Presentada a primeira edición do “Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño”

A alcaldesa, Eva García xunto co concelleiro de Deportes, David Alonso realizaron hoxe a presentación da primeira edición do Torneo Internacional de Tenis de Mesa “Concello do Porriño”. Tamén asistiu José Luis Cabaleiro, presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa e directivos do Club de Tenis de Mesa CRC Porriño e do Círculo Recreativo Cultural onde se realizou a presentación.

A alcaldesa felicitou aos organizadores “por un primeiro éxito que xa supón a capacidade de convocatoria amosada co número de inscritos” e garantiu que será un torneo “que vai ter continuidade nos vindeiros anos”, manifestou Eva Garcia que reivindicou que “O Porriño segue no mapa grazas aos moitos eventos deportivos, culturais e de outra índole” que se organizan no noso concello, rematou a alcaldesa.

O evento reunirá máis de 250 participantes de todas as categorías procedentes de toda España e de Portugal.
A competición terá lugar na vindeira fin de semana nos pavillóns 1 e 2 do Polideportivo Municipal.

A Concellería de Deportes patrocina o “I Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño”

 

A vindeira semana será presentada a primeira edición do “Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño” que terá lugar os días 21 e 22 de agosto no Polideportivo Municipal , segundo anuncia a Concellería de Deportes que dirixe David Alonso.
Neste evento internacional agardase a participación de 240 deportistas de clubs de tenis de mesa de toda Galicia, doutras comunidades autónomas e de Portugal.

A competición vaise desenvolver nos dous pavillóns do Polideportivo Municipal. Coas actuais restricións poderán asistir 300 espectadores por pavillón, aínda que descontando a reserva de espazo para técnicos, familiares e acompañantes dos deportistas, o aforamento real de público será de 130 espectadores por pavillón.

O torneo que abrangue todas as categorías é organizado polo Club de Tenis de Mesa CRC Porriño. Conta co Concello como patrocinador principal e coas colaboracións do Círculo Recreativo Cultural, Federación Galega de Tenis de Mesa, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia.

A Piscina Municipal pechada en agosto

 

Lembramos aos usuarios que a Piscina Municipal do Porriño permanece pechada desde hoxe, luns 2 de agosto e ata o martes 31. A instalación reabrirá o mércores 1 de setembro.
Desde o pasado 1 de xullo, fíxose cargo da explotación da Piscina, a empresa “Soom Management” que foi a gañadora do proceso de licitación que se resolveu en marzo.
Esta empresa, que actualmente leva tamén as piscinas municipais de Marín, Boiro e Cangas, foi a plica máis valorada, cunha oferta anual de 508.000 € e subrogou ao persoal actual, de 24 traballadores, desta instalación.

Policía Local e Protección Civil traballan nos preparativos do 54º Rallye Rías Baixas

 

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de O Porriño encargarase a partir das nove da noite de hoxe de avisar aos establecementos de hostalería da rúa peonil para que recollan as súas terrazas, a fin de facilitar o valado e sinalización do recinto que acollerá mañá sábado a comitiva de participantes na 54ª edición do Rallye Rías Baixas.
Os voluntarios da agrupación que dirixe Suso Gónzalez “Carrola”, deixarán sinalizado esta noite o recinto que mañá sábado recibirá os tres reagrupamentos de vehículos participantes que están previstos en tres quendas horarias: 11,28 a 11:58; 15,40 a 16:10; e finalmente de 18:54 a 19:09.
A Policía Local, pola súa banda, restrinxirá o tráfico pola rúa Pío XII e prohibirá o estacionamento de vehículos para garantir o acceso dos participantes ao recinto dos reagrupamentos. E xunto con Protección Civil realizarán labores de vixilancia e seguridade no transcurso dos tramos cronometrados que durante a mañá e a tarde do sábado terán lugar polo termo municipal porriñés.
Finalmente Protección Civil tamén colaborará coa dotación do Parque Comarcal de Bombeiros do Porriño en previsión de calquera accidente no que fose necesaria a súa intervención.
O evento automobilístico ten ao Concello do Porriño como unha das institucións que máis anos leva colaborando coa proba, tanto de xeito económico como na loxística.

O Porriño renova o seu vínculo co “Rallye Rías Baixas”

O Porriño será de novo parte esencial do “Rallye Recalvi Rías Baixas” que acadará a súa 54ª edición despois do forzoso parón ocasionado pola pandemia en 2020. O evento automobilístico ten ao Concello do Porriño como unha das institucións que máis anos leva colaborando coa proba, tanto de xeito económico como na loxística.

