Aviso de cortes de tráfico polo paso da Volta Ciclista a Galicia

A Policía Local alerta dos cortes de tráfico que se producirán este venres, ao mediodía, cunha duración de 15 a 30 minutos, nas estradas polo paso da Volta Ciclista a Galicia.
A etapa Ponteareas-Ponteareas que comezará ás 12:00 dende a vila do Tea, entrará no Porriño por Cans, pola N-120, arredor das 12:15, dependendo da velocidade á que transite o pelotón. Ao pasar polo centro de Porriño hai unha meta volante na cafetería Platinium. A carreira discorrerá pola rúa Antonio Palacios, xirará na rotonda cara á avenida Domingo Bueno e conectará coa estrada nacional 550 en dirección a Tui. A caravana virará cara a Atios e Budiño segundo o libro de ruta da etapa que publicamos na imaxe adxunta.
A previsión é que ao redor das 12.30 conclúa o paso da etapa por Porriño.

Presentado o IV Trofeo “MiniBTT Concello do Porriño”

A Concellería de Deportes, que dirixe David Alonso, e o club “A.D. Avanza” presentaron hoxe a cuarta edición do “Trofeo Mini BTT Concello do Porriño” que terá lugar o vindeiro sábado 18, no Monte da Risca, a partir das 10:00 horas.

Calcúlase que haberá 350 participantes nas diferentes categorías: infantil, alevín, benjamín así como para principiantes e promesas. Non obstante, a inscrición aínda estará pechada esta noite.

Lourdes Figueroa, directora da A.D. Avanza subliñou que “o maior esforzo que propuxemos durante estes meses difíciles debido á pandemia foi garantir que todos os nenos e nenas seguisen motivados neste deporte, motivo polo que agora celebramos poder organizar competicións como ésta que presentamos”, dixo.

Tamén acudiu ao acto Jacobo Ucha, como técnico e representante da Federación Galega de Ciclismo. Na súa intervención, recoñeceu “o excelente traballo de canteira realizado por clubs como o A.D. Avanza e é grazas a ese traballo que logo saen e teñen ciclistas galegos no pelotón profesional como acabamos de ver na Volta a España” .

Por último, David Alonso, concelleiro de Deportes tamén se sumou ao recoñecemento do club organizador “polo brutal traballo que realiza con toda a estrutura de base que teñen e por suposto merecen e contarán con máis apoio económico por parte do Concello, como proba de recoñecemento “,
concluíu o concelleiro.

 

“Necesitamos socializar” reclamou a concelleira Cami Moreira na presentación das Festas do Cristo 2021

As Festas do Cristo, os festexos principais do Porriño, comezan esta noite coa celebración da carreira ciclista “A Nocturna” e a partir do sábado e o domingo coa feira de oportunidades “Merca na rúa”. E concluirán o domingo, 3 de outubro, coa celebración da XXVIII Festa dos Callos na que este ano participarán preto de trinta establecementos de hostalería, cun prezo de 7 euros por ración que inclúe o pan e a cazola de recordo.

Cami Moreira, concelleira de Cultura e Festas, que hoxe fixo a presentación oficial do programa, afirmou que “necesitamos festas, con serenidade, e socialización, dentro dos límites dos protocolos sanitarios”. Moreira dixo que neste segundo ano de celebración en pandemia, coa experiencia adquirida, “todas e todos necesitamos vivir unha normalidade, particularmente que os nenos tamén vexan esa normalidade”, engadiu.

En canto ao programa, a concelleira destacou a celebración de numerosos eventos ao aire libre, ata en seis lugares diferentes. Serán a Praza do Concello, o Parque do Cristo, San Sebastián, o auditorio ao aire libre do Centro Cultural Municipal, a carpa instalada na explanada de Roxy e, finalmente, o aparcadoiro do velódromo municipal que albergará unha sesión de auto-cine coa proxección das curtas finalistas no último Festival de Cans.

Entre as actuacións musicais que están programadas, Cami Moreira destacou a presenza o domingo 26, do grupo de cantareiras “As Tanxugueiras”, de máxima relevancia por ser as que lideran coa súa canción “Figa”, os votos dos seguidores a representar España no Festival de Eurovisión 2022.

Entre as novidades do programa, Cami Moreira destacou o “Trivium Porriño”, un xogo de “trivial” sobre o municipio que poñerá a proba o coñecemento sobre Porriño das parellas que participen nas sucesivas eliminacións que comezarán o domingo 19.

