O 40% das participantes no Programa Integrado de Emprego para Mulleres (PIEM) do Concello acadaron un posto de traballo

A concelleira de Emprego, Formacion, Benestar e Igualdade, Soledad Girón, pechou o Programa Integrado de Emprego para Mulleres (PIEM) do Concello do Porriño, destinado só a mulleres, unha iniciativa que, sinalou Girón, conta coa colaboración da Xunta.

Este programa, no que participaron 85 alumnas, permitiu a inserción laboral de 34 delas , o 40% do total.

Soledad Girón lembrou as dificultades que tivo que salvar o Goberno local para poner en marcha este proxecto que estivo íntegramente adicado a mellorar as posibilidades das participantes para voltar ou acceder ao mercado de traballo, un obxectivo especialmente importante dado que a taxa de desemprego entre as veciñas do Porriño é moito máis alta que entre os homes.

O PIEM permitiu, porén,  nuns casos, a contratación de varias das participantes no mesmo e doutros, a mellora da súa formación, teórica e práctica, e a especialización para que atopar un emprego sexa máis doado.

Mercedes Peón, concerto de RAP, Concurso de Tuits, ‘Mulleres de cinema’ e a lembranza ás vítimas, forman parte do Programa do Concello co gallo do ‘Día da Eliminación da Violencia contra a Muller’

Co gallo do 25 de novembro , ‘Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller’, o Concello do Porriño a través da súa Concellería de Igualdade, “optou este ano, por invitar á reflexión para que cada un/ha sexamos quen conclúa o lema segundo o seu criterio”, sinala a concelleira Soledad Giron.

‘NON ME DÁ IGUAL…’

Nesta liña, convócase o II Concurso de tuits”contra a violencia de xénero, co fin de sensibilizar e previr á cidadanía presente na rede social contra a lacra machista.

En torno a este día, dende a Concellaría de Igualdade tamén organizase unha serie de actos que se desenvolverán nestas datas e horarios: o  sábado,día 24, ás 10 da noite, no Pavillón Municipal, concerto de Mercedes Peón. A  entrada é de balde ata completar aforo.

O domingo , 25  á 1 da tarde, na Praza do Concello, ‘mini’ concerto de rap “ Xénero Versos”, un proxecto desenrolado co alumnado da ESO do Porriño contra violencia de xénero no ano 2017-2018. Tras o concerto haberá unha concentración en memoria das vítimas.

Dentro do ciclo “ Mulleres cinema” proxectaranse tres películas: a primeira o mércores, día 28 ás 7 e media da tarde no Círculo Recreativo Cultural, baixo o título “ Todas as mulleres que coñezo”, da directora Xiana do Teixeiro; a segunda o xoves 29, ás 8 e media da tarde, no mesmo lugar, “Con el viento”, da directora, Meritxell Corell, e a terceira “ Viaje al cuarto de una madre”, o venres, 30, ás 7 e media da tarde, tamén no Círculo Recreativo Cultural , da directora Celia Rico. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.

O vindeiro luns, día 19, ábrese o prazo para inscribirse no ‘Campamento de Nadal’ do Concello, financiado pola Deputación de Pontevedra, para rapazas e rapaces de 5 a 12 anos de idade

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Igualdade continúa a  mesma liña de actuación que en anos pasados, e “para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños”, organiza, de novo, o ‘Campamento de Nadal’, co-financiado pola Deputación de Pontevedra.

O mesmo- que desenrolarase de 9 da mañá a 2 da tarde– abranguerá actividades coma música, obradoiros, xogos, talleres, reciclaxe, animación á lectura e actividades que terán coma fío condutor a igualdade.

O prazo de inscrición para o mesmo abrirase o luns, día 19 de novembro, e non pechará ata o venres, día 30 desde mesmo mes.

A concelleira de Igualdade, Soledad Girón, lembra que poden participar neste campamento as rapazas e rapaces residentes no Porriño que teñan entre 5 e 12 anos -nados entre 2006 e 2013, os dous inclusive– e que as persoas que precisen máis información poden dirixirse ao Centro de Información á Muller, no 3º andar do Concello, ou chamar ao número de teléfono 986 337429.

A alcadesa súmase á iniciativa da @depo_es ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ e subliña a importancia de “desterrar os micromachismos e os macromachismos’

A alcaldesa, Eva García de la Torre, e a deputada provincial de Cohesión Social e xuventude, Digna Rivas, presidiron este xoves, na Praza de Antonio Palacios, “Mulleres en Acción. Violencia Zero” unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra  que é unha aposta decidida e visual pola loita contra as violencias machistas.

A actriz Mónica Camaño coa súa interpretación de “Proxecto Aurora” representou diante dun cento de alumnas e alumnas dos centros José Fernández López e Hermanos Quiroga, escenas nas que empregando frases que aínda se escoitan de cote, coma  a muller e a sartén na cociña están ben”, e que son un exemplo moi claro de actitudes e comportamentos machistas e intolerantes que so buscan degradar ás mulleres.

Digna Rivas asegurou aos estudantes que acudiron ao acto que son a clave para rematar coa lacra dos asasinatos por violencia de xénero”, con comportamentos que rexeitan ese machismo e son acordes coa igualdade, unha meta na que o goberno da Deputación, dirixido por Carmela Silva é pioneiro coa creación dunha área de Igualdade que traballa para desterrar os comportamentos e actitudes machistas.

A alcaldesa sinalou que “a discriminación e a violencia contra as mulleres non vai cambiar se a mentalidade dos mozos non cambia e temos que empezar por desterrar os micromachismos e os macromachismos que conducen á violencia”.

García de la Torre insisto una importancia de que “as mulleres deixemos moi claro que somos iguais, exactamente iguais en dereitos que os homes”.

@depo_es trae este xoves, día 20, ao Porriño o programa ‘Violencia Zero’ da man da actriz Mónica Camaño

A deputada de igualdade, Digna Rivas, xunto á alcaldesa, Eva García de la Torre, participarán este xoves, 20 de setembro, na 21ª intervención artística do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”.

Trátase dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A acción escénica, que terá lugar ao mediodía na Praza de Antonio Palacios, será protagonizada pola actriz galega Mónica Camaño, unha artista cunha longa experiencia e que participou en series como Serramoura, O Códice ou Matalobos; en longametraxes como Doentes, A biblioteca da iguana, O bosque de Levas ou O club da calceta.

A obra que representará Inherente Teatro é “Proxecto Aurora”. Trátase dunha acción escénica na que se fará un chamamento ao fin das violencias machistas e das actitudes patriarcais que, por desgracia, son tan frecuentes na actualidade. Á acción asistirán, xunto ao seu profesorado, alumnos e alumnas dos centros José Fernández López e Hermanos Quiroga.

A concelleira de Igualdade e Benestar pecha os Campamentos de Verán, que este ano estiveron subvencionados pola Deputación de Pontevedra e nos que participaron 240 nenas e nenos do Porriño

A concelleira de Benestar e Igualdade, Soledad Girón, entregou os diplomas ás nenas e nenos que participaron nos Campamentos de Verán do Concello, este ano. En total, sinala a concelleira, foron 240 participantes que puideron gozar durante 6 semanas de actividades coma xogos, deportes, excursións, ou saídas ao Museo do Mar de Galicia ou á Praia de Alcabre, en Vigo.

Este ano os campamentos, baixo o nome de ‘Leo e as viaxes polo tempo’, estiveron subvencionados pola Deputación de Pontevedra e tiveron coa obxectivo principal, subliña Soledad Girón, “ofrecer unha alternativa de lecer e tempo libre ás nenas e nenos do Porriño durante o verán e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación da vida familiar e laboral ás porriñesas e porriñeses”.

Os campamentos, que se desenrolaron entre o 2 de xullo e o pasado 10 de agosto, estiveron a  abertos a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos de idade– nados entre 2006 e 2013-, que puideron elixir ata 6 quendas distintas: a 1ª.- do 2 ao 6 de xullo; 2ª.- do 9 ao 13 de xullo; 3ª.- do 16 ao 20 de xullo; 4ª.- do 23 ao 27 de xullo; 5ª.- do 30 de xullo ao 3 de agosto e 6ª.- do 6 ao 10 de agosto.

Ainda hai prazas para a ‘2ª Andaina dos Sentidos’ que, finalmente, será o vindeiro domingo 1 de xullo

A ‘2ª Andaina dos Sentidos’, programada para o pasado día 10 de xuño e que finalmente tivera que ser aprazada por mor do mal tempo, xa ten nova data: será o vindeiro domingo 1 de xullo.

Hai que lembrar que a mesma forma parte do ‘Proxecto de Prevención de Drogo-dependencias 2018-2019’, que está impulsada pola concellería de Formación e Emprego de Salceda de Caselas, que dirixe Loli Castiñeira, e pola de Benestar, Emprego e Igualdade do Porriño, que ten á fronte a Soledad Girón, e que conta coa subvención da Xunta de Galicia.

As familias de Salceda de Caselas e do Porriño que queiran participar nesta andaina que descorrerá polo medio da natureza, aínda poden inscribirse chamando ao teléfono  679151574.

