A alcaldesa participou en Ourense na xornada técnica ‘Perspectivas de futuro para o sector mineiro galego’

A alcaldesa do Porriño participou este mércores en Ourense na xornada técnica ‘Perspectivas de futuro para o sector mineiro galego’, que coincidiu coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da reforma da Lei de Minas por medio da Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais en Galicia.

Na xornada estiveron presentes o director xeral de Industria e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, e representantes dos sectores extractivos da louza e do granito,  particularizado no Porriño que, como salientou Eva García de la Torre, é o referente non so galego senón estatal desta industria.

A alcaldesa participou nunha mesa redona xunto á rexedora de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González Quintela, e o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso García, concellos nos que a lousa é unha das súas industrias punteiras.

A xuízo de García de la Torre, a reforma da lei permitirá, “ademáis de acabar con duplicidades inútis, axilizar e simplificar os trámites que hai que completar para obter permisos de explotación”, modernizando un sector que, como é o caso do Porriño, “constitúe, ademáis un dos sinais da súa identidade, unha importante fonte de riqueza para a nosa vila”.

A alcaldesa salientou que esta redución a burocracia non suporá unha diminución das esixencias que as empresas teñen que cumprir en relación coa seguridade laboral e de respecto ao medio ambiente, e sí servirán de axuda para que “non suceda o que estamos a ver noutros eidos, coma por exemplo a mobilidade de empresas dende Galicia ao norte de Portugal, país no que, sen renunciar a manter os necesarios controis para garantir a defensa da saúde e seguridade laboral, da legalidade e o respecto ao encorno, si reduciron esas xestións de xeito para favorecer o emprendemento e a competencia”.

O Porriño súmase á ‘Semana Europea do Código’ na que participan máis de 180 países e millóns de estudantes

O CEIP Antonio Palacios do Porriño súmase á Semana Europea do Código coa celebración este xoves, día 19, de varias actividades nas que participaron as alumnas e alumnos do centro de Torneiros, unha programación que conta co apoio do Concello do Porriño, coma sinalou no propio centro a concelleira de Emprego, Benestar e Igualdade, Soledad Girón.

A Semana Europea do Código é unha actividade organizada a nivel global a que participan máis de 180 países e millóns de estudantes, ademais de persoas interesadas no eido da computerización e a programación.

O obxectivo desta actividade é levar a codificación e a alfabetización dixital a todos dunha forma divertida  e para iso hai programadas, dende o pasado luns e ata este venres, día 20 de outubro, distintas propostas que involucrarán a nenos e nenas de 4º de Educación Infantil, e de 5º e 6º de Primaria, que traballaran con ‘Scratch’ deseñando varios proxectos

Este xoves o centro conta coa colaboración da empresa Ledisson AIT, que achegara ao CEIP Antonio Palacios varios robots cos cales ensinarán aos estudantes  distintas facetas da robótica que descoñecen e que servirán para achegarlles a esta beira das novas tecnoloxías.

O prazo para inscribirse no obradoiro ‘Tecendo lazos’ amplíase ata o venres 27 de outubro

Dende á Concellería de Mocidade  (OMIX) do Concello do Porriño en colaboración ca Deputación Provincial de Pontevedra, está previsto poñer  en marcha  o programa ‘Tecendo Lazos’.

A través dun obradoiro interxeracional, o obxectivo é contribuir á difusión da tradición oral e musical galega  poñendo en contacto as distintas xeracións para favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais entre das persoas participantes.

As familias/participantes compartiran  os bailes e as cancións típicas da súa zona traéndoas así á actualidade, para promover o intercambio das diferentes versións de cancións populares (música e letra) que coñece cada familia.

O programa consiste na oferta dun obradoiro, concedido pola Deputación Provincial de Pontevedra para persoas do noso concello e alrededores , con idades comprendidas  entre os 10 e  os 99 anos (ambas incluídas). O obradoiro deberá contar  cun mínimo de 10 persoas participantes e cun máximo de 30.

Terá unha duración de 16 horas das cales  14 horas serían un módulo espécifico e ás 2 restantes outro transversal: A historia do meu concello .Dito obradorio levaráse a cabo no  Edificio Sociocomunitario do Porriño.

O obradoiro ten por título ‘O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre.Canta-Avoas’, empezará o vindeiro  3 de novembro e rematará o día 29 do mesmo mes. Impartirase os días 3,8,10,15,17,22,24 e 29, mércores e venres, en horario de 7 da tarde a 9 da noite.

