O libro ‘O Porriño. Historia e Patrimonio Cultural’ amosa o pasado da vila e fai unha viaxe pola súa riqueza patrimonial, arquitectónica, etnolóxica, cultural, natural e paisaxística

“O Porriño. Historia e Patrimonio cultural”, escrito por Xosé Ramón Paz Antón e ilustrado polo fotógrafo Xulio Gil ven a “encher un vacío sobre a historia porriñesa que se contempla neste libro dende os tempos prehistóricos ata a actualidade”.

Paz Antón resume en algo máis de duascentas páxinas o pasado deste territorio e as súas xentes ao tempo que se describe unha parte relevante do seu patrimonio cultural e paisaxístico, un relato que vén de salientar o excelente labor de Xulio Gil, quen capta coa súa cámara aspectos insólitos ou pouco coñecidos e engade unha lectura visual que fai moi atractiva a obra que se presenta.

Partindo dos xacementos arqueolóxicos, da romanización e da alta idade media, a información vai facéndose densa coas incursións viquingas e árabes, a creación dos mosteiros de Budiño e Cans, os señoríos e loitas medievais, o nacemento do concello da Louriña, a dependencia de Baiona e Salvaterra, a queima das fábricas de pan na guerra con Portugal, a forte reedificación de templos no Barroco e a invasión dos franceses.

A partir de aquí resúmense os fitos máis relevantes dos séculos XIX e XX, o concello constitucional, a vida social e cultural, a emigración, os movementos agrario e obreiro, a guerra civil, o franquismo e a industrialización. Entre outras achegas destacadas cabe citar a reproducción do primeiro mapa do concello que se conserva no Archivo General de Simancas e que foi realizado en 1655.

Como subliña a alcaldesa, Eva García de la Torre, “O Porriño. Historia e Patrimonio cultural”, que foi editado grazas a colaboración do Concello, “é unha excelente mostra dos nosos recursos naturais, o noso patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e cultural e amosa quenes somos, e ensina o porqué temos que estar orgullosos do noso pasado e, en base ao mesmo seguir avanzando cara ao futuro”.

García de la Torre reitera que este “magnífico traballo” que O Porriño non tiña e que necesitaba e que servirá de clave para mirar cara ao futuro e á necesidade de poner en valor os nosos costumes e a nosa esencia.

Este venres, día 8, co acendido das luces, arranca o programa do Concello para este Nadal

Exposicións, festivais, música, teatro, obradoiros, os anunciados Campamentos para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, rondallas, amais do acendido das luces, a Festa Pre-Fin de Ano ou a Cabalgata de Reis, son algunhas das actividades programadas polo Concello para este Nadal.

As mesmas desenrolaranse durante máis dun mes, dende o día 1 de decembro ata o 6 de xaneiro de 2018, en todas as parroquias do Porriño.

Os ‘pratos fortes’ deste Nadal serán o Acendido das luces, este venres, día 8 ás 8 da tarde, un acto amenizado polo grupo musical ‘Os Claretes’; a Festa Pre-Fin de Ano, o sábado, 30 de decembro, ás 11 da noite, na Praza de Antonio Palacios e na Carpa do Roxy, coas actuacións da Rondalla de Pontellas e a Orquestra Club Naval, e a ‘Cabalgata de Reis’, o 5 de xaneiro de 2018, ás 6 da tarde, polas rúas da vila.

 

A presidenta da Deputación, acompañada pola alcaldesa, Eva García de la Torre, inaugura as melloras do Campo de Fútbol do Carballo, en Atios

A presidenta da Deputación, acompañada polo deputado de Cooperación, David Regades, e pola alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, e o Concelleiro de Deportes, Manuel Carrera, asistiu esta mañá á inauguración das novas obras do Campo de Fútbol do Carballo, instalacións empregadas polo U.D. Atios onde habitualmente adestran máis de 250 deportistas de equipos de todas as categorías.

No acto, Carmela Silva subliñou a importancia destas obras sinalando que “demostran o noso compromiso total e absoluto co deporte, porque constrúe sociedades mellores onde nenas e nenos aprenden moitos valores e porque neste século o deporte xa converteuse nunha revolución social. Con estas obras pasamos dun campo que estaba en condicións deplorables a un espazo moi digno para nenos e nenas, porque aquí hai nenas e ten que haber moitas máis xa que nós apostamos por equipos mixtos”, dixo a presidenta, que agradeceu ao Concello do Porriño esta aposta “unha decisión máis que adecuada e que a mi como presidenta me fai moi feliz”

Eva García de la Torre, agradeceu á presidenta da Deputación “a empatía coa que recibe este tipo de solicitudes. Estamos a falar dunha infraestrutura deportiva que era imprescindible mellorar e con fondos propios do Concello sería moi difícil. Era un campo que non so estaba en condicións espantosas, senón que ademais causaba lesións aos rapaces e ás rapazas que xogaban aquí. É unha obra fantástica e unha inversión moi importante”, sinalou.

As obras da reforma fixéronse ao abeiro do Plan Concellos 2016 e a cos fondos do PICEI cun importe total de máis de 100.000€. Co Plan Concellos levouse a cabo a construción dunha edificación baixo as gradas existentes para ao equipamento existente de vestiarios, aseos  e outros servizos necesarios para o seu normal funcionamento.

Con estas obras, orzamentadas en 70.464,90 euros, dótase a planta baixa de dous vestiarios principais para xogadores de distintos sexos, dous máis para os equipos das escolas de fútbol e outros dous de árbitros. Así como dous almacéns, unha sala de masaxe e oficinas. Os dous vestiarios con maior superficie contan cun aseo adaptado independente.

En canto á obra realizada ao abeiro do PICEI, valorada en 30.221,93€, fíxose unha grada de 40 x 7 m en formigón prefabricado e dotada dunha cuberta curva autoportante de chapa prelacada, catro bancadas de formigón e peche posterior. Tamén executouse unha explanada de aglomerado asfáltico, unha caseta de baños públicos, unha beirarrúa cuberta de acceso a vestiarios.

A alcaldesa cualifica de “infamia” o ataque ao monumento da Volta da Moura que lembra aos veciños do Porriño asasinados polo exército franquista logo do Golpe de Estado de 1936

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, xunto co alcalde de Salceda, Marcos Besada, o ex alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, responsábeis da ‘Asociación Levada Libre’ e familiares das veciñas e veciños asasinados polo Exército franquista denunciou este xoves o ataque sufrido polo monumento erixido o pasado mes de agosto na ‘Volta da Moura’ para lembrar aos republicanos represaliados días despois do Golpe de 1936.
 
García de la Torre cualificou de “infamia” o ataque á escultura, realizada polo artista Marcos Escudero e no que se lembra a loita pola liberdade e a defensa da democracia, da legalidade e das institucións republicanas dos veciños do Porriño Víctor Valverde Mayo, oficial primeiro do Concello do Porriño, Domingos Carpintero, Juan Grova, Marcelino Rey e Demetrio Pérez Mayo, gardas municipais, Adolfo Pérez Mayo, Juan Carpintero e Daniel Pérez Sebes, vixiantes de arbitrios, e Luciano Baladrón, porteiro, todos eles axustizados logo de ser sacados pola forza das súas casas e levados ata a ‘Volta da Moura’ en dúas quendas.
 
A alcaldesa, que amosouse dacordo co rexedor de Salceda, que subliñou que “somos herdeiros dos valores da República” e de Enrique Cabaleiro, quen lembrou que o monumento puxera en valor “a memoria das persoas que deron as súas vidas pola liberdade”, púxose a dispor dos familiares e da Asociación Levada Libre para que o mesmo lugar sexa un espazo emblemático de defensa dos valores democráticos e da convivencia.
 
Pola súa banda, o representante de Levada Libre, logo de citar a Nelson Mandela afirmando que “é máis doado ensinar a amar que ensinar a odiar”, propuxo deixar o lugar coma o deixaron os que o atacaron, para que se saiba que os herdeiros dos que mataron, seguen odiando, engadir un caixón, coma unha caixa para o correo, no que “quen queira insultarnos o poda facer e se quere poñer o seu nome”, pediu plantar no lugar tres oliveiras, cada unha delas procedente dos concellos do Porriño, Salceda e Tui, e adiantou o proxecto de facer unhas xornadas, con historiadores especialistas na II República, para que conten a verdade do que aconteceu dende 1936.

Tecendo Lazos: O Noso Son: bailes e cancións de Agora e de Sempre.Canta-Avoas

Desde á Concellería de Mocidade (OMIX) do Concello do Porriño en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, levaremos a cabo este venres, día 3 de novembro de 2017, no edificio Socio-comunitario, o programa ‘Tecendo Lazos’.

A través dun obradoiro interxeracional, contribuiremos á difusión da tradición oral e musical galega e se tratará de poñer en contacto as distintas xeracións para favorecer as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais entre das persoas participantes.

As familias participantes compartiran os bailes e as cancións típicas da súa zona traéndoas así á actualidade, para promover o intercambio das diferentes versións de cancións populares -música e letra- que coñece cada familia.

Terá unha duración de 16 horas das cales 14 horas serían un módulo especifico e ás 2 restantes outro transversal: A historia do meu concello.

Data inicio: 3/11/17
Data finalización: 29/11/17
Días de impartición: 3,8,10,15,17,22,24 e 29 de novembro
Horario: mércores e venres de 19:00-21:00

En novembro, O Porriño ‘se destapa’ co Pinchorriño

Os amantes do tapeo teñen unha nova cita co Pinchorriño, a cita gastronómica organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR) e a Asociación de Hostaleiros da localidade coa colaboración do Concello.

Este 2017, como salientou o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto, na presentación feita este luns ao mediodía, o 12º Pinchorriño rexistrará unha nova marca de participantes: 44 establecementos en total fronte aos 41 do ano pasado, que todos os venres e sábados de novembro, de 7 da tarde a 11 da noite, ofrecerán un pincho de balde aos seus clientes.

Coto desvelou que o segredo do “éxito” desta iniciativa está “na calidade e no prezo dos pinchos que se serven”. Na mesma liña, a presidenta de Acipor, Juana Pérez, garantiu que os prezos das consumicións non subirán durante os días de celebración do Pinchorriño e lembrou que o custo desta mostra da gastronomía do Porriño recae nos propios hostaleiros.