Aberto o prazo para inscribirse na ‘2ª Andaina dos Sentidos’ que impulsan os Concellos do Porriño e Salceda de Caselas e que conta coa subvención da Xunta

A concelleira de Comercio, Formación e Emprego de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e a responsable da área de Benestar , Emprego e Igualdade do Porriño, Soledad Girón, presentaron este luns a ‘II Andaina dos Sentidos’, que será o vindeiro domingo, día 10 de xuño.

Esta iniciativa, que forma parte do ‘Proxecto de Prevención de Drogodependencias 2018-2019’, que conta coa subvención da Xunta de Galicia, arrincou con programas coma ‘Cinensino’, nos centros educativos, abrangue diversos programas que levaranse adiante ao longo deste e do vindeiro curso, con iniciativas coma programas de prevención para autoescolas, formación de mediadores ou programas para centros escolares de Primaria e Secundaria, entre outros.

As familias de Salceda de Caselas e do Porriño que queiran participar nesta andaina que descorrerá polo medio da natureza, poden inscribirse chamando ao teléfono  679151574. Dende os dous concellos lembran que o número de prazas é limitado.

A alcaldesa denuncia que os buses que fan o traxecto O Porriño-Vigo teñen no interior espazos reservados para cadeiras de rodas pero non contan cunha rampla que permita ás cadeirs subir aos mesmos

O Goberno local do Porriño vén de esixir á Xunta de Galicia que corrixa de xeito inmediato a actual situación que teñen que soportar os porriñeses con diversidade funcional que non poden empregar os autobuses de ‘Faibus’  para desprazarse de Vigo a O Porriño.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, facéndose eco das denuncias de numerosas persoas, cualifica de “intolerable e inxustificable” o feito de que os autocares que fan este servizo conten no seu interior con espazos acaídos para persoas con diversidade funcional e non estean preparados para que estas persoas poidan subir ao bus con unha cadeira de rodas.

A xuízo de García de la Torre, esta situación é “denigrante e vexatoria e subliña que dentro dos buses está sinalizada unha parte reservada para estas cadeiras, e que as mesmas contan cos métodos de subxección e os botóns de aviso para solicitar as paradas adaptados a persoas con diversidade funcional, pero que, coma recoñecen os mesmos condutores destes vehículos, os mesmos non teñen rampla de acceso para que sexa posible que as persoas en cadeira de rodas suban ao bus algo que é “ridículo e vergoñento”.

A alcaldesa  lembra que hai xa dous anos que veciños do Porriño con diversidade funcional manifestáronse para esixir que rematase esta discriminación que os obriga a empregar un coche particular, ou a ir en taxi, cando teñen que ir a Vigo para facer algún trámite ou acudir ao médico, e insiste en que neste tempo a Xunta non tomou medida algunha”.

García de la Torre sinala que á Xunta “éncheselle a boca falando das bondades do transporte metropolitano que, por certo, pagamos en unha porcentaxe moi importante os concellos, pero non garante que poidan beneficiarse do mesmo todas as persoas por igual”.

Na súa opinión, o Goberno de Galicia limitouse a poñer en marcha un plan de transporte procurando, unicamente, que “fose o máis barato posible, pero non se preocupou de que todos os cidadáns puidesen facer uso del”.

Dende este xoves, día 10 de maio, está aberta a inscrición para os Campamentos de Verán do Concello que, un ano máis, estan co-financiados pola Deputación de Pontevedra

Dende este xoves, día 10 de maio, está aberto o prazo de inscrición para os Campamentos de Verán do Concello do Porriño, que baixo o nome de ‘Leo e as viaxes polo tempo’, ten coma obxectivo, tal e como sinala a concelleira de Benestar e Igualdade, Soledad Girón, “ofrecer unha alternativa de lecer e tempo libre ás nenas e nenos do Porriño durante o verán e, ao mesmo tempo, facilitar a conciliación da vida familiar e laboral ás porriñesas e porriñeses”.

Os campamentos, que están co-financiados pola Deputación de Pontevedra, abranguen do 2 de xullo ao 10 de agosto e están abertos a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos de idade- nados entre 2006 e 2013-.

As quendas para os mesmos serán: 1ª.- do 2 ao 6 de xullo; 2ª.- do 9 ao 13 de xullo; 3ª.- do 16 ao 20 de xullo; 4ª.- do 23 ao 27 de xullo; 5ª.- do 30 de xullo ao 3 de agosto e 6ª.- do 6 ao 10 de agosto.

As inscricións poden facerse desde este mesmo xoves no Centro de Información á Muller (CIM), no 3º andar do Concello, de 9 da mañá a 2 da tarde. Para máis información as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 986 337 429.