A solicitude de praza pode realizarse na OMIX do Concello (no Centro Cultural Municipal), de luns a venres, ata o vindeiro venres, día 27 de outubro, ás 5 da tarde.

Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación: Fotocopia do DNI; Xustificante de empadroamento e autorización de participación no programa-no caso dos menores de 18 anos-.

O Concello daralle a palabra ás rapazas e rapaces e presentarase ao ‘Recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia’ de UNICEF

Trátase dun proceso no que nenos, nenas e adolescentes dos distintos centros públicos do Porriño, terán a oportunidade de expresar a súa opinión sobre aqueles aspectos que mais lle preocupen, así como tamén achegar as propostas de solución que consideren, co compromiso de que serán tidas en conta polo Goberno Municipal.

Na mente do Concello está presentarse ao ‘Recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia’, que promove UNICEF, e polo tanto trata de camiñar cara unha política local de infancia baseada nun diagnóstico da realidade dos nenos e nenas e da localidade, realizada de forma participativa.

Lourdes Moure, Concelleira de Xuventude e Educación,  a través da súa OMIX , e promotora da iniciativa considera que “o papel dos centros educativos é fundamental para  iniciar este camiño, xa que ademais de axudarnos a chegar ao conxunto da poboación implicada, poden converterse nos principais dinamizadores da devandita participación”, polo que mantivo unha xuntanza con representantes dos centros escolares para presentarlles a iniciativa e coordinar con eles a súa posta en marcha.

Nesta primeira toma de contacto a concelleira comprometeuse tamén darlles a palabra aos nenos e ás nenas do municipio nun ‘Pleno infantil’ que se realizará no mes de novembro, co motivo da conmemoración do Día dos Dereitos da Infancia.

O Concello pretende con isto, sentar as bases dun futuro órgano estable de participación infantil, xa que este tipo de accións non deben ser puntuais, polo tanto xa están previstas tamén outras iniciativas como a instalación de caixóns de suxerencias nos centros escolares, ou habilitar unha conta de correo na que calquera persoa poda realizar as súas aportacións.

‘Llega 800’, está a levar adiante no Porriño as actuacións técnicas necesarias nas instalacións de recepción dos usuarios da Televisión Dixital Terrestre (TDT)

A entidade ‘Llega 800’, está a levar adiante no Porriño as actuacións técnicas necesarias nas instalacións de recepción dos usuarios da TDT, que son de balde para os veciños afectados polo inicio da prestación do servizo de telefonía móbil 4G, que pode afectar á recepción da televisión dixital terrestre.

Dacordo coa Orde Ministerial que regulamenta ente proceso, o prazo para solicitar as actuacións por parte dos usuarios que se vexan afectados é de  6 meses dende a data de posta en servizo das estacións de telefonía móbil.

Aínda que no caso do Porriño este prazo cumpriuse xa, o mesmo amplíase ata o 31 de outubro para solicitar as actuacións, de balde, por parte dos usuarios da TDT polas posíbeis afectacións ocasionadas polo 4G.

No futuro, no Porriño, poderían acenderse novas estacións de telefonía móbil, na  banda de 800 MHz, se así o consideran preciso os operadores para mellorar este servizo: neste caso atenderíanse, tamén de balde, as incidencias que houbese, abríndose outro prazo de 6 meses dende a data de acendido.

Os veciños que poidan verse afectados por estas incidencias poden poñerse en contacto con ‘Llega 800’ chamando ao teléfono 900 833 999.

Cada estrada, camiño, lugar e rúa do Porriño estarà nomeada e numerada oficialmente e todo o concello estará cartografiado dixitalmente

Nuns meses, todo O Porriño estará cartografado dixitalmente, e todos os seus camiños, lugares, estradas, carrís, travesías e rúas estarán perfectamente nomeados. Os traballos, impulsados pola alcaldesa, Eva García de la Torre, e que están a ser realizados pola Concellería de Urbanismo, que dirixe Marcelino Coto, xa comezaron e o resultado da primeira fase dos mesmos poderá verse nun prazo de 6 meses.

O obxectivo é que cada casa do concello estea perfectamente sinalada, empezando polo seu emprazamento exacto, o nome da parroquia e do lugar, o camiño no que se sitúa e polo que se accede á mesma-se este é de terra, se grava ou de asfalto- a numeración, unha xeo-referencia que inclúe a súa situación e a dos seus habitantes e unha referencia catastral que pode consultarse, informáticamente, en medio minuto.