O obxectivo este ano é o de superar as máis de 18.500 persoas que participaron na edición de 2016, unha meta que está ao alcance da man considerando que haberá tapas para todos os gustos e de todas as texturas e sabores, mesmo pinchos para veganos, sen glute e para celíacos.

A ‘ruta’ dos pinchos, os locais, as súas propostas, mesmo fotografías dos pinchos, poden seguirse por medio da APP ‘QuedamosdeTapas’, que pode baixarse dende Google Play e AppStore. Así mesmo, os clientes poden optar a gañar unha estadía nunha casa de turismo rural selando, no folleto que estará a dispor nos propios locais, catro cupóns de catro establecementos s participantes no Pinchorriño 2017.

Para rematar a presentación destas xornadas culinarias, a alcaldesa, Eva García de la Torre, lembrou que O Porriño está xa nas axendas gastronómicas de Galicia polas festas do Pan, dos Callos, dos Cachos e, por suposto do Pinchorriño.

García de la Torre animou ás porriñesas e porriñeses e a todas as veciñas e veciños da Área Metropolitana a achegarse a O Porriño e gozar duns pinchos que, “son imaxinativos, están elaborados cos mellores ingredientes…e parando en tres ou catro locais un xa vai cenado para casa”.

Actividades do Punto SmartPeme do Porriño para o mes de novembro

O Punto SmartPeme do Porriño organiza este mes de novembro distintas  sesións de capacitación tecnolóxica, gratuitas, que terán lugar na súa sede no Multicentro do Concello do Porriño  en Torneiros.

O martes 7 de novembro ás 19:00: Facebook Ads; o xoves 9, á mesma hora: Fotografía e vídeo de espazos interiores; o mércores, día 15, tamén ás 7 da tarde:  Google Analytics: Iniciación á analítica web; o mércores 22, ás 17:30: Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo- obradoiro impartirase nas instalacións de AEMOS- e o martes 28 de novembro de 2017 ás 19:00 h: Guía de boas prácticas para redes sociais

Para asistir ós eventos é necesario reservar praza  empregando un dos seguintes canles: chamar ao teléfono 886 20 20 20; remitir un correo ao enderezo electrónico oporrino.smartpeme@depo.es ou ben entrar na web www.smartpeme.depo.es.

A Biblioteca Municipal do Porriño distinguida nos ‘Premio María Moliner 2017’ polo seu labor de animación á lectura

A Biblioteca Municipal, que depende directamente da Alcaldía do Porriño, é unha das bibliotecas distinguidas nos Premios María Moliner 2017 de animación á lectura. No conxunto de Galicia o número de bibliotecas seleccionadas foi de 14.

Este concurso de carácter estatal, convocado polo Ministerio de Cultura, ten por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas municipais que leven a cabo un proxecto que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías.

A Biblioteca Municipal do Porriño foi galardoada polo conxunto de actividades que desenvolve ao longo do 2017 que teñen coma obxectivo tentar que a nosa biblioteca municipal se converta nun espazo de aprendizaxe, encontro e inserción social e acreditarse como un servizo de relevancia na sociedade actual.

Cabe mencionar que a Biblioteca Municipal do Porriño ten sido seleccionada nestes premios 13 veces desde o ano 2002, conquerindo, en 2006 o 1º Premio Nacional María Moliner de Animación á Lectura e unha Mención Especial do mesmo premio no ano 2008.

Este luns, día 23, O Porriño máis ao oeste que nunca

O Centro Cultural Municipal do Porriño acolle o vindeiro luns, día 23 de outubro (7 da tarde) a proxección do documental ‘M.L..Estafanía. Galicia máis oeste que nunca”, e posterior charla co seu director, José Ballesta de Diego.

 “M.L Estefanía. Galicia, máis Oeste que nunca”, é unha longametraxe documental, en galego e castelán de 100 minutos de duración que, mediante testemuños e material de arquivo achégase á figura de Marcial Lafuente Estefanía, popular autor de novelas do Oeste, que comezou a súa carreira en Vigo nos anos 40, da man da Editorial Cíes, a primeira galega da posguerra.

Entre os participantes destaca Federicio Lafuente, fillo de Marcial que segue escribindo as noveliñas do pai, e con profundos lazos con Vigo ao transcorrer aquí a súa infancia e adolescencia. Xunto a él entrevístase a escritores como Fernando Sabater, Xosé Luis Mendez Ferrín, ex director da Real Academia da Lingua Galega, Francisco G. Ledesma, Eduardo Mendicutti ou Domingo Villar; especialistas como Carlos Abraham, Fernando Eguidazu e Pedro Puialto; ou á popular autora de novela rosa Corín Tellado, falecida en 2009, e que concedeu a súa última entrevista para este documental.

O mesmo inclúe o considerado primeiro western galego ou grelos- western, ‘Naipe de sangue’,  estrenado no Festival de Cans, en maio de 2010 e protagonizado por Silvia Superstar e Eladio Santos entre outros.