115 ciclistas participan este sábado no Gran Premio Concello do Porriño

.-  O Porriño será de novo epicentro do cliclismo galego este sábado, 11 de xuño,  co Gran Premio Concello do Porriño Élite e Sub-23 que organiza o Club Master da Louriña.

A proba presentouse esta mañá nun acto no que estiveron presentes o alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o presidente do Club Master da Louriña, Juan Álvarez, o xefe provincial de deportes, Daniel Benavides, o director técnico da Federación Galega de Ciclismo, Jacobo Ucha, e Rafael Pérez, de LASAL Cocinas, patrocinador do evento.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, puxo en valor “o bo facer do Master da Louriña, un club que pensa en grande e sempre é garantía de éxito” polo que contan “co respaldo incondicional do Concello en todo o que se propoñan”.

No mesmo sentido se expresou o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, que destacou “o mimo que o club e todos os que o forman poñen en cada cousa que fan”. “O Master da Louriña é un selo de calidade que o Concello do Porriño ten que avalar e respaldar sempre”, concluíu. Un respaldo que se materializou no acordo de colaboración asinado entre ambas entidades.

Pola súa banda, o presidente do club organizador, Juan Álvarez, convidou a todo o mundo a disfrutar da proba “a tradicional e reclamada volta ao val”. Álvarez explicou que hai “115 ciclistas inscritos” que disputarán a carreira puntuable para a Copa de Galicia nun circuíto de 140 km. “Un dos puntos quentes será a meta volante, en Baiona, e destacar tamén o que chamamos a selección da carreira, un tramo que aínda que non conta cun gran desnivel si é un rompepernas”, dixo.

Jacobo Ucha, director deportivo da FGC eloxiou o traballo do club porriñés e destacou que se trata dunha proba “moi bonita, cun percorrido moi atractivo que terá ese triple paso pola Abelenda que esperamos abarrote as estradas co numeroso público amante do ciclismo que hai no Porriño”.  

O representante de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, “contento de que o deporte volva ser noticia no Concello do Deporte. Os que non somos do Porriño  vimos a admirar o ben e o bo que se está facendo”, concluíu. Tamén tivo unhas palabras de agradecemento o representante de LASAL Cocinas, “para aqueles que nos movemos na dualidade de ser patrocinador e aficionado a este deporte é un pracer ver que os clubs contan tamén co respaldo das administracións” e como porriñés agradecer “a todos os que fan posible que o ciclismo retorne ao Porriño”

O Porriño felicita ao Infantil Masculino do PBB pola súa clasificación para o Campionato de España

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo  concelleiro de Deportes, Abel Estévez, quixo trasladar de maneira pública e institucional a noraboa ao equipo Infantil Masculino do PBB pola súa clasificación para o Campionato de España.

O equipo, corpo técnico e membros da directiva do clube porriñés foron recibidos no Concello, onde recibiron un agasallo en nome do seu pobo polo éxito deportivo.

O alcalde eloxiou a traxectoria deste equipo que se proclamou subcampión de Galicia na súa categorái dous anos seguidos. “O noso recoñecemento ao esforzo e dedicación dos xogadores, corpo técnico e directivo”, apuntou Lorenzo animándoos a seguir na mesma liña, “O tesón, o traballo e o compañeirismo do que faceles gala levaravos a alcanzar as metas que vos propoñades. Entre elas, estou seguro, a de pechar un bo resultado no campionato de España”. “O voso pobo está moi orgulloso de vós”, concluíu.

“Dende a concellería de Deportes estamos moi orgullosos da labor desempeñada polo Porriño Baloncesto Base, que ademais foi moi especial para nós porque organizamos no Porriño a fase que lles deu o subcampionato galego”, manifestou o concelleiro de deportes, “Desexamos que neste nacional o noso equipo chege o máis lonxe posible e, sobre todo, que os xogadores vivan esta experiencia con intensidade”.

Haile, Martiño, Mauro, Alberte, Daniel, Germán, Adrián, Mateo, Marco e Daniel, o equipo  dirixido por Rubén Vigo e Yannés Vigo trasladarase a Marín a disputar o nacional entre o 5 e o 11 de xuño.

A Copa de Galicia de Baloncesto Adaptado disputouse no Porriño

O pavillón municipal do Porriño acolleu onte a Copa Galicia de Baloncesto adaptado para a categoría XOGO da Federación Galega de Deporte Adaptado. Ao longo de toda a mañá disputáronse seis partidos nas instalacións do polideportivo municipal.