A empresa Laya, especializada na realización de rueiros e numeración municipal, en dixitalización cartográfica, elaboración de mapas e publicación dos mesmos en portais web, empezou este martes, no lugar de Pinzal, na parroquia de Cans, este traballo que se prevé estea rematado a vindeira primavera.

Persoal da mesma, “perfectamente identificado cunha acreditación que leva o selo do Concello”, indica Marcelino Coto, percorre xa O Porriño falando cos veciños e tomando os datos que demanda este Sistema de Información Xeográfica (SIG pola súa abreviatura en inglés), que permitirá dispor dos mesmos nun software e,dunha banda, pendurar esta cartografía, para a súa consulta, na páxina web do Concello e, doutra, que servizos municipais coma o Padrón, Estatística ou os servizos de Emerxencia, poidan consultar calquera información que precisen.

“Este proxecto terá tamén outras utilidades esenciais, coma que os envíos que reparte Correos cheguen ao domicilio ao que van dirixidos, algo que moitas veces non sucede posto que os carteiros cambian e cando non coñecen unha parroquia non teñen unha situación exacta na que deixar ese paquete ou esa carta xa que non hai o nome dun camiño e, moito menos o número de cada unha das casas do mesmo”, sinala Marcelino Coto.

Ao mesmo tempo que se leva a adiante esta labor, o Concello pedirá aos veciños de cada lugar que sexan os que decidan os nomes das estradas, travesías e camiños, “en función dos nomes polos que son coñecidos habitual ou historicamente”, nomes que pasarán a ser oficiais e a incorporarse a este novo ‘rueiro’ que, sinala o concelleiro, “mesmo contempla o feito de que nunha finca na que non haxa construción algunha pódase edificar no futuro, asignándolle xa un número por anticipado”.

Rapazas e rapaces do Porriño participaron este sábado en’Deporuarte’

Organizado pola OMIX do Concello do Porriño e a Deputación Provincial de Pontevedra, este sábado tiveron lugar na Praza de Antonio Palacios as actividades do programa ‘Deporuarte’, dirixido a mozas e mozos maiores de 12 anos.

O mesmo tiña coma obxectivo que estes aprendese e desenvolver a súa creatividade nalgunhas das principais expresións da cultura urbana a través das iniciativas MusicArte, UrbanArte e CreArte as e os participantes coñecerán disciplinas coma breakdance, turntablism Dj, beatbox, graffiti e personalización de gorras.

Ademais, o programa tivo nesta nova edición un compoñente inclusivo para que as mozas e mozos e as monitoras e monitores con diversidade funcional poidesen participar nas súas actividades, como poideron comprobar a concelleria de Formación, Lourdes Moure, e a responsábel de Cohesión Social y Xuventude,Digna Rivas.

Persoal do PAC do Porriño ensinará a estudantes de Salceda, Mos e O Porriño cómo actuar diante dun infarto

Os concellos de Mos, Salceda e O Porriño colaborarán na celebración do ‘Día Europeo de Concienciación do Paro Cardíaco’, que se celebra o 16 de este mes de Outubro, impulsada dende o Punto de Atención Continuada (PAC) do Porriño, co respaldo da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo, por medio dunha actividade que pretende chegar aos máis novos.

‘As túas mans salvan vidas’, foi presentada este xoves no PAC do Porriño nun acto ao que asistiron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Asuntos Sociais, Sara Cebreiro, Teresa Pérez, concelleira de Benestar Social de Salceda de Caselas, e Lourdes Moure, concelleira de Educación do Porriño.

Unha das impulsoras desta celebración, a doutora do PAC Monserrat Rodríguez Cabaleiro, explicou que este proxecto, que se fará xunto co grupo musical   “As Maimiñas”, consistirá nunha actividade lúdica para concienciar ás rapazas e rapaces da importancia de saber que, “cos coñecementos axeitados” poden axudar a salvar unha vida no caso de que unha persoa achegada a eles sofre unha parada cardiorrespiratoria.

‘As túas mans salvan vidas’, ten coma obxectivo lograr que os estudantes  adquiran os coñecementos básicos de reanimación para poder reaccionar nun caso de morte súbita, sabendo que tendo eses coñecementos “increméntase nun 20% a posibilidade de supervivencia”.

