O Concello de Porriño renovou a súa achega económica que se mantén en 20.000 euros para a XVI edición do Festival de Curtametraxes de Cans que terá lugar do 22 ó 25 de maio.
Eva García de la Torre, alcaldesa de Porriño e “Keka” Iglesias, presidenta da Asociación Cultural Arela, organizadora do certame, xa suscribiron o correspondente convenio de colaboración que garante a aportación económica do Concello.
A cantidade que fora incrementada en 2018 polo goberno municipal que preside Eva García supón reeditar a maior achega económica do Concello ó longo da historia do Festival de Cans. “Ese esforzo xustifícase pola maior importancia que cobra cada ano o Festival que pón O Porriño no mapa cultural de Galicia e de España”, valorou a alcaldesa.
No texto do convenio suscrito entre Concello e maila Asociación Arela suliñase que o Festival de Cans “é un dos acontecementos de maior popularidade e, sen dúbida, o que maior impacto mediático acada de xeito que promociona Porriño a nivel galego, estatal e incluso internacional”.
O apoio do Concello de Porriño ó Festival de Cans non se reduce á achega económica senon que tamén é loxístico xa que diversas concellerías cooperan para resolver cuestions de Seguridade, Tráfico, Limpeza, Vías e Obras que contribuen á realización do evento.