O sábado 24, a mediodía, terá lugar na peonil, o reagrupamento de vehículos participantes que accederán ao recinto pechado pola rúa Pío XII. A Policía Local do Porriño prestará apoio, organizando o tráfico e restrinxindo o estacionamento.

Ademais, para los aficionados ao motor, varios tramos da xornada do sábado transcorrerán polo termo municipal porriñés. “Como sempre o treito de baixada por Chenlo será dos máis espectaculares e vistosos para os espectadores”, manifestou Fernando Mouriño, presidente de la Escudaría Rías Baixas e responsable da organización, durante a presentación celebrada este mediodía na praza do Concello.

Desde o punto de vista da participación, Mouriño subliñou que ao pasar o Rías Baixas a ser proba puntúable para a Copa de España de Rallyes de Asfalto, “acadamos os 73 equipos participantes con pilotos de tanta sona como José Antonio Suárez, alcumado ‘Cohete” que ven de gañar en Ourense, Sergio Vallejo, actualmente primeiro da clasificación xeral da Copa de España e Oscar Palacios, que vai segundo”, indicou.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, David Alonso expresou no nome do Concello “a ledicia que nos produce recuperar a celebración de esta proba e renovar o noso vínculo”. Por último Alonso Bargiela recalcou a importancia do Rally Rías Baixas como elemento de dinamización do turismo no noso concello e na contorna e polo que supón de promoción económica para o sector da hostalería que está a pasar unha situación moi complicada”.

Preto de 40 inscritos para participar na “Breaking Battle Porriño” que se celebrará este sábado coa ocasión das Festas de San Bieito

A competición-espectáculo “Breaking Battle Porriño” que constitúe a principal novidade da programación das Festas de San Bieito, celebrarase este sábado coa participación de preto de 40 mozos e mozas de toda Galicia que practican esta modalidade deportiva que será olímpica nos Xogos de París 2024.

Entre os participantes estarán David Amor, un mozo de Neda de 14 anos que xa é o segundo no ranking nacional desta modalidade e foi medalla de bronce no Campionato de España en 2020; e a rapaza ourensá, Alicia Babarro, de 10 anos que actualmente lidera a Liga Galega de Breaking en categoría iniciación.

O evento, incluído pola Concellería de Cultura na programación das festas, terá lugar por primeira vez na nosa vila. Aínda que inicialmente estaba previsto na praza de San Sebastián, acordouse trasladar ao auditorio exterior do Centro Cultural Municipal onde se montará unha pista de PVC. Ademais haberá un espazo con cadeiras reservado para o público asistente e os acompañantes dos participantes.

A concelleira Cami Moreira subliñou “o esforzo conxunto da OMIX do Porriño e das concellerías de Deportes e Festas para achegar novas propostas de lecer, cambiando rexistros e organizando eventos máis demandados pola mocidade”.

A competición durará catro horas (entre as 17:00 e as 21:00) e será “mediante sistema de eliminatorias ata chegar a unha final de un contra un. Tres xuíces, dous galegos e un andaluz, encargaranse da puntuación e control da competición”, segundo explicou Pablo Castiñeira, responsable de “Vella Escola”, produtora do evento.

A alcaldesa felicitou aos compoñentes do club Ximnasia Porriño polos seus recentes éxitos deportivos


Eva Garcia de la Torre e o concelleiro de Deportes, David Alonso acudiron este mediodía aos adestramentos do equipo de ximnasía rítmica do Club Ximnasia Porriño, no Pavillón 1 do Polideportivo Municipal, para felicitarlles persoalmente pola excelente campaña deportiva que fixeron nas diferentes categorías nas que competiron.


Aos éxitos deportivos máis salientables da tempada acadados por Hernán Sío e Sofía Sousa, campións individuais de Galicia respectivamente, hai que engadir os máis recentes de Leire Pérez, subcampioa galega benxamín e, de xeito especial, o subcampionato de España xuvenil feminino que acadou Noa Filgueira, no Nacional Base Individual celebrado en Valladolid.


A alcaldesa manifestoulles “o meu orgullo de ter en Porriño un club e uns deportistas tan laureados” e trasladou o seu recoñecemento ás adestradoras e directivas do club “asi como aos pais e nais de todos vos polo esforzo que, sen dúbida, están a facer tamén”, manifestou Eva Garcia.

