Os irmáns Abalde afinaron a súa preparación no Porriño a piques de incorporarse coas súas respectivas seleccións

O baloncestista galego, Alberto Abalde elixiu as instalacións do Polideportivo Municipal do Porriño para afinar a súa preparación cara aos Xogos Olímpicos, á espera da súa posible inclusión na lista definitiva de 12 xogadores que representarán a España. Abalde está na convocatoria de 18 preseleccionados que comunicou hai uns días o adestrador, Sergio Scariolo e que deberán concentrarse en Madrid a partir do venres 25.

Abalde estivo hoxe acompañado polo preparador físico, Dani Moreno. En días anteriores, a súa irmá, Tamara Abalde tamén acompañoulle nos adestramentos no Polideportivo Municipal porriñés.  Tamara, que por culpa da Covid quedou fora do Eurobasket feminino que está a disputarse actualmente, terá que incorporarse coas demais olímpicas españolas a partir do 5 de xullo.

Como xa fixera en agosto de 2020, antes do inicio da tempada regular da ACB, Alberto Abalde escolleu, de novo, vir ao Porriño grazas á hospitalidade ofrecida polo Concello para que puidera realizar a súa preparación no Polideportivo. Alberto agradeceu a colaboración do Concello a David Alonso, concelleiro de Deportes.

 

O Balonmán Porriño xogase hoxe o pase ás semifinais do Campionato de España cadete masculino

 
Ás 20,30 horas, no Pavillón 1, o equipo cadete masculino do Balonmán Porriño Conservas Orbe, xogase hoxe o pase a semifinais do Campionato de España contra o conxunto valisoletano CB Delicias Play 360.
Una vitoria, incluso un empate dos porriñeses garante que pasen ronda. Ata de agora, o Balonmán Porriño gañou o seu primeiro encontro fronte ao Grupo IMQ Gijón e onte perderon contra o Barcelona, por 23-44.
 
O equipo blaugrana acreditou a súa condición de máximo favorito para facerse co título deste Campionato que está a celebrarse na nosa vila coa participación dos mellores equipos españois, agás o Granollers que non puido viaxar por un gromo da Covid que afectou a media plantilla.
 
No que atinxe ao equipo cadete feminino do Balonmán Porriño que tamén está a xogar polo Campionato de España en Elche, xa non ten posibilidades de pasar ronda debido a que sufriu a segunda derrota no seu cadro. Aínda así, fixeron unha tempada extraordinaria coroada coa clasificación para esta fase final.

Recepción da alcaldesa aos 7 equipos participantes na fase final do Campionato de España de balonmán cadete masculino

A alcaldesa Eva Garcia ofreceu esta mañá unha recepción aos equipos participantes na fase final do Campionato de España de balonmán cadete masculino que está a celebrarse no Porriño dende onte. Acudiron delegacións dos sete equipos: Barcelona, Zaisa Bidasoa Irún, Cajasur Córdoba, Grupo IMQ Gijón, CBM Delicias Play 360 Valladolid, Fertiberia Puerto Sagunto e o club anfitrión e campión de Galicia, Balonmán Porriño Conservas Orbe.

O acto celebrouse no salón de plenos do Concello. Os capitáns dos sete equipos, ocuparon cadeiras onde habitualmente séntanse os concelleiros. Acompañaron á alcaldesa, José Carlos de Castro, delegado da Federación de Balonmán, e Lucía Freiría, directiva do Balonmán Porriño.

Eva García felicitou aos sete equipos por chegar a esta fase final e tivo un recordo agarimoso para o Granollers que debido a un gromo de coronavirus con varios xogadores contaxiados non puido viaxar ao Porriño.

A alcaldesa subliñou a condición de “gran favorito do Barcelona para levarse este Campionato pero agardo que os do Balonmán Porriño vos dean moita, moita guerra”, dixo Eva García.

Como remate da recepción, a alcaldesa entregou aos delegados e delegadas dos sete equipos, unha caixa conmemorativa cunha bola de pan do Porriño e un libro sobre a obra do noso arquitecto, Antonio Palacios.