Finalmente, a concelleira anunciou que haberá uns pregoeiros moi especiais: Antonio Palacios e Corona Gónzalez, encarnados polos actores que interpretan a ambos personaxes nas visitas guiadas dedicadas ao arquitecto porriñés durante este ano 2021. O acto do pregón será o sábado 25, ás 13 horas, no que suporá o inicio da Semana Grande das Festas que  inclúe o festivo local do luns 27 e que rematará o domingo 3 de outubro, “O Recristo”. 

O Porriño recupera a clásica ciclista “A Nocturna”

O Concello do Porriño anuncia que o vindeiro venres 10 terá lugar a clásica ciclista “A Nocturna” que contará cunha participación de 250 deportistas distribuídas/os en oito categorías. Esta proba, que se celebra sempre ao abeiro das Festas do Cristo, recupera o seu sitio no calendario ciclista nacional, despois do paro causado pola pandemia en 2020.

A Federación Española de Ciclismo inclúea entre as probas clásicas da categoría elite. Non obstante, o concelleiro de Deportes, David Alonso, anunciou que “o propósito do Concello é acadar que esta carreira sexa declarada unha clásica histórica, tendo en conta as condicións do circuíto e as súas peculiaridades por celebrarse de noite e por eliminación”.

O circuíto no que se celebrará “A Nocturna”, con saída e chegada na praza do Concello, discorre por un percorrido de 1.000 metros polas rúas do centro da vila nas que haberá restricións de aparcadoiro e cortes de tráfico, segundo anunciou a Policía Local. Achegamos unha imaxe co aviso da Policía Local.

A competición comezará ás 18 horas e rematará ás 23 horas. O club ciclista porriñés “Louriña Cycling Team” é o encargado de organizar o evento e o seu presidente, Juan Álvarez, é un dos antigos gañadores desta proba.

A alcaldesa recibiu á ciclista Ana María González Cuña, campioa de España de BTT XCM

A alcaldesa, Eva García recibiu e felicitou a ciclista porriñesa Ana María González Cuña, do Mitto X-Sauce Team, que se proclamou campioa de España BTT XCM da categoría Master 40B feminina o pasado 29 de agosto en Lalín. Anteriormente xa fora subcampioa de España (2018 Logrosán, Estremadura) e bronce dúas veces (2016 en Cataluña e 2015 en Aragón) nas súas respectivas categorías.

Ana María González é unha das deportistas patrocinadas polo Concello do Porriño, no seu caso dende o ano 2016, polos seus méritos deportivos.

No seu palmarés subliñamos outros premios:

-Bronce Master 40 feminino Campioa de España BTT Ultra maratón 2019

-Champion Master 40 feminino Taça de Portugal XCM 2019

-Champion Master 40 feminino Open de España BTT Maratón 2017

-Master de campión galego de maratón en 2019 e 2015

-Campioa galega Master 40 de Ultra maratón 2016

-Champion Galicia Master Maratón Cup en 2018 e 2016

 

A Policía Local realizará cortes de tráfico de mañá e tarde nas rúas afectadas polo paso da Volta Ciclista a España

A Policía Local do Porriño anuncia que este sábado 4 de setembro, coa ocasión do paso da etapa da Volta Ciclista a España, realizará cortes de tráfico, en horarios de mañá e tarde, nas rúas afectadas polo paso da carreira.

Como consecuencia deste evento deportivo tamén haberá restricións de aparcadoiro nas rúas afectadas unha hora antes do paso dos ciclistas.

A folla de ruta desta etapa contempla dous pasos polo Porriño. O primeiro será ao redor das 14 horas. A caravana entrará no Porriño pola avenida de Galicia, seguirá pola rúa Domingo Bueno ata o cruzamento coa estrada de Torneiros e logo continuará pola estrada provincial EP-2402 de Torneiros a Mosende.

O segundo paso por Porriño será arredor das 17 horas. Os ciclistas entrarán no termo municipal, procedentes de Gondomar, a través de Chenlo.

Continuarán cara á Abelenda pola estrada PO-331 ata o Cristo de Belén para seguir cara a Mos.

 

O concelleiro de Deportes agarda que “nos vindeiros anos a Xunta tamén aposte por Porriño para unha etapa da Volta Ciclista a España”.