Foron catro os equipos que se xogaron o campionato: Aceesca, Aspavi, San Rafael e Juan XXIII. Estes últimos foron os que se fixeron co primeiro posto, seguidos dos locais.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, achegáronse ao pavillón a disfrutar desta mañá de deporte e foron os encargados de entregar os trofeos aos xogadores e xogadoras.

“O meu recoñecemento público a estes deportistas que saen á cancha a dalo todo e á vez, sen pretendelo, a darnos unha lección de superación e empuxe”, afirmou o alcalde, “Son verdadeiros campións e campioas todos eles”.

O pavillón do IES Ribeira do Louro xa leva o nome de Tania Rodríguez Estévez

O pavillón deportivo do IES Ribeira do Louro leva xa o nome de Tania Rodríguez Estévez, árbitra de balonmán de élite que foi alumna do centro educativo.

O acto de descuberta da placa, celebrado hoxe no instituto de Torneiros, dá cumprimento á proposta da Comisión de Igualdade aprobada por unanimidade do claustro, coa que se rende homenaxe a Tania non só pola súa traxectoria profesional e deportiva senón tamén pola súa contribución a visibilizar o empoderamento da muller en deportes maioritarios e, erroneamente, considerados masculinos.

Ao evento acudiron, ademais do alumnado do centro, a directora, Juana Muñoz, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, os concelleiros de Deporte, Educación e Igualdade, Abel Estévez e Carolina González, respectivamente, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.

O concelleiro de Deportes, Abel Estévez, que foi adestrador de Tania no Balonmán Porriño durante anos, destacou dela a súa “responsabilidade, tesón e capacidade”, cualidades que garantizaban “o seu ascenso meteórico en todo o que se propoña”. Estévez quixo poñer en valor a traxectoria da porriñesa xa que “cando falamos dun deporte minoritario como o balonmán, chegar a onde chegou Tania quere decir que o fas ben. Moitas veces falamos dos teitos de cristal e estes en determinados deportes son teitos de pedra. Coa súa determinación e esforzo Tania rompeu con eles”.

Na mesma liña se manifestou a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, que desexou moita a sorte á homenaxeada en todo o que se propoña e salientou que “as mulleres que como Tania chegan a lugares onde hai pouco tempo era imposible chegar merecen todos os recoñecementos”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo poñer a Tania como exemplo para as novas xeracións. “Mulleres como ela que loitan polo que queren sen aceptar límites nen estereotipos deben ser referentes para a mocidade de hoxe”, afirmou, “Por iso é moi importante o que hoxe está pasando aquí, demostra que ningún ámbito é nin pode ser un `mundo de homes´ e que celebrar os éxitos de mulleres como Tania é puxar pola igualdade”.

Pola súa banda, Tania agradeceu enormemente este xesto do instituto no que cursou os seus estudos da ESO e ciclo superior de Administración e Finanzas, e en xeral, o xesto do seu pobo, O Porriño. “Os meus éxitos parten do Porriño, a nosa arbitraxe nace no Balonmán Porriño e iso o teño sempre moi presente”, afirmou.

Tras ser entrevistada polos alumnos e alumnas do centro, Tania Rodríguez descubriu entre aplausos a placa co seu nome ás portas do pavillón.

Unha recoñecida árbitra de balonmán na máxima categoría

A traxectoria deportiva e profesional de Tania Rodríguez Estévez, veciña da parroquia de Budiño, está vinculada dende sempre ao balonmán. Comezou a dar os seus pasos no club porriñés, onde pechou algúns dos grandes logros deportivos do club: formou parte do equipo que se alzou co subampionato de España Xuvenil e participou na fase de ascenso do primeiro equipo, chegando a debutar en División de Honra.

Tania é unha recoñecida árbitra de balonmán e destacou por ser, xunto coa súa compañeira, Lorena García, a primeira parella arbitral de mulleres que pitou un partido de ASOBAL, a máxima categoría deste deporte.  A día de hoxe, é árbitra de élite nacional e internacional.

O “XogaJudo 22” reunirá este sábado no Porriño a 558 judokas

558 judokas procedentes de diferentes puntos de Galicia participarán este sábado 21 de maio, no pavillón municipal do Porriño, nunha xornada de xogo e competición.

A Federación Galega de Judo e D.A., en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello do Porriño, organizan os Xogos Galegos Deportivos “XogaJudo” que esta mañá foi presentado polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, e o presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas.

“Fomentar a participación, o compañeirismo, o respecto e a amizade, instaurar hábitos deportivos saudables e facer vivir aos nenos e nenas experiencias de xogo enriquecedoras, son algún dos obxectivos deste programa de Deporte Escolar que recala no Porriño”, explicou o rexedor, “Trátase de que os nenos e nenas disfruten e aprendan practicando deporte cun regulamento que dá prioridade á deportividade por riba do resultado deportivo”.

A xornada arrancará ás 10 h e desenvolverase durante toda a mañá en dúas quendas, empezando a segunda delas ás 12:30 h.

“A pista do municipal vestirase de tatamis nos que os/as pequenos/as judokas participarán nas diferentes categorías: benxamín, alevín e infantil”, concluíu o edil de Deportes, “En total serán 35 os clubs que se dean cita no Porriño , un total de 201 judokas en categoría feminina e 357 na masculina”.

A porriñesa Ana Belén Gómez imponse na Maratón de Brooklyn

O pasado 24 de abril máis de 20.000 runners déronse cita na 10ª Maratón de Brooklyn e, entre eles, a porriñesa Ana Belén Gómez Sousa que se impuxo na súa categoría.

Nun tempo de 3 hora, 28 minutos e 42 segundos, completou os 42 km que unen o vangardista North Brooklyn con Prospect Park; conseguindo o primeiro posto nesta icónica carreira (cunha vantaxe de case 7 min á segunda no podio).

Ana Belén, funcionaria municipal, foi recibida entre aplausos no Concello e recibiu, de mans do alcalde Alejandro Lorenzo, un agasallo para recoñecer o seu logro en nome de todos os seus compañeiros e compañeiras e do seu pobo.

Ana comezou no mundo do atletismo de maneira casual, hai case 8 anos, cando unha amiga a animou a participar nunha carreira benéfica contra o cancro. Eses 5 km despertaron nela a inquedanza que a levou a ir máis a alá e correr a súa primeira maratón, a de Berlín. A día de hoxe, e con 8 no seu haber, a porriñesa conta cun palmarés envidiable no que destaca ser a primeira española en entrar en meta na Maratón de Chicago (2019) e ser primeira na súa categoría e terceira na xeral na Maratón de Tromso (Noruega).

A súa próxima parada: a Maratón de de Nueva York, que preparará da man da súa adestradora, Amaya Sanfabio.

“Ana destaca polo seu sentido da responsabilidade,  compañeirismo e polo seu rigor; algo que todos os que traballamos con ela recoñecemos e valoramos”, afirmou o alcalde, “Iso unido ao seu afán de superación é garantía de éxito. Non podemos sentirnos máis orgullosos como compañeiros/as e como veciños/as”.

 

A “Challenge Rías Baixas” reúne a 200 participantes na súa sexta edición

A sexta edición da “Challenge Rías Baixas” reunirá esta fin de semana a 200 ciclistas para disputar as súas tres etapas.

A proba, organizada polo club ciclista “Master da Louriña”, presentouse esta mañá na praza Arquitecto Antonio Palacios, nun acto no que participaron o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, e os seus homólogos de Ponteareas e Mos, Miguel Bouzó e José Ares. Á presentación tamén asistiu o presidente do club organizador, Juan José Álvarez Cerdeira, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o director deportivo da Federación, Jacobo Ucha e Rafael Pérez, de LASAL, empresa patrocinadora do evento.

Juan José Álvarez, presidente do club apuntou que a carreira será “un espectáculo asegurado” e adiantou algunhas novidades desta edición entre as que destaca a “volta dos xuvenís, que unha vez aliviadas as restricións poden competir. Ademais inclúese a categoría feminina e as tres etapas disputaranse con chip”. Álvarez reivindicou que hai dous anos o gañador da Challenge fora Jaime Romero “quen pouco despois fichou como profesional no Caja Rural”.

O concelleiro de Deportes de Ponteareas salientou que “a proba non é só deporte, é moito máis” e destacou que é “un reto organizativo para eles, pero tamén unha seguridade de afluencia e visualización da contorna para os nosos concellos”.

Pola súa banda, o edil mosense apuntou que se trata dunha proba “máis que consolidada” que é “froito dun traballo meticuloso, polo que ten que sair ben si ou si”. Ares destacou que no seu municipio a carreira terá saída en meta nun emblemático lugar, o Pazo de Mos.  

O concelleiro de Deportes do Porriño, Abel Estévez agradeceu enormemente “o traballo do Máster da Louriña”, un club “que demostra que cando as cousas se fan con mimo e detalle son un éxito asegurado e por iso o o selo Máster da Louriña é selo de excelencia”. Estévez reiterou o apoio do Concello ao club, mostra do cal é o primeiro convenio que vén de asinarse entre ambas entidades.  

Tamén falou o presidente da Federación que insistiu en que se trata dun “evento importantísimo a todos os niveis” e que, ademais, falar do “Porriño, Ponteareas e Mos é falar de ciclismo, un triángulo que asegura unha festa neste deporte”.

Rafael Pérez, amosou o seu “orgullo de poder como patrocinado devolver a este deporte que leva o nome do Porriño máis aló das nosas fronteiras todas esas alegrías que nos da” e enfatizou que “sen os soñadores de banda ancha como Juan,  sería moi difícil que proxectos desta magnitude chegaran a bo porto”.

Rematou o acto de presentación o alcalde, Alejandro Lorenzo, que animou a todo o mundo a “vir coñecer e disfrutar deste evento que é ademais unha oportunidade excelente de coñecer a nosa riqueza paisaxística e cultural”. O rexedor quixo felicitar ao club organizador “o seu inmenso traballo a favor do ciclismo e do deporte porriñés” e reiterou o “apoio incondicional do Concello”.

1.400 atletas disputan este domingo “O PORRIÑO 10K”

O Porriño segue a ser a capital do running e así o demostrará este domingo coa volta dunha das clásicas tanto do circuíto galego como do nacional, “O Porriño 10K”.

A proba, organizada polo Concello do Porriño e o Atletismo Porriño, foi presentada hoxe polo alcalde, Alejandro Lorenzo, a presidenta do club Atletismo Porriño, Patricia Estévez, e o tesoureiro e coordinador da proba, Pablo Soto.

A 10K porriñesa é unha experiencia que todos os amantes do running deben probar e, nesta edición, ademais vén cargada de solidariedade e responsabilidade ambiental. E é que, tal e como explicou a presidenta do club “queriamos innovar un pouco e contribuír a un mundo máis sostible e por iso acordamos non facer a publicidade en papel e utilizar no seu lugar as redes sociais. Canto menos papel impreso mellor”.

Estévez, quixo agradecer a súa contribución “a todos os participantes, colaboradores e patrocinadores, aos pais e nais que traen aos seus nenos e, especialmente, aos voluntarios e voluntarias do Atletismo Porriño que se volcaron na organización da proba”.

Pola súa banda, o coordinador da 10K, Pablo Soto, extendeu o agradecemento “ao concello do Porriño por todas as facilidades que deu na organización da carreira dende o primeiro momento, en especial a Abel, concelleiro de Deportes, e Alejandro, e tamén a Outlet Sport, onde o sábado será a entrega de dorsais , e ao resto de patrocinadores “.

Soto, concluíu animando a todos os participantes a contribuír cos que máis o necesitan “entregando alimentos non perecedoiros ao recoller o dorsal”. Unha axuda que a organización poñerá a disposición do banco municipal de alimentos, SOS Porriño.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, quixo agradecer ao Atletismo a “ilusión e ganas que poñen na organización da proba” e “que permitirá que de novo disfrutemos este domingo dun evento tan especial como a 10K, que demostrará unha vez máis que somos o Concello do Deporte. E o somos, sen dúbida, grazas aos nosos clubs deportivos”.

1.400 inscritos

A partir das 10 horas comezan as carreiras das categorías de menores, comezando polos Benxamíns, seguidos dos Alevíns ás 10:10 h e os Infantís e Cadetes ás 10:20 h.  . A carreira na súa modalidade absoluta –de 5 e 10 kilómetros- ten programada a súa saída ás 11 h. Esta é a proba de maior atractivo para os corredores e o elevado número de inscritos así o pon de manifesto. Serán 1.400 atletas chegados de toda a xeografía galega os que probarán a mellorar a súa marca persoal no circuíto porriñés.

Chupetes e Pitufos

O broche final de ouro á proba o poñerán os runners máis pequenos. Ás 12:15 h darase a saída para a categoría Chupetes (nados a partir do 2018) e ás 12:20 o farán os pitufos (nados dende 2015 a 2017). “Cabe destacar que estas categorías non precisan de inscrición previa pero, por suposto, como cada ano terán a oportunidade de disputar a súa OP 10K”, concluíu a presidenta do Atletismo Porriño.

 

Budiño será epicentro do ciclismo este domingo

O Porriño volverá ser este domingo epicentro do ciclismo . Máis de 600 deportistas subiranse á bici para pedalear polos montes da parroquia de Budiño nas dúas probas organizadas pola AD Avanza: o V TROFEO MINI BTT CONCELLO DO PORRIÑO e o II XCO TROFEO CONCELLO DO PORRIÑO.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, acompañados polo presidente da AD Avanza, David García, o vicepresidente, Oscar Estévez, e os presidentes da AC A Forna e da Comunidade de Montes de Budiño, Olga Romero e Manuel Rodríguez respectivamente, presentaron onte a proba no que será o punto neurálxico do evento: o centro cultural A Forna de Budiño.  Xunto a eles, representantes da Federación Galega de Ciclismo e a base do club porriñés.  

O alcalde felicitou á organización non só por “impulsar este tipo de eventos que poñen en valor tanto a práctica deportiva como a nosa contorna” senón tamén “polo impagable labor que fan coa súa canteira, dando a oportunidade a moitos pequenos e pequenas de coñecer, practicar e medrar no ciclismo”.

Pola súa banda, o presidente da AD Avanza quixo agradecer publicamente á Comunidade de Montes de San Salvador de Budiño “que colaboraron en todo momento con nós e permitíronnos facer o circuíto nos seus terreos”, á asociación de veciños de A Forna “que puxeron á nosa disposición as instalacións da casa cultural” e “aos veciños da zona por permitirnos o paso por algunhas fincas privadas e polo seu entusiasmo con nenos e nenas da escola”. Un agradecemento que fixo extensivo aos patrocinadores e colaboradores e “por suposto ao Concelllo toda a colaboración e axuda que nos brindan”.

V Mini BTT Trofeo Concello do Porriño

Arredor de 480 nenos e nenas, de entre 4 e  14 anos, participarán na quinta edición do torneo. A saída darase ás 9:30 h no Centro Cultural A Forna.

A proba consta de 6 categorías: Benxamíns, Promesas, Principiantes, Alevíns e infantís.

 II XCO Trofeo Concello do Porriño

A segunda edición do trofeo congregará arredor de 200 ciclistas.  A proba arrancará ás 17 h no Centro Cultural A Forna. A proba estará aberta para as categorías de Élite (masc-fem), Sub23 (masc-fem), Junior (masc-fem), Cadete (masc-fem) e Master30/40/50/60 (masc-fem).

200 ciclistas disputarán a “Enduro Faro de Budiño”

Un total de 200 deportistas participarán este domingo, día 10 de abril, na terceira edición da “Enduro Faro de Budiño”. O evento deportivo, organizado pola Asociación Deportiva A Forna en colaboración co Concello do Porriño, foi presentada esta mañá polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, e representantes da organización, Eloy Hermida e Manuel del Gesso, que ademais participará na categoría Master 30.

Eloy Hermida explicou que a proba, incluida na Copa de Galicia de Enduro, “disputarase na parroquia de Budiño e constará de 5 tramos de enlace e 5 cronometrados individuais que entre eles sumarán unha distancia aproximada de 30 km e desnivel positivo de 1200 m”.  

Serán nove as categorías que aglutinarán aos participantes na proba da que os organizadores destacaron a “súa vistosidade”.

O concelleiro de Deportes, destacou que “para o Concello do Porriño todas as modalidades deportivas son igual de importantes”  e tamén o feito de que “se leve a cabo na parroquia de Budiño, que conta cun entorno impresionante. O Faro de Budiño é un bo escenario para este tipo de probas”.

O edil explicou que un dos obxectivos do novo executivo é levar o deporte ás parroquias e reiterou o apoio do Concello á AD A Forna en todas as iniciativas deportivas que propoña. “Este é o inicio dunha relación, entre o Concello e o club,  que ten que durar moitos anos porque estou seguro que vai ser un club moi importante neste concello”

No mesmo sentido se expresou o Alcalde, que reiterou o seu apoio á AD A Forna e salientou o “gran traballo que fan”. “O Concello do Porriño seguirá apoiando o Deporte, abrindo os eventos deportivos a todo o termo municipal”, concluíu o Lorenzo, “Por iso vos animo a todos e todas a disfrutar este domingo da proba en Budiño e apoiar así a práctica deportiva e en especial á AD A Forna”.