A alcaldesa felicitou ao neno motorista Iker Rodríguez que recibirá un convenio de patrocinio do Concello para a vindeira tempada

A alcaldesa Eva Garcia e o concelleiro de Deportes, David Alonso felicitaron persoalmente hoxe ao motorista Iker Rodríguez, un neno de porriñés 9 anos que se proclamou campión de España de categoría “supermotard” de 65 c.c. En compañía do seu pai, Jaime e dos restantes membros da familia, Iker recibiu da alcaldesa o anuncio de que para vindeira tempada de 2022, recibirá un convenio de patrocinio do Concello por un importe de 1.200 euros.

O encontro celebrouse no circuíto de motos que precisamente montou en Torneiros o propio Jaime e onde actualmente xunto cos seus fillos Iker e Eric, hai outros 30 nenos recibindo clases de pilotaxe. Ademais, pilotos de outras partes de España acoden habitualmente a adestrarse dadas as características da pista. Precisamente hoxe estará adestrando con Iker o piloto murciano, Pedro Acosta que compite no Mundial de Moto3 e xa ten acadadas catro vitorias na tempada. Acosta, con tan só 17 anos, está considerado pola prensa especializada a futura gran estrela do motociclismo español e será para o porriñés Iker un mestre de excepción.

Para a vindeira tempada, Iker pasará a competir na seguinte cilindrada Moto4 (150 cc) a partir dos 10 anos de idade e correrá nos principais circuítos do Estado.

Novidades na Piscina Municipal do Porriño


A partir de hoxe, día 1 de xullo e ata o día 31, a Piscina Municipal cambia o seu horario de apertura que pasa a ser o seguinte: de luns a venres de 7:00 a 14:00 e de 15:30 a 22:30, os sábados de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 e os domingos de 10:00 a 14:00.
Hai tamén outras novidades no funcionamento da Piscina, segundo informa o Servizo de Deportes. Atendendo á mellora epidemiolóxica xa non será obrigatorio reservar hora, pero será necesario seguir mantendo as normas sanitarias: uso de máscara en toda a instalación e en todo momento salvo cando estén na piscina, distancia de seguridade de 1,5 metros e lavado frecuente de mans.

Respetarase o aforo do 50% na piscina e do 30% nos vestiarios segundo o establecido no DOG Núm. 120-Bis de Venres 25 de junio de 2021. O uso da sala de cardio será tamén posible en todo o horario de apertura, respetando sempre as normas de aforo e de hixiene, cada usuario deberá desinfectar as máquinas con xel hidroalcohólico antes e despois de cada uso.

Os cursos de natación volven á súa duración de 45 minutos, igual que antes do inicio da pandemia. E finalmente comezan novos cursos para nenos e nenas en horario de mañá, de martes a xoves, entre as 11:00 e 11:45.

Todas estas novidades na Piscina Municipal coinciden coa estrea desde hoxe da nova adxudicataria do contrato da piscina, Soom Management, S.L.

O Concello compromete co presidente da Federación Galega de Atletismo a homologación das pistas municipais da Granxa

O Concello do Porriño iniciou os trámites ante a Real Federación Española de Atletismo para que envíe técnicos a fin de verificar e homologar as pistas de atletismo municipais da Granxa o que permitirá albergar competicións e validar marcas. “Polo tanto acadar a rendibilidade social, deportiva e económica dunha instalación que custou algo máis dun millón de euros, aportados polo Plan Concellos da Deputación”, manifestou David Alonso, concelleiro de Deportes quen considera que a homologación “vai ser unha gran noticia non só para O Porriño senón tamén para a contorna”.


O concelleiro mantivo unha reunión con Isidoro Hornillos, presidente de la Federación Galega de Atletismo quen explicou que a homologación das pistas do Porriño pódese acadar a través da recente normativa aprobada pola RFEA que nun apartado recolle a validación a estes efectos das que se definen como “instalacións singulares”. Enténdense como tales calquera instalación de atletismo na que, sen poderse disputar todas as probas, si que sexa posible a celebración de xeito acorde a regulamento, dalgunhas ou da meirande parte”.
“Precisamente neste suposto encaixan as pistas municipais da Granxa que permiten celebrar probas de velocidade e valas na pista de 60 metros; probas de velocidade, medio fondo e fondo na pista circular de 200 metros e, por outra parte, no módulo semicuberto, as probas técnicas de saltos de altura, pértega, lonxitude e triplo salto”, explicou David Alonso.
Pola súa parte, Hornillos manifestou “o interese da Federación de Atletismo en que o Concello acade o máis cedo posible esa homologación para que se aumente a dotación de pistas para competición nunha zona de gran tecido atlético como é o sur de Galicia e o norte de Portugal”.