A fase final do Campionato de España de Balonmán Cadete Masculino comeza este mércores no Porriño


Finalmente serán sete os equipos que participen a partir deste mércores 16, na fase final do Campionato de España de Balonmán Cadete Masculino que se celebrará ata o domingo no Polideportivo Municipal do Porriño. Lamentablemente un gromo de coronavirus con media ducia de xogadores contaxiados impediu que o Balonmán Granollers poida participar, e de feito xa renunciaron a viaxar.
Os sete equipos participantes nesta fase final da que sairá o campión de España cadete masculino serán: Barcelona, Zaisa Bidasoa Irún, Cajasur Córdoba Balonmano, Grupo IMQ, CBM Delicias Play 360, Fertiberia Puerto Sagunto e o club anfitrión e campión de Galicia, Balonmán Porriño.
O vindeiro xoves, a alcaldesa Eva Garcia ofrecerá unha recepción aos equipos participantes no Concello.
Deixamos imaxe adxunta co cadro de emparellamentos e horarios de partidos desta fase final.

A alcaldesa recibiu ao equipo infantil feminino do PBB antes de desprazarse a Marín para xogar a fase final do Campionato de España

A alcaldesa, Eva Garcia, acompañada de David Alonso, concelleiro de Deportes, recibiron ás compoñentes do equipo infantil feminino do “Porriño Baloncesto Base” que esta semana participará na fase final do Campionato de España que se vai celebrar en Marín.
O “PBB” clasificouse como mellor terceiro equipo de Galicia e terá como rivais na primeira quenda a Canoe, de Madrid e os campións de A Rioxa e Murcia.


A alcaldesa desexoulles “moitísima sorte” nesta competición pois “xa é un mérito moi grande destas rapazas terse clasificado entre os 32 mellores equipos de España”, segundo manifestoulles Eva Garcia.
Aproveitando o encontro, alcaldesa, concelleiro, xogadoras, técnicos e directivos do PBB fixeron una sesión de fotografías na Fonte do Cristo e tamén ante a sede do “sponsor” privado do equipo que ten ao Concello do Porriño como principal patrocinador.

“Dende O Porriño ata París”: presentada a “Breaking Battle” que se celebrará ao abeiro das Festas de San Bieito

O Concello do Porriño vai celebrar o sábado 10 de xullo a “Breaking Battle Porriño” que será unha competición/encontro de Breaking Dance que terá lugar por primeira vez na nosa vila.

Celebrarase ao abeiro das Festas de San Bieito na praza de San Sebastián onde se montarán unha pista principal e dúas máis pequenas para quecemento dos participantes. Ademais haberá un espazo con cadeiras reservado para o público asistente e os acompañantes dos participantes.

A concelleira subliñou “o esforzo conxunto da OMIX do Porriño e das concellerías de Deportes e Festas para achegar novas propostas de lecer, cambiando rexistros e organizando eventos máis demandados pola mocidade”.

Agardase “unha alta participación aproveitando que o breaking está declarada modalidade olímpica para os Xogos de París 2024”, segundo lembrou Pablo Castiñeira, representante de “Vella Escola”, produtora do evento.

Entre os participantes que se darán cita no Porriño agardase o concurso de David Amor, un mozo de Neda de 14 anos que xa é o segundo no ranking nacional desta modalidade e foi medalla de bronce no Campionato de España en 2020. De aí que a concelleira de Festas, Cami Moreira concluíse coa frase “Dende O Porriño a París” tendo en conta as posibilidades do mozo nedense de ser seleccionado para as vindeiras Olimpíadas.

 

O Porriño recupera o seu sitio no ciclismo nacional co Gran Premio Concello do Porriño elite e sub 23

Coa participación de 150 corredores dos mellores equipos ciclistas das categorías elite e sub-23 tanto de Galicia como do resto do Estado, O Porriño vai recuperar sitio no ciclismo nacional coa celebración do Gran Premio Concello do Porriño que terá lugar o vindeiro domingo 6 de xuño. O concelleiro de Deportes, David Alonso reivindicou que “grazas ao traballo de moita xente o apoio das institucións, O Porriño disfrutará de novo do mellor ciclismo”. 

A proba, organizada polo club local “Master da Louriña”, co apoio do Concello e da Deputación Provincial, será puntuable para a Copa de España de clubs e ao mesmo tempo a última cita antes do Campionato de España. Por esta razón o seleccionador galego da categoría sub 23, Xacobo Ucha subliñou “a importancia que vai ter o resultado na convocatoria que realizará para os ciclistas que sexan seleccionados para representar a Galicia no Campionato de España”.