A doutora Rodríguez salientou a importancia deste aprendizaxe dende os primeiros anos e de levar a mesma aos colexios, “polos que pasa o cen por cen da poboación” e nos que é posible que aprendan a técnica dunha reanimación cardio-pulmonar (RCP), cómo actuar diante dun paro cardíaco e a quen chamar para pedir axuda.

A actuación dentro dos primeiros 5 minutos despois dunha parada cardíaca, subliñou a doutora, é transcendental e pode marcar a diferencia entre manter a unha persoa con vida ou que morra.

Isto será o que persoal especializado do PAC do Porriño e ‘As Maimiñas’ ensinarán, de xeito ameno, con xogos e cancións, ás rapazas e rapaces dos tres concellos en diferentes actividades que terán lugar o luns día 16 deste mes, no Multiusos de Mos- ás 10:30 e 12:00h-; o día 17 no Auditorio de Salceda-no mesmo horario-e, finalmente, tamén ás mesmas horas, na Praza de Antonio Palacios do Porriño, o 18 deste mes.

Este sábado, día 7, na Praza de Antonio Palacios, unha nova edición de ‘Deporuarte’

Desde a OMIX do Concello do Porriño, en colaboración ca Deputación Provincial de Pontevedra,  ponse en marcha  o programa ‘Deporuarte’, dirixido a mozas e mozos maiores de 12 anos.

O mesmo  ten como obxectivo que estes aprendan e desenvolver a súa creatividade nalgunhas das principais expresións da cultura urbana a través das iniciativas MusicArte, UrbanArte e CreArte as e os participantes coñecerán disciplinas coma breakdance, turntablism Dj, beatbox, graffiti e personalización de gorras.

Ademais, o programa terá nesta nova edición un compoñente inclusivo para que as mozas e mozos e as monitoras e monitores con diversidade funcional poidan participar nas actividades de ‘DepoRúarte’.

Os obradoiros desenvolveranse este sábado, día 7 de outubro de 5 a 8 da tarde horas, coas actividades de música, baile e pintura urbana na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

O paro volve a baixar no Porriño que o concello que máis emprego creou o mes pasado na Áarea Metropolitana e na provincia

O Porriño liderou en setembro a creación de emprego na Área Metropolitana de Vigo e, xunto con Vila de Cruces, a baixada do paro, non so na provincia de Pontevedra, senón en toda Galicia. A finais do mes pasado había na vila 1.654 persoas desempregadas, unha realidade que non se vía dende hai case unha década.

Dacordo cos datos publicados este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, do Goberno de Galicia, a taxa de desemprego situouse no Porriño no 18%, 6 puntos menos que cando o actual Goberno Local empezara  o seu mandato, cando a porcentaxe do paro estaba  no Porriño por riba do 24% e 2.139 veciñas e veciños estaban na procura dun posto de traballo, preto de 500 máis que na actualidade.

En relación co mes de setembro de 2016, o número de persoas anotadas coma demandantes na oficina do Servizo Galego de Emprego do Porriño baixou de 1.836 a 1.654, o que supón que hai 182 traballadoras e traballadores máis no concello. Neste tempo o paro caeu 5,4 puntos nun so ano.

A alcaldesa, Eva García de la Torre, reitera, “como xa veño facendo dende que tomara posesión, o Goberno local do Porriño ten coma a súa primeira prioridade a creación de postos de traballo”. García de la Torre, subliña que este obxectivo pasa “sen dúbida, como estamos a ver, pola formación que aumenta as posibilidades de atopar un emprego das porriñesas e porriñeses que están no paro”.

Pola súa banda, a concelleira de Emprego, a socialista Soledad Girón,  asegura que “as propostas, actividades desenroladas neste mandato para conquerir este obxectivo están a funcionar”. Girón lembra entre elas o programa ‘Porriño Accede’, baseado en convenios asinados entre o Concello e empresas da vila, grazas ao cal hai ducias de veciñas e veciños que volveron ao mercado laboral ou empezaron a traballar.

Tamén influíron, “especialmente”, os  ‘Plans de Emprego’, que foron posibles logo da sinatura dun acordo coa Deputación de Pontevedra e do investimento de fondos municipais, de máis de 600.000 euros no que vai deste ano, así como o feito de chegar a entendementos con outras administracións, o cal facilitou a obtención de axudas e subvencións que tiveron coma destino accións que serviron para incrementar as probabilidades de empregabilidade de moitas persoas.