O equipo feminino porriñés “Cocinas LaSal Louriña Cycling Team”, que ten o Concello como principal patrocinador institucional, iniciou hoxe a súa participación na Volta Ciclista a Portugal, proba incluída no calendario internacional da “UCI World Tour”. Uxía Fernández, María Toba, María Coya, Cristina Torres e Marta Barbeito forman o conxunto porriñés que  participará na volta portuguesa ata o domingo 5.

A invitación ao equipo porriñés “constitúe un motivo de ledicia e satisfacción para o Concello e un resultado máis da aposta pola promoción do deporte, nomeadamente do ciclismo, que desenvolveron os sucesivos gobernos municipais nos últimos anos”, declarou David Alonso, concelleiro de Deportes.

O edil engadiu que “a nosa liña é seguir con esa política de apoio e coido que vai sendo hora de que a Xunta de Galicia valore tamén apostar por unha etapa da Volta Ciclista a España no Porriño que merecemos por promoción e inversión no deporte do ciclismo”, manifestou Alonso Bargiela.

Falta texto

A equipa feminina porriñesa “La Sal Cocinas Louriña” invitado a participar na vindeira Volta Ciclista a Portugal

A equipa feminina de ciclismo elite do club porriñés “La Sal Cocinas Louriña Cycling Team” vén de recibir a invitación dos organizadores da Volta Ciclista a Portugal para participar na ronda lusitana que comezará o vindeiro 1 de setembro coa presentación dos participantes en Lisboa. A equipa feminina porriñesa competirá xunto cos mellores clubs profesionais e de elite de España, Portugal e do resto de Europa.
“Recibir esta invitación ao club que preside Juan Alvarez Cerdeira, supón un recoñecemento á labor que están a realizar co apoio de patrocinadores privados e públicos, entre os que destaca o Concello do Porriño que é o principal sponsor institucional cun contrato de patrocinio de 15.000 € anuais máis outras achegas por organización de probas deportivas”, manifestou David Alonso, concelleiro de Deportes.
Para o concelleiro “esta invitación á equipa feminina do ‘La Sal Cocinas Louriña’ evidencia que a política de apoio, particularmente ao deporte feminino que levamos a cabo dende o goberno municipal que preside Eva García acada resultados”, manifestou Alonso Bargiela.

Presentada a primeira edición do “Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño”

A alcaldesa, Eva García xunto co concelleiro de Deportes, David Alonso realizaron hoxe a presentación da primeira edición do Torneo Internacional de Tenis de Mesa “Concello do Porriño”. Tamén asistiu José Luis Cabaleiro, presidente da Federación Galega de Tenis de Mesa e directivos do Club de Tenis de Mesa CRC Porriño e do Círculo Recreativo Cultural onde se realizou a presentación.

A alcaldesa felicitou aos organizadores “por un primeiro éxito que xa supón a capacidade de convocatoria amosada co número de inscritos” e garantiu que será un torneo “que vai ter continuidade nos vindeiros anos”, manifestou Eva Garcia que reivindicou que “O Porriño segue no mapa grazas aos moitos eventos deportivos, culturais e de outra índole” que se organizan no noso concello, rematou a alcaldesa.

O evento reunirá máis de 250 participantes de todas as categorías procedentes de toda España e de Portugal.
A competición terá lugar na vindeira fin de semana nos pavillóns 1 e 2 do Polideportivo Municipal.

A Concellería de Deportes patrocina o “I Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño”

 

A vindeira semana será presentada a primeira edición do “Torneo Internacional de Tenis de Mesa Concello do Porriño” que terá lugar os días 21 e 22 de agosto no Polideportivo Municipal , segundo anuncia a Concellería de Deportes que dirixe David Alonso.
Neste evento internacional agardase a participación de 240 deportistas de clubs de tenis de mesa de toda Galicia, doutras comunidades autónomas e de Portugal.

A competición vaise desenvolver nos dous pavillóns do Polideportivo Municipal. Coas actuais restricións poderán asistir 300 espectadores por pavillón, aínda que descontando a reserva de espazo para técnicos, familiares e acompañantes dos deportistas, o aforamento real de público será de 130 espectadores por pavillón.

O torneo que abrangue todas as categorías é organizado polo Club de Tenis de Mesa CRC Porriño. Conta co Concello como patrocinador principal e coas colaboracións do Círculo Recreativo Cultural, Federación Galega de Tenis de Mesa, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia.