo a Xunta non tomou medida algunha”.

García de la Torre sinala que á Xunta “éncheselle a boca falando das bondades do transporte metropolitano que, por certo, pagamos en unha porcentaxe moi importante os concellos, pero non garante que poidan beneficiarse do mesmo todas as persoas por igual”.

Na súa opinión, o Goberno de Galicia limitouse a poñer en marcha un plan de transporte procurando, unicamente, que “fose o máis barato posible, pero non se preocupou de que todos os cidadáns puidesen facer uso del”.

Dende este xoves, día 10 de maio, está aberta a inscrición para os Campamentos de Verán do Concello que, un ano máis, estan co-financiados pola Deputación de Pontevedra

Dende este xoves, día 10 de maio, está aberto o prazo de inscrición para os Campamentos de Verán do Concello do Porriño, que baixo o nome de ‘Leo e as viaxes polo tempo’, ten coma obxectivo, tal e como sinala a concelleira de Benestar e Igualdade, Soledad Girón, “ofrecer unha alternativa de lecer e tempo libre ás nenas e nenos do Porriño durante o verán e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación da vida familiar e laboral ás porriñesas e porriñeses”.

Os campamentos, que están co-financiados pola Deputación de Pontevedra, abranguen do 2 de xullo ao 10 de agosto e están abertos a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos de idade- nados entre 2006 e 2013-.

As quendas para os mesmos serán: 1ª.- do 2 ao 6 de xullo; 2ª.- do 9 ao 13 de xullo; 3ª.- do 16 ao 20 de xullo; 4ª.- do 23 ao 27 de xullo; 5ª.- do 30 de xullo ao 3 de agosto e 6ª.- do 6 ao 10 de agosto.

As inscricións poden facerse desde este mesmo xoves no Centro de Información á Muller (CIM), no 3º andar do Concello, de 9 da mañá a 2 da tarde. Para máis información as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 986 337 429.

@depo_es e @PorrinoConcello apostan pola formación e a iniciativa por medio de ‘DepoEmprende II’

A deputada provincial delegada de Emprego, Montserrat Magallanes, e a concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade do Porriño, Soledad Girón,asistiron no Multiusos de Torneiros, á charla ‘Talento emprendedor’, que forma parte do proxecto ‘DepoEMPRENDEII’, impulsado pola Deputación de Pontevedra.
 
‘DepoEmprende II’ ten coma finalidade fomentar o emprendemento, entendendo que é un dos factores clave na economía do coñecemento, e d cal poderán beneficiarse 135 persoas menores de 30 anos de toda a provincia de Pontevedra que non estean ocupadas nin integradas nos sistemas de educación ou formación.

O Concello e Viza Automoción colaboran para a formación dun grupo de mulleres de cara á sua incorporación a esta compañía

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto coa concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade, Soledad Girón, visitaron a planta de Viza Automoción, radicada no Polígono de As Gándaras, logo do acordo acadado para a formación, por parte de Viza, dun grupo de mulleres desempregadas de cara a súa posible incorporación coma soldadoras a esta compañía.

Viza é unha empresa punteira no deseño e fabricación de estruturas metálicas de asentos para a industria do automóbil, de capital cento por cento galego, integrada por 500 traballadores e traballadoras na súa planta do Porriño e que subministra os seus produtos a grupos tan importantes coma PSA Peugeot Citroën, Audi, Renault, Volkswagen, Mercedes, Toyota ou Porsche.

Este grupo de mulleres, que están en situación de desemprego, recibirá formación teórica e, principalmente, práctica, nas instalacións da empresa, formación que é o cerne das accións do  Plan Integrado de Emprego para Mulleres (PIEM), co-financiado cun total de 255.000€ pola  Xunta de Galicia e o Concello do Porriño, e que ten coma obxectivo  a mellora a incorporación no mercado laboral das porriñesas que están na procura de emprego.

Se doas sangue o vindeiro venres, día 23, no Porriño podes levar unha camiseta do Celta

ADOS e a Federación Galega de Donantes desenvolven unha campaña informativa do 19 marzo ao 15 de abril entre socios e simpatizantes do Dépor e do Celta en toda Galicia.

Todas as persoas que doen sangue nas 10 unidades móbiles e nos 7 locais de doazón terán o agasallo dunha camiseta solidaria do Dépor ou dunha do Celta durante ese período, ata rematar existencias -5.000 camisetas do Celta e 5.000 do Dépor-.

Estas camisetas do Celta e do Dépor non se poden mercar e soamente pódense obter achegándose a doar sangue nese período.

Hai que lembrar que o vindeiro venres, día 23, unha Unidade Móbil de doazón de sangue estará no Porriño, na rúa Domingo Bueno,-diante da Cafetería “Scala”- dende as 10 da mañá ás 2 e media da tarde e de 4 a 9 da noite.

Non esquezas que para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar esperar 2 horas; ademáis hai que levar a tarxeta de doador, DNI ou documento semellante e un informe médico se estás a tomar algún medicamento.

#8MFolgaFeminista Centos de persoas apoian o paro das mulleres este 8 de marzo no Porriño

Centos de persoas saíron á rúa no Porriño para dar o seu apoio á folga total e aos paros parciais convocados este xoves, día 8 de marzo, coincidindo co ‘Día Internacional da Muller’ e que levaron a manifestarse en toda Galicia a ducias de milleiros de cidadáns.

A  concentración do Porriño, un dos 40 concellos de Galicia que se sumara a este chamamento, baixo o lema ‘Se nós paramos todo para’, fora convocada pola Concellería de Igualdade, dirixida por Soledad Girón, e a propia alcaldesa, hai varios días, en distintas manifestacións e declaración aos medios informativos, xa adiantara que ela este xoves faría folga e non traballaría.

Eva García de la Torre, quen interviu no acto, o mesmo que a concelleira de Igualdade, subliñou a “xustiza” desta xornada de paro feminino e salientou a importancia da muller en todos os eidos da sociedade, dende a cultura, á economía, dende o ensino, ao benestar, dende a historia á xustiza, dende os trabalos remunerados a aqueles que non o están e  esixiu que “se nos valore igual que os homes”.

A alcaldesa, que referiuse á súa propia experiencia coma profesional da avogacía e coma responsable pública, reiterou que “si paramos as mulleres paralizamos este país, por iso temos que demostrar a importancia que temos e facer que se vexa que é así”.

#ParamosTodas A Concellería de Igualdade do Porriño chama a todas as veciñas a participar na ‘Folga de Mulleres’ deste xoves, 8 de Marzo

A Concellería de Igualdade, que dirixe Soledad Girón, chama a participar este vindeiro xoves, Día Internacional da Muller, nunha concentración na Praza de Antonio Palacios, ás 12:30 horas, coma acto de apoio á folga de mulleres convocada para ese día.

Soledad Girón reitera que esa concentración será, dentro da programación que está en marcha co gallo do Día Internacional da Muller, o único acto oficial impulsado o día 8 co obxectivo de facilitar que “as mulleres que poidan ir á folga o fagan…haberá outras que non estean en condicións, ben porque os seus ingresos non lles permitan deixar de cobrar ese día ou porque teñen que atender a unha persoa dependente, de xeito que aquelas que sí podemos apoiar a folga a apoiaremos, tamén no seu nome”.

Tal e como adiantara, a alcaldesa seguirá o paro e pide “o meirande apoio” para o mesmo porque “todas nós temos argumentos dabondo para sumarnos a esta xornada de folga”, por iso, Eva García de la Torre non traballará o vindeiro xoves, tal e como anunciara publicamente.

Os actos do ‘Día da Muller’ no Porriño estarán centrados nas novas xeracións cun programa desenrolado baixo o lema ‘Construíndo Futuro’

O acto central da celebración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, no  Porriño non será o 8 de marzo. A concelleira de Igualdade, Soledad Girón sinala que ese día so haberá unha concentración, ás 12 e media, porque a intención é que “as mulleres que poidan ir á folga poidan facelo…haberá outras que non estean en condicións, ben porque os seus ingresos non lles permitan deixar de cobrar ese día ou porque teñen que atender a unha persoa dependente, de xeito que aquelas que sí podemos facer folga a faremos, tamén no seu nome”.

Este 2018 o lema deste día será ‘Construíndo futuro’ porque a intención é que estea centrado nas novas xeracións, “nas mulleres que rematan a súa formación, ás que entran no mercado laboral e empezan a asumir responsabilidades”, sinala a concelleira, para quen ademais das xustas reivindicacións, este día ten que ser de “celebración por todo o conquerido ata hoxe”.

O programa empezará o mércores, día 7, ás 7 e media da tarde, no Centro Cultural Municipal co monólogo de Stephanie Llayora ‘Eu quero ser galega’; o venres, día 9, será a hora do espectáculo musical ‘De Vacas’, ás 8 e media da tarde, no Centro Recreativo e Cultural.

A programación rematará o martes, día 13, ás 5 da tarde-no Centro Cultural Municipal coa charla ‘Amor e sexo na Rede ¿A pornografía coma nova educación sexual’, a cargo de Mercedes Oliveira, Catedrática de Filosofía, e Amada Trabada, docente da Universidade de Vigo e socióloga.