Na presentación da proba, realizada hoxe no vestíbulo do Polideportivo Municipal, Djamel Avendaño, en representación do club organizador, explicou que o percorrido do Gran Premio Concello do Porriño “será moi atractivo e ao tempo moi recoñecible para os aficionados locais” con tres subidas (San Cosme e Abelenda por dúas veces) e un total de 140 quilómetros con saída e chegada na Avenida Domingo Bueno.

Tamén asistiu a presentación Gorka Gómez, deputado provincial delegado de Deportes que eloxiou o traballo do club organizador e do Concello no apoio do deporte e celebrou que “a recuperación de eventos deportivos é unha boa nova para axudar na reactivación polo que supoñen en turismo e polo tanto en movemento económico”. 

Durante o acto, tanto Gorka Gómez como David Alonso, no nome da Deputación e do Concello expresaron as súa tristura pola nova do pasamento de Isaura Abelairas e trasladaron as súas condolencias á familia da deputada autonómica e exconcelleira de Vigo.

A alcaldesa comprobou o arranxo das pistas de tenis do Polideportivo Municipal

A alcaldesa Eva Garcia comprobou hoxe o resultado das obras de arranxo das pistas de tenis do Polideportivo Municipal. A rexedora compartiu a visita co concelleiro de Deportes, David Alonso e co presidente do Club de Tenis Porriño, Agustín Doval.

 

Arranxouse a superficie de pavimento “tenninsquick” nas dúas pistas. Repararonse e pintaronse de cor violeta. O orzamento das obras superou os 12.000€.

Aproveitando o encontro, a alcaldesa e o presidente do club firmaron o convenio anual de subvención nominativa polo que a entidade deportiva recibe unha achega municipal de 2.000€.

Mediante o devandito convenio, o Concello cede gratuitamente as pistas do Centro Deportivo Municipal ao Club de Tenis Porriño para a práctica deportiva, tanto adestramentos como competicións. O uso das instalacións é gratuito para calquera persoa allea ao club que solicite hora a través das oficinas do Polideportivo Municipal.

Hoxe celebrase pleno municipal ordinario de maio

A aprobación definitiva do contrato coa empresa “Soom Management”, nova concesionaria da Piscina Municipal do Porriño é un dos asuntos que se tratarán no pleno municipal ordinario que celebrará esta tarde a corporación local, a partir das 18 horas.

A aprobación provisoria desa adxudicación decidiuse en marzo e hoxe vai para a súa ratificación. No seu día aceptouse a proposta realizada pola mesa de contratación para adxudicar á firma “Soom Management” que foi a plica mellor valorada, cunha oferta anual de 508.000 € e o compromiso de subrogar ao persoal actual de 24 traballadores desa instalación deportiva.

Tamén os corporativos coñeceran a proposta da mesa de adxudicación da licitación do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e xestión do “Punto Limpo” do Concello, en favor da empresa “Valoriza Servizos Medio Ambientais”. 

Ademais o temario da sesión inclúe media ducia de mocións que se especifican na orde do día que se adxunta no seguinte “pdf”. 

Pleno Mayo 2021

 

 

 

Convocadas comisións informativas municipais que prepararán o vindeiro pleno corporativo

A aprobación definitiva do contrato coa nova concesionaria da Piscina Municipal do Porriño é un dos asuntos que se tratarán nas comisións informativas que se celebrarán este venres 21, preparando o vindeiro pleno ordinario da Corporación que terá lugar o mércores 26. 

A aprobación provisoria desa adxudicación decidíuse en marzo e agora levase a pleno para a súa ratificación. O goberno municipal acadou a aprobación plenaria e, polo tanto, aceptouse a proposta realizada pola mesa de contratación para adxudicar á firma “Soom Management”, a explotación da Piscina Municipal.  Esta empresa, que actualmente leva as piscinas municipais de Marín, Boiro e Cangas, foi a plica máis valorada, cunha oferta anual de 508.000 € e adquire o compromiso de subrogar ao persoal actual, de 24 traballadores, desa instalación deportiva.

Adxuntamos documento “pdf” coas convocatorias e temarios das catro comisións municipais informativas que se celebrarán. 

1118_001